981880075
Seleccionar página

A XUNTA AUTORIZA AS EXPROPIACIÓNS PARA EXECUTAR UNHA SENDA PEONIL NA ESTRADA AC-404 ENTRE A PONTE E SANTA CATALINA, NO CONCELLO DE SANTA COMBA

  • A actuación suporá un investimento autonómico de case 155.000 euros, nos que se inclúe o pagamento dos 9 predios necesarios para executar os traballos
  • A Consellería de Infraestruturas prevé avanzar nas expropiacións e licitar as obras neste primeiro semestre, para iniciar os traballos no segundo semestre do ano, cun prazo de 4 meses
  • Executarase un itinerario peonil na marxe dereita da vía autonómica, con 450 metros de lonxitude e 1,8 metros de ancho, con bordo de separación da estrada e gabia de seguridade, dando continuidade á zona de beirarrúas actual
  • Para non afectar o rego das Dornas, proxéctase un muro de coieira de 8,5 metros de lonxitude
  • O Goberno galego continúa traballando na mellora da rede viaria co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos cotiáns a pé dos usuarios

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2022.- O Consello da Xunta autorizou hoxe o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar as obras dunha senda peonil na estrada autonómica AC-404, entre A Ponte e Santa Catalina, no concello de Santa Comba.

A administración autonómica destinará a esta actuación un investimento que rolda os 155.000 euros, nos que se inclúe o pagamento dos 9 predios necesarios para executar as obras.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento de actas previas das expropiacións e licitará as obras neste primeiro semestre, co obxectivo de iniciar os traballos no segundo semestre do ano, cun prazo de execución de 4 meses.

Construirase unha senda peonil pola marxe dereita desta estrada de titularidade autonómica, entre os puntos quilométricos 1+880 e 2+330, que terá continuidade nos dous sentidos coas beirarrúas xa existentes, antes e despois, do tramo obxecto da actuación.

O itinerario peonil terá unha lonxitude de 450 metros e 1,8 metros de ancho e construirase pola marxe dereita da AC-404, separado da estrada por un bordo e unha gabia de seguridade de 1,20 metros.

A intervención inclúe a instalación de 12,5 metros de barreira metálica sobre o muro de coieira previsto no punto quilométrico 2+210, de 8,5 metros de lonxitude, para non afectar ao rego das Dornas e acadar unha mellor integración na contorna.

Tamén se prevé a reposición de sinais verticais ao longo do treito.

O Goberno galego continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos cotiáns a pé, sendo os peóns os usuarios máis vulnerables das estradas. Esta actuación é susceptible de financiamento con fondos europeos FEDER React-EU