981 880 075 Pza. Concello, 1 - 15840 Santa Comba

Novas de setembro III

0

CURSO DE RISCOS LABORAIS DE PRIMEIROS AUXILIOS PARA OS COMERCIANTES

21.09.2007. Asinga Consultores de Formación. O servizo de formación do concello organizou un Curso de Riscos Laborais e primeiros auxilios de formación contínua gratuita para o sector do comercio en Santa Comba. O curso impartiuse no Centro Municipal de Cultura durante 30 días nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro en horario de 20:30 a 23:00 horas.

XUNTANZA CO ALCALDE DE ZAS PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS COMÚNS ESPECIALMENTE NA MELLORA DA TELEVISIÓN DIXITAL

21.09.2007. Na Casa do Concello de Santa Comba o alcalde da localidade, D. José Antonio Ucha Velo, e o seu homólogo de Zas, D. Manuel Muiño Espasadín, mantiveron o pasado xoves 20 de setembro de 2007  unha xuntanza para tratar temas de común interese para ámbolos dous municipios. Entre outrasa cousas, falouse de actuacións conxuntas en xestións referentes ós parques eólicos, mellora do sinal de televisión e mesmo da posibilidade de que o Concello de Zas pase a formar parte da Asociación Trastámara para o desenvolvemento de proxectos do programa Agader.

Especialmente interesados están nas actuacións para soluciona-los problemas do sinal televisivo, xa que Retegal (Redes de Telecomunicacións Galegas), empresa da Xunta de Galicia encargada da xestión das infraestruturas e servizos de telecomunicación na Comunidade Autónoma Galega, ten previsto colocar antenas de Televisión Dixital Terrestre (TDT) no ano 2009, pero preténdese que se adianten os plans ó vindeiro ano. O sinal sairía dende Pico de Meda e rebotaría en varios reemisores distribuídos por ambos municipios.

Nun principio barallouse a posibilidade de habilitar infraestrutura analóxica, posibilidade esta que quedou totalmente descartada por ser unha solución temporal e inútil por cuestións prácticas, xa que en menos de tres anos se ha produci-lo apagón analóxico marcado polo goberno central, o que dará paso á era da dixitalización total televisiva, que ten moitas posibilidades de estar totalmente implantada na zona no vindeiro ano.

OS EMPRESARIOS DO MOTOR XÚNTANSE NA VII EDICIÓN DE EXPOMÓBIL

24.09.07. Asociación de Empresarios. Na fin de semana do 22 e 23 de setembro celebrouse na capital do Xallas a sétima edición da feira do automóbil “Expomóbil” na que as principales empresas do sector espuxeron as principais novidades das marcas ás que representan, así como unha ampla selección de vehículos seminovos, km 0 e usados.

Entre as principais novidades destacou, por riba de todas, a presentación por parte de concesionario Fidel Amigo, do Peugeot 308, unha primicia mundial que se acabada de presentar ós medios de comunicación na illa da Toxa.

A outra gran novidade veu da mán de AutoXallas co novo Hyundai I30 a última creación da marca coreana, o Peugeot 4007, primeiro SUV de Peugeot, o 207 SW ou os novos comerciais Expert e Boxer, así como o novo Hyundai Sonata de 7 prazas.

A oferta completouse cos novos modelos da marca Skoda que presentou Constantino Amigo co poderoso Octavia RS, o todocamiño Scout ou os familares Fabia e Roomster.

Esta sétima edición da Expomóbil foi a dos biocombustibles e o desenvolvemento sostible xa que da man de Constantino Amigo, técnicos da empresa Ecoengin ofreceron unha conferencia sobre a utilización do aceite vexetal como combustible en automóbiles, camións e maquinaria agrícola e espuxeron as vantaxes do cultivo da colza para a fabricación de aceite e como reforzo nutricional na alimentación animal, polo que se contou tamén coa participación de agricultores e empresarios ligados ó sector.

En anos anteriores, este evento era organizado polos empresarios do sector da automoción, que non estaban asociados. Esta foi a primeira organizada de forma conxunta entre Asociación de Empresarios e o Concello de Santa Comba, que para o ano que vén preténdese que derive na creación dunha Feira Multisectorial.

FIN DE DE SEMANA DO MOTOR

24.09.2007. A pasada fin de semana do  22 e 23 de setembro de 2007 o Alcalde xunto con outros concelleiros e o presidente da Asociación de Empresarios D. Antonio Landeira Gallardo inaugurou no campo da feira o certame do automóbil “Expomóbil”. Posteriormente participou nunha merenda na praia fluvial de Esmorode para dárlle-la benvida ós participanters na concentración mototuristica que se celebrou na zona da movida nocturna.

O CONCELLO CHEGARÁ A OFERTAR MÁIS DE 100 ACTIVIDADES DE CULTURA, DEPORTE E DE AVENTURA Ó LONGO DO ANO.

24.09.2007. A Concellaría de Cultura, Educación e Deporte, presentou a programación de cara á tempada 2007/2008 coa posta en marcha de 57 actividades para tódalas idades, e que o goberno local pretende que sobrepasen as cen.

Cada xalleiro terá a posibilidade de formarse e gozar cunha ampla gama de iniciativas que cubran as necesidades de múltiples sectores e dirixido a tódalas faixas de idade. Desde os máis mozos ata a xente maior terán a posibilidade de elixi-lo que máis lle agrade, pois contarán con multitude de servizos para mellora-la súa calidade de vida.

A oferta é a seguinte:

13 Escolas deportivas: Tenis, aeróbic infantil, taekwondo, voleibol, baloncesto, balonmán, tenis de mesa, iniciación deportiva, atletismo, bádminton, xogos deportivos, fútbol sala feminino e actividades deportivas para nenos/as con necesidades educativas. A cota establecida ascende a 50€ para unha escola e 60€ para dúas.

7 Actividades en idade escolar con participación en ligas entre concellos: Baloncesto, balonmán, fútbol sala, patinaxe, tenis de mesa, voleibol e xadrez. Cota gratuita

3 actividades para adultos: Taekwondo, ximnasia de mantemento e capoeira. Cota: consultar

5 Actividades de aventura en fins de semana: Piragüismo, paintball, rappel, tiro con arco, rafting e días soltos de multiaventura. Cota: consultar.

22 Torneos e eventos e concentracións: Liga  de fútbol-sala adultos; copa de fútbol-sala adultos; gala do deporte; torneo de voleibol 3×3; liga de tenis; maratón de aeróbic; marcha escolar "Deporte contra a droga"; torneo de fútbol-sala feminino;  torneo de tenis Os Milagros; torneo de tenis de mesa infantil e senior; torneo de 3×3 de baloncesto; concurso de triplas; marcha cicloturística polas parroquias de Santa Comba; marcha cicloturística á fervenza do Ézaro; torneo alevín de fútbol 7; torneo de fútbol na rúa; ruta BTT e crono-escalada en San Bartolomeu, no Busto; carreira popula; día de patinaxe na rúa; xornada de xogos tradicionais e día da bicicleta.

2 Actividades na neve: Semana branca na neve, nunha estación de esquí entre xaneiro e febreiro e cursos de iniciación ó esquí en Candanchú (Huesca) nos meses de xaneiro, febreiro ou marzo.

5 Outros: Campamento deportivo para nenos de 9 a 13 anos nas instalacións deportivas da Torre na Coruña; xuntanza multiaventura para nenos de 8 a 16 anos no encoro da fervenza do Xallas; maratón de aeróbic; curso de formación deportiva e viaxe a formula 1 a Montmeló (Barcelona).

A estas actividades hai que engadi-las escolas deportivas para a promoción do fútbol-base, con equipos en tódalas categorías de ligas de fútbol federado organizadas pola Federación Galega de Fútbol. Haberá tamén, nos vindeiros meses, as actividades do Centro da Muller, Servizos Sociais, e as que vaian xurdindo sobre a marcha.

CURSOS DE DEPENDENTES PARA COMERCIANTES E EBANISTARÍA PARA CARPINTEIROS

24.09.2007. Consellería de Traballo. A Consellería de Traballo puxo en marcha un curso de dependente de comercio, con prácticas, ó que asisten 15 alumnas. Ademais, entre os obradoiros, contan cun novo de ebanistaría, tras completa-lo de carpintaría de 480 horas.  En canto ó curso de dependente de comercio, ten 270 horas de duración, e ofrece un reforzo curricular para as veciñas que decidan abrirse camiño neste campo laboral.

A ESTRADA SANTA COMBA-SANTIAGO TAMÉN SE ARRANXARÁ NO TREITO URBANO DA CAPITAL GALEGA

25.09.2007. A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes achegará un total de 10 millóns de euros en catro anos para realizar diversas actuacións de mellora dos contornos urbanos nos accesos a Santiago de Compostela con motivo da celebración do Ano Santo 2010. Esta achega producirase a través do convenio que asinaron o pasado 24 de setembro a conselleira, María José Caride Estévez, e o alcalde compostelán, Xosé Antonio Sánchez Bugallo.

