

Alcaldes
ALBERTO ROMAR LANDEIRA (PSOE)
Alcalde (2023-2027)
————————————————–
ALCALDES DOS QUE SE TEN CONSTANCIA
Alcaldes do Concello de Xallas. Ano 1029. Reinado de Afonso IX.
Domingo Alegre e Domingo Fernández, que se denominaban “home do concello”.
Alcaides ou casteleiros (Castelo do Xallas). Época baixomedieval.
Ano 1402: Ruy Sánchez Moscoso.
Ano 1408: Ruy Soga de Lobería
Ano 1420: Ruy Fernández de Caamaño
Ano 1420: Pedro Bermúdez de Montaos
Ano 1720: Nicolás Rodríguez Vila. Alcaide-carcelero da xurisdicción
Ano 1836
Ano 1869-1870: Pedro López (Alcalde segundo)
Ano 1872: Rodrigo Ordóñez
Ano ¿1874?: Francisco Taboda
Ano 1876: Pedro Manuel Ayer Rodriguez
Ano 1878: Roque de Castro. Francisco Salgado (1º tenente de Alcalde)
Ano 1916 – ¿1020?: Juan Arosa Nieto
Ano 1920 – 1923
Ano 1923 – 1923: Pedro Barreiro Trigo
Ano 1923 – 1924: Francisco Rieiro García
Ano 1924 – 1925: Ramón Pérez Lema
Ano 1926
Ano 1927 – 1929: José Conde García. Unión Patriótica “Primoriverista”
Ano 1930 – 1931: Francisco Taboada García.
Ano 1931 – 1934: José Landeira Castro
Ano 1934 – 1937: Francisco Taboada García.
Ano 1937 – 1938: José Ferrero Recarey
Ano 1938 – 1.40: José Ferrero Castaño
Ano 1940 – 1952: Felipe Castro Landeira
Ano 1952 – 1970.: Andrés Pereira Pérez
Ano 1970 – 1979: Antonio Cousillas Blanco
Ano 1979 – 1991: José Manuel Arufe Rieiro
Ano 1991 – 2007: José Toja Parajó
Ano 2007 – 2008: José Antonio Ucha Velo
Ano 2008 – 2011: Miguel Pérez Fernández
Ano 2011 – 2014: Antonio Manuel Landeira Gallardo
Ano 2014 – 2015: María J. Pose Rodríguez
Ano 2015 – 2016: José Antonio Ucha Velo
Ano 2016 – 2019: María J. Pose Rodríguez
Ano 2019 – 2021: David Barbeira García
Ano 2021 – 2023: María J. Pose Rodríguez
Personaxes
PERSONAXES
Conscientes de que os verdadeiros autores da nosa historia son tódolos fillos e fillas de Santa Comba, vaia esta lembranza a uns poucos, como testemuño do noso e do voso recoñecemento a todos e cada un deles, dos que desde postos relevantes, a empresa, a música, o traballo ou o máis humilde anonimato, contribuíron, desde o noso pasado máis afastado ata hoxe mesmo, a engrandecer o nome e prestixio do noso Concello.
Relixión
Frei Basilio Río Brenlla "O padre Basilio".
Naceu o 5 de outubro de 1913 en San Salvador de Padreiro e finou en Xerusalén, onde foi soterrado segundo a súa vontade o 17 de outubro de 1994. Entre 1927 e 1930 cursou os estudos humanísticos no seminario franciscano de Herbón (Padrón) e vestiu o hábito da orde de San Francisco o 30 de xullo de 1930. Despois de estudar teoloxía en Santiago de Compostela, ordenouse sacerdote o 6 de xuño de 1941. Durante nove anos desempeñou o oficio de organista e dedicouse á ensinanza desta materia. Simultaneou este labor co de administrador dos centros franciscanos de Ponteareas e Herbón, así como o traballo apostólico coa xuventude Antoniana da vila de Ponteareas.
