981 880 075 Pza. Concello, 1 - 15840 Santa Comba

Novas de setembro II

0

PROBAS DE SELECCIÓN DE AXENTES DE INTERVENCIÓN PARA O PARQUE DE BOMBEIROS

11.09.07. UTEC Natutecnia-Eural. A empresa UTEC Natutecnia-Eural concesionaria da xestión do servizo de intervención de emerxencias do Parque de Bomberos de Santa Comba–Xallas realizou as probas de selección de persoal para ocupar 18 prazas de Axente de Intervención no citado parque.

Para poder optar ás prazas era necesario acreditar ter cumpridos os 18 anos, ser español ou da comunidade europea, medir como mínimo 1,60 m., ter coñecementos básicos de albanel, fontaneiro, electricista, carpinteiro ou mecánico, estar en posesión do permiso de condución C1, do título de Graduado Escolar, Formación Profesional de Primeiro grao ou titulación equivalente e acredita-la aptitude física coa presentación dun certificado médico oficial asinado por un médico colexiado en exercicio, no que se fixese constar expresamente que o aspirante reunía as condicións precisas para realiza-las probas físicas.

Previamente ás probas físicas realizouse o día 6 de setembro un test de personalidade de carácter elminatorio despois de examina-lo currículum vitae e a carta de motivación persoal que cada un dos aspirantes tivo que presentar ante o tribunal examinador.

O día 7 celebráronse no IESP Alfredo Brañas de Carballo as probas de aptitude física de resistencia e velocidade con aplicación, a efectos de descualificación, do regulamento da Federación Internacional de Atletismo, onde os aspirantes tiveron que realizar unha carreira de velocidade nun tempo máximo de 7,55 segundos nun só intento; carreira de resistencia de 1.000 metros nun tempo máximo de 3 minutos 18 segundos nun só intento; salto de lonxitude mínimo de 2,21 metros en dous intentos a pés xuntos sen carreira; 11 flexións de brazo, nun só intento, en barra horizontal con saída de brazos e pernas estendidos, palmas das mans cara a diante e separación entre pulsos igual á anchura dos ombros, considerando válido o pasa-lo queixelo por riba da barra, volvendo logo á posición dos brazos totalmente estendidos e sen valerse de impulso coas pernas. Posteriormente, tiveron que pasar colgados por unha escada horizontal de 5 metros de altura, para acabar con 6 flexións correctas, segundo indica o apartado anterior, nun intento, e finalmente subir a pulso unha corda de 5,5 metros de altura sen impulso e partindo de parado nun máximo de dous intentos.

O día 8 tivo lugar a proba de natación, consistente en nadar a estilo libre 50 metros nun máximo de 45 segundos, nun só intento, partindo do contacto no bordo da piscina, ben desde dentro ou desde fóra, sen poder apoiarse en nada ata a conclusión da proba.

Un exame teórico-práctico e unha entrevista persoal completaron as probas que tiveron que superar os aspirantes.

Posteriormente, os 18 seleccionados convivirán durante mes e medio, desde o 17 de setembro ata o 9 de novembro, no curso de formación impartido na Academia Galega de Seguridade que a Xunta de Galicia ten na localidade pontevedresa da Estrada.

AUGAS DE GALICIA FINANCIARÁ O 100% DUNHA NOVA DEPURADORA EN SANTA COMBA CUN CUSTO DE MÁIS DE 3 MILLÓNS DE EUROS

11.09.07 Augas de Galicia. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Unha vez visto o informe de Aquagest sobre a situación real do estado da rede de augas do municipio, o Alcalde de Santa Comba, José Antonio Ucha Velo mantivo o pasado día 10 unha xuntanza en Santiago de Compostela con D. Francisco Alonso Fernández, Subdirector Xeral de Programación e Proxectos de Aguas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para estuda-la posibilidade da construción dun novo colector xeral e unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) no municipio de Santa Comba.

O Alcalde acadou o compromiso en firme de que Augas de Galicia, dentro do Plano de Saneamento de Galicia, vai financia-la totalidade do custo da nova depuradora cun presuposto total de execución por contrata de 3.193,288,93 euros.

Co fin de tramita-lo expediente para proceder á contratación e execución das obras, e cumprindo co Decreto 84/1997 sobre colaboración técnica e financeira da Administración Hidraulica de Galicia coas entidades locais en materia de abastecemento e saneamento de augas, o concello de Santa Comba deberá levar ó Pleno a aprobación do anteproxecto, comprometéndose á entrega dos terreos e da auga necesarios para a execución da obras,; a asumi-la explotación,; ó mantemento e conservación das instalacións, e a efectua-los traballos ordenados pola inspección facultativa; á actualización das tarifas pola prestación do servizo na medida axeitada ó custo das obras que se realizan, e á súa explotación e amortización.

Deberase presentar tamén un informe de intervención sobre a situación económico-financeira do concello, no que ha de figurar un estudo sobre a capacidade municipal de dispoñibilidade e endebedamento no que quede clara a situación financeira do concello.

Esta documentación xa lle fora solicitada por Augas de Galicia ó anterior goberno o ano pasado, concretamente o 9 de outubro de 2006, pero o expediente quedou parado, porque o concello nunca chegou a leva-la proposta a Pleno nin a presenta-lo informe de intervención como esixe o Decreto 84/1997, do 10 de abril (Dog. do 24.04.97)

O TRANSPORTE RURAL PARA DISPACITADOS XA INCLUIRÁ SANTA COMBA NA PRIMEIRA FASE

11.09.07. Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal. O Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal, que arranca este ano con 66 vehículos especiais, dotados de teléfono, GPS e dispositivo para cadeiras de rodas para o traslado de usuarios con discapacidade equivalente ou superior ó 65%, implantarase inicialmente nas zonas de maior dispersión poboacional de Galicia. Antes de finaliza-lo ano 2007 estará operativo, segundo indicaron fontes de Vicepresidencia, en 140 concellos da Comunidade Autónoma, entre os que se atopa Santa Comba.

