Campaña do concello de Santa Comba
A concellería de Medio Rural do Concello de Santa Comba e o Grupo Empresarial Cerceda S.L. continúan a desenvolver a compaña medioambiental Reciclando En Rede Na Rúa, coa que pretenden converter este concello da comarca do Xallas nun exemplo de municipio sostíbel. Para conseguir este propósito, que constitúe un gran reto que só terá éxito coa colaboración de todos os veciños e veciñas do municipio, o Concello de Santa Comba e o Grupo Empresarial Cerceda S.L. están a traballar para por en valor a teoría das tres R: Reduce, Reutiliza, Recicla.
Reciclando en Rede Na Rúa, trátase dunha iniciativa con dúas vertentes ben diferenciadas. Unha primeira que xa se veu realizando nos últimos meses coa colocación de carteis nos edificios públicos e á que se lle dará continuidade cun reparto porta a porta para dar a coñecer claves que permiten reciclar máis e mellor, e unha segunda que conta cun marcado carácter virtual co que se pretende atraer ao público máis vinculado ás novas tecnoloxías.
Nesta senso, veñen de porse en funcionamento unha páxina de Facebook e un perfil de Twitter no que se ofrecen consellos para fomentar o uso responsábel dos recursos naturais, a reciclaxe de elementos que todos e todas temos nos fogares, sinxelos trucos para adquirir comportamentos verdes, así como curiosidades sobre o medio ambiente coas que se busca concienciar aos santacombeses e santacombesas de que adquirindo pequenos hábitos poden contribuír a mellorar a saúde do planeta e a súa propia saúde.
As redes sociais como canle de comunicación
Entre os obxectivos da concellería de Medio Rural no marco da campaña Reciclando En Rede Na Rúa atópase converter as redes sociais nunha canle de comunicación activa para contactar co concello, ben valorando a súa política medioambiental co obxecto de mellorala, ben para denunciar comportamentos que fan que vivamos nunha vila máis contaminada, resaltar prácticas responsables ou para facer calquera suxestión ou comentario que os veciños e veciñas da vila consideren oportuno.
Os interesados e interesadas en sumarse á campaña Reciclando En Rede Na Rúa poden facelo a través
de
http://www.facebook.com/ReciclandoEnRede e @ReciclandoEnRed en twitter.
Colaboración
Desde o Goberno municipal convidan a todos e todas a sumarse a esta campaña que repercutirá positivamente no municipio se se logra a colaboración de todos e todas, e lembran que Santa Comba conta cun patrimonio natural incomparábel que a fai única e irrepetible, polo que é obriga de todos e todas coidar e preservar todo o que a natureza ofrece.
Concellería de Medio Rural – Reciclando en Rede na Rúa
masantacomba@gmail.com
Teléfono de contacto: 981.88.00.75
0 comentarios