“AQUÍ VIVES, TI DECIDES – ELABORACIÓN ESTRATEXIA LEADER 2023- 2027”
O Concello Santa Comba xunto co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Compostela, está traballando na elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (período 2023-2027). Co obxecto de dar resposta ás necesidades do territorio e impulsar o potencial local, estase deseñando un proceso participativo aberto a todas as institucións, axentes económicos e sociais, tecido asociativo e veciños/as do territorio de actuación (A Baña, Ames, Boqueixón, Brión, Negreira, Teo, Santa Comba, Santiago de Compostela, Val do Dubra e Vedra), que estean interesados/as en propoñer actuacións e debater en torno á futura Estratexia de Desenvolvemento Local.
O Concello Santa Comba e o GDR Terras de Compostela, animámoste a participar no PROCESO DE ELABORACIÓN DA ESTRATEXIA DE DESENVOLVEMENTO LOCAL no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2023-2027.
Lugar: Auditorio Edificio Multiusos de Santa Comba: Data – Hora: Xoves 1 de Decembro. 20:30h Enderezo: Rúa Curros Enríquez S/N
info: Oficina de Turismo. Tf. 663 728 968
En caso de non poder asistir presencialmente á xuntanza, poderías participar igualmente, cubrindo unha enquisa, xa que a súa opinión e o coñecemento da realidade do seu ámbito de actuación son de gran importancia para o desenvolvemento da zona e de cara á planificación estratéxica.
LIGAZÓN DA ENQUISA: https://forms.gle/uZ6jER2zF1mtVJDfA
Que é o LEADER? É unha medida do PDR de Galicia que conta con fondos europeos e que financia proxectos de desenvolvemento local promovidos por persoas físicas ou xurídicas, asociacións, etc. Leader é unha ferramenta esencial para a dinamización e o emprendemento no medio rural.
Que é o Grupo de Desenvolvemento Rural? A Asociación Terras de Compostela nace no ano 2008 como asociación sen ánimo de lucro, entidade colaboradora da Administración na xestión da medida Leader, de aí que reciba o nome de Grupo de Desenvolvemento Rural.
Cal é o ámbito de actuación do GDR Asociación Terras de Compostela? O territorio delimitado polos seguintes Concellos: Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Santa Comba, Santiago, Teo, Val do Dubra e Vedra.
Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) As EDLP perseguen satisfacer as necesidades económicas, sociais e medioambientais dun territorio, así como reforzar e aumentar o seu potencial a través dos seus recursos endóxenos, é dicir, do propio territorio. Para elo, analízanse as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades da zona, a través da implicación dos actores locais, dado o seu coñecemento da área e a importancia de que participen na súa gobernanza. A estratexia elabórase conxuntamente, facendo partícipe á comunidade no seu desenvolvemento. Así, os seus obxectivos son a dinamización da área, a creación de infraestruturas, a xeración de empresas e emprego e a permanencia e/ou ampliación da oferta de servicios.
INFORMACIÓN DE INTERESE PARA A ETAPA FINAL DA PEREGRINACIÓN A SANTIAGO POLA VÍA CÉLTICA O Concello de Santa Comba sumouse á Campaña da Xunta de Galicia “ Camiño ao Respecto” que cumple 10 anos camiñando contra a Violencia de Xénero, e entregará un dorsal conmemorativo aos participantes que o desexen.
Este Domingo 20 de Novembro remata a Peregrinación a Santiago pola Vía Céltica que organiza o Concello de Santa Comba. A última etapa comeza EN BELÉN AS 8:30h. Os participantes inscritos disporán de BUS para o traslado que sairá desde a Casa de Cultura 8:00H. ( prégase estar un puco antes) Os participantes que o desexen poden acercarse á saída en Belén por medios propios. De feito un nuemroso grupo da parroquia Santiaguesa de Santa Cristina de Fecha sumaránse a esta última etapa de peregrinación e de visibilización da Vía Céltica en Belén.