Do programa poderán beneficiarse de forma gratuíta unos 38.000 galegos, que non sobrepasen o tope de ingresos establecido no decreto aprobado pola Xunta de Galicia, e as persoas que perciban ingresos superiores ó 75% da renda de efectos múltiples deberán aboar determinadas cantidades.

A experiencia é pioneira no Estado español e na medida que a comunidade ten unha das poboacions máis envellecidas de Europa, dispersa en 35.000 núcleos de poboación, o que fai inviable crear un centro de día en cada parroquia de Galicia, apóstase polo transporte para traslada-los discapacitados a centros de día ou de servizos, para recibir tratamentos ou realizar actividades que promovan a súa autonomía.

O servizo de apoio á mobilidade que arrincará este ano con oito millóns de euros, para a adquisición de vehículos, sistema informático e dotación do centro de control e comunicación, suporá a creación dun millar de empregos, entre condutores, monitores, acompañantes e persoal destinado no servizo central do 065, que haberá de constituírse ó respecto.  A iniciativa estará plenamente operativa no 2009. A Xunta de Galicia abrirá un proceso de contratación pública para poñer en marcha o servizo central e o de autobuses.

Os interesados deberán presentar unha solicitude na Delegación Provincial de Vicepresidencia.

LUZ VERDE Á EMPRESA CANABREY PARA A CONSTRUCIÓN DUN EDIFICIO DE 23 VIVENDAS

12.09.07. A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº17/07 o 11 de setembro, e dada conta dos respectivos expedientes e informes, acordou aprobarlle a licenza de obra á empresa Canabrey S.L. localizada na rúa Lugo 23 de Santa Comba, para a construción dun edificio de 23 vivendas, locais, garaxe e trasteiros, de acordo co proxecto básico presentado, redactado pola arquitecta, D. Ana María Gerpe Gerpe.

O edificio, sito na rúa Lugo s/n, desta localidade, está dentro do solo urbano en “Mazá pechada”, co que se axusta ás determinacións da ordenanza de apliación neste tipo de solo. Esta licenza leva implícita unha liquidación de taxa por expedición urbanística por importe de 8.439,26 euros, correspondente ó I.C.I.O. (Imposto sobre construcións, instalacións e obras).

DENEGACIÓN DE LICENZA DE OBRA PARA A REFORMA DUN BAIXO-CUBERTA NA RÚA RUA OURENSE

12.09.07 12.09.07. A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº17/07 o 11 de setembro, e dada conta dos respectivos expedientes e informes, acordou denega-la licenza de obra a D. Jesús Antelo Díaz para a reforma de andar baixo-cuberta con uso de vivienda para reposición de legalidade urbanística, do inmoble situado na rúa Ourense, segundo o proxecto presentado e redactado polo arquitecto D. José Luis Estévez Suárez.

O solicitante presentou un proxecto básico para a reforma dun andar baixo-cuberta con uso de vivienda para a reposición da legalidade urbanistica existente, cun cuarto andar e o do referido baixo-cuberta, segundo se desprende dos informes municipais, que “foron construídos sen licenza, co que se vulnera ademais a normativa urbanística vixente, pois do do expediente despréndese que se excede en altura, e que a tipoloxía do edificio e a súa terminación están en contra das directrices do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXIM), razón polas que o concello, no seu día, iniciou expediente de reposisicón da legalidade e ordenou a demolición do cuarto andar e do baixo-cuberta”.

Os informes do servizo xurídico municipal, entre outros, consideran que “a construción da vivienda que se pretende co proxecto presentado, baixo a apariencia dun comportamento de reposición da legalidade, supón unha clara fraude urbanística e a súa autorización vulneraría o artigo 210  (da Lei 9/2002 de 30 de decembro de Ordenación, Urbanística e Protección do medio Rural)”

O expediente sobre os problemas desta edificación son anteriores ó ano 2005, e ínstase ó organo competente para que prosiga a tramitación do expediente de reposición da legalidade.

SOLICITUDE DE NOVOS SERVIZOS E EQUIPAMENTOS PARA O CENTRO DE SAÚDE

12.09.07. Consellería de Sanidade. A Xunta de Goberno Local en sesión ordinaria nº17/07 celebrada o 11 de setembro de 2007 acordou solicitar a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia os servizos médicos especializados de Raios X, Xinecoloxía e Psiquiatría para o Centro de Saúde PAC da localidade, así como a financiación para o arranxo de fenestras exteriores nas dependencias das consultas.

O equipo de goberno considera elemental e básico contar cun equipo de raios X, máxime se se ten en conta que calquer clínica ou policlínica situada nos municipios galegos contan con tal equipamento.

No caso de psiquiatría, non se trata dunha petición nova senón dunha restitución do servizo, xa que este concello contaba  cuns especialistas en saúde mental que se desprazaban a esta vila, cunha periodicidade quincenal, atendendo a un total de 1.500 persoas a razón de 40/50 persoas diarias, deixándose de prestar dito servizo no ano 2000.

Con esta petición trátase de evita-los desprazamentos ós hospitais ou ambulatorios, para non perder toda unha mañá en Santiago de Compostela, e contribuír así mesmo a palia-la masificación dos servicios hospitalarios da capital de Galicia.

