981880075
Seleccionar página

NOVO MOBILIARIO URBANO PARA GOCE DOS VECIÑOS

01.09.2007. A praza do concello, os xardíns situados detrás do Centro de Cultura  e o campo da feira teñen desde o pasado mes de agosto de 2007 novo mobiliario urbano consistente en bancos de madeira para o descanso e relax dos veciños.

O ALCALDE CO FÚTBOL FEMININO

01.09.2007. O Alcalde do concello, José Antonio ucha arropou a festa estival do equipo femenino de fútbol-sala Viaxes Amarelle que participa con diversos equipos nas ligas provinciales e autonómicas en categoría alevín, infantil, cadete e senior. Na festa participaron un centenar de persoas entre as que estaban xogadores, familiares e amigos. "Viaxes Amarelle" conta nas súas actividades coa colaboración do concello a través dunha importante axuda económica concedida polo anterior goberno de D. José Toja Parajó.

O CONCELLO INVISTE 10.000 EUROS NUNHA MÁQUINA DE PINTADO DE APARCADOIROS E RÚAS

02.09.07 Atendendo as peticións do persoal da brigada de vías, obras e servizos municipais, asi como ós custes derivados dos servizos externos para pintado de rúas, o Concello de Santa Comba iniciou un expediente para o contrato menor de subministración dunha máquina de pintado de aparcadoiros e rúas cun importe de contrata de 10.000 euros, coas características indicadas no prego de prescripcións técnicas redactado polo técnico municipal, D. Manuel Sabín Sabín.

O CONCELLO ADECENTA O CONTORNO DA CAPELA DOS MILAGROS PARA A SÚA FESTA ANUAL

03.09.2007. Á marxe da subvención económica correspondente para a celebración da festa, o concello colabora coa comisión no adecentamento do contorno, polo que dispuxo persoal de obras para o adecentamento de beirrúas, colectores e xardineiras, entre outras cousas.

A ESCOLA COOPERATIVA NEXUS REDE TRASLADOUSE A SANTA COMBA PARA ACHEGA-LA FORMACIÓN EN NOVAS TECNOLOXÍAS Á COOPERATIVA XALLAS

03.09.07 Consellería de Traballo. Proxecto Equal Nexos Rede. Esta iniciativa, depedendente da Consellería de Traballo, xorde ó abeiro do proxecto Equal Nexus Rede para a consolidación das empresas e das persoas integrantes das cooperativas e entidades da economía social galega, no que tamén traballan a Consellería de Pesca, a Universidade de Santiago e as organizacións representativas do sector como a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Federación de Empresas Cooperativas (Sinerxia), Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (Ugacota) e a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao.

Esta Escola Cooperativa Móbil Nexus Rede trasladouse ata Santa Comba co obxectivo de achegar ás persoas socias e traballadoras destas empresas as vantaxes da utilización das novas tecnoloxías como instrumento de mellora.

A cooperativa agraria Xallas S.C.G. é a decimo oitava cooperativa agraria galega que se beneficia dos servizos desta escola. A aula itinerante permaneceu nas instalacións da Cooperativa Xallas en Santa Catalina desde o 13 ata o 31 de agosto. O horario do curso de coñecementos informáticos foi de 10:30 a 13:00 horas e asistiron, ademais dos socios da cooperativa, persoas socias doutras cooperativas da comarca para aproveita-la presenza da Escola Cooperativa Móbil na localidade. Tamén se celebraron as segundas charlas de motivación cooperativa impartidas por Proxectos e aberta a tódalas persoas interesadas en asistir.

A escola, que ata o momento estivo en Aguiño (Ribeira), Porto do Son, Lorbé (Oleiros), Moaña, Cangas, Portocubelo (Lira), Carnota, así como en Santiago de Compostela, entre outros lugares conta cun orzamento superior ós 220.000 euros, financiado no 75% polo Fondo Social Europeo e no que a Consellería de Traballo investiu máis de 55.000 euros.

O cometido do Nexus Rede é facilita-a integración no mercado competitivo dos 24.000 socios e traballadores destas sociedades empresariais por toda Galicia prestando especial atención ás áreas rurais ou semiurbanas con dificultades de acceso ós recursos formativos e ás novas tecnoloxías, co fin de fomenta-la utilización habitual das ferramentas informáticas nas empresas de economía social e o acceso ás redes para diferentes finalidades xerenciais, hoxe en día, un dos principais retos para favorece-la adaptabilidade das cooperativas.

