981880075
Seleccionar página

PERSONAXES

Conscientes de que os verdadeiros autores da nosa historia son tódolos fillos e fillas de Santa Comba, vaia esta lembranza a uns poucos, como testemuño do noso e do voso recoñecemento a todos e cada un deles, dos que desde postos relevantes, a empresa, a música, o traballo ou o máis humilde anonimato, contribuíron, desde o noso pasado máis afastado ata hoxe mesmo, a engrandecer o nome e prestixio do noso Concello.

 

Relixión 

Frei Basilio Río Brenlla "O padre Basilio".
Naceu o 5 de outubro de 1913 en San Salvador de Padreiro e finou en Xerusalén, onde foi soterrado segundo a súa vontade o 17 de outubro de 1994. Entre 1927 e 1930 cursou os estudos humanísticos no seminario franciscano de Herbón (Padrón) e vestiu o hábito da orde de San Francisco o 30 de xullo de 1930. Despois de estudar teoloxía en Santiago de Compostela, ordenouse sacerdote o 6 de xuño de 1941. Durante nove anos desempeñou o oficio de organista e dedicouse á ensinanza desta materia. Simultaneou este labor co de administrador dos centros franciscanos de Ponteareas e Herbón, así como o traballo apostólico coa xuventude Antoniana da vila de Ponteareas.
O 6 de novembro de 1950 incorpórase á Misión de Terra Santa, a "pérola das misións" no dicir dos seguidores do santo de Asís. Alí, primeiro durante oito meses presta servizo no Santo Sepulcro, e logo é destinado á Procura Xeral de Terra Santa, no convento de San Salvador, onde permanece por espazo de 30 anos, co que acada o grao de procurador xeral (1968-1981) e convértese no derradeiro dos procuradores xerais en Terra Santa. Polos seus longos anos de servizo como procurador xeral, o goberno español, daquela da UCD, concedeulle a "Encomenda de Isabel a Católica". Ó mesmo tempo entre 1951 e 1962 foi corista custodial e sempre traballou en Palestina nas obras de beneficiencia, nomeadamente como membro do comité da parroquia latina de Xerusalén. Rematado o seu período como procurador en Terra Santa foi superior no Santo Sepulcro (1981-1983), en Betania (1983-1990) e en Caná de Galilea (1990-1993).
Con 80 anos, en xaneiro 1994, cando xa estaba enfermo veu a Santiago e visitou á súa familia, que lle propuxo quedar aquí, pero el quixo volver -sempre dicía que quería ser enterrado no Monte Sión en Palestina- como así foi, no outono dese mesmo ano 94. O seu biógrafo P. José Rodríguez di del: "recordámolo sempre á porta destes santuarios acollendo con xesto sereno e gozoso a todo o que chegaba como peregrino ou como simple turista. O seu sorriso cativaba a uns e outros. Lembrarémolo camiñando polas rúas de Xerusalén con paso lixeiro para socorrer necesidades. Recordarémolo paseando polos corredores da enfermaría coa vontade de recuperar as forzas que lle permitiesen volver ó seu traballo cos peregrinos. Lembrarémolo como un home manso e humilde, risoño e xovial. Recordarémolo, sobre todo como un frade que amou profundamente a súa vocación de Hermano Menor e que amou con paixón a Tierra Santa. Por ela sufriu, con ela gozou e nela serviu fielmente ó Señor".

Frei García de Pardiñas Villar de Francos.
Naceu o 12 de xaneiro de 1672 en Cícere de Abaixo, que daquela dicíase "Síser", e morreu en Tarazona (Zaragoza) o 29 de marzo de 1741, onde foi soterrado o seu corpo, na catedral, aínda que posteriormente os seus restos mortais acabaron enterrados na Capela do Cristo do convento de Conxo. Foi un home relevante como escritor e membro da xerarquía eclesiástica católica nos séculos XVII e XVIII; chegou a ser bispo mercenario de Tarazona, provincial da súa orde relixiosa e catedrático de Teoloxía Moral en Salamanca. García Pardiñas, que tiña gran devoción pola Virxe María, estudou no colexio de Fonseca (centro de prestixio para as familias fidalgas) e entrou no convento mercenario de Conxo en 1689 con 17 anos, despois de estudar Artes e dous anos de Teoloxía. Despois de superar a "probanza de sangue como era costume e probar que estaba limpio de sangue xudía ou de calquera outra mala raza" continuou coa súa formación en Tormes, Valladolid e Ávila.
Desde 1700 foi catedrático na Universidade de Salamanca e do 1703 ó 1706 sería reitor do colexio da Vera Cruz. Logo, foi nomeado Visitador Provincial "dos conventos do reino de Galicia e principado de Asturias". Regresou ó seu convento de Salamanca, onde permaneceu ata ser o bispo de Tarazona e no ano 1718 gañou a cátedra de Teoloxía Moral. En 1719 foi elixido mercenario Superior provincial de Castela; un ano despois o rei Felipe V presentouno para bispo de Tarazona, en Aragón. Na súa parroquia natal de Cícere, ademais de refacer a igrexa e levantar a capela de Nosa Señora da Mercede, puxo no altar maior as imaxes de San Pedro Nolasco e San Ramón Nonato, achegou lámpadas de prata, alfaias para o templo e creou unha fundación e capelanía da Mercede, que pasaron por diversas reviravoltas despois da súa morte. No exterior da súa casa colocou o escudo da súa orde mercenaria.
En informes elaborados polo párroco da parroquia en 1946, D. José Cabeza Docampo, figuran doazóns do Bispo Pardiñas consistentes nunha cruz parroquial de prata (gardada daquela na casa reitoral da capital xalleira) e un unha cadea de ouro que lle penduraba á imaxe da virxe María nas procesións.