AIRE ACONDICIONADO PARA AS OFICINAS XERAIS DO CONCELLO

12.09.07 A Xunta de Goberno local nº 17/07 do doce de setembro tamén decidiu aproba-la proposta do primeiro tenente de alcalde, D. Julio Ferreiro Pazos de instalar aire acondicionado nas oficinas xerais da Casa do Concello, co fin de atender unha petición dos funcionarios e usuarios dunhas instalacións con altas temperaturas constantes, incluso en inverno, provocada pola concentración de persoal e maquinaria de telecomunicacións nun reducido espazo.

SOLICITUDE DE MARQUESIÑAS PARA TRANSPORTE ESCOLAR E DISCRECIONAL

12.09.07 O Alcalde do concello D. José Antonio Ucha Velo trasladou á Xunta de Goberno local nº 17/07 do doce de setembro as peticións que recibe de nais e pais de alumnos e de veciños relativas á instalación ou arranxo de marquesiñas para refuxios escolares, así como para usuarios das liñas de transportes regulares ou discrecionais.

Moitas marquesiñas están especialmente deterioradas dada a súa antigüidade, polo que cómpre proceder ó seu cambio ou arranxo.

Dado que os orzamentos municipais do presente ano 2007 non permiten a compra das novas unidades, a Xunta de Goberno local decidiu solicitarlles á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda  e á Deputación Provincial da Coruña unha axuda económica ou a instalación de marquesiñas destinadas a viaxeiros e usuarios de transporte discrecional e escolar neste concello.

AXUDAS PARA ADQUISICIÓN DE LIBROS E MATERIAL ESCOLAR NO CURSO ACADÉMICO 2007-2008

12.09.07 A Xunta de Goberno local nº 17/07 do doce de setembro tamén decidiu aproba-las bases de convocatoria de axudas económicas para a adquisición de libros e material escolar do curso académico 2007-2008, e proceder á súa convocatoria.

O CONCELLO SÚMASE Á PETICION DA FECOM DE SOLICITA-LA SUPRESIÓN DA PEAXE NA AUTOESTRADA CARBALLO-A CORUÑA

12.09.07 O Alcalde someteu a consideración da Xunta de Goberno local nº 17/07 do doce de setembro a reivindicación da FECOM da erradicación total da peaxe na autoestrada Carballo-A Coruña, por estar prexudicando notablemente as nosas bisbarras, xa de por si desfavorecidas, e por considerar isto como un agravio comparativo con outras peaxes que foron suprimidas e das que se beneficiaron grandes cidades que xa contan cun importante tecido industrial.

A petición da Fecom xa foi realizada no mes de abril, despois da súa xunta directiva celebrada o día 10 do mesmo mes, pero o anterior goberno municipal de Santa Comba non se manisfestou ó respecto nin chegou a realizar ninguna petición formal.

Agora por acordo da Xunta de Goberno local, o Concello de Santa Comba manifesta o total apoio do equipo de goberno municipal do Concello de Santa Comba á xusta reivindicación da FECOM de adherirse ó acordo adoptado pola súa xunta directiva solicitando a erradicación da peaxe. Mentres tanto, solicita a aplicación de bonos-descontos a empresas, traballadores e usuarios en xeral e remitirá o acordo ó Presidente da Xunta de Galicia e á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e someterá a aprobación da corporación municipal dita reivindicación.

A Fecom é a Asociación de Empresarios da Costa da Morte, que engloba ás asociacións de empresarios de Camariñas, Carballo, Cee, Fisterra, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo, Zas, exportadores de peixe de Malpica e sector Turístico da Costa da Morte.

ESTUDARASE A POSIBILIDADE DE COLOCAR UNHA MARQUESIÑA EN OUTEIRO DE MALLÓN

12.09.07 A Xunta de Goberno local nº 17/07 do doce de setembro tomou coñecemento da petición feita por dona María Isabel Calvo Maroñas, veciña de Outeiro de Mallón, na que expón que en dito lugar hai nenos que van á escola e ó instituto sen dispoer dun refuxio escolar.

A Xunta de Goberno solicitoulle un informe de viabilidade á Policia Local para a posible localización, tan pronto exista dispoñibilidade dela, e instou á colaboración dos pais de alumnos para que, no caso de non poder instalarse en terreos públicos ou municipais, cedan os terreos necesarios.

A PETICIÓN DUN VECIÑO LEVA A QUE O CONCELLO INICIE A REDACCIÓN DUNHA ORDENANZA PARA A INSTALACIÓN DE TERRAZAS NA HOSTALARÍA.

12.09.07 O goberno local levou á Xunta de Goberno nº 17/07 do doce de setembro a petición de dona María Élida Duarte Calo, veciña da Avda Alfonso Molina 67 soto, na que en síntese, expón o desexo de instalar unha terraza para o vindeiro mes de abril de 2008 na rúa en fronte do seu establecemento. Para isto, solicita autorización na superficie que o concello delimite, dende o mes de abril ata setembro, ámbolos dous incluídos, reservando a decisión de mantela durante todo o ano, dependendo do prezo, e de se as normas o permiten.

O Sr. Alcalde-Presidente do concello deu conta de que na actualidade non está debidamente regulada a instalación de terrazas en terreos públicos, polo que debería procederse á redacción dunha ordenanza reguladora das mesmas que recolla principalmente as normas de seguridade dos peóns e usuarios así como das súas características técnicas.

Finalmente, acordouse tomar coñecemento do escrito e darlle traslado do mesmo á Policía Local, Secretaría e Intervención, para que cos os informes pertinentes previos se inicie o expediente para a redacción da correspondente ordenanza ou regulamento, así como agradecerlle á hosteleira a presentación da petición con tempo suficiente, o que permitirá unha correcta ordenación da instalación de terrazas en terreos públicos.