O 6 de novembro de 1950 incorpórase á Misión de Terra Santa, a "pérola das misións" no dicir dos seguidores do santo de Asís. Alí, primeiro durante oito meses presta servizo no Santo Sepulcro, e logo é destinado á Procura Xeral de Terra Santa, no convento de San Salvador, onde permanece por espazo de 30 anos, co que acada o grao de procurador xeral (1968-1981) e convértese no derradeiro dos procuradores xerais en Terra Santa. Polos seus longos anos de servizo como procurador xeral, o goberno español, daquela da UCD, concedeulle a "Encomenda de Isabel a Católica". Ó mesmo tempo entre 1951 e 1962 foi corista custodial e sempre traballou en Palestina nas obras de beneficiencia, nomeadamente como membro do comité da parroquia latina de Xerusalén. Rematado o seu período como procurador en Terra Santa foi superior no Santo Sepulcro (1981-1983), en Betania (1983-1990) e en Caná de Galilea (1990-1993).
Con 80 anos, en xaneiro 1994, cando xa estaba enfermo veu a Santiago e visitou á súa familia, que lle propuxo quedar aquí, pero el quixo volver -sempre dicía que quería ser enterrado no Monte Sión en Palestina- como así foi, no outono dese mesmo ano 94. O seu biógrafo P. José Rodríguez di del: "recordámolo sempre á porta destes santuarios acollendo con xesto sereno e gozoso a todo o que chegaba como peregrino ou como simple turista. O seu sorriso cativaba a uns e outros. Lembrarémolo camiñando polas rúas de Xerusalén con paso lixeiro para socorrer necesidades. Recordarémolo paseando polos corredores da enfermaría coa vontade de recuperar as forzas que lle permitiesen volver ó seu traballo cos peregrinos. Lembrarémolo como un home manso e humilde, risoño e xovial. Recordarémolo, sobre todo como un frade que amou profundamente a súa vocación de Hermano Menor e que amou con paixón a Tierra Santa. Por ela sufriu, con ela gozou e nela serviu fielmente ó Señor".
Frei García de Pardiñas Villar de Francos.
Naceu o 12 de xaneiro de 1672 en Cícere de Abaixo, que daquela dicíase "Síser", e morreu en Tarazona (Zaragoza) o 29 de marzo de 1741, onde foi soterrado o seu corpo, na catedral, aínda que posteriormente os seus restos mortais acabaron enterrados na Capela do Cristo do convento de Conxo. Foi un home relevante como escritor e membro da xerarquía eclesiástica católica nos séculos XVII e XVIII; chegou a ser bispo mercenario de Tarazona, provincial da súa orde relixiosa e catedrático de Teoloxía Moral en Salamanca. García Pardiñas, que tiña gran devoción pola Virxe María, estudou no colexio de Fonseca (centro de prestixio para as familias fidalgas) e entrou no convento mercenario de Conxo en 1689 con 17 anos, despois de estudar Artes e dous anos de Teoloxía. Despois de superar a "probanza de sangue como era costume e probar que estaba limpio de sangue xudía ou de calquera outra mala raza" continuou coa súa formación en Tormes, Valladolid e Ávila.
Desde 1700 foi catedrático na Universidade de Salamanca e do 1703 ó 1706 sería reitor do colexio da Vera Cruz. Logo, foi nomeado Visitador Provincial "dos conventos do reino de Galicia e principado de Asturias". Regresou ó seu convento de Salamanca, onde permaneceu ata ser o bispo de Tarazona e no ano 1718 gañou a cátedra de Teoloxía Moral. En 1719 foi elixido mercenario Superior provincial de Castela; un ano despois o rei Felipe V presentouno para bispo de Tarazona, en Aragón. Na súa parroquia natal de Cícere, ademais de refacer a igrexa e levantar a capela de Nosa Señora da Mercede, puxo no altar maior as imaxes de San Pedro Nolasco e San Ramón Nonato, achegou lámpadas de prata, alfaias para o templo e creou unha fundación e capelanía da Mercede, que pasaron por diversas reviravoltas despois da súa morte. No exterior da súa casa colocou o escudo da súa orde mercenaria.
