CARACTERIZACIÓN FÍSICO-QUÍMICA DAS AUGAS DE SANTA COMBA
Por cuestións técnicas algunhas mostras tomáronse nos límites do Concello de Santa Comba ou fóra deles, co obxecto de ter unha información máis fiable da calidade das augas, sobre todo, nas mostras obtidas no Río Xallas, co obxecto de poder obter información do mesmo no seu inicio, o seu paso polo Concello de Santa Comba e a saída deste.
A continuación indícanse os resultados dos parámetros utilizados e as conclusións obtidas en base os índices de calidade. Como resumo de todo isto, podemos indicar que neste municipio a causa máis importante dun deterioro da calidade das augas subterráneas, como consecuencia da acción humana, é a das prácticas agrícolas, o uso de fertilizantes, pesticidas, fertilizantes de tipo orgánico, o aumento da construción de foxas sépticas é o estercado dos terreos con residuos animais. Os residuos líquidos e a materia orgánica resultante da cabaña de animais dan lugar, tamén, a unha contaminación de tipo orgánico.
Estas prácticas afectan as augas de distinta forma dependendo da zona onde se atopen, pero, en xeral, ás augas do Concello pódense considerar como frías, refrescantes, claras, agresivas para as conducións e canalizacións, de baixa dureza, cálcico-sodicas, de boa calidade, non potables pero sanitariamente permisibles para a bebida situadas na categoría 12 (abundancia e tratamento simple), e para o baño situadas na categoría 11 (abundancia e aceptables), todo iso coas reservas e puntualizacións indicadas máis concretamente nas seguintes conclusións:
CONCLUSIóN SOBRE OS PARÁMETROS UTILIZADOS
Os parámetros monitorizados utilizados para a caracterización das augas e posterior cálculo do índice de calidade dividíronse en tres bloques (físico, químico, e microbiolóxico) e os métodos analíticos foron os estándares; APHA et. al. (1992)
Temperatura: O valor medio que presentan as fontes (augas subterráneas) é de 13,2ºC. Tendo en conta que a temperatura da auga potable debe ser inferior a 22ºC, todas as augas entran dentro da normativa e ademais atópanse dentro do rango de temperaturas de 9 a 15ºC, que é o rango para que unha auga potable sexa refrescante e quite a sede. A temperatura das augas superficiais varía coas condicións climáticas, pero en calquera caso o valor medio das augas superficiais é de 15ºC.
Segundo a temperatura que presentan as aguas ao nacer, clasifícanse en: Frías cando non exceda de 20ºC. Hipotermais entre 20 e 30ºC.. Mesotermais entre 30 e 50ºC. Hipertermais cando excede de 50ºC.. Tendo en conta esta clasificación, todas as mostras de auga analizadas son frías.
pH. As fontes non cumpren a normativa. Desde este punto de vista estas augas necesitan un tratamento para convertelas en augas potables. Aínda que non entran dentro da categoría de aguas potables, si se poden considerar como sanitariamente permisibles. Este valor de pH xunto o baixo contido en calcio convérteas en agresivas e corrosivas para os metais.
As augas superficiais do río Xallas xiran en torno a 7 de ph, sendo a gran diferenza entre as subterráneas e pódese deber a presenza de materia orgánica e bacterias que non se atopan nas augas subterráneas, así como ácidos húmicos. O pH das augas dos ríos atópase dentro das normativas, pero aínda así, as aguas son agresivas e debido aos problemas que poden causar nas conducións necesitan dun tratamento previo ao seu uso.
Turbidez.: Todas as augas analizadas son claras e presentan valores de turbidez aceptables comparado cos valores estándar recomendados para augas de bebida. Non existe unha diferenciación clara entre as augas subterráneas e as superficiales, nin tampouco na canle do Xallas.
Sólidos en suspensión: Para as augas das fontes é nulo, mentres que para as superficiais aparecen valores moi pequenos, oscilando estes entre 1,0 e 3,9 mg L. Este contido non ocasiona problemas maiores como diminuir o osíxeno disolto, evitar o paso da luz ou limitar a vida acuática.
Alcalinidade e Acidez: Nin as augas subterráneas nin as superficiais posúen unha alta capacidade tamponante do pH. Aínda que é maior a das subterráneas debido o seu maior valor de acidez.
Cloruros: Practicamente non existe diferenza entre os dous tipos de augas (valor medio de 8,5 nas fontes e 8,7 nos ríos), aínda que nas augas subterráneas o contido de Cl- é máis variable. Todas as mostras atópanse dentro da normativa de 25 mg/L, contido que non é suficiente como para dar un gusto astrinxente á auga.