PECHE TEMPORAL DA GARDARÍA

13.09.07. Subdirección Xeral de autorización e inspección de centros da Xunta de Galicia. Desde o 3 o 13 de setembro de 2007 o Concello de Santa Comba viuse na obriga de pechar temporamente a gardaría por causas de forza maior, ó non ter superado ningún dos candidatos que optaban a completa-lo cadro de persoal as probas do proceso selectivo que se celebraron a semana anterior.

Vicepresidencia da Xunta de Galicia e o Concello de Santa Comba traballaron conxuntamente para soluciona-la situación xerada, por iso, os técnicos da Subdirección Xeral de autorización e inspección de centros da Xunta de Galicia reuníronse o día 4 de setembro na casa do concello para permiti-la apertura da escola á maior brevidade posible e causar, así, as mínimas molestias ós usuarios do servizo.

Durante o tempo que permanceu pechada o concello convocou un novo proceso selectivo de persoal e acordou co contratista que fixo a obra a solución dos problemas estruturais que viña arrastrando a instalación desde a súa construción e que provocaban a filtración de auga, con pingueiras (incluso na zona de berces dos bebés) e o escunchado permanente da pintura, entre outros problemas menores.

A XUNTA CONECTA A PROTECCIÓN CIVIL A REDE SIRDEE CON TECNOLOXÍA DIXITAL PUNTEIRA EN TODO O ESTADO

13.09.07 Consellería de Presidencia, Administracións, Públicas e Xustiza. O Sistema de Radiocomunicacións Dixitais de Emerxencia do Estado (Rede SIRDEE), trátase dun sistema de comunicación para os profesionais que funciona cunha tecnoloxía usada polas forzas de seguridade do estado e que permite a comunicación aínda que non haxa cobertura das redes convencionais de telefonía.

Un destes equipos foi entregado o pasado 12 de setembro de 2007 a Protección de Civil de Santa Comba que conta así con dispoñibilidade inmediata, interoperabilidade co resto de forzas e corpos de seguridade do Estado no ámbito da Comunidade Autónoma, así como con medios mobilizados doutras Comunidades Autónomas ou internacionais que se trasladen a Galicia en situacións de emerxencia. A cobertura integral será a mesma que a que se presta ós corpos e forzas de seguridade do Estado cunhas comunicacións que poden ser de voz ou de datos, en grupo, individuais, de emerxencia ou directas entre terminais, sen utilización de infraestrutura.

Con este sistema Protección Civil de Santa Comba e o Grupo de Intervención Rápida (Grumir) superarán  os problemas que no 2006 foron detectados durante algúns dos incendios máis preocupantes, posto que quedarán conectados coa nova sala CECOPI de emerxencias, situada en San Marcos-Santiago de Compostela, que acolle ós encargados de asistencia técnica, responsables de Protección Civil, Policía, Forzas Armadas, UME (Unidade Militar de Emerxencias) que participan nos dispositivos despregados en situacións de emerxencia.

A sala está dotada das tecnoloxías máis modernas conectada directamente co Centro 112 a través dun cable de fibra óptica, con contacto permanente con todo o operativo, o que permite ter imaxes en tempo real e recibir información das axencias especializadas como, por exemplo, o Instituto Nacional de Meteoroloxía.

A través desta sala tamén se poderá conectar co posto de mando avanzado de emerxecnias desde o aire situado nun helicóptero específico con sofisticados equipos de comunicación, cámaras de visión directa, cámaras térmicas (para detectar focos de calor que non fosen vistos polos demais efectivos) infravermellos para localizar desaparecidos ou persoas dificilmente accesibles, garantindo que ante unha situación de emerxencia se poida ter información aérea que permita ver sobre o terreo o despregamento das unidades, detectar puntos de risco e dirixi-las operacións.

AUMENTARASE A SEGURADE NAS ZONAS DE MINAS

13.09.07. Consellería de Innovación e Industria. O Concello de Santa Comba xunto coa Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas dependente da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia vai acomete-la revisión e actualización do inventario de antigos labores mineiros abandonados, así como o estudo do estado e eficacia dos labores selados en anos anteriores co obxecto de elimina-los riscos que poidan levar asociados.

A consellaría iniciará os traballos de campo á maior brevidade posible unha vez que o concello envíe os informes pertinentes sobre a localizacion dos labores mineiros abandonados, tanto a ceo aberto como subterráneos, selados ou non anteriormente, así como a información relativa a persoas con coñecemento da localización e características de tales labores.

Con esta medida atenderase una reivindicación dos veciños das parroquias próximas a zonas mineiras, así como as dos afeccionados á caza, onde aínda está recente a intervención que membros de Protección Civil e do Grumir tiveron que realizar para o rescate dun can de caza dunha galería ó aire libre oculta polas silvas.

O PLAN URBANÍSTICO EN INTERNET

13.09.07. La Consellería de Política Territorial. Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). Por medio da páxina web www.planeamentourbanistico.xunta.es calquera que o desexe pode informarse sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal que permite acceder tanto ós mapas e resto dos documentos dos plans urbanísticos coma á lexislación vixente a este respecto, pasando por tódolos plans xerais de ordenación municipal anteriores e o inventario de bens de patrimonio cultural.

A iniciativa forma parte dun proxecto conxunto desenvolvido pola Consellería de Política Territorial e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) que levan xa catro anos traballando no portal; unha potente ferramenta con máis de 50.000 documentos pendurados; ó redor de 500 gigas de información para consulta-lo planeamento urbanístico dos 315 concellos de Galicia.