Padre Eliseo Seoane Bardanca.
Naceu en Vilamaior o 1 de abril de 1915 e faleceu en Santiago de Compostela o 5 de maio de 1986. En 1931 fixo en Santiago o ano do Noviciado e en 1938 a profesión de votos solemnes. Concluídos os estudos de Filosofía, Teoloxía e demais ciencias relacionadas como ministerio pastoral e sacerdotal, ordenouse presbítero no ano 1939.
Durante a Guerra Civil, en 1937, foi desprazado a Lugo onde prestou servizos na milicia, sen perder o ritmo dos seus estudos, sempre cargados de sobresaíntes na súa traxectoria académica. En 1949 e despois de iniciar os estudos de Ciencias na Universidade de Santiago licenciouse en Madrid en 1945 e en 1949 doutorouse coa tese "Sulfamidas Arsenicais". En Santiago de Compostela foi profesor axudante de Química Orgánica (1945-1949), adxunto (1946-1954), profesor agregado de Química Orgánica na Universidade de Barcelona (1967-1974) e catedrático da mesma materia na Universidade de Valencia (1974-1985), ata a hora da súa xublicación lectiva. As súas investigacións e publicacións, coroadas por varias patentes científicas, acredítano como relevante investigador e, de feito,  traballou principalmente nas Universidades Británicas de Londres (Birkbeck Collage, Chemistry Deparment Imperial Collage University) e Glasgow (Chemsitry Deparment), xunto ó premio Nobel de Química do ano 1969, D.H.R. Barton. En Londres elaborou estudos sobre os constituíntes de resinas vexetais Mastic, separando nelas por primeira vez dúas substancias, tirucalol e ácido oleanónico, e outras dúas descoñecidas ás que denominou ácido masticadienónico e ácido isomasticadienónico. Foi director dos departamentos de Química Orgánica de Barcelona e Valencia e do Consello Superior de Investigacións Científicas de España (CSIC).
Presentou estudos no Internacional Symposium on Microchemical Techniques, en Pensilvania (EEUU), entre eles o seu traballo "Demostration of Funcional Groups in Indole Compouns by Micro Scale Reactions". Era membro da Real Sociedade Española de Física e Química, Boletín da Universidade Santiago, Journal of the Chemical Society, Revista de Ciencia Aplicada, Ión, Tetrahedron e Información de Química Analítica, etc. Entre outros méritos ten 105 traballos científicos editados coa súa sinatura, 22 teses de doutoramento dirixidas durante o seu maxisterio, dous grandes proxectos científicios que dirixiu nas Universidades de Santiago e Valencia, e traballou no equipo do premio Nobel Barton que realizou importantes traballos de pescuda sobre triternoideos. Todo isto compaxinouno coa súa laboura de crego e franciscano concretado en diversos labores pastorais como catequese rural, predicación, ensino a futuros frades e publicación de escritos seus en revistas como "Liceo Franciscano" e "Verdad e Vida". Cando finou, no Hospital Xeral de Galicia en Santiago de Compostela, contaba con 71 anos, e foi soterrado en Vilamaior, a súa parroquia natal.

 

Docencia

José Baña Pose "Pepe Xan Baña".
Naceu o 4 de xaneiro de 1872 no lugar de Varilongo (lugar dunha única vivenda), parroquia de Santa Sabiña, onde a terra é mina e sabe a volframio, e morreu na Habana (Cuba) o 16 de outubro de 1945 cando contaba con 73 anos. Foi o poeta máis popular da Terra de Xallas. Asistiu á escola intermitentemente durante tres anos ata que con 17 anos, concretamente o 17 de agosto de 1889, emigrou para A Habana.
Comezou traballando nunha adega, só 18 días, e ós tres anos da súa chegada xa estaba estudando para cura, aínda que abandonou os estudos cando lle faltaba moi pouco para rematar, motivado "polos abusos, a hipocrisía e a dobre moral da Igrexa no seu tempo" como demostra a "Carta ós curas de Santa Comba" escrita en idioma galego. Aínda que o coñecemento e denuncia dos males da igrexa non lle impedirían ser un bo católico practicante, iso si, un católico crítico, que defendía o celibato opcional dos curas. Acadou o título de mestre de instrución pública e con el impartiu docencia en diversos lugares da illa caribeña, onde tivo o seu derradeiro destino, na escola do barrio de Cayajabos, preto dun lugar chamado Artemisa, na provincia de Pinar del Río. Colaborou literariamente no célebre "Diario de la Marina" e participou no ambiente cultural do Centro Galego da capital cubana. Mantivo admiración e amizade con Manuel Curros Enriquez, gran poeta civil da Galicia do século XIX.
Como outros tantos paisanos, os seus últimos tempos pasounos na sociedade dos galegos "La Benéfica", da que era socio de honra e na que recibiu tódalas atencións e coidados médicos necesarios. Os seus restos descansan no Panteón do Centro Galego do Cemiterio de Colón da cidade da Habana. Case sempre escribiu na súa lingua orixinaria e a única ocasión na que volveu á terra natal foi no ano 1921, cando contaba con 49 anos. En Santa Comba hai un colexio de primaria en Traba, na parroquia de Castriz, unha asociación veciñal en Santa Sabiña e máis unha rúa na capital xalleira que levan o seu nome.

Mª Luz Vidal Sanjuán e José Gomez Rubio.
Mª Luz naceu en Fene o 23 de abril de 1914 e casou con José. Os dous chegaron a Santa Comba, o seu destino profesional como mestres en 1944. Aquí vivirían desde aquela ata as datas dos seus respectivos pasamentos. Mª Luz foi destinada primeiramente a Arantón, pasou a formar parte do cadro de profesores do novo colexio comarcal Barrié de la Maza no ano 1973. Xubilouse unha década máis tarde, en 1983, despois de botar 39 anos en Santa Comba. José foi destinado inicialmente a San Cristovo de Mallón, logo pasou á Agrupación Mixta de Santa Comba, onde foi director e secretario da Xunta Municipal ata que no ano 1973, tamén se integrou no novo Colexio Público Barrié de la Maza.
Polo seu labor docence de tantos anos, a Mª Luz foille concedida o 29 de xaneiro de 1996, polo rei Xoán Carlos, a Cruz de Afonso X o Sabio. A José polos 35 anos dedicados enteiramente ó ensino, a Coporación Municipal de Santa Comba deulle o seu nome a unha rúa da localidade.

