A RUTA ENTRE AS FONTES DO XALLAS E A FERVENZA DE CASTRIZ PORÁ O BROCHE DE OURO Ó PRIMEIRO CICLO DE ANDAINAS “COÑECE O TEU CONCELLO”
A ruta, que tivo que ser suspentida polo mal tempo o pasado día 4, recupérase este domingo 18.
O Concello de Santa Comba e a Asociación ” Os Trotasendas” xa teñen data para rematar da mellor maneira o exitoso ciclo de Andainas ” Coñece o teu Concello” que abriu nestes últimos meses unha fiestra de aire novo ao sendeirismo e valorización do medio natural na Terra do Xallas.
Esta última cita ( de momento, xa que xa se está planificando un novo ciclo para a primaveira) unirá a parroquia de Bazar, onde nas faldas do Monte Castelo empezan a fluir as primeiras augas do río Xallas, coa Fervenza de Castriz, espazo natural de gran beleza, conformada pola fervenza do río Mira, principal afluente do Xallas no seu Curso Alto, e a área recreativa habilitada no entorno de 5 muiños de río.
A ruta nesta ocasión será lineal, de 13,5 km, e a organización facilitará transporte cun bus para que os participantes poidan deixar os seus vehículos no final da etapa, e se acheguen ata Bazar.