Antes do 2010 o portal converterase nun verdadeiro sistema de información xeográfica onde se mellorará a navegabilidade; poderá consultarse toda a normativa urbanística da comunidade, coa posibilidade de unir diferentes planos e de descargalos de forma conxunta ou incluso poder ver detalladamente o estado dos planeamentos municipais en tramitación, ademais de, por exemplo, acceder ás sentenzias xudiciais que modifican os plans. O Colexio de Arquitectos traballa na busca de formatos do tipo Google Earth e Google Maps, que permitirán mellora-la visualización dos terreos.

Os servizos informáticos do Concello de Santa Comba están traballando na actualización da paxina web municipal onde haberá un enlace de acceso directo ó planeamento urbanístico municipal "pendurado" nesta web desenvolvida pola Xunta e o Coag.

CAMPAÑA MUNICIPAL DE RECOLLIDA DE ACEITES VEXETAIS

14.09.2007. Protección Mediambiental-PMA. Supermercados Familia. Eroski. O Concello de Santa Comba xunto coa empresa PMA (Protección Medioambiental) puxo en marcha una campaña de recollida de aceites fritidos usados para as vivendas unifamiliares, comunidades de veciños e a hostalaría, mediante a colocación progresiva de bidóns para deposita-lo aceite.

Os bidóns deberán depositarse no Punto Limpo, situado no polígono industrial ou no Supermercado Familia, xa que a campaña conta coa colaboración deste establecemento da cadena Eroski que disporá en breve de dispensadores de recollida por medio do convenio de actuación conxunta PMA-Eroski

Tódolos que queiran favorecerse deste servizo deben poñerse en contacto co departamento de Medio Ambiente, no Centro de Cultura.

A CONCELLO  RECOLLERÁ CASA POR CASA OS RESTOS DE PLÁSTICO DE SILO  E INVERNADOIROS

14.09.2007. O concello está ultimamndo os detalles da posta  en marcha selectiva de restos de plásticos de silo e invernadoiro a domicilio. Tódolos interesados en que se lles vaian recolle-los plásticos deben poñerse en contacto co departamento de Medio Ambiente, que a través da empresa concesionaria da recollida de RSU  Excavaciones Cerceda, se vai encargar de face-la recollida por tódolos puntos do concello. Os residuos depositaranse no Punto Limpo e xa se sacaron bandos para informar á poboación.

OS EDÍS DE SANTA COMBA E A BAÑA ACORDAN IMPULSAR MELLORAS EN INFRAESTRUTURAS

14.09.07 O alcalde xalleiro, José Antonio Ucha Velo (PSOE), mantivo onte un encontro de traballo co líder da oposición no veciño municipio da Baña, Enrique Vázquez Naveira, tamén do Partido Socialista. Ambos trataron do estudo de medidas conxuntas para o desenvolvemento dos concellos rurais fronte á  puxanza das áreas metropolitanas.

Os representantes socialistas xalleiro e bañés tamén trataron diversas propostas para a súa inclusión no Plan Agader Trastámara, do que os municipios de Santa Comba e A Baña forman parten cos de Negreira e Val do Dubra. Durante a reunión celebrada na Casa do Concello, tratáronse cuestións de especial importancia como o impulso que o novo executivo xalleiro pretende dar ás comunicacions por estrada con Santiago, aínda que tamén se falou da mellora entre ambas localidades.

A reunión con Enrique Vázquez non é a primeira que o novo mandatario xalleiro mantén con alcaldes ou representantes políticos de municipios lindeiros. De feito, o primeiro encontro tivo lugar en xullo co seu homólogo de Coristanco.

O CONCELLO CONVERTERÁ O AUDITORIO DO MULTIUSOS NUN CINE TRADICIONAL DURANTE AS FINS DE SEMANA

14.09.07 Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Axencia Audiovisual Galega. IGAEM Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais. As proxeccións de peliculas en Dvd de anos anteriores, cedidas por un videoclub local, que por decisión do anterior goberno se viñan proxectando para os nenos durante algúns venres do inverno serán substituidas polo ambicioso proxecto para tódalas idades con cinema non comercial, denominado Cinemas Dixitais, que o departamento de Cultura do Concello de Santa Comba porá en marcha proximamente en colaboración coa Consellería de Cultura e Deporte, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, a Axencia Audiovisual Galega e o IGAEM-Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais.

O proxecto Cinemas Dixitais, é unha rede de exhibición alternativa de producións audiovisuais empregando o soporte dixital á maneira do cinema tradicional co obxectivo principal de recupera-la exhibición pública aproveitando as grandes posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías.
A programación estará configurada, na súa meirande parte, pola produción audiovisual galega con longametraxes actuais, curtametraxes, documentais, filmes históricos e, tamén, cinema estranxeiro dobrado e producións alleas, tras chegar a acordos de exhibición con administracións doutras cinematografías que tutelen as súas respectivas producións audiovisuais.
En definitiva, trátase de crear "un mundo paralelo" ó cinema comercial convencional e restaura-lo hábito social de ir ó cine e coñece-la produción audiovisual subvencionada con cartos públicos.
A Axencia Audiovisual Galega cederá de balde as películas, que posteriormente deberán serlle devoltas, así como tódolos soportes de difusión da programación (folletos, carteis, etc.).

O primeiro ciclo que a Axencia Audiovisual Galega lle oferta ó concello, está estruturado en base a trece telefilmes feitos en Galicia. Os dramas Atlántida, Condenado a vivir, Entre bateas, Jalisco, Maís ca irmáns, Mentíndolle a vida, Sara e Secuestrados en Xeorxia. Tres de suspense, A Biblioteca da Iguana, Autopsia e Pataghorobi. Unha comedia, O partido, e unha de aventuras, O tesouro, ao que lle seguirán, proximamente, outras producións agrupadas en diferentes temáticas.
 
