981880075
Seleccionar página

Trenor anima os veciños de Santa Comba a participar no reto de reciclar un 10% máis de envases de plástico, latas e bricks. O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou esta mañá, acompañado pola alcaldesa de Santa Comba, María Pose, a campaña “Únete ao reto” na que participan 13 concellos galegos co reto de incrementar nun 10% a recollida de residuos do contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks).

Esta é a esencia da terceira edición da campaña de reciclaxe “Únete ao reto” na que están a colaborar os concellos de Ordes, Santa Comba, A Laracha, Sarria, Burela, Chantada, O Carballiño, Verín, Cangas, Moaña, Bueu, Gondomar e Tomiño.

Trenor destacou que “aínda que o esforzo é moi ambicioso, é posible e materializable, tal e como se demostrou nas anteriores edicións”. Os 13 concellos xa foron capaces de reciclar no pasado ano máis de 1.700 toneladas de envases de plástico, latas e briks, polo que se conseguen o obxectivo común aumentarán nun mínimo de 170 toneladas en total o volume de envases reciclados.

Nese sentido, animou aos 178.000 veciños destes concellos a seguir participando nesta campaña —que arrincou o 1 de marzo e finalizará o 31 de maio— depositando nos contedores amarelos estes materiais que, tras o seu tratamento, recíclanse e convértense nunha nova materia prima.

Este esforzo verase recompensado cunha achega de 2.000 euros para doar á causa social que cada concello elixa, polo que reciclar —afirmou o delegado— “ten premio”, tamén porque reducen a súa factura do lixo por bolsa negra, e sobre todo para o medio ambiente, xa que se evita o uso de recursos e extracción de novas materias primas e se aposta pola economía circular, un sistema máis sustentable e respectuoso co planeta.

Destacou que para lembrar a importancia de reciclar e axitar a conciencia social dos veciños destes 13 concellos participantes, a campaña prevé unha serie de accións coas que comprometer ás entidades locais e aos cidadáns na mellora das cifras de reciclaxe.

Unha desas iniciativas foi a colocación dun contedor amarelo xigante —construído con madeira reciclada— que é o símbolo da iniciativa. Ademais, estanse a celebrar varias xornadas con animadores para informar á cidadanía, comercio e hostaleiros do reto e da importancia da reciclaxe.