981880075
Seleccionar página
O alcalde de Santa Comba, Antonio Landeira realizou unha visita ó Centro Socio Comunitario e máis á exposición que os alumnos desta entidade organizaron na Vivenda Comunitaria.

O rexedor xalleiro, Antonio Landeira e a responsable do departamento de Servizos Sociais, María Pose, mantiveron un encontro coa Directora do Centro Socio-Comunitario, Dolores Baluja, para completar a informaciónn que veñen recompilando desde hai meses sobre as necesidades dos usuarios destas dependencias.
“Este goberno quere afanarse cos servizos sociais” manifestou Landeira, que comprometeu o seu apoio ás demandas expresadas. Segundo comentou Dolores Baluja, unha das necesidades máis importantes é a de espazo, polo que existe un proxecto de ampliación das instalacións do centro.
Landeira comprometeuse a mediar ante a Xunta de Galicia e tamén a prestar todo o apoio posible para que o Centro Socio-Comunitario poida ter unhas instalacións óptimas e unha boa oferta de actividades. Tal é como xa coñecía o goberno local, existe algunha demanda máis como a referida ó local onde se celebran os bailes dominicais. Desde a alcaldía estudarán o xeito de que o lugar poida ser máis confortable e que se poida gozar dunha mellor acústica.

EXPOSICIÓN NA VIVENDA COMUNITARIA

O Centro Socio-Comunitario de Santa Comba organiza unha mostra composta polos traballos do máis dun cento de alumnos que participaron nos diferentes cursos que organiza esta entidade.
A mostra foi visitada neste día polo alcalde de Santa Comba, Antonio Landeira, que acompañado pola responsable de Cultura, María Pose, animou ós veciños “a que vexan esta fermosa exposición que seguro lles gustará”. A mesma pode ser visitada na Vivenda Comunitaria polas mañás ata o vindeiro 15 de xullo. Outras alternativas poden ser consultadas no propio centro(981880291).
Os obxectos expostos son as creacións do obradoiro de encaixe de bolillos, labores, pintura, tapicería, patchwork, etc…