En informes elaborados polo párroco da parroquia en 1946, D. José Cabeza Docampo, figuran doazóns do Bispo Pardiñas consistentes nunha cruz parroquial de prata (gardada daquela na casa reitoral da capital xalleira) e un unha cadea de ouro que lle penduraba á imaxe da virxe María nas procesións.
Padre Eliseo Seoane Bardanca.
Naceu en Vilamaior o 1 de abril de 1915 e faleceu en Santiago de Compostela o 5 de maio de 1986. En 1931 fixo en Santiago o ano do Noviciado e en 1938 a profesión de votos solemnes. Concluídos os estudos de Filosofía, Teoloxía e demais ciencias relacionadas como ministerio pastoral e sacerdotal, ordenouse presbítero no ano 1939.
Durante a Guerra Civil, en 1937, foi desprazado a Lugo onde prestou servizos na milicia, sen perder o ritmo dos seus estudos, sempre cargados de sobresaíntes na súa traxectoria académica. En 1949 e despois de iniciar os estudos de Ciencias na Universidade de Santiago licenciouse en Madrid en 1945 e en 1949 doutorouse coa tese "Sulfamidas Arsenicais". En Santiago de Compostela foi profesor axudante de Química Orgánica (1945-1949), adxunto (1946-1954), profesor agregado de Química Orgánica na Universidade de Barcelona (1967-1974) e catedrático da mesma materia na Universidade de Valencia (1974-1985), ata a hora da súa xublicación lectiva. As súas investigacións e publicacións, coroadas por varias patentes científicas, acredítano como relevante investigador e, de feito, traballou principalmente nas Universidades Británicas de Londres (Birkbeck Collage, Chemistry Deparment Imperial Collage University) e Glasgow (Chemsitry Deparment), xunto ó premio Nobel de Química do ano 1969, D.H.R. Barton. En Londres elaborou estudos sobre os constituíntes de resinas vexetais Mastic, separando nelas por primeira vez dúas substancias, tirucalol e ácido oleanónico, e outras dúas descoñecidas ás que denominou ácido masticadienónico e ácido isomasticadienónico. Foi director dos departamentos de Química Orgánica de Barcelona e Valencia e do Consello Superior de Investigacións Científicas de España (CSIC).
Presentou estudos no Internacional Symposium on Microchemical Techniques, en Pensilvania (EEUU), entre eles o seu traballo "Demostration of Funcional Groups in Indole Compouns by Micro Scale Reactions". Era membro da Real Sociedade Española de Física e Química, Boletín da Universidade Santiago, Journal of the Chemical Society, Revista de Ciencia Aplicada, Ión, Tetrahedron e Información de Química Analítica, etc. Entre outros méritos ten 105 traballos científicos editados coa súa sinatura, 22 teses de doutoramento dirixidas durante o seu maxisterio, dous grandes proxectos científicios que dirixiu nas Universidades de Santiago e Valencia, e traballou no equipo do premio Nobel Barton que realizou importantes traballos de pescuda sobre triternoideos. Todo isto compaxinouno coa súa laboura de crego e franciscano concretado en diversos labores pastorais como catequese rural, predicación, ensino a futuros frades e publicación de escritos seus en revistas como "Liceo Franciscano" e "Verdad e Vida". Cando finou, no Hospital Xeral de Galicia en Santiago de Compostela, contaba con 71 anos, e foi soterrado en Vilamaior, a súa parroquia natal.
Docencia
José Baña Pose "Pepe Xan Baña".
Naceu o 4 de xaneiro de 1872 no lugar de Varilongo (lugar dunha única vivenda), parroquia de Santa Sabiña, onde a terra é mina e sabe a volframio, e morreu na Habana (Cuba) o 16 de outubro de 1945 cando contaba con 73 anos. Foi o poeta máis popular da Terra de Xallas. Asistiu á escola intermitentemente durante tres anos ata que con 17 anos, concretamente o 17 de agosto de 1889, emigrou para A Habana.
