981880075
Seleccionar página

I FESTIVAL DA CANCIÓN DO XALLAS´09

A tradicional traxectoria musical da comarca do Xallas vén de lonxe, afianzada polas numerosas e importantes bandas de música, igual cás importantes orquestras que, ó longo do tempo adquiriron relevancia dentro e fóra da nosa comarca, incluso a nivel internacional.

Tamén é de importante relevancia o feito de que recentemente algúns veciños da nosa comarca adquirisen gran popularidade en concursos e programas televisivos, o que nos fai pensar desde o concello que esa raigame artística musical segue en pé hoxe en día.
Nace así a idea de relanzar culturalmente unha parte importante da arte musical por medio dun concurso-festival, que sitúe a nosa comarca na vangarda artística que xa outros concellos e comarcas adquiriron para eles, dándolles prestixio e satisfaccións a nivel social e cultural.
É por todo iso que animamos a todos a participar neste certame, independentemente de saber cantar moi ben ou non, de ter experiencia ou ser a primeira vez que se sobe a un escenario, de saber música ou non saber ler unha nota, non importa ser bo ou menos bo, só importa tentalo.

BASES DO FESTIVAL:
BASE PRIMEIRA. Desenvolvemento do festival.
O festival estará enfocado a participantes con idades comprendidas entre os 4 e os 17 anos incluidos, tomando como data de referencia a que vai dende o inicio da inscrición ata o final do concurso, composto por diferentes fases que se organizan da seguinte maneira:
Fase 1. Inscrición. Categorías a concurso.
Os concursantes apuntaranse dende o 20 de abril ata o 13 de maio de 2009, persoalmente acudindo á casa da Cultura do Concello de Santa Comba, ou por telefono no número 981 88 02 75, dando os seus datos persoais (nome e apelidos, DNI, domicilio, tfno. e correo electrónico), así como unha serie de datos relacionados co seu currículo musical (formación, experiencia, participacións noutros festivais,…etc.). O feito de que os datos contidos no currículo non respondan á verdade, suporá a anulación automática da participación neste festival.
Dado que os participantes serán todos menores de idade, será de obrigatorio cumprimento a autorización escrita dos seus representantes legais para poder participar neste festival.
A organización poderá establecer, se o estimase oportuno, un límite de participantes que poderán concursar, que virá determinado por rigurosa orde de inscrición.
Os participantes poderán actuar como dúo.
NOTA IMPORTANTE: dado o carácter individual deste certame, non se admitirán grupos completos para o acompañamento musical. Infórmese na organización sobre o tipo de acompañamento musical que se poderá traer ó concurso
Fase 2. Ensaios, elección de canción e acompañamento.
Unha vez rematado o prazo de inscrición aprobaranse as listas cos participantes dentro de cada categoría e fixaranse as datas de ensaio, que terán lugar no mes de maio, de luns a venres (en horario de tarde por determinar) con cada participante.
Co fin de arranxar as inquedanzas dos participantes a organización terá un primeiro contacto con cada participante e o/os músico/s acompañante/s, onde se estudará a canción escollida, a voz e tonalidade do participante e calquera outro elemento, co fin de mellorar a execución da canción escollida. Este primeiro contacto non terá a consideración de ensaio.
A mesma canción non poderá ser interpretada por varios participantes, salvo que a canción escollida sexa interpretada en versións distintas que poidan existir da obra musical.
No caso de que concorran situacións e circunstancias excepcionais nos que os participantes non poidan preparar outra canción distinta, será decisión da organización xunto co xurado admitir a interpretación do mesmo tema por dous participantes.
No caso de que haxa máis dun concursante que queira interpretar a mesma canción, a preferencia virá determinada pola orde de inscrición no concurso. A organización respectará calquera acordo ó que poidan chegar os participantes relativo a este punto.
Despois do primeiro contacto, farase un cadro de ensaios, que tratará de axustarse na medida do posible a cada participante, podendo implicar que non todos os participantes teñan o mesmo número de ensaios, que tamén poderá depender da dispoñibilidade dos aspirantes, tendo preferencia de ensaios os que menos preparación teñan, fronte ós que a necesitan menos.
A organización do festival porá a disposición dos participantes un músico que os acompañará en directo. Isto non significa que obrigatoriamente o participante teña que estar acompañado por dito músico.
Cada participante poderá traer consigo a súa propia maqueta, play-back ou calquera outro tipo de instrumento musical que sirva de acompañamento, aínda que se valorará que a participación se efectúe integramente en directo, dada a natureza deste certame.
O play-back que se presente non poderá ir acompañado de voz principal, aínda que se consentirán as mínimas voces secundarias ou de acompañamento que a canción precise. A presentación do play-back farase en CD.
Se o participante decide non ser acompañado polo músico, deberá comunicar o tipo de acompañamento que levará, o instrumento ou instrumentos para acompañarse, co fin de que os técnicos de son tomen as medidas oportunas.
Fase 3. Desenvolvemento do concurso. Eliminatorias.
O festival constará dunha eliminatoria previa, onde se escollerán un mínimo de 5 aspirantes a gañador, e unha gran final. As datas serán as seguintes: a eliminatoria o dia 22 de maio, e a final o día 29.
Os finalistas poderán optar entre interpretar o mesmo tema que na eliminatoria, ou ben cambialo por outro que xa teñan preparado. A organización valorará se hai tempo suficiente como para poder preparar outro tema en condicións de ser executado correctamente.
A orde de participación dos concursantes será por rigurosa orde alfabética de apelidos.
No caso de que se precise, cada finalista entregará á organización do certame un pequeno currículo sobre a súa vida profesional e persoal, co fin de que os guionistas poidan confeccionar unha breve reseña sobre a súa persoa para a súa presentación ó público.
BASE SEGUNDA. Xurado.
O xurado, que será designado polo Alcalde-Presidente do Concello, estará composto por seis membros, un presidente e cinco vocais, actuando un deles como secretario con voz pero sen voto.
BASE TERCEIRA. Premios.
Os gañadores obterán os seguintes premios:
  • 3º PREMIO………………………………………….. 200,00 € + trofeo.
  • 2º PREMIO……………………………………………300,00 €. + trofeo.
  • 1º PREMIO……………………………………………500,00 €. + trofeo.
BASE FINAL
A participación neste I Festival da Canción do Xallas´09 do Concello de Santa Comba supón o coñecemento e aceptación expresa, sen reserva ningunha, do contido das presentes bases.