As obras de urbanización e mellora dos contornos urbanos centraranse nos accesos viarios da cidade entre os que se atopan o da estrada de Santa Comba pola Ponte do Romaño e rúa do Pombal, zona que o Concello de Santiago coverterá no gran bulevar sur da cidade, facilitado polo convenio das travesías, e que previsiblemente será aprobado este ano para a súa execución a partir do 2008 en dous tramos.

As actuacións de mellora inclúen unha nova pavimentación rodada, construción e acondicionamento das beirarrúas, eliminación de barreiras arquitectónicas, implantación de servizos urbanísticos e dotación de mobiliario urbano. Estas obras teñen como obxectivo cubri-las necesidades de acceso á cidade para as persoas que diariamente se desprazan a Santiago de Compostela que terán que convivir coa multitude de visitantes que se agardan para o vindeiro ano Xacobeo.

Pola súa banda, o Concello de Santiago que colaborará cunha achega de preto de 7 millóns de euros, encargarase de realiza-los documentos técnicos que sexan necesarios e asumirá a contratación, dirección e recepción das obras que tamén afectarán ó Camiño Novo-Volta do Castro, avenida Castelao, avenida de Fontiñas, rúa Nova de Abaixo e a rúa Berlín.

 

A DEPUTACIÓN CONCEDE 6.500 EUROS PARA A CONTRATACIÓN DUN ANIMADOR DEPORTIVO

26.09.2007. Deputacion Provincial. A Deputación Provincial da Coruña concedeulle ó Concello de Santa Comba unha axuda por importe de 6.500 euros para seguir tendo un animador deportivo que presta os seus servizos na oficina de deportes. O animador deberá participar nas actividades deportivas que se lle requiran desde o organismo provincial e presentar un programa-memoria anual das actividades desenvolvidas.

NOVA DOTACIÓN DE 20 COLECTORES DE RESIDUOS SÓLIDOS

26.09.2007. O servizo de vías, obras e servizos municipais adquiriu 20 colectores de recollida de residuos sólidos urbanos, dos cales doce son de 240 litros de capacidade e oito de 800 litros.

Os colectores de 240 litros serán para o servizo da feira, englobado dentro dunha campaña para concienciar ós feirantes de que deben deixa-lo lugar da feira limpo, e para o que se chegaron a entregar bolsas do lixo. Para esta campaña cóntase coa colaboración de Protección Civil que vela para que os feirantes cumpran coas debidas normas de limpeza.

CLAUSURA DO PUNTO DE ACOPIO DE ALÓN

26.09.2007. No mes de setembro o concello decidiu pecha-lo punto de acopio de plásticos de silos de invernadoiro e electrodomésticos da parroquia de Alón. Dito punto estaba establecido para a recollida  selectiva do material indicado pero acabou converténdose nunha auténtica esterqueira incontrolada pola tremenda cantidade de refugallos e inservibles que alí había depositada. Unha vez limpa a zona, colocáronse carteis indicando a prohibición de depositar alí residuos, coas correspondentes sancións no caso de facelo.

Na actualidade, Santa Comba conta con preto de 30 puntos de vertido incontrolado nas distintas parroquias do concello, dos que xa se conta cun estudo no que aparecen reflectidas as dimensións e o tipo de refugallos existentes en cada un deles.

O concello pretende acabar con tódolos vertedoiros incontrolados existentes no concello polo que ás actuacións de limpeza doutros puntos seguirán realizándose ó longo do ano.

PRINCIPIO DE ACORDO PARA A ADQUISICIÓN DE TERREOS PARA A CONSTRUCIÓN DA DEPURADORA

26.09.07. Veciños de Guisande. O goberno xalleiro acadou un principio de acordo cos propietarios dos terreos afectados pola construción da depuradora, nunha operación de compra que afectaría a 12.672 metros cadrados, e aínda que a futura Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) non precisa máis cá metade de tal superficie, o concello, coa pertinente modificación urbanística , reservará máis terreos para futuras ampliacións ou equipamentos relacionados coa infraestrutura hidráulica.
O principio de acordo cos propietarios prodúcese tan só once días despois de que o alcalde obtivese o compromiso firme de Augas de Galicia. A alcaldía espera pecha-la compra con fondos propios do presuposto municipal nun prazo de tempo razoable, toda vez que confía en axilizar ó máximo os trámites para o cambio de cualificación do solo dentro del Plan Xeral, e así posibilita-la súa cesión a Augas de Galicia para a contratación e execución das obras, asunto que está sendo tratado polo alcalde cos seus asesores xurídico e de urbanismo.

NOVO SERVIZO Ó CIDADÁN COA IMPLEMENTACIÓN TOTAL DA ADMINISTRACCIÓN ELECTRÓNICA

26.09.07. Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A Dirección Xeral de Administración Local dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, comunicoulle ó Concello de Santa Comba que lle cederá en propiedade tres equipos informáticos de última xeración para a implementación total da administración electrónica.

Este novo equipamento informático e de telecomunicacións inclúese dentro do proceso de modernización  da administración xalleira coa intensificación da cooperación coa Xunta de Galicia para a consolidación e prestación de maiores servizos prestados a través do denominado Portelo Único e o portal informático Eido local, novos instrumentos de xestión que permiten axiliza-los trámites e simplifica-la tramitación de servizos e documentos administrativos nas relacións establecidas entre a administración autonómica e a administración local.

Sinatura dixital para o Alcalde, Secretaria e Intervención
Para que a administración electrónica se converta nunha realidade total nos servizos administrativos municipais e sexa a ferramenta a empregar nas relacións interadministrativas dotarase de sinatura dixital ós titulares da alcaldía, secretaria e intervención no prazo máximo de dous meses desde a recepción e posta en marcha do novo equipamento.

O CENTRO DE SAÚDE CONTARÁ CUN DESFRIBILADOR SEMI-AUTOMÁTICO PARA O TRATAMENTO DE ARRITMIAS E PAROS CARDÍACOS

26.09.07 Consellería de Sanidade. O Centro de Saúde PAC de Santa Comba contará, antes de que finalice o ano, cun desfibrilador semi-automático externo para a identificación e tratamento de arritmias cardíacas coa máxima celeridade, para tratar de acada-la máxima supervivencia dos pacientes afectados por paradas cardíacas.

Esta dotación está enmarcada no Plan de Saúde de Galicia 2006-2010, no que se destaca a atención prioritaria a enfermidades do aparato circulatorio, mediante o desenvolvemento dos protocolos recollidos no Programa Galego contra o Infarto Agudo de Miocardio (Progaliam), primeira causa de morte en Galicia, e as recomendacións internacionais  no tratamento da enfermidade.

Desde a chegada do novo equipo de Goberno á Xunta de Galicia, incrementouse a dotación en 228 desfibriladores, aínda que ningún deles se destinou ós servizos sanitarios de Santa Comba, que si contarán con un dos 141 novos equipos para os cales xa se realizou o pertinente concurso público de subministración.

A titular da Sanidade Pública Galega Dna. María José Rubio Vidal destacou que “está demostrado que o único tratamento específico, na síndrome coronaria aguda con arritmia mortal, é a chamada desfibrilación eléctrica, con aplicación dunha descarga no peito do paciente”.

¿Que é o desfibrilador semi-autómatico externo?
É un dispositivo médico para a aplicación dunha descarga eléctrica no peito dos pacientes que padecen arritmias cardíacas mortais. Son de pequeno tamaño, portátiles, transportables, fáciles de usar e poden ser manexados, en caso necesario, por calquera cidadán, aínda que o recomendable é que a súa utilización sexa por parte de persoal sanitario ou celadores, técnicos de transporte sanitario, forzas da orde pública, membros de protección civil e socorristas en posesión do certificado de formación para a utilización destes aparatos.

A CONCENTRACIÓN PARCELARIA DE ARANTÓN-SANTA SABIÑA ANTES DE FINALIZA-LO ANO 2007

26.09.07. Conselleria de Medio Rural. Despois de que desde a alcaldía se instase ó Conselleiro de Medio Rural para sacar adiante, o máis axiña posible, as concentracións parcelarias das parroquias de Arantón, Santa Sabiña e Freixeiro, desde a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias confirmaron que a parcelaria de Arantón-Santa Sabiña, que mediante sinaturas da meirande parte dos seus veciños se solicitara a mediados dos anos 70, sairá adiante antes de finaliza-lo ano; posiblemente nun mes comencen as actuacións.

De momento, os trámites están na fase de impacto ambiental sobre unha superficie en ambas parroquias que afecta a 2.194 hectáreas, se ben, debido os seus valores etnográficos e naturais, quedan excluidas 765, polo que o ámbito de actuación do proxecto limítase a 1.429 hectáreas que na súa maior parte corresponden a solo agrícola.