A Xunta de Galicia permitiralles ós responsables municipais emprega-las distintas programacións como apoio para secundar ou anunciar outras políticas culturais ou sociais. A oferta estará ademais aberta a empresarios privados que queiran participar na iniciativa.

INAUGURACIÓN DO TANATORIO DE SANTA SABIÑA

15.09.2007. Veciños de Santa Sabiña. O Alcalde do Concello D. José Antonio Ucha Velo participou o día 15 de setembro nos actos de inauguración do tanatorio de Santa Sabiña construído con financiamento achegado polos propios veciños. Esta parroquia súmase a outras do municipio como San Cristovo de Mallón ou Alón que tanto sanitariamente coma por servizo das parroquias conta cunha instalación que xa se está considerando case imprescindible. Ó acto asistiron máis dun centenar de veciños e o anterior rexedor municipal, D. José Toja Parajó.

VASOIRA INDUSTRIAL PARA LIMPEZA DE VIAIS

15.09.2007 O servizo de limpeza municipal recibiu onte unha vasoira industrial para a limpeza de espazos exteriores e vías públicas, axeitada para a limpeza de zonas exteriores pola súa rapidez e eficiencia na limpeza de espazos públicos como rúas, beirarrúas, andéns, sendeiros, xardíns ou aparcadoiros.

Trátase dunha máquina lixeira monopraza, de medidas axustadas, que pode ser trasladada a diferentes puntos de traballo cun simple remolque. Permite a limpeza eficiente e rápida incluso en áreas conxestionadas grazas á súa manobrabilidade, capacidade de xiro, amplos cepillos, gran capacidade de aspiración e potente caudal de aire para recoller botellas, pedras e obxectos similares.

A súa transmisión hidráulica, que ofrece unha velocidade de traballo de ata 20 Km/h, e unha cabina totalmente acristala permitirá tela operativa durante todo o ano, independentemente de cales sexan as condicións climatolóxicas, o que permitirá te-las rúas limpas más rapidamente.

DADAS DE BAIXA TÓDALAS TARXETAS DE CRÉDITO DO CONCELLO

15.09.07 O alcalde, xunto co concelleiro-delegado de servizos, atendendo ás recomendacións do departamento de intervención decidiron dar de baixa tódalas tarxetas de crédito que se utilizaban para o servizo de combustible do parque móbil municipal.

O abastecemento de combustible por este sistema non garantía o control total sobre cada un dos vehículos, polo que se decidiu suprimi-las tarxetas de crédito para este mester e establecer un sistema de recibos numerados correlativamente con tódolos datos do vehículo, da estación de servizo e da subministración, na que entre outros se deben incluír prezos, cantidade, marca e quilómetros, debendo ser asinados conxuntamente polo operario da estación de servizo e o operario municipal ó cargo do vehículo nese intre. Os resgardos deben ser entregados mensualmente en intervención para o seu cotexo e verificación.

REPRESENTACIÓN MUNICIPAL NA FESTA DA PATACA DE CORISTANCO

17.09.2007. Concello de Coristanco. A Festa da Pataca unha das máis importantes de Galicia que contou coa asistencia de preto de 10.000 persoas ó longo das dúas xornadas das que conta, con tipo de actos en homenaxe ó famoso tubérculo, contou na xornada do domingo 16 de setembro coa presenza do alcalde de Santa Comba, D. José Antonio Ucha Velo, e co concelleiro D. Julio Pedro Ferreiro Pazos, que asistiron en representación do Concello de Santa Comba despois da invitación cursada polo alcalde do concello bergantiñán, D. Antonio Pensado Plágaro.

O acto foi aproveitado para tratar temas conxuntos de interese para ambos concellos, e para intercambiar impresións sobre a vida municipal con representantes do goberno autonómico e con outros alcaldes da zona como o de Malpica ou o de Carballo.

A MOSTRA ITINIERANTE GALICIA DIXITAL ESTIVO NO MUNICIPIO

17.09.07. Secretaria Xeral de Comunicación. O Concello de Santa Comba sumouse á programación de saídas previstas pola Secretaría Xeral de Comunicación no presente ano 2007, e así o 11 de setembro D. Manuel Conde Mouzo, Subdirector Xeral de Telecomunicacions e Audiovisual, o alcalde de Santa Comba, José Antonio Ucha, e varios concelleiros presentaron en Santa Comba a exposición itinerante Galicia Dixital no edificio Multiusos, e que estivo no municipio durante seis días. Os visitantes puideron admirar un novo espazo expositivo no que se fixo nota-lo progreso das novas tecnoloxías. Entre outras actividades, os que se achegaron ó edificio, puideron ver proxeccións cinematográficas en tres dimensións, visualizar imaxes panorámicas en 360 graos ou xogar co ordenador en tempo real cunha proxección en tres dimensións. Os visitantes tamén tiveron a oportunidade de mover unha pantalla de 42 polgadas coas súas propias mans para desprazarse por toda a xeografía galega, mostrando proxectos audiovisuais dos festexos máis destacados como a rapa das bestas, o entroido de Verín ou o San Froilán de Lugo.

Os visitantes tamén puideron realizar unha viaxe virtual polas rías e portos deportivos da comunidade galega, así como por balnearios a través das ventás virtuais e da utilización da fotografía panorámica. Os maiores fixeron de nenos e gozaron xogando ós videoxogos en pantalla xigante co xogo Need Ford Speed carbono.

Esta mostra ten a súa sede permanente no Mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela e desde hai aproximadamente un ano, que  leva percorrendo os distintos puntos da Comunidade Galega, foi visitada por máis 400.000 persoas.

