981880075
Seleccionar página

A Xunta ofrece ás entidades colaboradoras de pesca fluvial axudas de case 12.000 euros para levar a cabo accións divulgativas e de vixilancia fluvial.Así o anunciou este venres a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante un encontro para coñecer o labor da Asociación Deportiva de Pesca Santa Comba-Xallas, entidade que ao abeiro das dúas convocatorias anteriores se beneficiou de dúas axudas por un importe global de 3.000 euros.Durante esta visita a Santa Comba a conselleira estivo acompañada pola alcaldesa, María Pose; a xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Cristina Carrión; o representante da Federación Galega de Pesca, Manuel Ramos Andrade; o presidente da Asociación Deportiva de Pesca Santa Comba-Xallas, José Manuel Torreira; e o secretario desta mesma asociación, Jorge García Duarte.A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou no Diario Oficial de Galicia deste venres a Orden do actual exercicio, na que se establece un orzamento de 80.000 euros ao que poden acceder as 66 entidades de pesca rexistradas na actualidade en Galicia. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, a contar a partir deste sábado.Vázquez Mejuto lembrou que a axuda poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables, establecendo un máximo de 9.360 euros para a vixilancia de tramos de pesca continental e de 2.500 euros para actividades divulgativas ou formativas. Nese sentido, sinalou que grazas ao investimento mobilizado nas anteriores convocatorias, preto de 100.000 euros, xa se concederon 26 axudas.Explicou que con este tipo de accións se perseguen dous obxectivos concretos: reforzar o control e a protección dos ríos galegos e contribuír á divulgación dunha pesca fluvial máis sustentable, especialmente entre os cativos e os mozos, co que asegurar a necesaria remuda xeracional.Indicou que este reto tamén está recollido na Lei de pesca continental, que prevé, entre outras medidas, a creación das escolas de río para garantir a remuda pola vía da formación e da sensibilización, dun sector no que a idade media se sitúa entre os 50 e os 70 anos; que os menores de 14 anos non necesiten licenza para poder practicar a pesca, sempre que os acompañe un adulto que si a teña; ou que os menores de idade e os maiores de 65 anos estean exentos de pagar as taxas para a obtención da licenza.