Do proxecto de concentración quedan exluídos o parque eólico de Pico de Meda; o Monte de San Bartolomé, incluíndo específicamente a ermida; o castro e a braña do mesmo nome; as brañas do lugar do Mato, a uns 500 metros da poboación de Santa Sabiña, e as existentes entre as aldeas de Rieiro e A Xesteira, xunto ó río Xallas, os montes de Barilongo e o solo de núcleo rural.

Sabedores de que unha das prioridades da Consellería de Medio Rural é a de axiliza-los trámites das concentracións parcelarias que están na súa fase final de execucción, co fin de que os propietarios das parcelas poidan acadar unha maior rendibilidade na produción agraria e unha mellor ordenación da terra en funcions do usos, desde a alcaldía solicitáraselle ó Conselleiro de Medio Rural o impulso definitivo para unhas concentracións que na actualidade están creando importantes prexuízos para os veciños e que impiden o crecemento das explotacións agrarias, a utilización de maquinaria e o óptimo aproveitamenteo da superficie.

No caso da parcelaria de Freixeiro, despois de 30 anos do seu inicio, non chegou a rematarse e o concello aínda non recibiu unha resposta da Xunta de Galicia  sobre a mesma.

 

O CONCELLO AUTORIZA Á EMPRESA “NOVA PROMOCIÓN SANTA COMBA” Á CONSTRUCIÓN DE DOUS EDIFICIOS DE 10 VIVENDAS

26.09.07. A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº18/07 o 26 de setembro, e dada conta dos respectivos expedientes e informes, acordou aprobar dúas licenzas de obra á empresa Nova Promoción Santa Comba S.L. situada na rúa Coruña, s/n,  de Santa Comba.

A primeira delas para a construcción dun edificio de 10 vivendas, formado por dous andares- soto destinadas a garaxes e trasteiros; un andar baixo destinado a usos comerciais e catro andares altos e baixo cuberta destinados a vivendas, de acordo co proxecto básico reformado e de execución, redactado polo arquitecto D. José Antonio Padrón Conde.

O edificio, sito na rúa Lugo s/n, desta localidade, está dentro do solo urbano en “Manzana cerrada”, e axústase ás determinacións da ordenanza de apliación neste tipo de solo. Esta licenza leva implícita unha liquidación de taxa por expedición de licenzas urbanísticas por importe de 5.337,86 euros correspondente ó I.C.I.O. (Imposto sobre construcións, instalacións e obras).

A segunda delas corresponde a un edificio de iguais características na mesma rúa e do mesmo arquitecto, e ten unha liquidación de taxa por expedición de licenzas urbanísticas por importe de 5.415,87 euros correspondente ó I.C.I.O.

 

NA ÁREA DE SANTIAGO SÓ A CAPITAL GALEGA RECIBE MÁIS FONDOS QUE SANTA COMBA DO PLAN DE OBRAS-POS DA DEPUTACIÓN 

26.09.07. Deputación da Coruña. A ampla área de Compostela recibirá 6.672.789 de euros con cargo ó Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña. Dentro dos concellos incluídos nesta área, os máis beneficiados serán Santiago de Compostela con 532.486 euros, seguido de Santa Comba con 427.844 euros e Ames con 416.907 euros. 379.438 recibirá Ordes, 350.436 Teo, 349.110 euros Arzúa e 327.218 euros Melide; o resto dos concellos están por debaixo dos 270.000 euros.

Cada uno deles deberá facer constar nunha memoria cos detalles de tódolos proxectos que quere adscribir ó POS. Estes deberán ser obras en tódolos casos, e nunca adquisición de bens. Os concellos han financiar, como mínimo, o 5% de cada un dos proxectos; o resto corre por conta do plan da Deputación, que está sufragado con fondos do propio ente provincial e do Goberno central, a través do Ministerio de Administracions Públicas.

Cada unha das obras precisará dun investimento mínimo de 30.000 euros e primarán as actuacións que se refiran a servizos obrigatorios.

POS – PLAN DE OBRAS E SERVIZOS – DEPUTACIÓN DA CORUÑA
CONCELLOS DO CONTORNO

  • Carballo 625.916,30 €
  • Tordoia 244.715,09 €
  • Santiago de Compostela 532.486,50 €
  • Dumbria 234.510,43 €
  • Santa Comba 427.844,41 €
  • Muros 244.461,48 €
  • Ames 416.907,20 €
  • Cerceda 237.756,68 €
  • Ordes 379.437,80 €
  • Val do Dubra 237.756,05 €
  • Vimianzo 367.135,53 €
  • A Baña 237.343,21 €
  • Mazaricos 334.583,61 €
  • Cabana 226.013,21 €
  • Laracha 331.458,44 €
  • Brion 224.756,53 €
  • Coristanco 313.697,29 €
  • Cee 199.900,35 €
  • Negreira 291.431,32 €
  • Malpica 198.886,71 €
  • Zas 288.687,54 €
  • Carnota 176.675,99 €
  • Muxia 268.887,65 €
  • Camariñas 169.480,49 €
  • Ponteceso 263.464,14 €
  • Laxe 137.958.86 €
  • Noia 257.109,43 €
  • Fisterra 129.949,00 €
  • Outes 255.327,73 €
  • Corcubión   69.603,49 €

LICENZA DE OBRA E PROVISIONAL DE ACTIVIDADE A UNHA GANDARÍA EN BARBEIRA-FONTECADA

26.09.07. A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº18/07 o 26 de setembro, e dada conta dos respectivos expedientes e informes, acordou outorgar licenza de obra e provisional de actividade a Gandaría Fabeiro S.C., de Barbeira-Fontecada, para redistribución de animais na explotación, mediante o acondicionamento de parte dun almacén para usar como corte e reforma interior da corte existente, de acordo co proxecto presentado, redactado polo enxeñeiro técnico agrícola, D. Benigno Rodríguez Caamaño.

A provisionalidade da licenza de actividade vén dada polo cumprimento de observacións e medidas correctoras, que no seu informe, sinala a Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, sen poder comezar a exerce-la mencionada actividade mentres non se conceda a licenza definitiva, para o que será indispensable que se levante acta de comprobación, que o interesado deberá solicitar ó concello, a cal terá que ser favorable; ademais, achegará coa petición o certificado do técnico director das obras ou instalacións no que se especifique a conformidade das mesmas cos termos desta licenza.

O expediente ten unha taxa 64,52 euros pola expedición de licenza urbanística, 1.620,64 euros pola liquidación provisional correspondente o I.C.I.O. (Imposto sobre construcións, instalacions e obras), e 107,54 euros pola apertura do establecemento.

O XULGADO Nº4 DA CORUÑA SOLICÍTALLE Ó CONCELLO O EXPEDIENTE SOBRE O CONFLITO NO CEMITERIO PARROQUIAL DE SANTA COMBA

26.09.07. O Sr. Alcalde-Presidente do concello, D. José Antonio Ucha Velo, deu conta á Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº18/07 o 26 de setembro, do Decreto nº1032/2007 do 24/09/2007, pola que se acorda a remisión do expediente do cemiterio parroquial de Santa Comba o Xulgado contencioso-Administrativo nº 4 da Coruña.

Dito xulgado presentou escrito no rexistro xeral do concello con nº 6.208 de data 24/08/2007, requirindo, entre outra documentación, a remisión do expediente referenciado, con índice de documentos e debidamente foliado en relación ó ditado no procedemento ordinario nº 184/2007 4, sobre o recurso contencioso-administrativo interposto por D. Manuel Paredes Gerpe, Dona Vera Lucía Paredes Gerpe, Dna. María Gerpe Serramo e Promociones y Participaciones Viña del Mar S.L. con referencia ó acordo do 25-05-06 polo se outorga licenza a D. José María Pintos Recarey para a ampliación do cemiterio parroquial de Santa Comba, que modifica a licenza de obra nº 131/01.

O GOBERNO LOCAL, ATENDENDO A UNHA PETICIÓN DOS VECIÑOS DE GUISANDE,  SOLICÍTALLE Á DEPUTACIÓN PROVINCIAL A AMPLIACIÓN E MELLORA DE TRAZADO NA CP 7702, ESTANCADA DESDE HAI 10 ANOS

26.09.07. A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº18/07 o 26 de setembro, e dada conta da petición dos veciños de Guisande co posterior informe con documentación fotográfica emitido pola Policía Local,  acordou solicitar á Deputación Provincial da Coruña a realización do proxecto “Ampliación e mellora do Trazado na CP-7702 (Santa Catalina-Esmorode)”, cun estudo previo da situación actual, que contemple os servizos de beirarrúas, abastecemento de augas, saneamento, sumidoiros e iluminación pública, en base á urxente necesidade das mesmas para a mellora da seguridade vial.

