Presentan o Plan de Saúde Local de Santa Comba

A xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, e a xefa do servizo de Atención Primaria de Santa Comba, María Dolores López Fernández, expuxeron esta mañá o Plan de Saúde Local na Casa do Pozo do concello.

A Consellería de Sanidade presentou recentemente 14 destes plans en atención primaria, entre os que están tres da área sanitaria compostelá (Santa Comba, A Estrada e Teo) sendo a área que máis centros incorpora este primeiro ano e que arestora xa están en marcha.

Cada un deles desenvolveu o seu propio programa creado polos profesionais na procura da eficiencia en base á mellora da satisfacción dos usuarios e profesionais, ante os retos asistenciais derivados da situación demográfica e epidemiolóxica actual, facendo fincapé na promoción da saúde, na prevención e na participación comunitaria.

O Plan de Accións do Servizo e Atención Primaria de Santa Comba inclúe, como obxectivo xeral, propiciar melloras na saúde da poboación para o que prepararon un proxecto aberto e participativo que permite facer fronte ao problemas sanitarios e sociais da comunidade

Establece liñas encamiñadas a mellorar a satisfacción dos profesionais con liderado, e a comunicación, formación, docencia e investigación; afonda na atención integral do paciente (desenvolvendo programas de xestión da demanda, de atención ao paciente, e optimizando a coordinación de Atención primaria e hospitalaria e a xestión interna). Tamén recolle un mapa de recursos de interese para a saúde en cada un dos eidos locais, liñas de traballo na busca do incremento da satisfacción dos usuarios (traballando a comunicación e a percepción) e das súas necesidades, e potenciar a función comunitaria sobre saúde poboacional.

Destaca o desenvolvemento de programas específicos de promoción da saúde con hábitos de vida saudables, incentivando a práctica deportiva guiando aos cidadáns na liña do exercicio físico con obxectivo da prevención da obesidade.

Entre as liñas de actuación concretas a xefa do servizo, a doutora López, salienta o deseño e planificación de accións destinadas ás intervencións comunitarias a realizar este ano para reducir as patoloxías crónicas máis prevalentes. Tamén o traballo xa na xestión e análise de queixas (motivos, causas e tendencias) e a identificación de accións de mellora a emprender.

A adecuación da axenda de cada profesional sanitario de acordo cos criterios de calidade establecidos e coas necesidades xerais do propio Servizo de Atención Primaria, así como a difusión dos resultados da análise de saúde poboacional entre os grupos de interese externos relevantes (pacientes, concello, asociacións, centros educativos, centros residenciais) para incrementar o sentimento de propiedade e responsabilidade da cidadanía e avanzar no seu empoderamento, son outras das accións a levar a cabo.

Está en marcha o proxecto de recabar información dos pacientes/usuarios sobre os recursos que máis lle interesan ou lles axudan a sentirse ben e mellorar o seu estado de saúde e potenciar as relacións con aqueles recursos que teñen maior aceptación/demanda.

Tamén se está planificando as accións comunitarias que permitan mellorar a saúde da poboación considerando os datos de saúde poboacional do territorio segundo a clasificación dos pacientes (mobilidade, complexidade, situación social e/ou motivo de consulta), necesidades e expectativas dos pacientes, capacidade dos procesos e a percepción dos profesionais e os obxectivos xerais e específicos do presente plan local de saúde