Os participantes reagruparánse no Merendeiro do Monte Pedroso, para chegar en grupo á Praza do Obradoiro.
Sobre as 11:30h chegarase á Praza do Obradoiro e todos/as que desexen asistir á Misa do Peregrino, poden facelo. A Misa comeza ás 12:00h.
A Organización xestionou a posibilidade de que quen o desexe poida participar nunha Comida de Final de Peregrinación, que será na Hospedaría de San Martín Pinario, ó remate da Misa do Peregrino e da que se fará cargo cada participante de maneira individual (menú económico con 2 pratos, postre e bebida incluída).
Un Bus Regresará a Santa Comba logo da Misa do Peregrino, e posteriormente recollerá ó resto de participantes que se queden para a Comida dos Peregrinos.
A Organización recorda a OBLIGATORIEDADE Do Chaleco Reflectante, e pide aos participantes que respecten as indicacións de Seguridade e marcha da organización.
As previsións meteorolóxicas para a mañá do domingo son relativamente positivas, ainda que dado que o trazado vai case na súa totalidade por fermosos camiños e pistas forestais, é importante levar calzado adecuado para a auga, por si acaso.
Ante calquera incidencia, previa ou durante a xornada, poden manter contacto directo coa Organización no tf. 663 728 968
A través de 4 etapas, toda a veciñanza xalleira e da contorna pode pereregrinar a Santiago de Compostela a través dos treitos da Vía Céltica que unen a Terra do Xallas e a Capital de Galicia. O Concello de Santa Comba, a través da súa Concellería de Turismo organiza unha peregrinación por etapas que comezará o vindeiro domingo 30 de outubro e que rematará na Praza do Obradoiro o 20 de novembro, logo de percorrer uns 60 km en total, ainda que se poida disfrurtar de etapas de maneira individual.
A Primeira etapa, o 30 de outubro une Castriz con Santa María de Paramos, en Val do Dubra, logo dun precioso percorrido por sendeiros de gran beleza natural, aproveitando unha variante para visitar a emblemática fonte de Vilamaior, pasando polo antigo Hospital de Peregrinos de Carboeiro na Parroquia de Freixeiro, e adentrándose no Concello de Val do Dubra para rematar na localidade de Paramos, onde se unen os ramais norte e sur da Vía Céltica. A parte norte da Vía Céltica entra no Concello de Santa Comba desde Coristanco nas inmediacións da Braña da Serra en Boaña, achegándose ó lugar de Hospital, onde está constatada a existencia doutro antigo Hospital de Peregrinos, pasando polas proximidades dos dominios da antiga Fortaleza medieval de Castriz, préto de Xallas de Castriz, onde se ubica a Igrexa parroquial de San Pedro de Castriz, punto de saída desta 1ª etapa.
A segunda etapa, transcurre polo outro ramal da Vía Céltica, o Sur, e unirá as localidades de Vilar de Céltigos e Paramos, na travesía máis longa da peregrinación, o domingo 6 de Novembro. A vía Céltica, desde os portos da Costa da Morte, entraba na Terra do Xallas, despois de atravesar A Terra de Soneira, pola parroquia de San Xoan de Grixoa, sendo Vilar de Céltigos a súa entidade de poboación máis importante ( e a de todo o Concello xalleiro ata comezos do século XX). De Vilar de Céltigos, os camiñantes irán por Mallón, As Antes, atravesarán o río Xallas pola Ponte da Cova, pasarán pos Santa Comba, Salgueiroas, Cruz de Santos, Abuín, para adentrarse na parroquia de Freixeiro por Vilarnovo e, posteriormente achegarse a Paramos.
A 3ª etapa unirá as localidades dubresas de Paramos e Belén, parando por San Román e atravesando o Río Tambre en Portomouro, para subir ata Santa María de Belén, lugar onde está documentado unha miragre cun peregrino fai séculos. Esta etapa, a máis corta do percorrido, terá lugar o domingo 13 de Novembro
A derradeira etapa da Peregrinación Xalleira irá desde Santa María de Belén ata a Catedral de Santiago, nooutro precioso percorrido que albiscará Compostela desde a zona do Monte Pedroso o domingo 20 de Novembro, onde os participantes poderán asistir á Misa do Peregrino dese día.
