981 880 075 Pza. Concello, 1 - 15840 Santa Comba

Reducir, Reutilizar, Reciclar….e agora, Compostar

0

Reducir, Reutilizar, Reciclar… e agora, Compostar

Con este lema o Concello de Santa Comba emprende unha campaña de sensibilización e de compostaxe doméstica, para a minimización de refugallos urbanos e mellora na clasificación de envases no municipio co fin de acadar un desenvolvemento sostible que permita satisfacer as necesidades actuais ó tempo que garanta a dispoñibilidade de recursos e o benestar das futuras xeracións.

Hoxe en día consómense multitude de produtos innecesarios e case todo o que mercamos vén en numerosos envases e embalaxes, os cales acaban case irremediablemente no lixo que aumenta o seu volume constantemente, o que crea un serio problema á hora de eliminar os refugallos, dificultando seriamente a consecución do obxectivo do desenvolvemento sostible.

Todo esta problemática pode mellorar considerablemente con pequenos xestos, que apenas supoñen esforzo e que no seu conxunto nos levan a cambiar os hábitos de comportamento da nosa sociedade converténdoa nunha sociedade sostible en harmonía co seu contorno.

Para lograr estas metas é moi importante acadar unha redución na produción de refugallos nos fogares, así como mellorar a clasificación do lixo que se produce, favorecendo deste xeito o proceso da reciclaxe.

Ademais, a través da redución do lixo que producimos, podemos recuperar unha serie de hábitos de uso tradicional dos residuos, como pode ser a xeración do compostaxe, un abono natural moi bo, que se obtén a partir de restos vexetais de podas, colleitas, etc. xunto cos restos de comida que se xeran nos fogares.

Por unha banda, consciente da necesidade de transmitir ós cidadáns os consellos e pautas necesarias acerca da minimización e clasificación de refugallos, o proxecto posto en marcha polo Concello de Santa Comba contempla as seguintes actividades:

¨ O deseño e edición de folletos e carteis informativos con boas prácticas sobre a minimización de refugallos, clasificación de envases e compostaxe doméstica.

¨ A realización de 20 reunións-charlas nas distintas parroquias e no centro do Concello para informar sobre a recollida do lixo e uso do punto limpo. O Concello anima a tódolos veciños a asistir a estas charlas, para o cal ten reservada algunha sorpresa.

Por outra banda, o Concello de Santa Comba considera imprescindible dar un paso máis e inicia un proxecto de compostaxe doméstica en 30 vivendas, ás que se lle asinará un composteiro para incidir no aproveitamento dos restos vexetais e o aproveitamento tradicional dos restos orgánicos. Para participar neste proxecto é preciso apuntarse na Área de Medio Ambiente do Concello (Tlf.: 981.880.275). Entre os veciños apuntados escolleranse mediante sorteo ós 30 participantes no proxecto.

Para finalizar, cómpre sinalar que esta campaña se realiza grazas a unha axuda da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible concedida ó abeiro da Orde do 21 de febreiro de 2008, pola que se estableceron axudas para a realización de actividades de educación para a sustentabilidade.

Compartir

Publicar

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y realizar estadisticas ACEPTAR