NOVA PROBA DO CAMPIONATO GALEGO DE AUTOCROSS

17.09.07 Escudaría Esa Motor. O sábado 15 de setembro, celebrouse o XVIII Autocross Santa Comba incluído no calendario autonómico da Federación Galega de Automobilísmo  para o ano 2007,  no circuíto de velocidade de Marlán, na paraxe denominada Chousa dos Toxos.

O circuito conta cunha pista de 850 metros de lonxitude e 12 de ancho, coñecido popularmente como circuito de Motocross xa que antano albergou probas do Campionato Galego e de España desta especialidade, ainda que tamén se desputasen diversas carreiras de cabalos. Nesta edición melloráronse as zonas de público, para unha maior comodidade, e as curvas, co que aumentou a espectacularidade e competitividade, ademais de contribuír a que o circuito se degrade máis lentamente.

Como vén sendo habitual a proba estivo organizada pola Escudería Esa Motor (Amigos do Motor) e o Concello de Santa Comba, co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Deporte Galego, Deputación Provincial da Coruña, e a supervisión técnica da Federación Galega de Automobilismo.

A proba con categorías de clase I vehículos de ata 1.600 cc, clase II vehículos de +1600 cc. e clase VI Kartcross 600 cc. (monturas tubulares de 350 quilos de peso e potencia de 120 cv) conta cun dos coeficientes máis altos da especialidade, o que garantiu a participación de preto de 100 pilotos, 15 escuderías e a asistencia de 3000 persoas.

Dentro do dispositivo de asistencia, emerxencia, sanitario e de risco previsible o concello puxo a disposición das preto de 100 persoas da escudaría Esa Motor que organiza a proba, un vehículo motobomba antiincendios, un vehículo pick-up de primeira intervención, 15 extintores antiincendios, un equipo de excarceración de persoas, unha ambulancia medicalizada do servizo de urxencias sanitarias Galicia 061, cinco membros de Protección Civil e do Grupo Municipal de Intervención Rápida e dous Policías Locais. O concello tamén arranxou a pista de competición ata a limitación técnica da propia maquinaria e desprazou o circuito previamente á celebración da proba unha brigada do servizo de obras para realizar labores de balizamento do trazado, instalación de postos de control e cantinas, publicidade, sinalizacións, potro de verificacións, podio, equipo de son, contedores e mobiliario diverso.

OS ESCOLARES XALLEIROS FARÁN ACTIVIDADES NO MUSEO MACUF DE ARTE CONTEMPORÁNEA

18.09.07. Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa. O departamento de cultura do Concello de Santa Comba xunto co de Educación e Acción Social do MACUF (Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa) organizarán unha dupla oferta de actividades educativas en torno á exposición colectiva “Isto non é unha broma”, dirixida a tódolos membros da comunidade escolar que o desexen.

O proxecto para Infantil e Primaria leva o título de “Sementando Estrelas” con escenografías fantásticas da artista brasileira Sandra Cinto, un obradoiro de estímulos que tomarán como referencia os catro elementos esenciais da tradición alquímica: terra, lume, auga e aire. Como nun rito iniciático, os rapaces serán privados da vista mediante antefaces cegos, e camiñarán sobre distintas superficies. Algunhas delas impregnarán os seus pés espidos, facendo que deixen pegadas e vaian formando un camiño. Moveranse en grupo, interactuando e modificando as súas traxectorias en función das relacións que estabelezan, como nun simulacro poético da vida. O fondo sonoro será outro elemento que condicione a acción, convertida nunha especie de coreografía improvisada. A continuación, inspirados pola escultura aerostática de Yves Klein, inflarán globos de helio que se elevarán portando estrelas e folerpas de neve de papel fluorescente. Cada figura será realizada por un neno mediante técnicas de papiroflexia e será absolutamente única, como o seu creador.

A actividade de Secundaria Obrigatoria e Bacharelato chámase “Baixa Fidelidade”, un obradoiro didáctico que consiste na sonorización dunha curtametraxe con técnicas semellantes ás dos antigos «ruideiros», que sonorizaban seriais radiofónicos e películas. Os alumnos disporán dun gran número de obxectos e aparellos sonoros electrónicos, así como de fichas coa animación descomposta en planos cronometrados, para que poidan planifica-los efectos e escolle-los instrumentos destinados a producilos. A sincronización (dos alumnos coas imaxes e dos alumnos entre si), a concepción sonora do ambiente e a imaxinación para asociar ruídos e obxectos a imaxes de ficción, son algunhas das habilidades a desenvolver no obradoiro.

As actividades desenvolveranse na sede do museo en Arteixo e os educadores do departamento efectuarán as adaptacións específicas para cada curso e etapa. Os alumnos tamén poderán visita-las exposicións presentes no museo, sobre todo os xoguetes disfuncionais de Arturo Fuentes, outra fonte de inspiración artesanal e low-tech para unha actividade na que se ironiza sobre a tecnoloxía e se potencia o poder creativo da interacción social.

OS PESCADORES DO XALLAS RETIRAN CENTOS DE QUILOS DE LIXO DOS CAUCES DO RÍO

19.09.2007. Asociación de pescadores de Santa Comba. Seguindo un costume que se remonta ó ano 2003, unha vez finalizada a tempada de pesca, un grupo de voluntarios pertencentes á asociación de pescadores de Santa Comba dedican varias xornadas á limpeza dos cauces fluviais. O domingo 16 de setembro de 2007 foron 21 os voluntarios que, a primeira hora da mañá se reunían na praia fluvial de Esmorode para limpa-lo tramo final do río Abuín, duns tres quilómetros, e outros tantos do Xallas entre Esmorode e Tapia, nos que nunca antes se interviñera en tarefas de limpeza.

