981880075
Seleccionar página

PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL. ARTIGOS PRINCIPAIS

NORMAS E ORDENANZAS REGULADORAS DO SOLO URBANO

Art. 75.- Delimitación e ámbito.

Constitúen solo urbano os terreos que o presente Plan clasifica como tal por ter a súa ordenación urbanística consolidada e contar con servizos urbanísticos axeitados á edificación existente, así como aqueles que, en execución do planeamento, cheguen a dispoñer de ordenación e servizos.

En consonancia co anterior distínguense as categorías de solo urbano consolidado e non consolidado.
O solo urbano non consolidado constitúeno aqueles terreos que se deben someter a un proceso de execución integral (trazado de rúas, reparcelación e dotación de servizos urbanísticos) e polo tanto inclúense en Polígonos para o seu desenvolvemento integral (Pnc).

Dentro do solo urbano clasifícase o da vila de Sta. Comba – Sta. Cataliña.

Art. 76.- Tipos de Ordenanzas en Solo Urbano.

Establécense as seguintes ordenanzas reguladoras da edificación máis outras dúas relativas aos equipamentos e zonas verdes:

1. Rueiro pechado
2. Edificación en ringleira
3. Bloques abertos
4. Edificación extensiva
5. Equipamentos
6. Zonas verdes e espazos libres

Art. 77.- Réxime urbanístico do Solo Urbano.

A. Solo Urbano consolidado.

1.- Os propietarios de terreos incluídos en solo urbano consolidado, adquiren, co acto e aprobación do P.X.O.M. o dereito a edificar. Para iso deberán solicitar a oportuna licenza, que lles deberá ser outorgada consonte ao presente Plan, e deberán edificar nos prazos que se fixa neste.
2.- Os propietarios deste tipo de solo deberán completar pola súa conta a urbanización necesaria para que estes terreos acaden, se ainda non a tiveran, a condición de terreo edificable.

B. Solo Urbano non consolidado

1.- Os propietarios dos terreos clasificados como solo urbano non consolidado, polo tanto, incluídos en Polígonos (Pnc), soamente adquiren o dereito a urbanizar, debendo, para poder edificar, proceder ao desenvolvemento e execución de Plans Especiais de Reforma Interior, Estudos de Detalle e Proxectos de Urbanización.

2.- Os devanditos propietarios teñen as seguintes obrigas:

2.a     Ceder obrigatoriamente e gratuitamente ao concello os terreos destinados a vieiros, parques, xardíns e demais dotacións públicas, xa sexan de carácter xeral ou local.
2.b     Ceder o terreo necesario para situar o 10% do aproveitamento tipo da área de reparto.
2.c     Realizar a distribución de cargas e beneficios, segundo o Art. 95 e seguintes da L.S.G.
2.d     Costear e executar a urbanización.

3.- Os límites dos Polígonos determinados no Plan e das unidades ou polígonos determinados no Plan e das unidades ou polígonos que se poidan determinar para o desenvolvemento deste deberán realizarse sobre base cartográfica oficial axeitada e sinalando, de acordo á certificación das propiedades segundo os catastros oficiais. Neste acto poderán así mesmo readaptarse os límites de superficie en exceso ou defecto, non admitíndose outras variacións dimensionais que as derivadas razoablemente do cambio de escala.

Art. 78.- Requisitos de urbanización para edificar en solo urbano.

1.- Para outorgar licenza de edificación en solo urbano cómpre que a parcela conte cos seguintes elementos de urbanización: acceso rodado público pavimentado, encintado e pavimentación de beirarrúas de ser o caso, redes de subministración de enerxía eléctrica, de abastecementos de augas, de     saneamento e de iluminación pública, conectadas ás redes xerais do municipio e suficiente para a edificación que deben servir.
2.- Poderase outorgar licenza condicionada ao remate das obras de urbanización cando se asegure a execución simultánea desta.