Osíxeno disolto: Como era de esperar os valores máis altos de osíxeno disolto atópanse nas augas superficiais con valores próximos á saturación e incluso sobresaturadas, como as mostras 32 e 33 que presentan valores de 108% e 113%. As augas subterráneas teñen un contido en osíxeno que vai do 60% ao 99% de saturación. Todas as augas atópanse por enriba do 75% exisido para as augas potables, excepto as augas subterráneas, pero para estas a normativa non indica un valor de referencia.
Demanda química de osíxeno: Non existe materia en suspensión nas mesmas, ademais, as mostras de auga a simple vista non aparentan contaminación (nin olor nin cor). Todos os valores indícannos a ausencia de materia orgánica nas augas analizadas.
Dureza: Tendo en conta as indicacións dadas para os valores de dureza (augas de boa calidade ata 150 mg de CaCO3/L, calidade media, ata 300 mg de CaCO3/L, calidade aceptable, ata 500 mg de CaCO3/L, dificilmente utilizables, por enriba de 600 mg de CaCO3/L), as augas analizadas atópanse na primeira categoría. Son augas de pouco custe en canto os usos: incrustación, branqueo, tratamento industrial…
Calcio e magnesio: O calcio é o catión maioritario nas mostras de auga analizadas. As cantidades de calcio son maiores que de magnesio. A flutuación atopada nos valores de calcio nas mostras analizadas segue unha tendencia similar á atopada para a dureza, como era de esperar.
Sodio e potasio: O metal alcalino dominante é o sodio. A súa concentración atopada nas fontes non causa problemas en canto o uso agrícola das augas. Se temos en conta os valores obtidos podemos dicir que en canto ao contido de catións as augas obxecto de estudo son, en xeral, cálcico-sódicas.
Ferro: É un dos constituíntes minoritarios das augas e a concentración atopada nas mostras non é suficiente para dar unha gran cantidade de depósitos de óxido férrico (proceso realizado por microorganismos). Os valores atopados atópanse dentro da normativa establecida para augas potables (200 gL-1).
Nitratos, nitritos e amonio: A forma de nitróxeno máis abundante nas augas é o nitrato. Os valores atopados encóntranse dentro da normativa (50 mg/L), cunha concentración que nos indica ausencia de contaminación polo uso de fertilizantes. A concentración de nitritos está por debaixo do límite e o mesmo ocorre para o amonio. Os valores atopados de nitratos nas distintas mostras non indican, por agora, que o nitróxeno, utilizado en forma de fertilizante, non pase a agua e se pasa non é motivo de preocupación. Pero como esta práctica se siga realizando sería recomendable unha análise temporal das augas para ver un posible aumento nas concentracións.
Sulfatos: Os sulfatos presentan un comportamento similar ao atopado para os nitratos excepto que estes preséntanse en menor concentración, ademais, o Xallas non presenta tendencia ningunha na concentración de sulfato. Os valores máis altos aparecen nas mostras de auga tomadas nas fontes, aínda así estan todos dentro da normativa para augas destinadas ao consumo humano que é de 250 mg/L.
Bromuros e Fluoruros. A concentración destes anións atópase por debaixo do límite de detección do método aplicado para a súa determinación.
Fosfatos: Os posibles focos de contaminación das augas obxecto de estudo son presenza de pozos negros e o uso de fertilizantes fosfatados. A concentración de fósforo en forma de fosfatos é marcadamente superior para as augas superficiais. Os valores máis altos de fosfatos nas augas superficiais débese principalmente a práctica agrícola de fertilizado de leiras con augas negras das foxas sépticas das cortes de animais. En cambio, a concentración de fosfatos é escasa nas fontes debido posiblemente a unha escasa infiltración destes.
No caso do Río Xallas, a concentración de fosfatos sofre un aumento despois de recibir as augas dos dous afluentes xa mencionados. Se xuntamos esta información coa obtida para a concentración de nitratos no curso do río Xallas podemos deducir que na zona por onde pasa o Abuín e o Esternande o fertilizado realízase en maior extensión. Isto pódese entender observando que no inicio do Xallas os terreos que se atopan na beira están abandonados.
Sílice: A sílice é un dos anións máis abundantes, como era de esperar, xa que as augas se atopan sobre depósitos graníticos. Non hai variación entre as augas superficiais e as subterráneas, nin dentro das augas dun mesmo tipo.
Análise microbiolóxica. A presenza de microorganismos nas fontes é nula ou practicamente nula, mentres que nos ríos presentan unha concentración da orde de 2.500 veces superior que a atopada nas fontes.
