981880075
Seleccionar página

SANTA COMBA ACOLLE O 20 DE AGOSTO NO OBSERVATORIO NATURAL DE SAN BARTOLOMEU O PROGRAMA QUE RELACIONA A VÍA LÁCTEA COS MOTIVOS XACOBEOS.

A actividade da “Ruta das Perseidas Culturais” amplíase este 2022 cunha actuación de música tradicional da AC. Ximiela de Louro, e forma parte do Programa “A Vía Láctea e outros motivos Xacobeos do CAMIÑO” que promove o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela en diferentes localidades de Galicia co impulso do Xacobeo 21-22.

O Concello de Santa Comba será escenario dunha das actividades do do programa científico – cultural “A Vía Láctea e outros motivos Xacobeos do CAMIÑO” que leva a cabo o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Xacobeo para achegar á poboación un coñecemento máis próximo da realidade da relación da astronomía, e concretamente da Vía Láctea como auténtica guía dos peregrinos desde a orixe da peregrinación a Santiago de Compostela e do Camiño de Santiago. O marco para unha actividade destas características non podería ser máis adecuado que un observatorio natural e un auténtico lugar máxico como é o entorno da Ermida de San Bartolomeu no monte do mesmo nome no lugar do Busto (Santa Sabiña), onde o concello xalleiro ven organizando desde fai anos diversas actividades para a difusión da astronomía e dos espazos naturais para a observación das estrelas. Este ano, ademáis, amplíase a oferta cultural da xornada, ao remate da actividade divulgativa, cunha actuación de música tradicional encadrada dentro da rede Cultural da Deputación da Coruña co grupo da Asociación Cultural Ximiela de Louro.

Na Xornada do sábado 20 de Agosto realizarase unha Ruta andando, con saída desde a Casa da Escola do Busto a partir das 21:15h., para subir ao emblemático Monte de San Bartolomeu, onde os profesionais do Observatorio da Universidade santiaguesa achegarán ao público unha realidade celeste na que se integra o noso planeta, que é a Vía Láctea e sin a cal sería imposible comprender o fenómeno do Camiño de Santiago tal e como se orixinou, relación que perdura ata a actualidade. Esa observación guiada contará con material accesible aos participantes para que poidan desfrutar de primeira man cos telescopios e que poidan convertirse en “astrónomos por un día”.

Cando remate a parte científica comezará a parte cultural, coa actuación, no entorno da Ermida, dun dos grupos referente da música tradicional galega na provincia da Coruña, como é o da Asociación Cultural Ximiela de Louro, que porá banda sonora de raíz ás estrelas que se ven cada noite desde San Bartolomeu.

Para actividade, aberta a todo o público, pódese incribir ata o 19 de agosto no enlace que se atopa na páxina web municipal www.santacomba.es .

O Concello de Santa Comba quere agradecer a magnífica disposición do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, a través da figura do seu Director José Ángel Docobo, sempre accesible para traer a Santa Comba diversos programas de divulgación relacionados coa astronomía e que encontran en San Bartolomeu un escenario de categoría, no que cada ano se congregan multitude de veciños e visitantes.