 

Medicina

Ángel María Carracedo Álvarez.
Naceu en Santa Comba o 25 de novembro de 1955. No seu amplo e brillantísimo currículo figura a licenciatura de medicina con sobresaliente e premio extraordinadrio en 1978 e o doutorado en Medicina en 1982 cunha tese de sobresaliente "cum laude" e premio extraordinario de doutorado.
Obtivo a cátedra de Medicina Legal en 1990 despois da súa formación no Institute of Biochemistry de Uppsala (Suecia), Linköping (Suecia) e Minneopolis (EEUU), así como formación en Xenética Forense e molecular clínica en España, América, Asia e Europa. Ten máis de 30 comunicacións e relatorios en congresos, conferencias, cursos e workshops en practicamente tódolos países Europeos, Xapón, Estados Unidos e Iberoamérica. Dirixiu o departamento de Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses da Universidade de Santiago (93-95), o Instituto de Medicina Legal de Santiago (94-99), o servizo de Xenética Forense (82-94 e desde 1999), a Unidade de Medicina Molecular da Fundación INGO-SERGAS da Xunta de Galicia (desde 1997), diversos grupos de traballo da International Society Forensic Genetics (94-99), 25 teses doutorais, todas coa máxima cualificación e catro con premio extraordinario.
Na actualidade dirixe o Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela que, xunto ó profesor D. Luís Concheiro, convertérono, con todo merecementoc nun centro de referencia internacional no ámbito da xenética forense; non en balde, encóntrase entre os grupos máis avanzados en todo o mundo na  análise de SNPS, secuencias xenéticas moi pequenas, cunha soa variación. Investigadores dos cinco continentes solicitaron os seus saberes científicos entre as paredes desta xa venerable institución.
É o autor de 5 libros, 50 capítulos de libro e unhas 250 publicacións en revistas internacionais de maior impacto na área da Medicina Legal, sobre técnicas de separación bioquímica e xenética humana. Realizou ó redor de 3000 pericias en Xenética Forense (investigación de paternidade, criminalística biolóxica e identificación) de maior relevancia mundial entre 1979 e 1999. Entre as que destacan:  Resolución de incógnitas históricas cos restos neolíticos de Atapuerca para tratar de revelar o mapa xenético do home de Atapuerca, comprobación da autenticidade dos restos da tumba de Cristóbal Colón, xunto coa Universidade de Sevilla, o FBI e outras institucións de renome internacional, autenticidade dos presuntos restos de Ramón Power, considerado un dos pais da patria de Puerto Rico e identificación dos restos humanos das tres rapazas asasinadas en Alcáser, caso este no que logrou realizar a primeira proba de ADN mitocondrial que se aplicou en Europa nun caso xudicial. É o investigador responsable en nove contratos de investigación de especial relevancia con empresas, o investigador principal en 22 proxectos de investigación financiados e o coordinador do programa da Unión Europea STADNAP (Standardization of DNA Profiling in Europe) e da rede do programa CYTED, RIGEMAMEF (Red Iberoamericana de Genética molecular).
Xunto con D. Juan Gómez-Reino, Xefe de Reumatoloxía do Hospital de Santiago, a través dun estudo realizado por encargo da Fundación Barrié detectou un xene que protexe da artrose, unha patoloxía crónica e dexenerativa, e está a estudar a súa función para poder deseñar medicamentos no futuro que poidan tratar esta enfermidade.
Ostenta a Presidencia da Sociedade Internacional de Xenética Forense, integrada polos xenetistas forenses de todo o mundo pertencentes a 750 laboratorios de máis de 80 países, foi elixido no congreso que a sociedade celebrou en San Francisco (EEUU) a finais do 99, sendo a primeira vez en que o cargo recae nun membro dun país latino.
É un dos referentes mundiais no que se refiere á investigación sanitaria e, en concreto, na que engloba todo o relacionado coa xenética, sobre todo, a forense, centrada principalmente na resolución de casos xudiciais, como as probas de paternidade ou certificar a implicación dunha persona nun delito a partir dun simple pelo ou unha mancha de sangue. Os avances que efectuou Carracedo no ámbito forense axudáronlle no seu día a comprobar que os resultados obtidos poderían incidir de maneira positiva noutros campos da medicina; desta forma dedicouse a investigar outras aplicacións médicas da bioloxía molecular, particularmente xenética do cancro e enfermidades hereditarias, así como a xenética de poboacións humanas, sendo na actualidade un dos seus obxectivos máis cobizosos coñecer a implicación dos xenes na aparición e desenvolvemento de certas enfermidades, concretamente, o cancro de mama, de colon e as doenzas hereditarias.
Equipos de investigación do prestixio do FBI norteamericano e Scotland Yard inglés, que teñen a súa propia policía científica, utilizan os métodos que Ángel Carracedo tivo que acreditar; non en balde, preside a comisión mundial de calidade que establece como se deben realizar as probas de xenética forense, e o grupo de traballo que dentro desta sociedade internacional forma España e Portugal, é dos mellores pola calidade da súa pericia e investigación, xunto co alemán, co que se converte nun dos pouquísimos campos científicos nos que Europa está por riba dos EE.UU.
Hoxe en día, pola súa prudencia, sapiencia, e porque foi innovador e segue sendo pioneiro, os seus ditames son reclamados e buscados desde os máis diversos países, institucións, xulgados e policías científicas de todo o mundo, xa que pode considerarse como o máis ilustre xalleiro de tódolos tempos, e a esperanza de futuro está nalgunhas voces que xa o proclaman como futuro premio nobel despois de estar preselecionado para os premios Príncipe de Asturias.
Premios e distincións
* Medalla de ouro Terra do Xallas
* Fillo predilecto de Santa Comba (o Centro Médico da localidade leva o seu nome)
* Premio Galicia de Investigación Sanitaria (Secretaria Xeral de I+D de la Xunta de Galicia 2001)
* Premio Galego do Mundo en Ciencia e Investigación
(Grupo Unedisa do diario El Mundo e Xunta de Galicia 2001)
* Medalla de Prata de Galicia 2002.
* Premio Fundación Fontenla de Medicina Legal
* Cruz ó Mérito Policial con distintivo branco (1996)
* Galego do ano 2003 (El Correo Gallego)
* Diversos premios, distincións e galardóns por diversos traballos de investigación.
 