A Xunta de Goberno comprométese a colaborar na posta a disposición dos terreos necesarios, libres de cargas e gravames, para a execución das obras e solicítalle ó organismo provincial que declare a urxencia na realización do proxecto e se intensifiquen as negociacións cos veciños que posibiliten a realización das obras.

En decembro do ano 1997, o organismo provincial encargou o proxecto de construción co título “Ampliación e mellora de trazado na CP-7702”, na estrada CP7702 de Santa Cataliña a Esmorode, redactado polo enxeñeiro, D. David Hernáez Oubiña, cun orzamento de 49.974.661 ptas. Este proxecto contempla a ampliación e mellora do trazado así como a construción de plataformas peonís para facilita-lo tránsito dos veciños por dita zona.

O ano pasado, con data 31 de maio de 2006, os veciños do lugar de Guisande, zona urbana pola que discorre dita estrada provincial, demandaron a construción de beirarrúas, colocación de bandas rugosas ou incluso semáforos que indiquen a velocidade permitida, pola falla de seguridade peoníl.

O informe da Policía Local, acompañado de diversas fotografías, dá conta da existencia en dita estrada do perigo de seguridade vial, “xa que os peóns non teñen espazo para transitar por fóra da calzada, e teñen que usar e invadi-lo carril con liña contínua e con curva. Os vehículos, pola súa banda, co obxecto de afastarse dos peóns teñen que invadi-lo carril contrario, nalgún tramo con liña contínua e con curva. A estrada é moi transitada por camións o que aumenta o perigo dos peóns. Na época de chuvias a situación agrávase debido á falta de visibilidade. Esta é a única vía de comunicación transitable da que dispoñen os veciños para acudir a realiza-las súas tarefas cotiás: bancos, centro de saúde, organismos oficiais, actos relixiosos, etc., e moitos dos veciños se desprazan a pé”.

A XUNTA DE GOBERNO  APOIA O ACORDO DO CONSELLO ESCOLAR DO COLEXIO PEPE XAN BAÑA DE TRABA-CASTRIZ PARA IMPLANTA-LA XORNADA de 9:45 a 16:15 horas

26.09.07. A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº18/07 o 26 de setembro, recibidas as suxestións dos centros docentes, contando co visto e prace do representante municipal e concelleiro delegado de educación e cultura, acordou apoia-lo acordo do Consello Escolar do CEIP Pepe Xan Baña de Traba-Castriz, trala xuntanza do claustro e consello escolar, pola que se solicita á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a nova distribución do horario escolar con entrada ás 9:45 horas e saída ás 16:15 horas, para contribuir á conciliación familiar, laboral e persoal da veciñanza, ampliación do tempo de lecer e a posibilidade de asistencia a actividades extraescolares.

ATENDENDO ÁS PETICIONS DOS CENTROS, CLAUSTROS E ANPAS, O GOBERNO LOCAL SOLICÍTALLE A EDUCACIÓN ARRANXOS URXENTES NOS COLEXIOS

26.09.07. A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº18/07 o 26 de setembro, e dada conta das peticións das direccións dos centros, Anpas, claustros e consellos escolares do CEIP Barrie de la Maza e Pepe Xan Baña de Traba-Castriz sobre unha serie de melloras que consideran urxentes e necesarias para a boa marcha do curso e que repercutirán positivamente no rendemento escolar, acordou solicitarlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a realización das obras urxentes e necesarias que se relacionan:

Colexio Barrie de la Maza:
Ampliación do comedor escolar por falla de espazo e mellora das instalacións da cociña
Novas cubertas, arranxo do tellado. Chove nas aulas
Arranxo de tódolos baños do centro, algúns carecen de ventilación
Pasarela do patio ó pavillón, espazo para actividades de Educación Física
Pintado de fachadas exteriores e incluso dos interiores
Colocación de cortiza ou outro material axeitado nas aulas de educación infantil en substitución das alfombras
Colocación dun parque infantil cun arriero en condicións
Colocación dun novo cerramento con tea
Pintado dos cerramentos do centro
Construción dun espazo para actividades lúdicas: Representacións, proxeccións…
Reorganización das aulas de Educación Especial e aula de informática

Colexio Pepe Xan Baña:
Acondicionamento e ampliación das instalacións do comedor escolar
Revision do chan no comedor e colocación de azulexos
Acondicionamento da pista polideportiva exterior.

A XUNTA DE GOBERNO ACORDA SOLICITARLLES ÓS ORGANISMOS AUTONÓMICOS COMPLETA INFORMACIÓN DAS OBRAS A DESENVOLVER NO MUNICIPIO

26.09.07 A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº18/07 o 26 de setembro, acordou solicitar á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial da Coruña a comunicación ó concello de tódalas actuacións que se desenvolvan no municipio, e sempre que sexa posible, se acompañe dunha memoria e bosquexo das mesmas.

Á marxe de que os organismos autónomos teñan ou non obriga de comunicarlles ós concellos as obras que realizan por iniciativa propia, desde o concello considérase que se debe ter puntual información para poder realizar suxestións ou alegacións que se consideren oportunas tanto desde o concello como pola veciñanza en xeral.

Os servizos municipais e os veciños teñen constancia de que os organismos autónomos e provinciais levan a cabo actuacións neste municipio das que se teñen coñecemento só cando as empresas adxudicatarias principian os seus traballos, sen que se teña a máis mínima información dos mesmos.

O novo goberno quere estar puntualmente informado de tódalas actuacións xa que nalgúns casos anteriores teñen afectado a servizos municipais ou veciñais e tamén a empresas de servizos públicos, o que orixina malestar entre a veciñanza e prexudica os intereses municipais.

ARRANXO DA FONTE DO CAMPO DA FEIRA E O SEU CONTORNO

27.09.07 A brigada de vías, obras e servizos municipais rematou as obras de adecentamento da fonte do campo da feira que levaba meses deteriorada. O acondicionamento consistiu na substitución do sistema de iluminación, limpeza, enfoscado e substitución de pedra, doada polo empresario Manuel Cancela Rey, a quen se lle amosou  o agradecemento, que en nome do goberno municipal lle transmitou o propio alcalde a través de carta personalizada “pola súa colaboración desinteresada en obras e servizos que repercuten positivamente na nosa vila, en aras de conseguir un concello dinamizador e vertebrador das numerosas iniciativas oficiais e particulares dos nosos empresarios e industriais”.

ANTES DE FINALIZA-LO ANO COMEZARÁ A MELLORA DA TELEFONIA MÓBIL

27.09.07. Telefonica Móbiles. Telered Comunicaciones. D. Ismael Rodríguez Madarnas representante de Telered Comunicaciones, empresa que se encarga de parte das infraestruturas de Telefónica móbiles, confirmoulle ó alcalde de Santa Comba, D. José Antonio Ucha Velo, nunha xuntanza que mantivo na mañá de hoxe na casa do concello, que en cinco meses as novas entenas de telecomunicación móbil poderían estar xa en funcionamento se non existe ningún inconveniente coa cesión de terreos e a axilización por parte do concello das pertinentes licenzas.

As antenas instalaranse, sen custe ningún para as arcas municipais, nas parroquias de Castriz, Fontecada e Mallón cunha cobertura total que acadará un radio de oito quilómetros e hase estuda-la posibilidade de poder aproveitar estas infraestruturas para a instalación de repetidores de televisión dixital terrestre.

Este equipamento inclúese dentro das negociacións que o concello realizara hai dous meses con Telefónica Móbiles, en base ó acordo no que Telefónica Móbiles chegou o pasado día 6 de xuño co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, para dotar de cobertura de telefonía móbil, tanto a aquelas poboacións de entre 150 e 1.000 habitantes, coma a zonas de interese estratéxico e a rede ferroviaria de alta velocidade.

O CONCELLO ENCARGA UN ESTUDO PARA A RENOVACIÓN E MANTEMENTO DO SISTEMA DE TELECOMUNICACIÓNS ADMINISTRATIVO

27.09.07 Telefónica Pymes España. D. José Antonio Ucha Velo, Alcalde de Santa Comba mantivo na casa do concello unha xuntanza con representantes de pymes de Telefónica España para iniciar unha renovación total dos servizos de telefonía fixa, internet, e ordenadores, que necesariamente deberán levar consigo un mantemento permanente, unha renovación a tres anos e unha tarifa de prezos especiais.

O alcalde pretende a instalación dunha centraliña telefónica no edificio multiusos, que ata o momento carece dela; renova-la da casa do concello; renegocia-la tarifa de prezos nas chamadas entre teléfonos propios; inicia-la renovación dos equipos informáticos obsoletos cun servizo de mantemento e reparación en 24 horas e a instalación dunha liña ADSL de reforzo para evita-la lentitude da sobrecarga cos servizos da Deputación.

