Escudo Concello de Santa Comba by Concello de Santa Comba is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-SinObraDerivada 4.0 Internacional License.
Creado a partir de la obra en https://www.santacomba.es/wp-content/uploads/2016/01/escudo-concello-santa-comba-ESTRECHO-624×1024.jpg.
O PORQUÉ DO NOSO ESCUDO E BANDEIRA
Este escudo e bandeira foron aprobados nos Decretos 543/2005 (bandeira), e 545/2005 (escudo) da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia e publicados no Diario Oficial de Galcicia nº 209 do 31 de outubro de 2005, previa presentación do estudo realizado polo Concello de Santa Comba, co posterior informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de outubro de dous mil cinco.
Nel perpetúanse os feitos máis relevantes e significativos da nosa historia local, desde os tempos máis remotos ata hoxe mesmo, obtidos como consecuencia dun minucioso estudo realizados por historiadores e heraldistas especializados, cunha disposición e forma das armas e demais elementos do escudo baseados no cumprimento das disposicións legais que regulan esta materia, con especial atención ao seu significado como símbolos históricos desta Comarca e, máis concretamente, das terras deste Concello.
ESCUDO
De púrpura. Un castelo de ouro (amarelo), sobre ondas de prata, sumando nos flancos de dúas vieiras tamén de prata. Ao timbre, coroa real pechada.
BANDEIRA
De púrpura, o castelo de ouro (amarelo), sumando nos seus flancos, dúas vieiras brancas e acompañado, ao batente, de dúas tiras brancas, verticais ondadas.
CAMPO DO ESCUDO EN COR PURPURA (MORADO)
Cobre todo o espazo que deixan libres as armas e outros elementos decorativos deste. Trátase, sen dúbida, do elemento que mellor simboliza unhas terras caracterizadas pola presenza e importancia da minería, sobre todo, da explotación do estaño ao longo dos séculos. Desde os tempos prehistóricos ata os contemporáneos, respresentando a forma máis estable do quefacer dunha comunidade humana que atopou precisamente na minería, non só unha das súas principais formas de desenvolvemento, senón tamén o modo máis eficaz para poñer de relevo a súa natural tendencia á comunicación, sobre todo, de carácter comercial coas xentes e lugares máis afastados do mundo antigo. Carácter comercial que, na Idade Moderna, se poñía aínda de manifesto na súa mesma condición de pobo de arrieiros.
CASTELO CON TRES TORRES DE OURO, CON PORTAS E VENTÁS ABERTAS
Ocupa todo o centro do escudo, a metade dos flancos destro e sinistro, coas torres en xefe e a base en punta. Lembranza da antiga fortaleza de Xallas, símbolo da condición de señorío arcebispal das terras do Concello de Santa Comba, dominio exercido ao longo de oito séculos (XII-XIX). A simbolización da continuidade que representa o acontecer histórico do concello de Santa Comba no seu proceso de formación e consolidación como unha comunidade humana solidaria e independente en relación cos seus veciños máis próximos e arredados, calidades das que, mesmo, o seu importante movemento migratorio segue a ser unha proba indiscutible.
AS VIEIRAS
Elemento identificativo do carácter arcebispal do castelo, símbolo e razón da doazón que os reis fixeron destas terras á igrexa compostelá como coidadora dos restos do Apóstolo Santiago e como vila de paso de peregrinaxe cara a Fisterra.
DOBRE ONDADO
A máxima representación do río Xallas, río que nace neste Concello, que configura e dá nome á bisbarra, fortalecendo a idea de unión e continuidade que simboliza a comunidade humana que conformou e conforma o actual concello de Santa Comba.
Ao timbre do escudo compleméntase cunha coroa real pechada.
ESCUDO SIMPLIFICADO 2022
0 comentarios