Antonio Tomé Taboada "Atomé".
Naceu na Casa da Lavana, no lugar de Santa Cataliña, ó lado da Casa do Concello, o 16 de agosto de 1914. Licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago en 1936, pero xa de cativo lle gustaba debuxar.
Na Guerra Civil do 36 estivo como tenente médico na fronte de Toledo, e no ano 1941 foi destinado ó hospital militar de Oviedo, e despois, a Marrocos no ano 1943. Dous anos máis tarde, en 1945, cando contaba con 32 anos, abre consulta de médico en Santa Cataliña. Xa en 1935 amosa as súas creacións como caricaturista nun comercio de Santiago, pero será a partir do ano 1950 cando publique as súas viñetas e debuxos "As paroladas" no periódico herculino El Ideal Gallego, sempre utilizando a nosa língua nos pés das súas viñetas. Aínda que a súa morte se produciu en 1956, este xornal seguiría publicando as súas obras tempo máis tarde. Os debuxos e textos de Atomé tamén se publicaron nos xornais   La Noche de Santiago de Compostela, a revista Chan, que dirixía en Madrid o xornalista Raimundo García Domínguez "Borobó", na revista Medicina Rural e nas publicacións de Cáritas interparroquial "A Nosa Comarca", á que tamén lle facía chegar as súas colaboracións.
Atomé aínda segue moi vivo en moitas casas de Santa Comba, xa que ademais das súas viñetas e debuxos caricaturizou a unha chea de personaxes locais perfectamente recoñecibles e fíxolle retratos a moitos personaxes da vida pública, tanto galega como española. Tamén segue vivo na gastronomía local, xa que un dos pratos que fixeron famoso o restaurante Casa Aurelio, as perdices con verdura, proceden dunha receita que el lle deu a "Pilara", propietaria do local, e que aínda hoxe é este un prato célebre nesta casa de bos xantares. En realidade, a súa especialidade era o caricaturismo que logo derivou cara ó humorismo. As súas obras expuxéronse no Casino de Oviedo (1941), Hostal dos Reis Católicos (Santiago 1961), Unión de Artesáns (Santiago 1965) e, incluso, en Barcelona. O alcume de Atomé procede dun erro do diario El Ideal Gallego ó transquibir a abreviatura do seu nome xunto co seu apelido, o que o marcaría para sempre. A propia profesión de médico, a súa vida en Santa Comba e o seu labor como debuxante e caricaturista fixérono un personaxe moi popular non só na Terra de Xallas. Faleceu o 18 de decembro de 1974, pasados algo máis de tres meses, o 2 de abril de 1975, o pleno do concello acordou por unanimidade que unha das rúas da vila recibise o seu nome, entre a capela da Nosa Señora dos Milagres e ata o final do barrio de Sta. Cataliña, xa que era onde estaba instalada a súa clínica médica. O 16 de decembro de 2000 a Asociación Cultural Comarca do Xallas presentou o libro "Atomé”. O debuxante e humorista de Sta. Comba"

 

EMPRESARIOS

José Suárez Suárez "Raso".
Naceu na Arxentina froito da emigración, pero xa de moi pequeniño viviu en Santa Comba. Foi empresario, xuíz de paz durante 12 anos, encargado de quintas no concello e funcionario durante 33 anos. Foi proposto en varias ocasións para Alcalde, proposta que rexeitou sistematicamente pola súa oposición ó réxime ditatorial do Xeneral Franco. Esta actitude levou a que se producisen varios rexistros na súa casa e fora proposto para fusilamento, xunto con varios veciños de Vilar.
Na súa faceta de empresario dedicouse a xestionar a saída cara á América de tódalas persoas que emigraban fuxindo da probreza, encargándose de todo, incluídos os papeis, autobuses ata Vigo, estadías e xestións ante o consulado, e, en moitas ocasións, mesmo adiantaba os cartos da pasaxe. Xunto co médico Atomé e o alcalde do momento foi o artífice da creación da feira do gaiteiro, que consistía en traer un gaiteiro para amenizar as feiras, en concreto, a terceira, a feira nova, a dos segundos luns de mes. Xestionou un dos primeiros bancos que se estableceron na localidade, o de Hijos de Olimpio Pérez, e na casa na que na actualidade aínda vive estableceuse o telégrafo despois de que estivese en Santa Cataliña, que era xestionado polo seu cuñado Salomón Arce Martínez.
É un dos personaxes máis míticos de toda a historia do fútbol da Costa, non só polos resultados deportivos do club que presidía senón tamén polos métodos de xestión utilizados propios do século XXI, reflectidos mesmo en diarios de prestixio da época como "El Ideal Gallego" ou no desaparecido "Riazor" que na consecución do primeiro título da Copa da Costa, publicou a súa portada coa foto do club e a seguinte frase "O verdadeiro fútbol sen os males do profesionalismo, Moitas grazas, Raso". Posteriormente, outro diario facíase esta pregunta "¿Tivo ol Xallas o seu Lendoiro ou o Deportivo o seu Raso?". Nos 60 cando o Xallas gañou a Copa contra o Negreira, puxo 140.000 ptas da época do seu peto que amortizou na terceira eliminatoria; a final de tempada o club tiña 20.000 ptas de superávit, sen contar as cotas dos socios. No apartado deportivo concentraba os xogadores en pensións de Santiago e durmía con eles para vixialos e evitar que saísen de noite para estar frescos nos partidos, e o mesmo día do partido seguía coa concentración, neste caso, cunha comida na casa do que el consideraba a súa man dereita "Ricardo de Capeáns", contaba no club con médico, o coñecido "Atomé", que xa daquela subministraba vitaminas ós xogadores, e por se fose pouco primaba ós xogadores con 100 ptas  o partido, que se convertían en 500 nas finais. É socio fundador e presidente honorífico do Xallas F.C. e o único membro do club que ten a insignia de ouro do club sufragada polos propios xogadores dos anos 60 (Arufe, Amarelle, Ra, Puchini, Riverita, Ventura, Nicanor, Aparicio, Varela, Pahíño, etc), que novamente se xuntaron en novembro de 2002 para renderlle unha homenaxe, despois da multitudinaria que tivo lugar nos anos 80. Conta coa insignia de recoñecemento ó mérito da Federación Galega de Fútbol e do Colexio Galego de Árbitros.
O pasado mes de decembro de 2005, o Concello de Santa Comba entregoulle o primeiro galardón municipal denominado “Toda unha vida dedicada ó deporte”, durante a primeira gala do deporte do Concello, en recoñecemento ó seu labor. Durante a súa xestión, o Xallas F.C. acadou tres Copas da Costa e dous Subcampionatos, así como o prestixioso trofeo Manzana de Oro O Paraíso de Muros, entre outros títulos.