15.000 EUROS PARA O XULGADO DE PAZ E ACCESO Ó EDIFICIO MULTIUSOS

27.09.07 Consellería da Presidencia Administracións Públicas e Xustiza. Coa finalidade de lograr unha mellora nos servizos prestados á cidadanía, por parte do Concello de Santa Comba leváronse a cabo obras de acondicionamento dos accesos ó edificio Multiusos, consistentes na instalación de bordos e beirarrúas, así como equipamento no Xulgado de Paz consistente na substitución e equipamento de novo mobiliario de arquivo, cadeiras, rotulacións, persianas, mastros, bandeiras e pequenas obras de carpintaría. 

As obras contaron cun investimento de 15.000 euros dos cales o 80% (12.000 euros) foron achegados pola Consellería da Presidencia Administracións Públicas e Xustiza e o resto polo propio concello.

A axuda procedente da Xunta de Galicia foi das máis altas concedidas ós concellos de Galicia, só superada polos 15.000 euros concedidas ó concellos de Boiro, Dumbría, A Rubia e Monterroso,  e igual ás concedidas ós concellos de Mugardos, Neda, Baiona, Meira e Ourol.

Mantemento.
Por outra parte, a Consellería da Presidencia Administracións Públicas e Xustiza, á marxe da axuda para o equipamento, concedeu outra ó Xulgado de Santa Comba, por importe de 3.100 euros en base ós modulos de distribución da subvención que figura nos presupostos daquela consellaría destinados a satisface-los gastos de funcionamento dos Xulgados de Paz, en cumprimento do disposto no artigo 52 da lei de Demarcación e Planta Xudicial.

O CONCELLO “PENDURARÁ" NA REDE TODA a VIDA PúBLICA MUNICIPAL A TRAVÉS DO PORTAL WEB

27.09.07 Desde o novo goberno preténdese que a páxina web do cidadán, desenvolvida con financiamento da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Xunta Galicia, sexa activa, dinámica, realmente unha web do cidadán, e se converta nunha ferramenta case imprescindible para o traballo diario do persoal municipal, así como nunha fonte de información actualizada día a día para os veciños e visitantes.

Por iso, á parte doutros datos municipais, enter os que xa están incluídos tódolos que contén a guía municipal publicada hai uns meses (mapas, planos, guía telefónica, fotos, etc) preténdese “pendurar” na rede todo tipo de información pública (plenos, notas de prensa, bandos, ordenanzas, bases de contratación de obras, bases para os procesos selectivos, axenda de actos, documentos, impresos, etc). Ademais, haberá enlaces individualizados para cada un dos departamentos (cultura, deportes, protección civil, contratación, emprego, cim, servizos sociais, policÍa local, etc) e apartados privados para a comunicación interna do persoal con avisos, notificacións, intercambios e descarga de arquivos e documentación.

Para manter ó día permanentemente actualizada esta web non abonda por si sóo responsable informático, e é necesaria a colaboración de todo o persoal, para que no momento da redacción dun documento, ó mesmo tempo que se arquive no propio ordenador, se arquive tamén na propia web.

O alcalde, nunha comunicación a todo o persoal indicou que “o proxecto estará totalmente rematado dentro dun mes, momento no que se vos convocará a unha xuntanza co responsable informático municipal onde se vos indicará o proceso a seguir e as claves persoais de acceso de cada un” e pregoulle a todo o persoal “a implicación total no proxecto desde este intre, para que no vindeiro mes vaiades recompilando o material necesario, e achegando as ideas e suxestións que vos vaian xurdindo para ofrecer un mellor servizo ó cidadán, unha vez se remate o deseño do material gráfico, a configuración e programación  e as verificacións previas á alta dos contidos”

Hai que indicar, tamén, que a web que existía ata o de agora www.santacomba.net desaparecerá da rede e todo o que se considere aproveitable será incluído no novo proxecto www.santacomba.es, que a pesar de que xa conta con datos, aínda son mínimos en comparación cos que se incluirán o vindeiro mes.

 

CONTRATACION DE PERSOAL LABORAL TEMPORAL PARA A BRIGADA DE OBRAS

28.09.2007. Por decreto de Alcaldía 1046/2007 de data 28 se setembro de 2007, aprobouse unha oferta de emprego público para a contratación de persoal laboral temporal dun peón para o servizo  municipal de obras.

XUNTANZA DE REPRESENTANTES MUNICIPAIS CO DIPUTADO PROVINCIAL E ALCALDE DE DUMBRÍA,  JOSÉ MANUEL PEQUEÑO

28.09.07 O Alcalde de Santa Comba D. José Antonio Ucha Velo e o Concelleiro D. Julio P. Ferreiro Pazos, tiveron o pasado 28 de setembro unha xuntanza co Deputado Provincial e Alcalde de Dumbría, D. José Manuel Pequeño, que tivo a deferencia de desprazarse persoalmente á capital xalleira para tratar diversos proxectos que afectan ó desenvolvemento futuro do municipio.

Entre outros temas tratáronse as transferencias e arranxos de vías provinciais a Santiago e  Coristanco, as melloras peonís para a estrada de Santa Catalina-Esmorode, a construción dun campo de fútbol de herba artificial e melloras no pavillón municipal de deportes, que con máis de 20 anos quedou obsoleto.

AVANZAN AS XESTIÓNS PARA A CONSTRUCIÓN DUN CAMPO DE FÚTBOL DE HERBA ARTIFICIAL

28.09.07 O Concello de Santa Comba deu un paso máis de cara a coseguir para o municipio o tan necesario e demandado campo de fútbol de herba artificial.

O alcalde do concello, D. José Antonio Ucha Velo, e o concelleiro D. Julio P. Ferreiro Pazos, puideron comproba-la receptividade do organismo provincial por medio do Deputado Provincial e Alcalde  de Dumbría, D. José Manuel Pequeño, que  o pasado  28 de setembro  tivo a deferencia de desprazarse persoalmente á capital xalleira para tratar este e outros proxectos que afectan ó desenvolvemento futuro do municipio.

A Deputación Provincial conta cun ambicioso programa de construción de campos de fútbol de herba artificial deseñado pola institución provincial polo que se dispuxo a creación de máis de 45 campos de fútbol sintético na provincia da Coruña, cun presuposto que rolda os 16 millons euros.

O goberno municipal ten como unha das súas prioridades acadar unha destas instalacións sintéticas xa que neste intre só está dispoñible e en condicións o campo de fútbol de Fontenla, porque o de Castriz está bastante deteriorado polo uso, o de Alón é de area, o de Ser non reúne as condicións mínimas e o do Carreiro é privado en terreos urbanizables, polo que pode desaparecer en calquera momento.

Desde o primeiro momento, o novo goberno xa realizou unha serie de estudos previos sobre a súa situación, medidas do terreo de xogo e equipamentos complementarios. Os estudos por parte dos servizos técnicos municipais continuarán nos vindeiros meses, xa que aínda que existen terreos para o campo de xogo non son o suficientemente grandes para acoller instalacións complementarias básicas de vestiarios, bancadas e aparcadoiros, e menos aínda se se pretende que sexa das mesmas medidas có de Fontenla.

O anterior goberno municipal tivo a oportunidade de beneficiarse deste programa o ano pasado, pero finalmente non fixo os trámites necesarios para incluírse nun programa do que xa se están beneficiando concellos do contorno como Trazo, Ponteceso, Vimianzo, Malpica, Coristanco, Paiosaco e Tordoia (con dous campos). As obras comezaron ou comezarán en breve en Baio, Camariñas, Cabana de Bergantiños, Laxe, Corcubión, Carballo, Buño, Negreira, Carnota e Muros.

PRESENTACIÓN DO LIBRO XALLAS: TEORÍA DA EXISTENCIA,  DE LOIS OREIRO

28.09.2007. Tres 3C3 editores. O venres 28 de setembro ás nove da noite, no Salón de Actos do Edificio Multiusos de Santa Comba, presentouse o libro Xallas: teoría da existencia, de Lois Oreiro, periodista nado no veciño municipio de Zas pero moi ligado a Santa Comba. Lois Oreiro exerceu en diversos medios informativos como Antena 3 TV e Televisión de Galicia, na que desempeñou o cargo de xefe dos servizos informativos en Madrid. Na actualidade desempeña labores xornalísticas na capital de Galicia.

No acto interviñeron D. Ángel Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela e Fillo Predilecto de Santa Comba; D. Ángel Souto Mata, da Asociación Cultural “Comarca do Xallas” e concelleiro no Concello de Santa Comba; D. José Antonio Ucha Velo, alcalde de Santa Comba; D. Antonio Puentes Chao, director da editorial de 3C3, e o propio autor.

