CURIOSIDADES SOBRE OS LIBROS DE ACTAS DO CONCELLO, DO BOLETÍN OFICIAL DA PROVINCIA E OS PROBLEMAS POLÍTICOS Ó LONGO DA HISTORIA
Os datos aquí indicados proceden dos libros de actas municipais do Concello de Santa Comba e do Boletín Oficial da Provinca da Coruña (BOP) que nos permitirán ter un coñecemento máis completo deste municipio. AÍnda que hai que indicar que gran parte da documentación do arquivo municipal ata o ano 1873 foi queimada adrede para suprimir calquera rastro relacionado co imposto de consumos. De feito, na sesión extraordinaria do pleno do 10 de maio de 1872 dábase conta “do atentado perpetrado a madrugada d 8 ó 9 na Casa do Secretario (sede do arquivo municipal) no que se queimou a documentación existente ata ese momento. O Alcalde (Rodrigo Ordóñez) cualifica de catástrofe o ocurrido e ordena que se faga un inventario e recoñecemento dos documentos que puidesen quedar”. Non faltaban os que pensaban que aquela causa non era real, e que o arquivo o queimaron para agochar documentación que afectaba a persoas moi concretas, sobre todo, co fin de eludir as súas obrigas fiscais. Na sesión do 24 de abril de 1874, recordábase a situación xeral do concello, entre a que estaba incluía o arquivo, “reflicte toda a caótica situación municipal dos últimos anos, que parece ser moito máis grave ca noutros concellos con amotinamentos, mortes, incendio do arquivo municipal… reflexo da Guerra Carlista, o único culplable é un Anxol malo que cerne as súas negras ás sobre nós, onde o clero actúa de maneira significativa como elemento desestabilizador”.
AMOTINAMENTO DE CAMPESIÑOS E USO DA FORZA POLA GARDA CIVIL, CON MORTES.
Boletín oficial da Provincia (BOP 292) do 17 de xuño de 1873 e Libro de Actas do Pleno do Concello do 13 de febreiro de 1874 e do 30 de marzo de 1.874. Debido á reforma tributaria de Alejandro Mon en toda España, en 1845, estableceuse a contribución territorial para bens inmobles, terras e gandos e causou un gran problema para as economías campesiñas, situación esta que foi aproveitada polos inimigos do novo réxime para soliviantar as masas e incitalas á rebeldía. O gobernador da provincia dispuxo o envío de forza armada a Santa Comba para auxiliar na cobranza dos impostos municipais. Esta situación desembocou nunha grave tensión social, caos e desorde administrativa co incendio do arquivo municipal. “Non hai persoas de responsabilidade que acepten os cargos de Recadador e Depositario” cunha tensión que acada tinxiduras dramáticas co amotinamento de campesiños e do uso da forza por parte da Garda Civil contra as masas amotinadas, o que accaba producindo mortes.
A CASA CONSISTORIAL.
Sesión municipal do 11 de novembro de 1875: “Tendo en conta os prexuízos que lle supoñen ó distrito, que a Casa Consistorial siga no punto no que se encontra, nunha esquina do distrito, e pola conveniencia de trasladar o Consistorio á capital do termo, acórdase por unanimidade dito traslado; e tendo en conta que a antiga Casa Consistorial (propiedade do municipio) áchase en estado de completa ruína, decídese arrendar a casa nº 24 do lugar de Sta. Comba”.
CREACIÓN DO MERCADO EN SANTA CATALIÑA.
Sesión municipal do 11 de outubro de 1886: “A Corporación acorda, con obxecto de procurar o benestar dos veciños, e o fomento e desenvolvemento da riqueza pública, crear e establecer un mercado público nol campo de Sta. Cataliña, que dá fronte a esta Casa Consistorial, e que se celebrará dúas veces ó mes, os luns da 1ª e 4ª semana, a partir do mes de novembro…. convidando a tódolos veciños a que concorran con froitos, artíigoss de toda clase e gandos vacún e cabalar”.
DESOBEDIENCIA DAS AUTORIDADES MUNICIPAIS.
No BOP do 7 de marzo de 1864, o xuíz do partido xudicial de Negreira “Polo presente chamo e emprazo a D. Domingo Ferreiro, ex-teniente alcalde do Concello de Santa Comba, e a D. Luis A. García, secretario interino do mesmo, para que respondan ós cargos que contra eles resultan na causa que se lles instrúe por abusos e desobediencia ó Señor Gobernador Civil da provincia, previdos de que non facéndoo dentro do devandito termo, han ser declarados contumaces rebeldes”.
MORTE POLA GARDA CIVIL.
BOP nº 67 do 20 de novembro de 1873. Ramón Barreiro Antelo natural de Ser, coñecido delincuente, acusado de pertenza a algunha banda organizada “como consecuencia das lesións causadas a unha parella da Grda Civil do posto desta capital de partido polo criminal Ramón Barreiro e Antelo, ó cal deron morte a referida parella o día 7 do mes último en Cruz de Santos, en Ser. O expresado Manuel Barreiro levou e ocultou un dos fusís de ditos gardas, deixándoo polo tanto indefenso”.