Pilar Rodríguez Blanco. Pilucha "Restaurante Casa Aurelio" ou "Fachal".
Con 78 anos foi galardoada no ano 2002 co Premio Galicia de Gastronomía no apartado de "Toda unha vida". Comezou como costureira nos 40 e o seu home como ferreiro; despois de probar sorte traballando en Alacante regresaron a Santa Comba, onde adquiriu experiencia na desaparecida casa de comidas "Calixto" á que só ía os días da feira, ata que decidiu montar unha pequena taberna "O Ferrador" que daba comidas a traballadores e labregos, sobre todo, callos os días da feira, carne asada e un dos pratos máis populares da época, lingua de tenreira con tomate, nunha época na que había que erguerse ás cinco da mañá para acender os fogóns e ter todo listo. Pouco a pouco foi collendo fama ata que o seu marido tivo que deixar o seu traballo de ferreiro para atender na barra. Unha década despois, en 1958 compraron por 40.000 ptas un terreo na corredoira da Torre e montaron un novo restaurante, xa con baño e cun comedor máis grande, onde aínda hoxe se levanta o afamado restaurante. Alí, un amigo da casa e bo cliente, o médico e caricaturista Antonio Tomé "Atomé" deulle unha receita que facía a súa nai, era a das perdices con verdura que hoxe  segue a ser unha das especialidades da casa. Este establecemento, con máis de 45 anos de vida, foi testemuña da unión de moitas parellas de Santa Comba e arredores, onde aínda hoxe se di "coma as vodas na de Fachal en ningún sitio".
Na actualidade, Pilar leva 13 anos retirada e a actividade do restaurante recae na súa filla Pilucha e no seu neto Aurelio, que combinan a tradición dos produtos frescos e a comida caseira como os callos e o cocido, cos pratos de deseño como o bacallau en tarteira, sardiña con tomate ou profiletes recheos de nata con chocolate quente e, sempre, as perdices con verdura. En 1999 o restaurante recibiu o galardón de Ouro de Publi Parla.

Florentino Francisco Romar Blanco "Paco Romar".
Naceu o 10 de outubro de 1923, foi labrador, músico e empresario. Formou parte da histórica Banda de Música Municipal de Santa Comba, alá polos anos 40, na que tocaba o clarinete e a raíz disto converteuse en empresario. "Non había transportes, e para desprazarnos tiñamos que ir ben a pé, ou ben en bicicleta".
"De tourné" nunha das actuacións chegaron a Laxe, alí namorouse, pero non dunha muller, senón dunha "Packard". Unha especie de furgoneta o suficientemente grande como para levar a tódolos membros da banda. Era de segunda man, en bastante mal estado, "pero arrisqueime". Pagou por aquel vehículo 23.000 ptas e investiu 60.000 ptas na súa restauración xa que á parte de vella estaba acondicionada para levar peixe porta por porta. Con asentos de madeira e tras ser bautizada como "La Rubia" pasou a ser o "coche oficial" da banda xalleira e o primeiro auto de transportes de viaxeiros na zona. Cando os músicos non traballaban Paco animouse a utilizar o automóbil para desprazar os xalleiros, sobre todo, os días festivos e os de feria e posteriormente colaboraba con "Raso" que xestionaba os papeis dos emigrantes, e el trasladábaos a Vigo ou á Coruña para embarcar cara a América, "había que botar todo o día nas estradas infernais cheas de barro e baches e cambiar rodas ou ballestas en marcha". Pronto tivo que adquirir outro de segunda man xa que "A Rubia" quedaba pequena, e así naceu a empresa Autos Romar que foi crecendo co tempo.
Na actualidade, a empresa denomínase Romar Bus e está xestionada polos seus fillos, con sede en Santa Comba e sucursal na Coruña. Conta con máis de 50 autobuses e realiza transportes nacionais e internacionais, colabora con empresas como Alsa e chegou a desprazar óFC Barcelona nas súas visitas a Galicia. Paco tamén foi un dos primeiros taxistas de Santa Comba, licenza que agora está en mans dun dos seus fillos. En Marzo de 2005 foi galardoado coa insignia de ouro da Asociación de empresarios de Santa Comba.

