
“AQUÍ VIVES, TI DECIDES – ELABORACIÓN ESTRATEXIA LEADER 2023-
2027”
O Concello Santa Comba xunto co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR)
Terras de Compostela, está traballando na elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (período 2023-2027). Co obxecto de dar resposta ás necesidades do territorio e impulsar o potencial local, estase deseñando un proceso participativo aberto a todas as institucións, axentes económicos e sociais, tecido asociativo e veciños/as do territorio de actuación (A Baña, Ames, Boqueixón, Brión, Negreira, Teo, Santa Comba, Santiago de Compostela, Val do Dubra e Vedra), que estean interesados/as en propoñer actuacións e debater en torno á futura Estratexia de Desenvolvemento Local.
O Concello Santa Comba e o GDR Terras de Compostela, animámoste a participar no PROCESO DE ELABORACIÓN DA ESTRATEXIA DE DESENVOLVEMENTO LOCAL no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2023-2027.
Lugar: Auditorio Edificio Multiusos de Santa Comba:
Data – Hora: Xoves 1 de Decembro. 20:30h
Enderezo: Rúa Curros Enríquez S/N
- info: Oficina de Turismo. Tf. 663 728 968
En caso de non poder asistir presencialmente á xuntanza, poderías participar igualmente, cubrindo unha enquisa, xa que a súa opinión e o coñecemento da realidade do seu ámbito de actuación son de gran importancia para o desenvolvemento da zona e de cara á planificación estratéxica.
LIGAZÓN DA ENQUISA: https://forms.gle/uZ6jER2zF1mtVJDfA
- Que é o LEADER?
É unha medida do PDR de Galicia que conta con fondos europeos e que financia proxectos de desenvolvemento local promovidos por persoas físicas ou xurídicas, asociacións, etc. Leader é unha ferramenta esencial para a dinamización e o emprendemento no medio rural.
- Que é o Grupo de Desenvolvemento Rural?
A Asociación Terras de Compostela nace no ano 2008 como asociación sen ánimo de lucro, entidade colaboradora da Administración na xestión da medida Leader, de aí que reciba o nome de Grupo de Desenvolvemento Rural.
- Cal é o ámbito de actuación do GDR Asociación Terras de Compostela?
O territorio delimitado polos seguintes Concellos: Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Santa Comba, Santiago, Teo, Val do Dubra e Vedra.
- Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP)
As EDLP perseguen satisfacer as necesidades económicas, sociais e medioambientais dun territorio, así como reforzar e aumentar o seu potencial a través dos seus recursos endóxenos, é dicir, do propio territorio.
Para elo, analízanse as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades da zona, a través da implicación dos actores locais, dado o seu coñecemento da área e a importancia de que participen na súa gobernanza. A estratexia elabórase conxuntamente, facendo partícipe á comunidade no seu desenvolvemento.
Así, os seus obxectivos son a dinamización da área, a creación de infraestruturas, a xeración de empresas e emprego e a permanencia e/ou ampliación da oferta de servicios.