Patrimonio Relixioso
Patrimonio relixioso
O patrimonio relixioso de Santa Comba está formado por un total de dezasete igrexas parroquiais, cinco capelas e catro ermidas, atopándose en termos xerais en bo estado de conservación. A maior parte das igrexas xalleiras son de estilo barroco, entre as que sobresaen dous templos de estilo románico: a igrexa de San Cristovo de Mallón e a de San Fiz de Freixeiro, esta última a máis antiga da contorna, datada no século XII.
O concello de Santa Comba, antropoloxicamente falando, conserva tradicións e ritos ancestrais vinculados aos santuarios e ermidas da zona. As romerías máis concorridas son a de
Rubín, na parroquia de Cícere, xa que a Virxe alí gardada é a avogada de todos os males, en particular os que se refiren aos nenos, aos que cura das súas doenzas; e a de Nosa Señora de Vilamaior, onde acoden os enfermos con problemas dermatolóxicos para lavarse na fonte da Virxe.
Dentro da arquitectura relixiosa, en Santa Comba o modelo máis frecuente está protagonizado por unha capela maior de planta rectangular, usualmente máis estreita que a nave central. O acceso realízase por un arco triunfal volteado sobre semicolumnas apegadas e a cubrición de estas capelas maiores efectúase con bóvedas de canón construídas con perpiaños de granito. As sancristías sitúanse apegadas a un dos muros laterais da capela maior, preferentemente no lado norte debido a razóns litúrxicas. Malia a tratarse dun padrón predominante, esta composición non sempre se respecta, xa que ocasionalmente a sancristía desprázase detrás do presbiterio.
En canto á ornamentación, esta concéntrase case por completo na fachada principal e a súa composición está baseada na simetría do pentágono, cun remate na parte superior formado por unha cornixa a dúas augas.
Nalgúns templos a torre campanario aparece desprazada do eixo de simetría da fachada principal, aínda que a maioría das construcións, campanarios ou espadanas se sitúan no vértice da mesma. A tipoloxía habitual de estas torres repítese en case todas as igrexas, de xeito que o corpo de arranque adoita ser prismático, e ás veces atópase decorado con placas.
O acceso ao campanario realízase mediante escaleiras interiores, excepto en capelas como A Virxe do Portal xa que carece de elas. Neste corpo a ornamentación básica está composta por pilastras e molduras. O remate en case todas elas está formado por unha cúpula.
O concello de Santa Comba conta con catro ermidas: a ermida da Virxe da Mercé (en Vilar de Céltigos), a ermida de San Blas (Grixoa), a ermida de Santo Outel (Bazar) e a ermida de San Bartolomeu (Santa Sabiña).
Entre elas a que acada unha maior importancia, tanto pola súa natureza como polo conxunto e emprazamento no que se sitúa, é a ermida de San Bartolomeu na parroquia de Santa Sabiña. Trátase dunha ermida da época baixomedieval (séculos XIII-XIV) que se atopa no alto dun monte que se ergue case 100 m sobre a súa contorna. Foi construída sobre os restos dun castro, ou doutro tipo de asentamento similar. No seu entorno hai un gran penedo que dá a un muro de pedra natural de dez metros de caída.
Presenta dous volumes: un máis antigo, do século XIII ou XIV que se correspondía co presbiterio, e outro moito máis recente feito en bloques de cantería que se correspondería coa nave principal. Ten un retablo pétreo de estilo barroco con columnas salomónicas.
0 comentarios