A obra forma parte da colección Vilarnovo-Ideas e realidades da editorial 3C3 para o ano 2007, e fala dun territorio pouco coñecido, moi castigado pola emigración, dos encoros e dos parques eólicos. É unha viaxe literaria seguindo o percorrido dun río simbólico, enigmático e particular: o Xallas. De forma amena e cun coidado e particular estilo, o seu autor vainos introducindo e conducindo no coñecemento profundo e rigoroso desta extensa e rica comarca coruñesa, conformando un texto imprescindible para todos aqueles que queiran achegarse a un mellor entendemento da realidade de Xallas, que en certa medida pode constituír unha boa mostra da Galicia rural interior, de como podemos existir sen esvaecérmonos.

O ALCALDE E O CONCELLEIRO DE DEPORTES NO PECHE DE TEMPADA DO AUTOCROSS

28.09.07. Escudería Esa Motor. Aínda que con certo atraso, motivado polos actos de presentación do libro de Lois Oreiro, o Alcalde do Concello e o concelleiro de deportes, Ángel Souto, acompañaron ós integrantes da Escudaría Esa Motor nos actos de despedida da tempada automobilística do 2007 no Restaurante Leandro, onde se reuniron preto de 100 persoas, entre directivos, organizadores, comisarios técnicos e colaboradores.

O ALCALDE SERÁ O REPRESENTANTE MUNICIPAL NO CONSORCIO GALEGO DE SERVIZOS SOCIAIS DE IGUALDADE E DE BENESTAR

28.09.07 Pleno Ordinario do 26 de setembro de  2007. Proposta para que o Alcalde José Antonio Ucha Velo sexa o representante municipal no órgano colexiado competencia do pleno no Consorcio Galego de Servizos Sociais de Igualdade e de Benestar. Do total de concelleiros, os oitos do PP abstivéronse, ó igual cós tres de Terra sde Xallas e dous de Independentes por Santa Comba. A favor votaron os dous represetantes do PSOE e dous de Independentes por Santa Comba.

OS FESTIVOS LOCAIS: O MARTES DE ENTROIDO E O DÍA DE SAN PEDRO

28.09.07 Pleno Ordinario do 26 de setembro de  2007. Por unanimidade de tódolos grupos establécense como festivos locais para o ano 2008 o día 5 de febreiro, martes de entroido e o 30 de xuño, día de San Pedro. Como suplente establécese o 4 de febreiro, luns de entroido.

AS ASEGURADORAS DE AUTOMÓBILES TERÁN QUE PAGARLLE Ó CONCELLO UNHA TAXA POR EXPEDICIÓN DE ATESTADOS POLICIAIS

26.09.07 Pleno Ordinario. O Pleno da corporación por unanimidade de tódolos concelleiros decidiu aproba-lo establecemento dunha taxa por atestados policiais de prevención, de 10 euros, e outra de atestados policiais xudiciais, por 25 euros, que basicamente deberán aboar as entidades aseguradores, xa que son as que os solicitan.

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): “¿Por que a diferenza de prezo? Porque o de prevención é menos voluminoso e os de xudicial máis voluminoso… isto, basicamente… só o pagan os seguros dos coches, que é para o que se piden os atestados policiais. Se non tedes moita referencia do que é, son bastante laboriosos, custa bastante traballo facelos, tempo, fotografías, e son bastante rigorosos, aquí fanse bastante ben, teño que dicilo”

A APROBACIÓN DA CONTA XERAL DO 2006 SAE ADIANTE COS VOTOS DO PP E A ABSTENCIÓN DOS DEMAIS PARTIDOS
 
28.09.07 Pleno Ordinario do 26 de setembro de  2007

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): “A conta xeral presenta un activo de 7.366.136,66 euros; un pasivo, como non pode ser doutra maneira, idéntico… Un resultado orzamentario axustado de 833.429,43 euros; un remanente de tesouraría para gastos xerais de menos 133.000 millóns de pesetas, ou sexa, 823.547,36 euros e unha existencia final de tesouraría de 329.076,85 euros…. este exercicio de 2006 é un exercicio executado integramente polo señor Toja… no seu momento, nós votamos en contra… agora entendemos que nós deberiamos absternos, porque non participamos nesta xestión naquel momento e por máis nada”.

Sr. Toja Parajó (PP): “Se observamos, polo menos a tesouraría negativa diminúe en máis de 500.000 euros, con respecto ó exercicio anterior…. É importante recoñece-la inversión da tendencia observada nos últimos anos, nos que o resultado orzamentario era negativo…. esta tendencia inverteuse…. grazas a unha contención na execución do orzamento de gastos e unha maior execución do orzamento de ingresos….  o aforro neto dá positivo….  hai unha situación estable do orzamento…. isto é do informe da interventora. O noso voto vai ser favorable, evidentemente”

Sr. Miguel Pérez  (Independentes X Sta. Comba): “Como se recolle no informe da Intervención o último exercicio levado a cabo polo anterior equipo de goberno hai unha manifesta mellora en relación, en termos comparativos, cos exercicios precedentes; isto é incontestable…. nós, imos absternos neste punto da orde do día, precisamente porque consideramos que, por un lado hai unha importante mellora, lembren que nós sempre votamos en contra da conta xeral nos tres exercicios anteriores a este, porque entendiamos que, efectivamente, había certas operacións que foron motivo de debate ó longo da lexislatura; non obstante, efectivamente, este informe da Intervención vén dicirnos que no que foi o último exercicio, que aquí se recolle, pois hai unha mellora substancial; a verdade é que é así”.

Sr. Eugenio Pichel (Independentes Terra de Xallas): “Nós, como non participamos deste presuposto e dado que non nos atén, tamén nos abstemos”

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): “Que exista unha situación de mellora non quere dicir que exista unha situación de sanación; cando un está a punto de morrer e ten unha leve mellora, non quere dicir que estea san; quere dicir que está como está, cunha leve mellora. Non esqueza que temos máis de 2,5 millóns de euros de débeda bancaria; débeda que se comproba nos balances. Non esqueza que temos máis de 2 millóns de débeda con provedores; débeda que está aí. Non esqueza que o remanente de tesouraría é negativo en menos 133.000.000 ptas acabo de dicir, e iso quere dicir que, se pechámo-lo negocio e tódolos acredores que nós temos nos pagasen -suposto imposible, porque sempre falla algún- teriamos que pór 133.000.000 de pesetas para pecha-lo negocio, porque lle deberiamos a acredores por máis de 133.000.000 de pesetas, ¡eh!, iso é o que quere dicir. Ou sexa que non nos leve isto á euforia de que estamos en jauja… Quere isto dicir que se fixo moito e que por primeiro-segundo ano, non se gastou máis do que se ingresou, que xa é dicir abondo; iso é o que significa que hai un resultado orzamentario positivo; que este ano pasado non gastamos máis do que ingresamos, punto, todo o demais significa que seguimos coa débeda que tiñamos e todo iso”.

Sr. Toja Parajó (PP): “Di vostede que o aforro neto positivo non significa nada… significa moito…. se vostede quere pedir un préstamo, non ten que pedir autorización en ningún ente; é libre para pedir un préstamo… de pedirlle permiso á Xunta de Galicia para solicitar un préstamo a non pedirllo… que me diga vostede que, nun exercicio, aforrar 500.000 euros non é unha boa xestión….. desde que hai interventor neste concello, a xestión contable foi moito mellor, diso non hai dúbida ningunha”.

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): “Como vostede di, nos marca a posibilidade de acudir a un crédito bancario, si, é verdade. ¿Quere isto dicir que podemos acudir sen ter unha autorización da Comunidade Autónoma? Tamén. Pero como vostede sabe, non se pode endebedar nin na cantidade que queira nin para o que queira. Non lle permite a Comunidade Autónoma endebedarse para consumos correntes, só para investimentos reais; ou sexa, iso é o que significa. Máis nada”

O PLENO DECIDE NON ACTUALIZA-LAS TAXAS MUNICIPAIS Ó 2,3% DO IPC

28.09.07 Pleno Ordinario do 26 de setembro de  2007. O Pleno da corporación decidiu non actualiza-las taxas municipais ao 2,3% do IPC. En contra da suba votaron os oito concelleiros do PP, os tres de Terras de Xallas e dous de Independentes por Santa Comba. A favor da suba votaron os concelleiros do PSOE máis dous de Independentes por Santa Comba.

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): “As Ordenanzas fiscais do 2008 presentan novidades salientables… unha é a actualización da suba do IPC, que é unha actualización do 2,3%, e polo demais, son as mesmas taxas que tiñamos, coa salvidade esta da actualización”.

Sr. Toja Parajó (PP): “Cando vostede estaba na oposición criticaba todo o aumento que o equipo de goberno, neste caso o PP, facía… pero vostede ben podía dicir que non gravaba máis ós veciños de Santa Comba, con este 2,3%, porque non me negará vostede, como diciamos o outro día na Comisión, que isto é unha subida de impostos. Entón, nós estamos en contra desta suba de impostos, polo tanto o noso voto vai ser en contra”.