Antonio Landeira Landeira.
Naceu o 18 de marzo de 1917 na aldea de Oa, parroquia de Xavestre (Trazo). Comezou xunto coa súa familia como bataneiro no actual conxunto de batáns de Neiro. Os mellores batáns de la e liño cos que conta Galicia, xa documentados en 1750, son propiedade da súa familia, no mesmo lugar no que naceu, compaxinando as tarefas de moer millo e trigo para panadeiros da Mahía e Bergantiños coa a produción de luz eléctrica para a zona.
En 1942 e con 7.000 ptas fundou en Val do Dubra a súa primeira empresa, Gaseosas Landeira, "para facer algo, se un non quería emigrar" que, aófinal, sería o bastión do seu pequeno imperio familiar, con sede en Santa Comba, que na actualidade compite no mercado nacional e luso con outras multinacionais. A produción era manual e reducíase á venda dunha vintena de caixas de 24 unidades diarias, que eran transportadas polo empresario nun carro de cabalos, no que percorría ata 50 km. Sete anos despois, en 1949, un golpe de fortuna levouno a Santa Comba, onde a familia Ordóñez, que explotaba o barracón da mina de volframio de Varilongo, lle arrendou un baixo de 60 m2 no que aumentou considerablemente a demanda de gasosas, oranges e sifón; nese momento a empresa pasou a chamarse como, aínda hoxe, Carbónicas Landeira e toda a comarca do Xallas medrou coas gasosas de Landeira e a marca "La Pitusa". A primera gran modernización da empresa chegou cos envases retornables e a botella familiar dun litro que lle permitiu introducirse no mercado provincial na década dos 60: Nos 90 deu o salto nacional e chegou a Madrid, Cáceres ou Bilbao e abriuse paso no mercado luso onde causou furor, chegando mesmo ás colonias portuguesas en África.
Hoxe, Carbónicas Landeira é unha empresa familiar na que se dan a man catro xeracións, nunha fábrica de 4.000 m2 e unha produción de 6.000 botellas/ hora de todo tipo de bebidas refrescantes, así como a comercialización e distribución de diversas marcas de viños e da cervexa Estrella Galicia para toda a comarca do Xallas e practicamente toda a Costa da Morte. Antonio Landeira Landeira estivo traballando día a día na súa fábrica ata o seu falecemento, o 24 de xullo de 2004, cando contaba con 87 anos: Meses antes fora galardoado coa insignia de ouro da Asociación de empresarios locais e o Concello de Santa Comba concedeulle a primeira medalla de ouro ó Xalleiro do Ano que outorga a un veciño. No momento do seu falecemento tiña a honra de ser o máis veterano bataneiro de España, o último dunha estirpe dun oficio xa desaparecido.

 

MÚSICOS

José Ferrero Castaño.
Naceu en León en 1895 e cando colleu a céntrica botica, que aínda existe no centro da vila, fronte ó campo da feira, trasladouse a Santa Comba, onde casaría cunha muller do Cataduiro (Alón), Dolores Nieto Calvo. Foi boticario, xuíz de paz e alcalde de Santa Comba entre 1938 e 1940, pero a súa fama vénlle pola súa grande afección á música. Ensinaba, escoitaba, compoñía e dirixía; así como a animación cultural, na súa botica celebraba xuntanzas coa xente nova, veladas literarias e musicais.
No outono de 1917 púxolle as ilustracións musicais a "El conde Lequi. Drama cadavérico e espeluznante al magnesio" con letra de M. Losa Álvarez que se estreou nun teatro de Santiago de Compostela. A obra "Un día n'a aldea" premiada polo xornal "La Raza" en xuño de 1917 dirixiuna el mesmo na súa estrea no Teatro Principal de Santiago o 14 de xuño de 1918. Compuxo "El chotis Coruña" que foi a estrear á cidade herculina na honra do seu alcalde Alfonso Molina. Unha misa a tres voces (triple, tenor e baixo), titulada "Misa coral solemne", na que aparece "Santa Comba 1918, arquivo parroquial de Santa Comba, marzo de 1942". Pero ten multitude de partituras manuscritas, como O corpus na aldea (Maio de 1922), Ralip, Carita de Macarena (pasodobre de 1945 son partituras propias para todos os instrumentos dunha banda), Poutpurri 1ª fácil (Maio 1950), Marisa (01/08/1950), Trangallada de las doce (10/09/1950), Guapa (marcha festas das uvas 31/12/1950), Para el carro (15/11/1951), Porque te quiero (arranxo pasodobre 10/05/1952), Amor en cartulina, Diana (25/05/1952), Habanera (arranxo propio 30/05/1952), Baila Farruco (15/06/1952), Pasa el batallón (arranxo 24/06/1952), La orgia dorada (arranxo 20/07/1952), La penúltima e nos vamos (25/08/1952), Una monada (30/08/1952), Como te has desenrrollao. Cando as bandas de música viñan tocar ás festas de Santa Comba, a primeira peza tocábana diante da súa casa e el dirixíaas coa súa batuta. Formou un coro que acompañaba co seu piano e cantaba nas misas dos domingos, para o que seleccionaba as voces nas veladas da botica e na casa de Turnes Fandiño facía os ensaios. En 1950, foi o artífice para a fundación da banda de música local e tivo moito que ver na construción dun palco da música no Campo da Feira (hoxe desaparecido) e na creación da feira do gaiteiro, xunto con Raso e o alcalde Andrés Pereira. O Pleno municipal en sesión extraordinaria do 28 de setembro de 1956 felicitouno publicamente "polo éxito artístico obtido na Coruña nos actos do Día da Provincia, onde dirixiu persoalmente á Banda Municipal daquella cidade, na estrea do chotis Coruña, do que é autor, dando renome e prestixio cultural a esta vila de Santa Comba".
Como boticario descubriu unha medicina (pomada amarela) contra a sarna, que patentou. Non tivo fillos e despois de botar o resto da súa vida en Santa Comba, finou o 21 de novembro de 1957, ós 62 anos. O seu enterro celebrouse o día 23 con 13 sacerdotes e unha orquestra.
Unha rúa da localidade está dedicada á súa persoa.