Comezou traballando nunha adega, só 18 días, e ós tres anos da súa chegada xa estaba estudando para cura, aínda que abandonou os estudos cando lle faltaba moi pouco para rematar, motivado "polos abusos, a hipocrisía e a dobre moral da Igrexa no seu tempo" como demostra a "Carta ós curas de Santa Comba" escrita en idioma galego. Aínda que o coñecemento e denuncia dos males da igrexa non lle impedirían ser un bo católico practicante, iso si, un católico crítico, que defendía o celibato opcional dos curas. Acadou o título de mestre de instrución pública e con el impartiu docencia en diversos lugares da illa caribeña, onde tivo o seu derradeiro destino, na escola do barrio de Cayajabos, preto dun lugar chamado Artemisa, na provincia de Pinar del Río. Colaborou literariamente no célebre "Diario de la Marina" e participou no ambiente cultural do Centro Galego da capital cubana. Mantivo admiración e amizade con Manuel Curros Enriquez, gran poeta civil da Galicia do século XIX.
Como outros tantos paisanos, os seus últimos tempos pasounos na sociedade dos galegos "La Benéfica", da que era socio de honra e na que recibiu tódalas atencións e coidados médicos necesarios. Os seus restos descansan no Panteón do Centro Galego do Cemiterio de Colón da cidade da Habana. Case sempre escribiu na súa lingua orixinaria e a única ocasión na que volveu á terra natal foi no ano 1921, cando contaba con 49 anos. En Santa Comba hai un colexio de primaria en Traba, na parroquia de Castriz, unha asociación veciñal en Santa Sabiña e máis unha rúa na capital xalleira que levan o seu nome.
Mª Luz Vidal Sanjuán e José Gomez Rubio.
Mª Luz naceu en Fene o 23 de abril de 1914 e casou con José. Os dous chegaron a Santa Comba, o seu destino profesional como mestres en 1944. Aquí vivirían desde aquela ata as datas dos seus respectivos pasamentos. Mª Luz foi destinada primeiramente a Arantón, pasou a formar parte do cadro de profesores do novo colexio comarcal Barrié de la Maza no ano 1973. Xubilouse unha década máis tarde, en 1983, despois de botar 39 anos en Santa Comba. José foi destinado inicialmente a San Cristovo de Mallón, logo pasou á Agrupación Mixta de Santa Comba, onde foi director e secretario da Xunta Municipal ata que no ano 1973, tamén se integrou no novo Colexio Público Barrié de la Maza.
Polo seu labor docence de tantos anos, a Mª Luz foille concedida o 29 de xaneiro de 1996, polo rei Xoán Carlos, a Cruz de Afonso X o Sabio. A José polos 35 anos dedicados enteiramente ó ensino, a Coporación Municipal de Santa Comba deulle o seu nome a unha rúa da localidade.

Curiosidades
CURIOSIDADES SOBRE OS LIBROS DE ACTAS DO CONCELLO, DO BOLETÍN OFICIAL DA PROVINCIA E OS PROBLEMAS POLÍTICOS Ó LONGO DA HISTORIA
Os datos aquí indicados proceden dos libros de actas municipais do Concello de Santa Comba e do Boletín Oficial da Provinca da Coruña (BOP) que nos permitirán ter un coñecemento máis completo deste municipio. AÍnda que hai que indicar que gran parte da documentación do arquivo municipal ata o ano 1873 foi queimada adrede para suprimir calquera rastro relacionado co imposto de consumos. De feito, na sesión extraordinaria do pleno do 10 de maio de 1872 dábase conta “do atentado perpetrado a madrugada d 8 ó 9 na Casa do Secretario (sede do arquivo municipal) no que se queimou a documentación existente ata ese momento. O Alcalde (Rodrigo Ordóñez) cualifica de catástrofe o ocurrido e ordena que se faga un inventario e recoñecemento dos documentos que puidesen quedar”. Non faltaban os que pensaban que aquela causa non era real, e que o arquivo o queimaron para agochar documentación que afectaba a persoas moi concretas, sobre todo, co fin de eludir as súas obrigas fiscais. Na sesión do 24 de abril de 1874, recordábase a situación xeral do concello, entre a que estaba incluía o arquivo, “reflicte toda a caótica situación municipal dos últimos anos, que parece ser moito máis grave ca noutros concellos con amotinamentos, mortes, incendio do arquivo municipal… reflexo da Guerra Carlista, o único culplable é un Anxol malo que cerne as súas negras ás sobre nós, onde o clero actúa de maneira significativa como elemento desestabilizador”.
