981880075
Seleccionar página


Antonio Landeira interesouse polas deficiencias no colexio de Traba e ofreceu o apoio do goberno para dar solución as mesmas.

O alcalde visitou o “Pepe de Xan Baña” e mantivo unha xuntanza coa Directora do centro, Beatriz Moldes.
O alcalde de Santa Comba, Antonio Landeira e a responsable do departamento de Educación, María Pose realizaron hoxe unha visita ó C.EI.P. “Pepe de Xan Baña” de Traba-Castriz, onde mantiveron unha xuntanza coa directora do centro, Beatriz Moldes Suárez, e percorreron as instalacións, para coñecer as necesidades existentes. Tamén estiveron presentes a Xefa de estudos do colexio e o encargado da Brigada de Obras municipal.
Desde a dirección do colexio formularon diversas cuestións que afectan tanto ó interior do recinto (arranxo de persianas, reparacións nos servizos públicos e outras dependencias, limpeza da caldeira e varias obras menores) coma no exterior (melloras no patio escolar, parque infantil, ou nas zonas verdes).
“Comprobamos que existen moitas deficiencias, das cales tomamos nota e imos darlle as solucións desde a medida do posible, pero poñendo a máxima vontade política” declarou Antonio Landeira.
O CONCELLO DARÁ RESPOSTA ÁS DEMANDAS
Desde o concello de Santa Comba vanse realizar as tarefas de mantemento oportunas e os arranxos solicitados no interior do centro e tamén se pretende o adecentamento dos xardíns e zonas verdes, así como a mellora da zona do depósito de auga e a limpeza da caldeira.
No tocante ó patio escolar, unha das demandas existentes é a protección das columnas e o peche dunha parte da estrutura, así como a necesidade de efectuar algunhas melloras no parque infantil.
O alcalde xalleiro e a concelleira de Educación queren coñecer o estado dos distintos centros educativos, ofrecendo a colaboración municipal dentro das súas competencias. As cuestións que que escapen desas responsabilidades serán expostas polo goberno local ante a Xunta de Galicia.