Para iso establecerase unha fianza de garantía que acadará o total do valor das obras de urbanización necesarias; para tal fin, nos procedementos de concesión de licenza, os técnicos municipais informarán sobre estes extremos, carecendo de eficacia a licenza mentres non se constitúa a garantía.

Non se considerará asegurada a execución simultánea mentres non se acade o pleno dominio e afectación ao uso público da totalidade dos espazos públicos no que deberán de executarse as obras de urbanización.

Art. 79.- Outras condicións de aplicación en solo urbano.

1. Para os efectos dos parámetros urbanísticos, a superficie de parcela a ter en conta será a superficie neta cualificada como solo urbano consolidado en cada unha das ordenanzas, polo tanto, non se poderán computar as partes de parcela cualificadas noutras ordenanzas, as destinadas a vieiros ou espazos libres públicos ou ben as non clasificadas en solo urbano.

2. Nos lindeiros correspondentes, serán obrigatorios os recuamentos de 1/3 da altura da edificación e mínimos de 3 m., as edificacións que se sitúen en parcelas estremeiras con outras non clasificadas como solo urbano.
Gardarase un recuamento mínimo de 3 m. nas parcelas estremeiras con outras cualificadas con ordenanzas que posibiliten recuamentos laterais. Así mesmo gardarase este recuamento no lateral das parcelas estremeiras con equipamentos existentes formados por edificacións illadas.

3. Camiños de servizo existentes. Na planta baixa, as edificacións estremeiras poderán unicamente abrir ocos de accesos tales como portas ou portalóns de entrada a garaxes. Nas plantas altas poderanse abrir luces cara a estes camiños sempre e cando se cumpran as condicións de patio que se fixan no uso residencial.

4. As edificacións terán totalmente resoltos, por conta do propietario, todas as instalacións técnicas necesarias nas condicións fixadas por estas normas e a lexislación vixente, así como a súa conexión ás redes municipais.

 

ORDENANZAS DE SOLO URBANO

Art. 80.- Ordenanza

1. Edificación de Rueiro Pechado.
Corresponde a ordenacións volumétricas en edificacións entre medianeiras, con fronte a unha ou varias rúas.

1.1- Condicións de parcelación e volume.
– Parcela e fronte mínimos edificables: serán os catastrais existentes, agás para efectos de posibles parcelacións en que se esixirán parcelas mínimas de 100 m2 cunha fronte mínima de 8m.
– Fondo máximo edificable de parcela. Nas plantas baixas e sotos poderase acadar unha ocupación do 100% da parcela. Deberase xustificar o cumprimento das condicións de protección contra incendios para o uso proxectado para estas plantas, e no defecto para os usos comercial e de garaxe respectivamente.
– As aliñacións son as sinaladas nos planos, aínda que se poderán efectuar recuamentos ou patios a fachada, sempre e cando non se deixen medianas á vista.

1.2.- Condicións de uso.
Autorízanse os seguintes usos:
 *Vivendas unifamiliares e plurifamiliares.
 *Hoteleiro e Residencial, en todas as súas categorías.
 *Garaxe aparcamento, en categorías 1ª, 2ª e 4ª.
 *Industrial en categorías 1ª, 2ª e 5ª.
 *Oficinas.
 *Comercial, en todas as súas categorías.
 *Espectáculos e salas de reunión.
 *Equipamento.
Todos os anteriores deberán cumprir as Ordenanzas Xerais de Uso desta normativa, así como a lexislación de rango superior que lle sexa aplicable.

Será obrigatorio, nas novas edificacións con máis de catro vivendas ou 400m. doutros usos, a previsión dunha praza de aparcamento por vivenda e cada 100 m. doutros usos, que se situará na planta baixa ou soto, ou patio de parcela.

Art. 81.- Ordenanza

2. Edificación en Ringleira.
Corresponde a ordenacións volumétricas en edificacións acaroadas ou non, situadas normalmente en zonas pegadas ao núcleo urbano, predominantemente en edif. plurifamiliar, que non chegan a pechar rueiros.

