26 de Xuño. Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de Drogas.

Un ano máis, conmemoramos o Día Internacional contra a Droga. Neste día singular
non podemos estar satisfeitos. Gustaríanos lanzar unha mensaxe de optimismo pero a
situación é francamente preocupante tanto en Galicia como no resto de España.
O consumo de drogas está desbocado -máis aló de pequenas variacións estatísticas
que nos ofrecen os distintos estudos- e totalmente banalizado, empezando polo alcol,
o rei indiscutible das festas de menores e maiores.
Moitas persoas consomen drogas buscando divertirse e nestes tempos de
pospandemia, guerra e crise económica outras moitas fano para esquecer os seus
problemas. Sabemos que en determinados ámbitos séguese pensando que consumir
drogas é case recomendable e ademais, divertido. Constatamos que en termos xerais
non hai unha percepción do risco que supoñen estes consumos e as súas repercusións
evidentes sobre a saúde física e mental das persoas, con danos que poden ser moi
severos.
Para agravar a situación, nos últimos anos cobraron auxe as denominadas adiccións
sen substancia. O xogo patolóxico xunto ao uso problemático da internet,
videoxogos, móbiles e redes sociais son algunhas das novas adiccións que en moitos
casos están estreitamente relacionadas co consumo das drogas clásicas e asociadas a
comportamentos perigosos como situacións de acoso escolar, abuso sexual e
violencia de xénero, entre outros.
Resulta evidente que non podemos limitarnos a reflexionar, hai moito traballo por
diante que debemos realizar xuntos e de forma intensa. Persoas, familias,
profesionais, entidades e administracións. Todos. A teoría xa está feita e é tempo de
poñela en práctica. Neste punto atopámonos con que temos normativas e plans de
prevención que non se cumpren. Un exemplo moi básico: por que non se intervén
ante o botellón? Temos miles de adolescentes, moitos deles menores, bebendo na rúa
miles de litros de alcol todas as fins de semana, en festas e concertos… sen que
ninguén faga nada por evitalo. Moitos mozos están a desenvolver unha adicción que
posiblemente lles acompañe toda a súa vida e se ninguén pon remedio ao
despropósito, nuns anos teremos un problema de saúde pública aínda maior.
Sabemos que para reducir certos consumos resulta fundamental non ser
excesivamente permisivos e limitar algúns comportamentos. Poñamos como exemplo
positivo a regulación antitabaco: a ninguén se lle ocorre hoxe acender un cigarro
dentro dunha cafetería ou nun centro comercial, moito menos nun avión ou nunha
sala de espera, escenas que eran frecuentes hai non moito tempo. Outro exemplo
positivo de normativa protectora da saúde é a obrigación de levar casco ou de poñerse
o cinto de seguridade… comportamentos que hoxe nos parecen obvios pero que no
seu momento houbo que regular e facer cumprir. Na nosa opinión, leste é o camiño

adecuado para reducir os índices de consumo de drogas; axudando ás persoas que
sofren adiccións e procurando a súa reintegración social, xunto a unha aposta
decidida pola prevención, a desnormalización do consumo e o fomento de estilos de
lecer que non teñan como actividade principal o atracón de alcol e outras drogas.
Por outra banda, desde o ámbito da loita contra o narcotráfico vemos a situación
actual con fonda preocupación.
Os índices de tráfico de drogas están nos rexistros máis altos da historia e en España
conflúen grandes roteiros internacionais con destino a Europa. Así o noso país está –
literalmente- asolagado de drogas, principalmente de haxix do Sur e de cocaína do
outro lado do Atlántico coas costas galegas como un dos seus destinos favoritos. Todo
iso a pesar do meritorio labor que realizan as forzas de seguridade, xuíces e fiscais
comprometidos; profesionais que traballan coas mans atadas por unha lexislación
tímida e garantista que en demasiadas ocasións parece protexer máis ao criminal que
ao honrado cidadán. Vemos con asombro aos mesmos traficantes, grandes capos que
entran e saen do cárcere con normalidade rutineira, delinquindo unha e outra vez,
traficando e amasando fortuna. A eles engádense bandas internacionais moi perigosas
que practican a violencia extrema como método habitual de traballo. Criminais que
poñen en risco a seguridade de todos, capaces de desestabilizar e ameazar un estado.
Este perigo, que en Europa viamos tan lonxe, xa está aquí: nos Países Baixos han
asasinado recentemente a un xornalista por informar sobre narcotráfico e o seu
primeiro ministro está directamente ameazado polo crime organizado. É o futuro que
nos espera se non reaccionamos xa. E mentres tanto aquí, a Policía, Garda Civil ou
Vixilancia Aduaneira teñen que pasar un auténtico calvario para intervir un teléfono
ou poñer unha baliza de seguimento, con dificultades cada vez maiores para facer o
seu traballo.
Instamos os nosos gobernantes a considerar o narcotráfico e o crime organizado como
asuntos da máxima prioridade. Para iso, as drogas e o narcotráfico deben entrar xa na
axenda política. Non só estamos ante un problema de Saúde Pública; é tamén unha
ameaza directa para a Seguridade do Estado.
Non podemos perder máis tempo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.