CORRUPCIÓN DENTRO DO PROPIO CONCELLO XUNTO CO CLERO.
BOP nº 45 do 20 de novembro de 1873. Vivíase nesta época un ambiente apropiado para que se producisen desordes e altercados propios dun sistema caciquil que suplantaba a vontade popular a prol de determinados intereses políticos que tanto viñan desde os propios dirixentes municipais coma por parte do clero. Esta é unha mostra da intervención activa do clero nos asuntos políticos no distrito de Santa Comba. Citación do xuíz de Carballo “Cito, chamo e emprazo a D. Benito Romero García, cura párroco de Arantón, idade maior de 40 anos; D. Manuel Piñeiro, párroco de Mallón, idade como 40 anos; D. José Luis Blanco, veciño de Mon (sic), presbítero, idade 27 anos; Francisco Blanco, labrador e veciño de Santa Comba, como de 40 anos e a D. Francisco Taboada Diéguez, veciño de Santa comba, como 34 anos… se presenten a responder ós cargos que contra eles resultan en causa criminal como consecuencia dos excesos cometidos no colexio electoral do distrito de Santa Comba, en primeiro do corrente, baixo apercibimento de que de non concorrer serán declarados contumaces rebeldes. Exhorto ás Autoridades civís e militares e demais para que se sirvan dispoñer a sua captura, conducíndoos a este referido Xulgado”. Especialmente citado aparece D. Francisco Taboada Diéguez, personaxe de destacado protagonismo na vida política local. Era secretario do Concello antes de que se proclamase a República, estivo implicado nas desordes públicas que se produciron desde 1870, incluído o incendio do arquivo municipal, alborotos que dirixiu cando se proclamou a República, encirrando as masas labregas para que non pagasen impostos. Posteriomente, na década dos 1880 a 1890 será, con intervalos, secretario do Concello, e en 1901 será elixido Deputado Provincial polo distrito Negreira-Corcubión.
AFONSO DE BORBÓN, AFONSO XII PROCLAMADO POLO EXÉRCITO NOVO REI DE ESPAÑA.
Na sesión ordinaria do Concello do 2 de xaneiro de 1875: “A Corporación congratúlase e por orde do Alcalde diríxense felicitacións ó Gobernador da Provincia e ó Comité Afonsino da Coruña”. En sesión ordinaria do 2 de xaneiro de 1875 acordouse elevar unha felicitación ó Goberno de Afonso XII polo remate da guerra carlista en Cataluña e notificarlle a “inquebrantable adhesión do Concello e do polo á dinastía reinante”.
FORZA ARMADA PARA A RECADACIÓN DE IMPOSTOS.
Actas municipais da sesión ordinaria do 30 de xuño de 1873, 30 de marzo e 24 de abril de 1874. Co obxectivo de facer desaparecer a contabilidade do concello provocouse un incendio no Arquivo Municipal e a partir dese momento váiselle solicitar constantemente ó goberno da provincia que subministre forza armada para poder facer efectiva a recadación de impostos e arbitrios, xa que os dous últimos anos (Sexenio revolucionario da I República) non se levaron a cabo “entre outras cousas pola falta de repartimento dos mesmos, o que rematou en caos e desorde municipal provocada pola rebeldía a pagar impostos, e determinou a intervención da Garda Civil que abriu fogo contra as masas populares, do que resultaron mortes”, nesta caótica situación faise referencia á consideración que se ten do Carlismo “o único culpable é un anxol malo que cerne a súas negras ás sobre nós”
O ALCALDE DA CORUÑA, D. ALFONSO MOLINA E O SAÚDO DO CONCELLO DE SANTA COMBA.
Sesión ordinaria do concello de 5 de novembro de 1958. Cando en 1958 o Alcalde da Coruña, D. Alfonso Molina Brandao, se traslada a Río de Xaneiro a un Congreso Interamericano de Municipios, o pleno de Santa Comba solicítalle que sexa portador dun saúdo do pobo xalleiro “ós familiares, amigos e conveciños que en tanto número residen no Brasil”. Cando en 1961 se fai a definitiva distribución dos nomes das rúas do concello acórdase por maioría dedicar unha rúa á República sudamericana, Avenida do Brasil (Sesión ordinaria do 4 de xaneiro de 1961).
HOMENAXE Á DUQUESA ANA VICTORIA.
No pleno do Concello do 29 de febreiro de 1924 acordouse contribuír á homenaxe da Duquesa Ana Victoria cun donativo de 15 pesetas.
CASTIGOS PARA O QUE SE DEDIQUE O COPEO E AS FOLIADAS.