Esta actividade de promoción dos entornos naturais da Terra do Xallas e dun dos Camiños de Santiago que a atravesan será de balde e os participantes contarán con bus de traslado e o apoio de seguridade da policía Local e do Servizo de Protección Civil de Santa Comba, que axudarán a facer un traxecto o máis seguro posible, axudados pola responsabilidade dos participantes. As inscricións poden realizarse na páxina web www.santacomba.es.,
Desde o Concello de Santa Comba anímase a tódolos colectivos e veciños a participar nunha actividade que dará a coñecer un percorrido que unía a Costa da Morte e o sepulcro do Apostolo Santiago por terras do interior da provincia da Coruña.
SANTA COMBA ACOLLE O 20 DE AGOSTO NO OBSERVATORIO NATURAL DE SAN BARTOLOMEU O PROGRAMA QUE RELACIONA A VÍA LÁCTEA COS MOTIVOS XACOBEOS.
A actividade da “Ruta das Perseidas Culturais” amplíase este 2022 cunha actuación de música tradicional da AC. Ximiela de Louro, e forma parte do Programa “A Vía Láctea e outros motivos Xacobeos do CAMIÑO” que promove o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela en diferentes localidades de Galicia co impulso do Xacobeo 21-22.
O Concello de Santa Comba será escenario dunha das actividades do do programa científico – cultural “A Vía Láctea e outros motivos Xacobeos do CAMIÑO” que leva a cabo o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Xacobeo para achegar á poboación un coñecemento máis próximo da realidade da relación da astronomía, e concretamente da Vía Láctea como auténtica guía dos peregrinos desde a orixe da peregrinación a Santiago de Compostela e do Camiño de Santiago. O marco para unha actividade destas características non podería ser máis adecuado que un observatorio natural e un auténtico lugar máxico como é o entorno da Ermida de San Bartolomeu no monte do mesmo nome no lugar do Busto (Santa Sabiña), onde o concello xalleiro ven organizando desde fai anos diversas actividades para a difusión da astronomía e dos espazos naturais para a observación das estrelas. Este ano, ademáis, amplíase a oferta cultural da xornada, ao remate da actividade divulgativa, cunha actuación de música tradicional encadrada dentro da rede Cultural da Deputación da Coruña co grupo da Asociación Cultural Ximiela de Louro.
Na Xornada do sábado 20 de Agosto realizarase unha Ruta andando, con saída desde a Casa da Escola do Busto a partir das 21:15h., para subir ao emblemático Monte de San Bartolomeu, onde os profesionais do Observatorio da Universidade santiaguesa achegarán ao público unha realidade celeste na que se integra o noso planeta, que é a Vía Láctea e sin a cal sería imposible comprender o fenómeno do Camiño de Santiago tal e como se orixinou, relación que perdura ata a actualidade. Esa observación guiada contará con material accesible aos participantes para que poidan desfrutar de primeira man cos telescopios e que poidan convertirse en “astrónomos por un día”.
Cando remate a parte científica comezará a parte cultural, coa actuación, no entorno da Ermida, dun dos grupos referente da música tradicional galega na provincia da Coruña, como é o da Asociación Cultural Ximiela de Louro, que porá banda sonora de raíz ás estrelas que se ven cada noite desde San Bartolomeu.
Para actividade, aberta a todo o público, pódese incribir ata o 19 de agosto no enlace que se atopa na páxina web municipal www.santacomba.es .
O Concello de Santa Comba quere agradecer a magnífica disposición do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, a través da figura do seu Director José Ángel Docobo, sempre accesible para traer a Santa Comba diversos programas de divulgación relacionados coa astronomía e que encontran en San Bartolomeu un escenario de categoría, no que cada ano se congregan multitude de veciños e visitantes.