En canto as fontes cuxos propietarios ou veciños non toman auga debido a unha posible contaminación orgánica (mostras nº 1, 2 e 16), hai que dicir que unicamente a fonte nº 2 se atopa dentro da normativa, a fonte nº 1 e a nº 16 presentan valores de coliformes totais e fecais, así como de estreptococos fecais superiores os da normativa. Isto fainos pensar nuhna posible contaminación por infiltración de materia orgánica das foxas sépticas situadas nas proximidades, aínda que isto non se pode asegurar sen un estudo máis detallado.
As augas dos ríos non se poden considerar potables nin sanitariamente permisibles e necesitan un tratamento de cloración antes de que a agua se destine ao consumo humano.
CONCLUSIóNS SOBRE OS ÍNDICES DE CALIDADE
Os diversos índices de calidade analizados foron os establecidos polas normativas internacionais (Deviation Index, Water availability Index, Índice de Calidad General, Water Quality Index, Water Quality Index Objective, Water Quality Index Subjective, Water Quality Index Minimal, Índice Saturación, Sodium Adsorption Radio). O resultado dos máis significativos é o seguinte:
Deviation Index: Todas as mostras de río (excepto a nº 34) e as das fontes 16 e 21, presentan altos valores neste índice debido a que presentan unha baixa calidade microbiolóxica
No referente as fontes, todas presentan valores negativos destes índices, excepto a 16, 21 e 22 (debido a baixa calidade microbiolóxica). Trátase de valores negativos pero próximos a cero. Isto é debido a que hai parámetros que non cumpren coa normativa para augas destinadas á bebida, como son o pH e o osíxeno disolto. Estas augas habería que consideralas non potables e non aptas para o consumo humano, mais nestes casos considéranse como augas sanitariamente permisibles, concepto non incluído no BOE, pero que se segue a empregar e que define a aquelas augas nas que algúns dos seus caracteres físico-químicos sobrepasan os límites tolerables, sen presentar produtos tóxicos, nin elementos radioactivos, nin contaminación fecal.
Availability Index: Estas augas non son sometidas a tratamento e considéranse sanitariamente permisibles, segundo este índice as augas destinadas á bebida clasifícanse na categoría 12 (abundancia e tratamento simple). A maioría das aguas subterráneas, as destinadas ao baño, clasificanse en 11 (abundancia e aceptables).
Índice de Calidade Xeral: Segundo a clasificación deste índice, as augas clasifícanse na categoría de moi boas ou boas. O 50% das augas das fontes atópanse na categoría de moi boas, sendo a mostra nº 10 a que presenta unha calidade maior (ICG=90,4) e a nº 13 a de peor calidade (ICG=76,2).
As mostras de ríos, excepto as mostras 24 e 34 que se atopan na categoría de augas moi boas, son augas designadas como boas.
Water Quality Index: Este índice WQI afecta á calidade da auga e os seus usos (neste caso a bebida), mostranos que as augas non poden ser consideradas como potables, ni entrar dentro do tipo A1.
Water Quality Index (Objective, subjective e minimal): Estes índices básanse na avaliación de multitude de parámetros, polo que se consideran bos indicadores da calidade das augas, e a teor dos seus resultados podemos asegurar que as augas se atopan na categoría de boas.
Índice de Saturación e Agresividade: Dános como resultado que as augas son agresivas por presentar un valor baixo de pH, xa que circulan sobre terreos graníticos e pola súa baixa dureza ou baixo contido en Ca2+. Isto lévanos a pensar que as augas exercen unha certa acción disolvente sobre, por exemplo, compostos do cemento.
Estas augas poden ocasionar problemas nos sistemas de condución xa que poden corroer os tubos metálicos en frío. Para diminuir esta agresividade débense someter a un proceso conxunto de alcalinización e endurecemento, aínda que nas canalizacións non vai haber problemas de obturación a causa da formación de precipitados de carbonato cálcico (debido a escasa cantidade de calcio e carbonatos). A pesar de que todas as augas analizadas son agresivas, podemos dicir que as subterráneas son máis agresivas que as de río.
Sodium Adsorption Radio: O valor deste índice é nulo para todas as mostras. Pertencen á clase S1 co que se pode usar na agricultura sen ningún tipo de problemas. Non causan problemas de impermeabilidade o non producir adsorción de sodio.
O estudo sobre a caracterización físico-química das augas subterráneas do Concello de Santa Comba foi realizado no ano 2001 polo veciño deste Concello D. Álvaro Antelo Queijo, dentro do seu proxecto de licenciatura de química, que obtivo a cualificación de Matrícula de Honor por parte do tribunal cualificador da Universidade de Santiago de Compostela.
0 comentarios