981 880 075 Pza. Concello, 1 - 15840 Santa Comba

Presentación Erasmus + en Santa Comba

0


Acto informativo para douscentos mozos.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar organizou unha xornada informativa en Santa Comba (A Coruña) na que 200 mozos e mozas puideron coñecer o novo programa da Unión Europea para a educación, a formación, a mocidade e o deporte ‘Erasmus+’.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, explicou que ‘Erasmus+’ ten unha dotación orzamentaria total de 1.800 millóns de euros en 2014 e reflicte tres liñas diferenciadas de actuación e financiamento: proxectos de mobilidade, tanto dos mozos e mozas como do persoal que traballa no eido da xuventude; actividades que fomenten a colaboración entre institucións e organizacións xuvenís co mundo laboral; e actividades de apoio ao dialogo entre os mozos e os sistemas educativos, formativos e as institucións democráticas.
O primeiro prazo para presentar solicitudes en Erasmus+ rematará o vindeiro 17 de marzo de 2014. A información provisional e os documentos dispoñibles ata o de agora deste novo programa está aberta á consulta no portal da Comisión Europea.
Esta nova iniciativa entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro, despois de que rematara o programa ‘Xuventude en Acción’, que se viña desenvolvendo desde 2007. Neste sentido, Ovidio Rodeiro destacou que este ano Galicia foi unha das comunidades máis activas tanto no número de proxectos presentados e aprobados como nos fondos recibidos da Unión Europea para a realización de proxectos promovidos por asociacións e grupos informais de mozos e mozas galegos.
‘Xuventude en Acción’ foi un programa creado para promover a mobilidade dos mozos e mozas europeos, infundindo así un sentimento de cidadanía europea activa, solidariedade e tolerancia entre a mocidade co fin de promover a súa implicación na construción europea. O mesmo fomentou a mobilidade dentro e fóra dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural, e tamén apoiou a empregabilidade e a inclusión de todos os mozos e mozas independentemente do contexto social, educativo ou cultural ao que pertenzan.
O director xeral explicou que este elevado índice de participación “pon de manifesto unha importante iniciativa dos mozos e mozas galegos en temas de mobilidade e participación activa en todas as actuacións que teñan que ver coa adquisición de competencias mediante a aprendizaxe non formal”. No ano 2013 foron aprobados en Galicia un total de 54 proxectos nos que participaron máis de 1.000 mozos e cun presuposto total de 853.780 euros.
A xornada de hoxe destinouse a participantes en proxectos do programa europeo ‘Xuventude en Acción’ entre os anos 2007 e 2013, a técnicos de información xuvenil, a líderes de asociacións xuvenís, culturais ou de outros ámbitos, a monitores xuvenís, a responsables da toma de decisións políticas en materia de xuventude, e a mozos e mozas non asociados.

Así mesmo, con ocasión desta xornada, presentouse o quinto libro de mobilidade xuvenil de Galicia, que recolle a maioría dos proxectos de mobilidade de 2013 xestionados desde a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

FONTE- XUNTA DE GALICIA

Compartir

Publicar

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y realizar estadisticas ACEPTAR