José Amigo Ramos.
Naceu en Santa Comba e a súa é unha historia de amor pola música desde o berce. Desde moi pequeno foi alimentando a súa paixón familiar e, con nove anos, xa actuaba nas festas dos arredores nunha agrupación musical formada polo seu pai, tíos, irmáns e curmás, que se facían chamar "Os de Meanos". José comezou a estudar música coincidindo co seu servizo militar, e contribuíu a formar oficialmente a Banda de Música de Santa Comba na década dos cincuenta. Pero o seu talento apuntaba moito máis alto e no ano 1958 parte rumbo a Río de Xaneiro, con moito valor e como case tódolos que o fixeron naquela época, sen un rumbo fixo. Amigo funda no Brasil un grupo en compañía duns emigrantes españois,  "Alegrías de España", onde pronto a valía do novo artista encontraría resultados. Pese a dominar varios instrumentos, o saxofón era a súa verdadeira arma de expresión musical, e con "Alegrías de España" percorrería con éxito nacións como O Brasil, Uruguai ou A Arxentina, con actuacións en directo, visitando platós de televisión e deixando na súa bagaxe tres discos gravados. "Antes había que gravar todos xuntos por unha mesma pista", confesa José Amigo cos ollos iluminados cada vez que fala do pasado tan cheo de recordos. A súa vida daría un novo xiro cando un empresario o contrata para unha das grandes orquestras do momento, "Casino de Sevilla", "Foi como xogar nun equipo de pobo e fichar polol Real Madrid", asegura Amigo. Esta "camiseta" defenderíaa uns 14 anos. Os escenarios de América do Sur aplaudían os espectáculos desta xenial orquestra formada por músicos cataláns. O noso "artista" lembra actuacións difíciles, como en Bolivia onde pola altitude "parecía que faltaba o aire e custaba soprar". En Casino de Sevilla non tardaron en nomealo director musical e foron centos os arranxos de temas que realizou, ademais de composicións propias. Nos oitenta, regresa a Galicia e traballa uns anos con outra das orquestras punteiras, Los Satélites. Tras tres anos na formación coruñesa (1981-84), quere volver á súas raíces e participa na xénese da Banda de Ponteceso, para achegarse á súa xente e levar a batuta da Banda de Santa Comba.
Entre as súas creacións, o veterano músico ten rexistradas varias composicións dedicadas á súa terra natal como "Homenaje a Santa Comba", "Saludo a Santa Comba", "O pasar por Santa Comba", "Xan Baña", "A Tomé" e outras con títulos máis xenéricos que son interpretadas polas bandas de música do país.
Procede dunha estirpe de músicos e o seu irmán, Antonio Amigo, falecido traxicamente en accidente de tráfico, dá nome a unha rúa do municipio.

Antonio Amigo Ramos.
Naceu en Grixoa de Cícere o 24 de Agosto de de 1926 e faleceu traxicamente nun accidente de tráfico o 10 de novembro de 1.985, ós 58 anos de idade. Está soterrado en Corcubiòn, de onde é natural a súa dona.
Seu pai, seu avó, e seu irmán tamén foron músicos. Empezou traballando na construción, como canteiro, e foi a estudar música ó Conservatorio da Coruña, onde sempre acadaba sobresalientes en solfexo e harmonía. Despois de facer o servizo militar integrou como acordeón na orquestra Sintonía e tamén tocaba na Banda de Santa Comba. Arredor de 1954 pasa a ser director da banda de Música de Silleda (Pontevedra), o mesmo cargo desenvolveuno no ano 1959 en Viveiro (Lugo). Posteriormente,  trasladouse a Valladolid onde viviu 8 anos como profesor no Conservatorio desta capital castelá no curso superior de composición e, con 45 anos, concluíu alí a carreira de piano. Xubilouse naquela cidade por enfermidade pero despois trasladouse a residir en Santiago de Compostela, onde foi director doutra banda, neste caso, na de Merza (Pontevedra). Con esta agrupación viaxou a Venezuela en 1981 e gravou un disco. Tamén nese mesmo ano as súas composicións encheron un disco da "Banda de Música da Garda Civil. Primeira comandancia móbil". Como compositor, ademais do seu propio nome utilizou os de "Rícor" e "Orgima".
Ten máis dun cento de composicións propias, entre elas unha Suite creada para a Orquestra Sinfónica de Caracas. Puxo a andar un selo de producións musicais "Producción de Discos Amigo" con obras de "Ediciones Coral". O Concello dedicoulle unha rúa.

