981880075
Seleccionar página

RÍO XALLAS : RÍO ÚNICO EN EUROPA EMBLEMA DUNHA BISBARRA

O emblema desta bisbarra é o río Xallas, que lle dá nome a esta, a numerosas empresas e a pequenos

comercios, incluso a un equipo de fútbol. Pero a comezos do século X o Río Xallas, denominábase

Río Esar e estas terras que agora chamamos do Xallas, formaban parte dunha ampla unidade coñecida

como Célticos. Ao longo da historia, o río Xallas tamén foi coñecido como Lézaro ou Ézaro, nome que

na actualidade identifica o lugar onde desemboca.

 

 Río característico da penechaira noroccidental de Galicia que drena e articula internamente a paisaxe

de Santa Comba. Nace e transcorre en gran parte por este concello, dálle nome á bisbarra e aos

veciños destas terras e parte o municipio nunha zona norte e noutra sur. É un río curto, de 64,50 km

desde a súa cabeceira de nacemento, en Monte Castelo, parroquia de Bazar en Santa Comba, a 440 m

de altitude, froito da confluencia de varios regos (Castiñeria, Vilamaior e Bazar), vaise afirmando a cada

paso con regatos, birtas, tributos, acuíferos diversos, como se entre todos quisexen facer un gran río

ata a súa desembocadura no Monte Pindo, no lugar do mesmo nome na ría do Ézaro, municipios de

Carnota e Dumbría.

Ten unha conca de 504,20 km2 de extensión e un caudal de 14 m3/s, posúe ademais un grande índice

de sinuosidade, 1,62 e unha pendente media de 0,68%, seguindo unha inclinación noreste-suroeste,

que lle permite bañar os concellos de Santa Comba e Mazaricos, recibindo achegas de augas desde

os concellos de Zas, A Baña, Coristanco, Dumbría e Carnota e, principalmente, dos ríos Mira, Guisande,

Vilar, García e Abuín en Santa Comba. Maroñas, Barbeira, Mazaricos e Arcos en Mazaricos e do Hospital

e San Clemente de Dumbría, antes de botar as súas augas ao mar na ría do Ézaro.

A característica que lle confire un dos perfís máis orixinais de Galicia é a súa inversión do comportamento,

xa que discorre nos seus tramos altos e medio de forma paseniña, sen encaixarse debido a horizontalidade

da charia que cruza o substrato rochoso que atravesa, para adquirir no seu derradeiro

tramo un gran pulo que lle permite atravesar o Monte do Pindo e precipitarse nunha caída de máis de

200 metros ao mar nunha fervenza de impresionante beleza no mesmo monte, no lugar do Ézaro, convertendo

o Xallas no único río de Europa que desemboca en fervenza. Aínda que na actualidade é difícil

gozar desta marabilla da natureza porque, a pesar da declaración formal de paraxe natural protexida,

está canalizado por unha hidroeléctrica. Este fenómeno só sucede, daquela, en épocas de grandes

e contínuas choivas que superan a capacidade da factoría ou nos domingos do verán con fins turísticos.

A documentación existente asegura que un terremoto alterou a faz destes terreos aló polo ano 1217.

A existencia dun solo granítico no seu segundo treito favorece o seu encaixamento que foi aproveitado

para a creación do Encoro da Fervenza, represa de Castelo no municipio de Mazaricos e encoro

da Ponte Olveira, no municipio de Dumbría.

A acusada horizontalidade da chaira, a súa escasa pendente e a senilidade da paisaxe provocan un

encaixamento case nulo do río no seu discorrer polo concello e se, ao anterior, lle unimos unhas abundantes

precipitacións, teremos un río que acostuma a desbordarse nas épocas máis chuviosas, asolagando,

especialmente, as terras próximas ás marxes o que dá lugar á formación de prados naturais

empregados para pastos ou ben para cultivos.

Desde o punto de vista deportivo, este é o río tradicional de pesca á culler das terras xallenses.

Desde a presa da fervenza, no límite superior do couto, augas abaixo, ofrece un tramo ben completo

en lonxitude e prestacions, cunha mínima foresta nas beiras, pouca profundidade, fondo pedregoso e

areoso con vexetación conxuntural e facilmente vadeable. Son estas as características dun tramo de

ensoño, aínda que o couto mide 8 Km.

Na presa, co propio chorro, utilizase "peixe artificial" con magníficos resultados, troitas de ata 3 Kg,

sendo este tipo de capturas bastantes habitual, aínda que algún desaprensivo utiliza cinprícos como

cebo, o que está totalmente prohibido.

Cando soltan a presa, o cauce sobe ostensiblemente, dificultanto o exercio pescantil, ademais de

atoldar as aguas. As súas troitas son fermosas, escuras e tentarémolas preferentemente nos pequenos

remansos das beiras, onde se refuxian. A escasa vexetación é unha dificultade á hora de pretender pasar

inadvertidos, polo que se deben extremar as precaucións para non ser vistos. Hai anos un periódico

publicaba unha foto de impresión cunha troita de 6 kg que adornaba a satisfación do rostro do seu pescador.

Ten dous coutos, o do Xallas no lugar de Beba, no municipio de Mazaricos, e o de Santa Comba

no afluente Abuín que vai desde a presa de Arufe no lugar de Rieiro ata a ponte que está ao lado do

matadoiro da Pereira, e desde a Ponte Nova da Pereira ata que se une co río Xallas.

Como puntos referenciais podemos citar a praia fluvial de Esmorode (Santa Comba), encoro da

Fervenza (Zas e Mazaricos), Encoro de Castrelo (Mazaricos), Ponte Romana de Brandomil (Zas) e cáscada

do Ézaro (Carnota-Dumbria).

Afluentes máis importantes:

Río Abuín: Afluente da esquerda. Nace en Pedra do Penedo (Freixeiro-Sta. Comba) a 460 metros de

altitude. Tras rodeala parroquia de Freixeiro discorre polas parroquias de Ser e Alón, para unirse ó Xallas

no lugar de Truebe, na parroquia de Mallón, tras percorrer 19,50 Km. No seu percorrido pola parroquia

de Ser serve de divisoria natural co concello da Baña. Recibe no seu nacemento o nome de rego da IIla,

así como o de río Ermida mentres cruza a parroquia do mesmo nome no concello da Baña.

Río García: Afluente da dereita. Nace en San Bartolomé (As Travesas-Sta.Sabiña-Sta. Comba) e rega

coas súas augas os campos da parroquia de Grixoa. No seu discorrer recibe os derrames do rego de

Cícere e o rego do vao de Vilar. Unese ó Xallas un pouco máis abaixo da ponte de Tapia, tras un percorrido

de 9 Km desde o seu nacemento.

Río Mira: Afluente da dereita. Nace xunto a aldea de Abelenda (Erbecedo-Coristanco) e recolle os

derrames da lagoa Braña Nova ou lagoa Alcaián, no concello de Coristanco e baña en Santa Comba ás

augas da parroquia de Esternande e Castriz para botarse o Xallas en Outeiro (Castriz) despois dun percorrido

de 8 Km.