A XUNTA DE GALICIA APROBA A MODIFICACIÓN CIRCUNSTANCIAL DO PLAN XERAL PARA A CONSTRUCIÓN DO CEMITERIO DE SER

03.09.07 De acordo co punto 5.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, aprobou definitivamente a modificación circunstancial nº 6 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Santa Comba, consistente en altera-la clasificación de solo rústico de protección agropecuaria en solo rústico de protección ordinaria con destino á construción dun cemiterio na parroquia de San Pedro de Ser, (xa previsto na modificación puntual nº 1 do PXOM aprobada polo concello o 30 de xaneiro de 2003, en aplicación da disposición transitoria terceira da Lei 9/2002).

Esta orde do 3 de agosto de 2007, foi publicada pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes no Diario Oficial de Galicia nº 170 do luns 3 de setembro 2007, e pon fin á vía administrativa.

UNHA EMPRESA ANDALUZA REALIZARÁ PROSPECCIÓNS DE METAIS PRECIOSOS PARA RETOMA-LA ACTIVIDADE MINEIRA NA ZONA

03.09.07 Fernando de la Fuente Consultores. Conselleria de Innovación de Industria. A Delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria autorizou o pasado mes de agosto de 2007 a unha empresa andaluza para que investigue se nos montes da zona de Santa Comba, Coristanco e Carballo existe níquel, cobre, cobalto, metais preciosos (ouro) e afíns, en cantidades suficientes para realizar, no futuro, extraccións mineiras.

En concreto, Industria autorizou o permiso de investigación denominado Truda, solicitado pola empresa granadina Fernando de la Fuente Consultores, sobre unha área de actuación de 133 cuadrículas mineiras, menos da metade do solicitado, que acadaban as 295. Iso supón algo menos de 1.500 hectáreas repartidas entre os montes de Bazar e Vilamaior en Santa Comba, a parroquia de Entrecruces en Carballo, Anxeriz no municipio de Tordoia, Rial en Val do Dubra, Seavia en Coristanco e parte do municipio de Trazo.

Esta licenza, que non implica, de momento, máis que a realización das habituais catas, sométese a información pública. Se se atopa algo, pídese a continuación do permiso de explotación e habería que buscar acordos cos propietarios dos terreos, algo que pode levar meses ou anos.

Un dos responsables da empresa granadina manifestou tempo atrás ó diario La Voz de Galicia, cando se fixo pública a solicitude do permiso, que se trata dunha investigación xa solicitada no ano 2003, pero cuns trámites que foron moi lentos.

Como reflicten tódolos mapas xeológicos, a zona da Costa da Morte ten unha riqueza mineralóxica extraordinaria, e un estudo realizado pola Universidade pública de Valladolid cifra en preto de coarenta os tipos de minerais localizables na zona, e Santa Comba, Carballo e Malpica son os que máis teñen.

En parte desta mesma zona, nas proximidades de Alcaián, a multinacional Dupont Ibérica solicitara no ano 2001, investiga-las reservas de rutilo e ilmenita (da que se saca o titanio), pero quedou en nada, igual ca outro dunha compañía que ía realizar mostraxes de cuarzo na parroquia de Oca, e o mesmo na extracción de granito negro nunha canteira de Oróns, en Vimianzo, onde existe unha veta subterránea importante.

Da mina que más se falou, porén (e desde hai dous milenios), foi da de ouro de Corcoesto; explotación que retomou unha empresa canadense.

POLÍTICA TERRITORIAL INICIA OS TRÁMITES PARA A MELLORA DA ESTRADA ENTRE SANTA COMBA E SANTIAGO

04.09.07. Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Transportes. Dna. María José Caride Estévez recibiu onte no seu despacho ó alcalde de Santa Comba, José Antonio Ucha Velo, ó que lle adiantou a intención de estudar coa Deputación da Coruña o cambio de titularidade da vía.

A Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, adiantoulle ó alcalde que o departamento que dirixe iniciará xa de xeito inmediato a redacción dun proxecto de mellora da estrada entre Santa Comba a Santiago. Nunha primeira fase que comprendería o treito Santa Comba-Portomouro. Atendendo ás peticións do alcalde, a conselleira comprometeuse a que esta primeira fase das obras se haberían corresponder con estas dúas localidades, xa que é precisamente ese treito o que presenta un trazado máis sinuoso.