Vida e costumes
CURIOSIDADES E DATOS SOBRE A NOSA VIDA E OS NOSOS COSTUMES Ó LONGO DA HISTORIA
OS MÁIS XENUÍNOS DESCENDENTES DOS CELTAS.
Xa o dicían os historiadores e literatos de séculos pasados, os xalleiros son os máis xenuínos representantes da ascendencia celta. Manuel Murguía na súa Historia de Galicia describía a xurisdición de Xallas como “aquela comarca marcada col poderoso selo daquela póla, a última, pero non por iso menos nobre, das tribos célticas que acamparon sobre ol solo de Europa”. Pero agora, un estudo científico da Universidade de Zaragoza coa colaboración de Ángel Carracedo, director do departamento anatómico forense do Instituto de Medicina Legal de Santiago e fillo predilecto do municipio, sobre as mutacións xenéticas, certifica a orixe celta dos xalleiros. Este conclúe a enorme incidencia do xene denominado APO B3500 en varios puntos de Galicia e son Santa Comba e a ría da Coruña as zonas onde se dá un maior número de casos, o que achega ós veciños de Santa Comba ás colectividades actuais de Centroeuropa, Gran Bretaña e Irlanda, onde se asentaron poboadores celtas e suevos. A investigación considera que os actuais poboadores de Xallas comparten unha mutación xenética inalterada tras 6.000 anos e que hai características endogámicas como que o xene se dá en enfermos de hipercolesterolemia familiar e persiste ó longo do tempo. Esta unidade xenética cos celtas refórzase coas evidencias da arqueoloxía e a toponimia, a existencia de poboados castrexos, restos de ourivaría e nomes como Arciprestado de Céltigos ou Vilar de Céltigos e o palpable legado suevo na toponimia como Guldrís, Castriz, Esternande, Armada ou Guisande, ademais, o grupo de xermanismos é o que deu orixe a máis nomes no actual termo municipal de Santa Comba.
Escudo e Bandeira

Escudo Oficial do Concello de Santa Comba
Escudo Concello de Santa Comba by Concello de Santa Comba is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-SinObraDerivada 4.0 Internacional License.
Creado a partir de la obra en https://www.santacomba.es/wp-content/uploads/2016/01/escudo-concello-santa-comba-ESTRECHO-624×1024.jpg.
O PORQUÉ DO NOSO ESCUDO E BANDEIRA
Este escudo e bandeira foron aprobados nos Decretos 543/2005 (bandeira), e 545/2005 (escudo) da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia e publicados no Diario Oficial de Galcicia nº 209 do 31 de outubro de 2005, previa presentación do estudo realizado polo Concello de Santa Comba, co posterior informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de outubro de dous mil cinco.
Nel perpetúanse os feitos máis relevantes e significativos da nosa historia local, desde os tempos máis remotos ata hoxe mesmo, obtidos como consecuencia dun minucioso estudo realizados por historiadores e heraldistas especializados, cunha disposición e forma das armas e demais elementos do escudo baseados no cumprimento das disposicións legais que regulan esta materia, con especial atención ao seu significado como símbolos históricos desta Comarca e, máis concretamente, das terras deste Concello.