Informació do concello de Santa Comba
O goberno local de Santa Comba vela polo cumprimento da legalidade e o respecto os intereses xerais dos veciños.
Neste senso, o concello de Santa Comba non pode impedir, ningunha iniciativa empresarial que se adapte as normativas existentes.
Para evitar confusións ou interpretacións froito da desinformación, queremos aclarar que a planta de GNL que se pretende construír en Mourelle cumpre cos requirimentos oportunos.
Distancia dos núcleos urbanos
Sobre a distancia dos núcleos habitados, hai que aclarar que se cumpre coa normativa vixente de distancia de seguridade de núcleos urbanos(Norma UNE 60201), que estipula unha separación de 15 metros para vivendas e de 30 metros para edificios públicos, para as plantas das características da que estamos a falar.
Respecto a lei, controis e seguridade
O proxecto está impulsado por unha empresa coñecida como é Gas Natural Fenosa, e adáptase a lexislación vixente en materia de prevención e protección, así como o estrito cumprimento das esixencias legais en materia medio ambiental e de contaminación acústica.Estas plantas son seguras, resistentes e son instalacións estancas.
O gas natural, non tóxico e máis limpo
Poder contar co servizo de GNL era unha das demandas que existían na sociedade xalleira, xa que é unha das enerxías implantadas nas localidades e cidades máis avanzadas e modernas.
Estamos ante a enerxía máis limpa e menos contaminante de todos os combustibles fósiles. Estamos ante unha sustancia que “non é tóxica”, segura e de doada dispersión. Estamos ante un gas natural, procesado para o seu transporte en forma líquida, e almacenado a baixas temperaturas, para posteriormente ser transformado, nas plantas, de líquido a gasoso para a súa distribución.
GNL en Santa Comba
A xeito de conclusión, desde o concello de Santa Comba consideramos que estamos ante unha actuación positiva e que redundará nun maior benestar e dun novo servizo para os veciños da capital municipal.
E insistimos en que o papel da administración local está en custodiar o cumprimento a tódalas normativas que existen na actualidade, e non debe impedir ningunha actuación que se adapten as normativas marcadas, en grande medida, por outras instancias.
O goberno local está a dispor dos veciños para ofrecer tódalas aclaracións ou información que necesiten.