Estamos na segunda parte da Ditadura de Primo de Rivera e desde o concello, na sesión extraordinaria do 19 de decembro de 1928 solícitase ós veciños que amosen máis recato na forma de ser e actuar. O Concelleiro Pazos Blanco pretende que desde a alcaldía se diten as ordes necesarias para castigar as persoas que clandestinamente se dedican a vender bebidas alcólicas “ó copeo e que igualmente sexan castigados os bailes denominados foliadas, durante as cales se promoven escándalos e outros actos vergoñentos; e entre cuxos suxietos figuran os vecinos do lugar da aldea, Alfredo Braña Pazos e Manuela Antelo, e Dominga Blanco, da Ponte de Arriba”.
REPETICIÓN DE ELECCIÓNS POR AMAÑADAS E TRIUNFO DOS REPUBLICANOS.
O 31 de xaneiro de 1931 é destituído o alcalde e posto no seu lugar Francisco Taboada García. A organización Republicana Galega Autónoma sinala como sospeitoso ó cacique, indicando que polas súas manobras se procedese á elección de alcalde nun proceso claramente amañado; tanto é así que o cuarto tenente de alcalde, Salomón Arce Trillo, protestou na sesión ordinaria do 21 de abril de 1931, porque foi incluído como monárquico cando el aseguraba que era republicano desde había máis de 20 anos e manifestou: “a miña máis enérxica protesta contra a Xunta Municipal do Censo polos amaños e atropelos cometidos o día 5, no acto de proclamación de candidatos”. Isto levou a que o 31 de maio se repetisen as eleccións municipais atendendo a unha orde do goberno provisional e a que o BOP manifestase defectos formais nas eleccións do 12 de abril. Coa súa actitude Salomón Arce Trillo conseguiu a republicanización do poder municipal. A vila de Santa Comba acepta o novo réxime que lle “condona tódalas multas recentes impuestas e que estean pendentes de exacción”; os símbolos republicanos van saíndo á luz e en xuño inaugúranse a Avenida Pablo Iglesias, Glorieta da República e Avenida do Capitán Galán. Posteriormente, na convocatoria das eleccións para as Cortes Constituíntes lanzan esta mensaxe “esta Agrupación Republicano-Socialista, que non repara en medios a fin de lograr a redención de Santa Comba e Galicia do oprobioso e denigrante caciquismo, teñen invitados a dar un mitin de grandes magnitudes e eficiencias a persoeiros destacados do republicanismo… o absterse (a acudir ás urnas), significa covardía e alta traición á sagrada causa da Patria”.
SUBSCRICIÓN PARA REGALAR MEIRÁS A FRANCO E HOMENAXES Ó CAUDILLO.
Na sesión plenaria do 15 de xaneiro de 1938 acórdase iniciar a subscrición aberta para regalarlle a Francisco Franco o Pazo de Meirás, coa cantidade de 250 ptas que se librarán do capítulo de imprevistos. O día 17 de maio de 1939, a corporación municipal adhírese á homenaxe que se lle tributa ó ditador Francisco Franco, e no seu nome “ó corpo do exército en Galicia” e a principios do ano 1940 o pleno acorda comprar exemplares da obra Treinta e dos Meses de Guerra e do Libro de Oro, ambos editadas polo Movemento Nacional.
AS DISPUTAS ENTRE SANTA COMBA E NEGREIRA CHEGAN ATA NOVA YORK (EE.UU.).
No ano 1949, o alcalde Felipe Castro Landeira é elixido compromisario para tomar parte na elección de procurador en Cortes, en representación municipal, momento no que o Concello de Santa Comba adquire unha importancia destacada na provincia, que chega máis alá das fronteiras estatais. En Nova York, a oposición antifranquista faise eco da súa situación xa que non considera xusto que sendo o concello con máis habitantes (10.963) a capitalidade da bisbarra estea en Negreira (7.725 habitantes).
NOMÉASE FILLO ADOPTIVO A RAFAEL HIERRO MARTÍNEZ, GOBERNADOR CIVIL DA PROVINCIA.
En Sesión ordinaria do pleno do concello de Santa Comba do 16 de xullo de 1952 acórdase nomear a Rafael Hierro Martínez, Gobernador Civil da provincia, fillo adoptivo do municipio; xa que no seu mandato “culminou co exterminio das cuadrillas de bandoleiros que asolaban a comarca levando o loito e o terror a moitos fogares… pagando así a conta que ten contraída o municipio con dito Excelentísimo Señor”.
PROPOSTA PARA CONDECORAR Ó XEFE PROVINCIAL DO MOVEMENTO.
En sesión plenaria extraordinaria do 23 de marzo de 1962 e baixo a presidencia do alcalde Andrés Pereira Pérez, proponse que lle sexa concedida a “Gran Cruz de la Orden Imperial del Yugo y las Flechas” ó xefe provincial do Movemento, xa que Santa Comba é unha “das localidades máis favorecidas polol Plan Coruña”
0 comentarios