Outros

JOSE ANTONIO ANIDO MARTÍNEZ "O AXENTE ANIDO".
Natural de Santa Comba, de profesión Garda Civil, foi o último "topo" que o CESID (Organismo estatal encargado de coñecer e informar ó Goberno de todo aquilo que puidese afectar á seguridade, estabilidade e defensa do Estado; na actualidade denomínase Centro Nacional de Intelixencia) logrou infiltrar na cúpula da banda terrorista ETA. Aínda que naceu en 1968 en Estrasburgo (Francia), onde estaba emigrada a súa familia, nunca foi un obstáculo para que se considerase Xalleiro como o que máis, e en Santa Comba pasou grandes tempadas e fixo grandes amigos cos que agora, por razóns obvias, non ten ningún tipo de contacto.
En 1989 e cando só contaba con 21 anos infiltrouse en ETA a través de círculos antimilitaristas de Baiona (Francia), presentándose ante o mundo "abertzale" como desertor do servizo militar. Pouco a pouco foi gañando a confianza dos terroristas ata tal punto de converterse, seis anos máis tarde, en chofer do por aquel entón número un da banda, Mikel Albitzu Iriarte, alias "Mikel Antza".
En maio de 1995, foi descuberto cando outro etarra que se aloxaba na casa de seus pais, en Estrasburgo, viu un álbum de fotos no que Anido aparecía vestido co uniforme da Garda Civil. Descuberta a súa verdadeira identidade desapareceu sen deixar rastro, xa que o avisaron a tempo e puido desaparecer, escapando dunha morte segura.
Ata ese intre, o personaxe de Anido era descoñecido para todos, pero despois deste feito, a súa cara comezou a facerse moi popular, xa que o diario Egin, ligado a círculos terroristas e co que colaboraba "Mikel Antza" fixo pública a verdadeira identidade do "topo" galego con todo luxo de detalles, co obxectivo de que todo o mundo "abertzale" tivese claro quen era Anido. Novamente, converteuse nun descoñecido, e ninguén volveu saber del, nin siquera a súa familia. A súa cabeza tiña un prezo e era buscada.
O 26 de novembro de 1998 dous Gardas Civís, Antonio Cabana e Xulio Domingo Gómez Franco,  adscritos á embaixada española en Colombia, sufriron un atentado nunha céntrica rúa de Bogotá. Ámbolos dous saían dunha entidade bancaria onde retiraran 50 millóns das antigas pesetas en cumprimento dunha orde da embaixada española en Colombia. Cando se dispoñían a subir a un vehículo Mazda gris, foron abordados por catro homes a bordo de dúas motocicletas. O axente Cabana, sacou a súa pistola e abriu fogo contra eles producíndose un violento tiroteo, no que faleceu o seu compañeiro e el quedou ferido de gravidade, aínda que puido escapar con vida.
Este feito converteuse en noticia destacada en diferentes diarios do noso país, e a policía colombiana informou de que se trataba dun atraco por parte de delincuentes comúns, versión avalada pola embaixada, que tamén de inmediato difundiu a versión oficial do atraco. Pero posteriormente sóubose que detrás da identidade do axente Cabana se escondía a de José Antonio Anido, e non se descarta a hipótese do atentado. Como xa sucedera anteriormente, un diario ligado ó mundo "abertzale", neste caso Euskadi información, que xa substituíra a Egin, e que traballaba cunha precariedade de medios, sen apenas correspondentes internacionais, publicou en primicia e en exclusiva este feito e a verdadeira nova identidade de Anido.
Como é lóxico dentro dos servizos de intelixencia de calquera país, os responsables antiterroristas, nin o Ministerio do interior, falan do tema, pero os froitos de Anido dentro de ETA deberon ser extraordinarios, xa que estivo seis anos dentro da banda, traballando man a man co seu líder, cuxa capacidade de decisión era das máis altas en toda a historia do grupo armado, posto que desde a desarticulación do 'colectivo Artapalo' en Bidart, o 29 de marzo de 1992, encargábase de elaborar as directrices políticas e ideolóxicas da organización, de determinar a súa estratexia, de establecer a coordinación coas demais formacións da súa órbita e de manter relacións no ámbito internacional. A "Mikel Antza" mentres tivo como chofer o axente Anido como infiltrado, atribúeselle un papel determinante nas conversas mantidas en 1998 co PNV, EA e HB que desembocaron nos acordos de Lizarra-Garazi e no alto o fogo máis prolongado e respectado ata a data por ETA.
Crese que foi un dos contactos en Bruxelas co entón eurodiputado do PNV e actual presidente deste partido, Josu Jon Imaz, para iniciar o proceso. Secundado por Belén González Peñalva, 'Carmen', o 19 de maio de 1999 reuniuse nun hotel de Zurich (Suíza) con tres emisarios de José María Aznar, no único contacto directo co Goberno español producido no marco da tregua. "Antza" impulsou a estratexia de atentados contra os representantes políticos do PP e do PSOE acompañada dunha intensificación da violencia da rúa, foi o artífice da frustrada doutrina da fronte nacionalista para a consecución da independencia, e sempre co infiltrado axente Anido ó seu lado. Finalmente "Antza" foi detido en compaña da presunta dirixente Soledad Iparragirre Genetxea, 'Anboto', coa que tivo un fillo.
Actualmente "Antza" está encarcerado e de Anido, por cuestións de seguridade, non se sabe nada, a súa actual cara, identidade e paradoiro é todo un misterio, nin siquera se sabe se está vivo.
Como sucede en tódalas informacións sobre axentes secretos, non se sabe a ciencia certa e con seguridade nada sobre o Axente Anido, nin tampouco existe ningunha historia nin versión oficial sobre o seu personaxe. Por iso, toda a información contida nesta biografía procede das informacións publicadas por diarios de tiraxe nacional, historia da vida real doutros infiltrados levadas ó cine e investigación periodísticas
A vida dun dos seus compañeiros, Mikel Lejarza "O Lobo", foi levada ó cine no ano 2004, como o topo máis importante na historia de ETA, cuxo arriscado traballo propiciou a caída da cúpula da banda terrorista no ano 75, a dos Comandos Madrid e Barcelona e levou á detención de 75 activistas, dixo nunha charla directa con internautas que "ETA non esquece, sei que seguirei sendo o seu obxectivo, aínda que se consiga a paz… Anido terá que someterse a cirurxía estética, a súa cara é xa moi coñecida en círculos etarras". De feito, Mikel Lejarza cambiou varias veces de identidade e someteuse a varias operacións de cirurxía estética, ata o punto de poñerse ó lado de seus pais e non ser recoñecido.
O personaxe de Anido vai cobrando máis importancia a medida que se van coñecendo máis datos sobre as infiltracións de axentes secretos en redes terroristas. O periodista Jorge Cabezas, no seu libro "Infiltrados", describe ó longo de 300 páxinas o labor de infiltración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na organización terrorista ETA, que describe como un dos "piares" da loita antiterrorista, e asevera que no 98% dos casos os intentos de infiltración fracasan, o que reforza aínda máis o labor e o traballo de Anido na seguridade nacional de España; aínda que fracasou, fíxoo despois de seis anos ,cando xa fixera un extraordinario traballo en prol da loita antiterrorista.
No libro 'Infiltrados. De ETA a Al-Qaeda', Cabezas repasa os casos que van desde Mikel Lejarza, 'Lobo', ata o comezo da loita contra o terrorismo islamista en España e destaca o caso da policía Arantzazu Berradre, que logrou formar parte do 'comando Donosti' e o caso de José Antonio Anido, que di del que chegou a converterse en chofer do 'número un' do aparato político de ETA, Mikel 'Antza'. Chegando a Francia como un obxector de conciencia, que dos círculos antimilitaristas do sur do país veciño pasou ó contorno de ETA.