Sr. Miguel Pérez  (Independentes X Sta. Comba): “Se durante os últimos catro anos sempre fun crítico coa subida dos impostos do Partido Popular, non podo agora selo menos, por coherencia. Sempre sostiven que os impostos e as taxas municipais de Santa Comba están moi elevados, sobre todo os catro anos que eu fun membro desta corporación, pois asistín a como sucesivamente ían subindo os recibos da contribución…  se queremos que a vila medre, temos que tratar de non encarecerlle o custo da vida ós cidadáns… eu creo que tería sido moi sensato, polo pouco que cifra dentro do presuposto municipal, paralizar estas subas e, desta forma, compensa-lo gravame tan extraordinario que estamos a soporta-los xalleiros con motivo dos valores catastrais, que aí non podemos facer nada, iso vén imposto pola administración, e aí, aínda que se tentou, como vostede lembrará, non podemos facer nada…”.

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): “Moi ben. Gustaríame contestarlles a todos e contestarlles cal é o noso posicionamento…. alégrame que o señor Toja cambiase o sentido do voto, na comisión creo que votara a favor da actualización do IPC. ¿Iso que significa? Significa que por primeira vez se posiciona como oposición… aquí; unha cousa son os impostos, que non teñen falta de actualizar, porque os impostos teñen en conta a riqueza do contribuínte e xa se actualizan sós, e outras son as taxas, que non teñen en conta a capacidade adquisitiva do contribuínte e entón, a única forma de que non queden desfasadas é actualizalas; porque os custos da vida soben e tamén soben os custos de presta-los servizos, así que as taxas débense de actualizar… porque todos vostedes, sobre todo vostedes, que estiveron no poder, saben que están moi por debaixo do custo dos servizo, pero moi por debaixo… Basicamente porque hai dúas formas de facer cadra-los balances: tocando os ingresos e tocando os gastos, e vostedes só preferían tocar nos ingresos, actualizar e incrementar, e eu vou face-las dúas caras da moeda, tocando nos ingresos e restrinxindo os gastos; polo tanto, esa é a diferenza fundamental da miña política de goberno; por iso entendo que necesitaría o apoio de todos vostedes para facer iso e por iso entendo que todos vostedes deberían de colaborar, neste caso, e tomar un posicionamento de goberno, porque eu quero que participen no goberno, don Miguel. Por iso quero que sintan que isto non é unha batalla de oposición contra goberno, é unha batalla de sacar un concello adiante, e vostede sabe, coma min, que están moi desactualizadas as taxas con respecto ós custos… Non é verdade que se trate dunha suba; cando soben unha pensión, don Miguel, a toda xente que está cobrando polas pensións se lle actualiza o IPC. Ninguén di por aí que é unha suba da súa pensión, todo o mundo sabe que está na mesma situación real ca antes, só se lle actualizou o IPC… estou falando de taxas, non de impostos, e estas taxas que se actualizan non son as do IBI, por exemplo;  non estamos encarecendo nada, iso que quede ben claro, estamos actualizando”.

Sra. Dolores Calvo (Independentes Terra de Xallas): “Non comparto iso que está dicindo de que á xente cando lle soben tres euros ou dous euros e medio na pensión, din que é o IPC; saia ó balcón e explíquelle a esta xente toda o que é o IPC e  pregunte a ver quen sabe que subiu polo IPC… porque o IPC sabemos catro persoas o que é…vostede chámelle x, pero iso vaino recadar vostedes e vostede era o primeiro que dicía que había que conter e que había que mirar polo benestar dos xalleiros…. ti desfrázao como queiras, pero en realidade os recibos van subir…. despois vostede pódelle chamar como lle dea a gana, señor Ucha”.

Sr. Miguel Pérez  (Independentes X Sta. Comba): “Efectivamente, vostede fai unha diferenciación entre taxas e impostor, efectivamente ambos son tributos, pero obedecen a unha clasificación diferenciada polos fins dos mesmos….coincido co que acaba de expor dona Dolores… podemos chamarlle como queiramos, di vostede ¿actualizar? ben, pois unha actualización non sempre supón unha suba, pode supor unha baixada… os estudos económicos que se fan desde Intervención son precarios, tremendamente precarios, porque xiran sobre magnitudes sobre as que a interventora excasamente ten control, nin ela nin ningún técnico… eu o que si vexo é que tódolos anos, sistematicamente, o capítulo de taxas, o capítulo de impostos municipais, ¡a subir! Concepto: actualización IPC… foi así durante os cinco anos… creo que hai unha cousa moi importante, e coincido coa compañeira Loli…. se isto nos axudase a equilibra-las contas públicas do municipio, pero se isto non vai arranxar nada!, absolutamente nada. ¿Canto se recadou por este concepto? Eu non o mirei, pero é irrisorio; en consecuencia… ter cumprido cos cidadáns como lles dixemos durante catro anos e dicirlles: señores, mantémo-los impostos e as taxas tal como están”, efectivamente, vaiamos pouco a pouco, faise un esforzo no recorte de gasto e compensámo-la conta sen ter que meterlle a man no peto os cidadáns, que foi sobre o que durante catro anos, aquí, xuntos, sempre nos pronunciamos. Eu, pola miña parte, non trato de convencer, trato de ser coherente, e nese sentido vouno seguir sendo”.

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): “Non é igual un imposto ca unha taxa… expliqueino o mellor posible; quizais non lles fixen entender que é iso de subir, baixar, actualizar… don Miguel, sen ofender, non quero faltar a ninguén, pareceme unha disertación moi retórica, pero baleira de contido totalmente, porque basicamente é un inútil exercicio de retórica; porque non achegou nada…. pero o que pode ter por seguro é que aquí –e iso sempre llelo esiximos desde a oposición- tódalas taxas se implantaron cun informe económico da Intervención, porque é obrigatorio e iso si que o cumpriu ó pé da letra o señor Toja. Tódalas taxas teñen o seu informe económico de custos…. (tenta de intervir a Sra. Dolores Calvo de Independentes Terra de Xallas). Perdoe, eu non a interrompín a vostede; faga o favor de tela mesma deferencia comigo, se non déxoa falar a vostede, ¿quere falar vostede? Fale”.

Sra. Dolores Calvo (Independentes Terra de Xallas): Si, gustaríame falar. Gustaríame falar para dicir que, en principio, hai que falar con respecto, a todo o mundo; eu creo que todo o mundo merece un respecto e creo que o primeiro que hai que ser é persoa, antes que todo na vida; nin goberno, nin oposición, hai que ser persoa, humilde, e non pensar que se está por riba do ben e do mal e no poder da verdade absoluta, que é a constante que imos ter, ¿vale? Grazas.

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): Perdoe, señora Dolores, pero ten confundidos tantos conceptos que é imposible sacala da súa obstinación, porque a opinión súa non pesa igual cá do señor Miguel ou ca miña; porque o señor Miguel é economista dunha empresa e eu son licenciado en empresariais…. polo tanto, se vostede quere compara-la súa opinión coa nosa, non ten a mesma autoridade; cando fala un experto, e se fala por exemplo o señor Toja dun tema de veterinaria, temoslle que presupor mellor sentido común que se falo eu, porque ten unha titulación e sabe de que fala. Cando fala vostede destes temas e pretende estar ó nivel dos demais, pois non, porque dixo unha sarta de cousas baleiras, sen ofender, e despois di e fala de respecto; teña un respecto porque, neste momento, a súa opinión non estaba á altura dos demais; ¿entende?, por iso lle digo que falaba con autoridade o señor Miguel porque estaba falando de cousas que entende e que, desde logo, falou con coherencia, desde o seu posicionamento, e eu falo cousas que domino e tamén con coherencia…. Por iso, o que a vostede lle parece un acto de chulería e de soberbia, supuxo que tanto o señor Miguel coma min tivésemos que estar cinco anos na facultade para poder falar con esa autoridade…. o mesmo sucede coa señora Lucía, por exemplo, que cando fala de temas económicos ten certa autoridade. Máis nada”

A REDUCIÓN DAS TAXAS NAS ESCOLAS DE FÚTBOL QUE PRETENDÍA O EQUIPO DE GOBERNO QUEDAN EN GRATUÍTAS POR DECISION DO PLENO

28.09.07 Pleno Ordinario do 26 de setembro de  2007

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): “Rebaixa das taxas das escolas deportivas de fútbol a 25 euros cada unha e 30 cando son dúas (por neno). Creo que estaban a 50 e a 40 euros… coma as outras escolas deportivas; creo que debe de ser igual, por iso o facemos así… o que non podemos é facer agravios comparativos con respecto ás outras escolas deportivas… nós non podemos presta-lo servizo gratuíto dunhas escolas deportivas con respecto a outras, porque se non estás creando desigualdade… así que o tratamento ten que ser igualitario…. ¿Que queren facer outra cousa diferente e non queren aproba-la taxa? Pois xa está. Non a aprobamos, creamos esa desigualdade, pero non somos responsables o equipo de goberno. Creo que debemos de tratalo igual cás demais escolas deportivas que temos
 
Sr.Pérez Fernández (Indp X Sta. Comba):  ¿a entidade que neste caso xestionaba as escolas deportivas municipais, fundamentalmente de fútbol (que aquí nunca tivemos outras), gravaba ós rapaces por participar?