Tódolos anos, os pescadores se atopan con algunha que outra sorpresa. Nesta ocasión foi unha nasa «coa carnada intacta e unha troita viva atrapada no seu interior», conta Jorge García, secretario do colectivo, quen non dubida en culifica-lo achado de «desmoralizante» porque lles fai pensar que o artiluxio «quedoulle olvidado a algún furtivo durante a noite cando recollía outras nasas».

En total recuperáronse cinco metros cúbicos de refugallos, depositados en cen bolsas de cincuenta litros de capacidade cada unha. Maioritariamente, tratábase de plásticos en forma de lonas, sacos de abono, botellas de vidro e os xa clásicos pneumáticos de coches. Pero tamén foron retirados un microondas, unha lavadora e una carcasa dun televisor. Do máis contaminante, un lote de 34 pilas sumerxidas nun recóbado. Tamén se atoparon bolsas da compra cheas de refugallos como cueiros, botes de comida para bebés, medicamentos, latas ou roupa. Hai residuos de todo tipo, pero «sempre localizadas nas inmediacións das pontes ou nas áreas recreativas», di Jorge García, o que, segundo el mesmo continúa dicindo, demostra que «a falta de civismo e de sensibilidade ambiental e aínda moi grande», opina o pescador representante do colectivo xalleiro.

A XUNTA DE GALICIA CONCEDE UNHA BOMBA DE ACHIQUE, E 16.000 € PARA PROTECCIÓN CIVIL

19.09.07. Consellería de Presidencia, Administracións, Públicas e Xustiza. Dentro do programa de cesión en propiedade de material de emerxencia e salvamento en misións de Protección Civil a Consellería de Presidencia, Administracións, Públicas e Xustiza anunciou a través do Doga nº 181 do 18 de setembro de de 2007 a cesión en propiedade o Concello de Santa Comba dunha bomba de achique.

No mesmo D.O.G. tamén se fai público o investimento de 8.150 euros que deberá face-lo Concello de Santa Comba no funcionamento e desenvolvemento dos servizos municipais de Protección Civil, dos cales 6.927,50 euros serán subvencionados pola Consellería de Presidencia, Administracións, Públicas e Xustiza en base á orde pola que se resolve a concesión de axudas para o financiamento dos investimentos derivados do funcionamento e desenvolvemento dos servizos municipais de Protección Civil. O equipamento incluído nesta axuda deberase destinar á adquisición dun explosímetro (detector de gases), xerador de escuma, remolque, lanternas, motoserra, botiquín e material de rescate en altura.

Para a xestión de riscos e xestión de emerxencias a Consellería de Presidencia, Administracións, Públicas e Xustiza concede unha axuda de 8.960,22 euros.

EXCURSIÓN A OURENSE E Á FEIRA INTERNACIONAL DE TURISMO TERMAL

19.09.07 Expourense. O Concello de Santa Comba organiza  (sempre que se cubra o número de 50 persoas) o vindeiro 20 ou 21 de outubro unha viaxe a Ourense a 7ª edición de Termalia “Feira Internacional do turismo termal”, un evento que pretende difundi-la cultura da auga, e impulsa-lo turismo da saúde  e que conta con grandes atractivos para o público.

O visitantes poderán coñecer como é unha vila termal, que inclúe un espazo balneario, probar distintas marcas de auga envasada procedentes de todo o mundo no bar de Augas, recibir unha masaxe de balde, participar en sorteos de estancias en balnearios, e coñece-la oferta turística doutros países, entre outras cousas.

A viaxe inclúe, entrada a feira, con visita guiada e unha visita turística a cidade de Ourense, percorrendo o casco histórico e as zonas termais.

OS IMPOSTOS RECADADOS POLA DEPUTACIÓN DA CORUÑA PODERANSE PAGAR A TRAVÉS DE INTERNET

20.09.07. Deputación Provincial. Caixa Activa de Caixa Galicia. Salvador Fernández Moreda, presidente da Deputación da Coruña, e José Luis Méndez López, director xeral de Caixa Galicia, asinaron esta mañá un convenio mediante o cal os residentes na provincia coruñesa poderán realiza-los pagamentos dos tributos xestionados pola administración provincial a través de internet co servizo Caixa Activa da entidade financeira galega.

Mediante este servizo, os contribuíntes poderán realizar pagamentos e domiciliacións e comproba-la situación en cada momento dos recibos e impostos da súa titularidade. Ademais, permitiralles acceder á consulta dos expedientes administrativos dos que sexan titulares, imprimir documentos e xustificantes de pagamento personalizados polo organismo, así como obter información sobre recibos ou liquidacións pagadas ou pendentes de pagamento.

Medio millón de clientes de Caixa Galicia dispoñen do servizo Caixa Activa, dos que preto de 80.000 pertencen ó ámbito da deputación. Actualmente iniciouse a campaña de pagamento do IBI e o IAE 2007 nos principais concellos de Galicia, o que lles permitirá ós contribuíntes utilizar este servizo electrónico, de cuxa aceptación é reflexo, que a entidade de aforro galega rexistre un incremento do 35% no pagamento de recibos do IVTM (Imposto de vehículos de tracción mecánica) a través da súa plataforma.

O convenio subscrito con Caixa Galicia para a utilización do portal financeiro por parte dos contribuíntes permitirá ós veciños de 82 concellos da provincia utiliza-las novas canles electrónicas para un mellor servizo ós cidadáns, co que poderán xestiona-las operacións habituais durante as 24 horas do día e os sete días da semana.

 

Compartir

Publicar

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y realizar estadisticas ACEPTAR