2.1.- Condicións de parcelación e volume.
– Parcela e fronte mínimos edificables: serán os catastrais existentes, salvo para os efectos de posibles parcelacións en que se esixirán parcelas mínimas de 150 m2 cunha fronte mínima de 8 m.
– Fondo máximo de edificación 15 m. en plantas altas e 25 m. en plantas baixas e sotos.
– As sinalizacións son as indicadas nos planos, aínda que poderán efectuarse recuamentos ou patios a fachadas, sempre e cando non se deixen medianeiras á vista.
– Recuamentos cara a lindeiros. Non se esixen cara a lindeiros laterais, cara ao linde posterior serán de 3 m. No caso de edificación illada, cara a un ou cara a ambos os dous lindes, serán de 3 m.
Como norma xeral non se autoriza a creación de medianeiras vistas, polo que, se existe edificación acaroada, deberán cubrirse as medianeiras coas novas edificacións, e non poderán crearse novas medianeiras se na parcela estremeira a edificación está recuada dese linde.
– Recuamento mínimo cara ao fondo de parcela, 3 m.

2.2.- Condicións de uso.
Autorízanse, en idénticas condicións, os usos da ordenanza 1.

Art. 83.- Ordenanza

4. Residencial Extensiva.
A tipografía autorizada é a de edificación acaroada ou illada.

4.1.- Condicións de volume.
-Parcela mínima edificable: 250 m.
-Ocupación máxima: 60%
-Freo mínimo: 8 m.
-Altura máxima edificacións: baixo e un andar equivalente a 7,0 m.
-Edificabilidade máxima: 0.8 m2.
-Recuamentos cara a lindeiros. Non se esixen cara a lindeiros laterais, cara ao linde posterior serán de 3 m. No caso de edificación illada, cara a un ou cara a ambos os dous lindeiros, serán de 3 m. Como norma xeral non se autoriza a creación de medianeiras vistas, polo que, se existe edificación acaroada deberán cubrirse as medianeiras coas novas edificacións, e non poderán crearse novas medianeiras se na parcela estremeira a edificación está recuada.
-Edificacións auxiliares. Permítense, sen computar edificabilidade pero si ocupación, a construción de alpendres, garaxes e outras edificacións auxiliares, cunha altura máxima de 4.0 m. e cunha superficie máxima de 30 m.

4.2.- Condicións de uso.
Autorízanse os seguintes usos:
 * Vivendas unifamiliares.
 * Hoteleiro e Residencial, en todas as súas categorías.
 * Garaxe aparcamento, en categorías 1ª, 2ª, 3ª e 4ª.
 * Agropecuario en categoría 3ª.
 * Industrial en categorías 1ª, 2ª e 5ª.
 * Oficinas.
 * Comercial en categorías 2ª e 3ª.
 * Espectáculos e salas de reunión.
 * Equipamento.

Todos os usos anteriores deberán cumprir as Ordenanzas Xerais de Uso da presente normativa así como a lexislación de rango superior que lle sexa aplicable.
Será obrigatorio, nas novas edificacións, a previsión dunha praza de aparcamento por vivenda ou cada 100 m. doutros usos, que se situará no interior da parcela.

Art. 84.- Ordenanza

5. Equipamentos.
Son os sinalados como tales nos correspondentes planos de ordenación. Correspóndense cos equipamentos existentes públicos ou privados e cos terreos que, no futuro, serán obxecto de cesión no desenvolvemento do P.X.O.M.
O seu réxime urbanístico regúlase polas condicións establecidas no Art. 44.

Art. 85.- Ordenanza

 6. Zonas verdes e espazos libres.
 Comprende os espazos libres e xardíns de dominio e uso público existentes, así como aqueles resultantes de cesión no desenvolvemento dos polígonos delimitados.
O seu réxime urbanístico regúlase polas condicións establecidas no Art. 45.