Sr. Facal (PP):  Antigamente as escolas deportivas de fútbol estaban vinculadas ó concello e non se lles cobraba nada; despois pasou á directiva do Santa Comba Club de Fútbol, que foi cando asumiu todo o tinglado…

Sr. Alcalde: ¿E cobraba? ¿Non cobraba nada tampouco?

Sr. Facal (PP):  O que quixera facerse socio, facíase socio e punto e nada máis.

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): Pero cobraban. Non era obrigatorio, pero cobraban. Dalgunha maneira cobraban… pois estaban recibindo 56.000 euros de subvención e estabáo prestando o Santa Comba Club de Fútbol; entón nos pasamos a asumir todo o que son as escolas deportivas, porque …

Sr. Toja Parajó (PP):  “Non se cambia para nada o das escolas deportivas; vai segui-lo mesmo sistema, vai segui-la mesma xente traballando; simplemente, que en vez de levalo o Santa Comba, vaino levar o Concello; en vez de colle-los 5 equipos que tiña antes o Santa Comba (infantís, cadetes, alevíns, os xuvenís e o Santa Comba B), agora o concello colle infantís, cadetes e alevíns; ¿sabedes canto lle custa isto ó concello? 35.000 euros…. non sei porque quixeron saca-las escolas infantís, cadetes e alevíns para que sigan funcionando da mesma forma que estaban; igual. Eu estiven cos monitores e van seguir a funcionar igual. Simplemente…. o único que se vai cambiar é o sistema de transporte, que en vez de levalo unha empresa vai levalo outra. Máis nada”

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): “Teño que dicir, unica e exclusivamente que estamos debatendo sobre unha taxa. Poden votar a favor ou non votar a favor, o que non é lóxico é que debatamos sobre como imos organiza-lo fútbol, porque iso é unha cousa do equipo de goberno. O equipo de goberno decidiu que era mellor pagar 32.000 euros e que fosen para os rapaces, que pagar 56.000 e que non fosen para os rapaces; porque se agora o amañamos con 35.000, e facémo-lo mesmo, somos uns xenios, ¡uns xenios, eh!, ¡hai que sacárno-lo sombreiro!”

Sr. Toja Parajó (PP):  “Sen dúbida”

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): “Non podemos facelo doutra maneira, polo que lles dixen: a forma de decidir é tratar por igual a tódalas escolas deportivas, así que, ¿podíamolo facer de balde? Por suposto, señor Facal, gratis se quere, pero entón témolo que facer igual con tódalas escolas, ¿estamos de acordo? Por iso establecemos unha taxa, simbólica, de 30 euros…. Eu non organizaba antes as cousas; as cousas estaban organizadas antes dunha maneira e agora están organizadas doutra…. o que nos decide para establece-la taxa é que non podemos facer esas diferenzas de se o fútbol é mais ou menos que o atletismo ou có voleibol; polo voleibol cobramos, pois polo fútbol teremos que cobrar”

Pois enténdese que o fútbol vai ser gratis por obra e graza do Partido Popular.

O PLENO ACORDA A DESAFECTACIÓN DA ESCOLA DE FREIXEIRO PARA CONSTRUÍR UN VELORIO

28.09.07 Pleno Ordinario do 26 de setembro de  2007

Sr. Toja Parajó (PP):  “Os veciños (de Freixeiro) están pretendendo facer un velatorio. Alí hai dúas escolas, unha que está pechada e outra con actividade escolar… estivo o Inspector (de Educación) de zona en Santa Comba, coa Directora do C.R.A. e o xefe de obras do concello, que había que adecenta-la escola onde non hai actividade, facer unhas pequenas obras, e trasladaríanse os rapaces de onde están á escola de arriba, onde é o campo da festa, e simplemente que se siga cos trámites para desafecta-la escola de abaixo e logo, en tempos poteriores, ve-la forma de cederlla a unha asociación ou ós veciños de Freixeiro, para que poidan executar alí a obra que eles pretenden, que é un velorio”

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): “En principio, o único que podo dicir e que a desafectación é un procedemento que leva o seu tempo; non é tan doado de facer. A desafectación non implica a doazón; aquí non fala nada de doazón, porque aquí o que se me está pedindo é a desafectación da casa-escola… pero non me está dicindo que llela regale, ou ¿estame pedindo que llela regale?

Sr. Toja Parajó (PP):  “Vostede non regala nada, señor Ucha… primeiro hai que desafectala e logo é o concello o que lles pode facer unha cesión ós veciños de Freixeiro, a unha asociación ou a calquera entidade convenientemente formada”.

Sr. Alcalde José Antonio Ucha (PSOE): “A min paréceme excesivo regalárlle-los bens do concello a entidades privadas, porque un velorio, por exemplo, é unha entidade privada. Tal vez ese sería o proceder do anterior equipo de goberno, eu a entidades privadas non regalo, cobro; eu desafecto o ben, e vendo porque é unha entidade privada, non o esqueza… se a demanda popular é que eu desafecte a casa-escola, non teño problema ningún, pero regalarlla a unha entidade privada, iso serían prácticas que eu non fago, porque eu non me dedico á doazón, a entidades privadas non. E despois, o de face-las obras, pois están condicionadas á desafectación; na medida en que desafectemos ese ben inmoble, pois procederemos ás obras; polo demais, nós non temos ningún inconvinte en face-lo que se está pedindo aquí, coa salvidade que estou dicindo, que o concello non se dedica a regalarlle bens a entidades privadas, porque se así fose, estariamos facendo unha prevaricación, digo eu”.

Sr. Toja Parajó (PP): “Pero vostede pódelles facer unha cesión a eses veciños por corenta anos, por cincuenta anos, por vinte e cinco anos, polo que sexa, non dar, senón facer unha cesión”.

Sr. Toja Parajó (PP):  “Vostede estame pedindo que dea a entidades privadas, porque acaba de dicilo e eu iso non o vou facer, xa o digo aquí a priori, a entidades privadas non regalo, nin moito menos. Chegaremos a un acordo, se iso é posible”

Sr. Pérez Fernández (Indp X Sta. Comba): “Aquí proponse algo que é unha inquedanza que cada vez está mais estendida entre os nosos veciños, como son estas infraestruturas consistentes en velorios… creo que deberiamos, ó mellor, compartir todos os aquí reunidos a elaboración dun plan de infraestruturas de velatorio que cubran as necesidades de todos e cada un dos nosos lugares… ben en escolas unitarias ou onde sexa…. sempre a favor dunha actividade de carácter veciñal e sen ánimo de lucro, unha asociación veciñal que se constitúa ós efectos… eu creo que esta sería a forma de tratar un asunto e de darlle unha solución que sería satisfactoria para todos… sería facer un plan de infraestruturas de velatorios”.

Sr. Pichel López (Indp Terra de Xallas):  Eu estou totalmente en contra, por unha razón, porque eu creo que estamos entrando, e levamos moito tempo, nunha cultura dos mortos, e eu preferiría traballar na culturra dos vivos, é dicir, en vez de facer velatorios, había que facer servizos para que a xente estivese cómoda…. e o que si deberiamos de facer sería permiti-la libre competencia das funerarias que hai na vila, porque son servizos relativamente baratos… e que os pode haber en competencia, pois estamos facendo unhas infraestruturas ou gastando un capital nunhas instalacións que van servir para unha vez ó ano e que van ser para os veciños moi custoso, moito máis custoso, non só a construción, senón o mantemento e sobre todo coas obrigas que iso require e o persoal para mantelo, eu era máis partidario de fomentar a competencia, que si houbo un problema neste concello, de non deixar crear competencia, non sei por que razóns, de que haxa competencia para que os prezos sexan baratos… desde o concello, eu podía propoñer, cando haxa unha persoa que hai que velar e está nun tanatorio determinado aquí, pois que houbese un servizo de autobuses para que desde esa aldea se puidesen desprazar a visitar a ese difunto… Eu nas aldeas son máis partidario de facer servizos para os vivos e non para os mortos; darlle servizos á xente, moitos que fan falta, non digamos auga, porque temos ós veciños sen auga e falamos de facer un velatorio deses… eu creo que a solución non é facer dezasete velorios”

Enténdese aprobado cos votos do Partido Popular, cos do PSOE e cos dos Independentes por Santa Comba. O grupo de Independentes da Terra do Xallas vota en contra da proposta.

 

Compartir

Publicar

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y realizar estadisticas ACEPTAR