Previamente, Política Territorial estudará coa Deputación da Coruña o cambio de titularidade desta estrada CP-0701 entre Santiago e Santa Comba, actualmente dependente do órgano provincial e que é unha das alternativas de comunicación que existen entre a capital de Galicia e a zona da Costa da Morte, polo que dende a COTOPT considérase que deber ser de titularidade autonómica.

Dáse o paradoxo de que esta estrada que leva a ata Baio é de titularidade da Deputación desde Portomouro (Val do Dubra) ata preto da igrexa parroquial de Santa Comba, en plena zona urbana do municipio, e desde aí ata Baio (Zas) é de titularidade da Xunta, tramo que foi arranxado integralmente hai dous anos; mentres que ata Portomouro segue sendo practicamente o mesmo trazado que hai 30 anos, con tramos nos que habitualmente se producen accidentes mortais ou con feridos, con varios puntos de elevada sinistralidade, un deles á altura do quilómetro oito, con dúas curvas pechadas nas proximidades do límite coa Baña, e outras tamén perigosas na súa segunda metade, en Paramos, San Román e Estebande, xa no termo do Val do Dubra. O trazado total rolda os vinte quilómetros.

En canto a prazos para o comezo das obras da CP-0701, aínda non se adiantou ningún, "pero é un bo sinal que xa se publiciten os traballos antes de asumi-la titularidade, e esperamos que se inclúa no plan de estradas do próximo ano 2008, se todo vai ben", indicaba Ucha.

Ademais, segundo o rexedor, "a idea agora é que a Deputación acometa un novo trazado na estrada a Coristanco, unha vez que a Xunta asuma a titularidade da que vai a Compostela, e para iso quero entrevistarme canto antes co presidente, Salvador Fernández Moreda".

 

CONTRATACIÓN LABORAL TEMPORAL DE SETE PERSOAS PARA A ATENCIÓN A PERSOAS PARA SERVIZOS PERSONALIZADOS DE AXUDA A DOMICILIO, MAIORES E NENOS.

05.09.07. Consellería de Traballo. No mes de agosto, e en virtude do procedemento de subvencións da Consellería de Traballo para a contratación de traballadores desempregados, o Concello de Santa Comba iniciou o proceso de selección e posterior contratación, dunha traballadora social, dun terapeuta e de cinco limpadoras, todos eles a tempo completo, para a prestación de servizos personalizados de carácter cotián de axuda a domicilio, maiores e nenos”.

A selección dos candidatos idóneos, cunha contratación por un período de nove meses, fíxose unha vez presentada a oferta de emprego xenérica ante o Servizo Público de Emprego de Galicia e con publicidade da convocatoria mediante publicación dun anuncio nun dos diarios de maior difusión de Galicia, o martes 21 de agosto de 2007, así coma no taboleiro de anuncios do concello. A dotación económica ascende a 73.097,37 euros.

CONTRATACIÓN DUNHA TRABALLADORA SOCIAL PARA O CENTRO DE INFORMACIÓN Á MULLER

05.09.07. Servizo Galego de Promoción da Igualdade  do home e a muller. O Concello de Santa Comba iniciou o proceso de selección e posterior contratación dunha traballadora social para o Centro de Información a Muller coa finalidade dunha atención directa ó usuario, para informar e asesorar dos diferentes servizos que se prestan, así como das posibles derivacións que poidan xurdir ós servizos especializados de atención psicolóxica e asesoramento xurídico, organización dos diferentes cursos ou talleres levados a cabo para as mulleres, atención das súas problemáticas e organización de conferencias, entre outras orde de cousas.

O traballo desenvólvese no Centro de Información a Muller, no edificio Multiusos, establecido mediante convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Promoción da Igualdade  do home e a muller e os Concello de Santa Comba e Mazaricos para a prestación do servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade.

A publicidade da convocatoria realizouse mediante publicación no taboleiro de anuncios do concello, así como nun dos diarios de maior difusión de Galicia. Os aspirantes tiñan que estar en posesión do título de Diplomado en Traballo Social.

SELECCIÓN DE DOUS MESTRES PARA A GARDARÍA MUNICIPAL

05.09.07. Para a atención dos nenos asistentes a gardaría municipal, tanto en aspectos educativos coma naqueles que se refiren ó coidado, limpeza e alimentación dos mesmos, dentro do horario do centro, o Concello de Santa Comba procedeu á contratación de dous mestres a xornada completa, contratados baixo a modalidade de obra ou servizo determinado (neste caso, o tempo que dure o proceso de selección para a cobertura con carácter definitivo de ditas prazas, e como máximo o curso escolar 2007-2008).

A publicidade da convocatoria realizouse mediante un anuncio nun xornal dos de maior difusión de Galicia, o xoves 2 de agosto de 2007, así coma no taboleriro de anuncios do concello

Así mesmo, creouse unha  bolsa de traballo co obxecto de ter prevista a necesidade de reforza-lo  servizo en circunstancias especiais (maior demanda, extinción sobrevida dalgún contrato, substitución por vacacións, licenzas ou permisos, etc).

SELECCIÓN DUN AXENTE DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL

05.09.07. O obxecto da convocatoria foi a contratación laboral a tempo completo dun axente de emprego e desenvolvemento local motivado pola vacante por baixa voluntaria do anterior ADL. Entre os seus cometidos inclúense a realización de accións de xestión de axudas para favorece-lo emprego, centrándose naqueles colectivos con maiores dificultades, así como o de informar ás empresas dos instrumentos de promoción e fomento da competitividade empresarial, promoción da cultura emprendedora, apoio de novos proxectos de autoemprego, medidas de apoio ás empresas, subvencións para a formación e o emprego, observación estratéxica do territorio, realización de estudos empresariais, así como a prospección e desenvolvemento de estímulos das potenciais oportunidades de creación de actividades entre persoas desempregadas, promotores, persoas emprendedoras e institucións colaboradoras.

A selección dos candidatos idóneos, cunha contratación por obra ou servizo determinado, fíxose unha vez  presentada a oferta de emprego xenérica ante o Servizo Público de Emprego de Galicia e con publicidade da convocatoria mediante publicación dun anuncio nun dos diarios de maior difusión de Galicia, o xoves 2 de agosto de 2007, así coma no taboleiro de anuncios do concello.

Para poder optar óposto de traballo, os candidatos tiñan que figurar como demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego, así como estar en posesión de titulación universitaria (diplomatura ou licenciatura).

O INFORME DE AQUAGEST ADVIRTE DOS SERIOS PROBLEMAS NA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA NO MUNICIPIO

05.09.07. Aquagest. Promoción técnica e financieira de abastecemento de auga
A empresa de promoción técnica e financieira de abastecemento de auga Aquagest, presentou a principios de setembro de 2007 o informe técnico sobre o estado actual e posibles melloras para o servizo de auga de Santa Comba que se lle solicitara desde o equipo de goberno para coñece-la situación real do estado da rede de augas do municipio.

Na descrición xeral do abastecemento Aquagest indica que de 10.647 habitantes censados, “estímase que o número de habitantes que consomen auga da rede municipal de auga potable é duns 7.326, habendo un total de 2.442 abonados na actualidade”. No río Abuín, afluente do Xallas, cáptase o 100% da auga tratada e distribuída no abastecemento a través da ETAP de Abuín, bombeo de baixa, depósito de cabeceira, bombeo de alta e depósito de distribución.

Respecto ó caudal de deseño máximo da ETAP, Aquagest advirte que a planta de tratamento foi deseñada para un caudal de 13,7 l/segundo e que na actualidade é inferior á demanda de consumo e só pode tratar como máximo un caudal de 50 m3 hora, 1200 m3 día e 36.000 m3 mes, cun caudal máximo rexistrado nos datos da empresa de 80 m3 hora, 1.900 m3 día e  58.900 m3 mes, rexistrado en agosto de 2006.

Para aumenta-la capacidade de bombeo, Aquagest procedeu a instalar unha bomba de baixa xemelga á actual para garantir, así, a subministración; pero a empresa indica que ten o inconveniente de que “a auga diminúe o tempo de residencia na unidade de decantación e obtén por tanto menores rendementos de eliminación de sólidos na auga tratada” e que “o diámetro da tubería de impulsión é insuficiente, o caudal  non aumenta… enon é suficiente para garanti-la subministración en determinadas épocas do ano”. Tendo en conta o caudal máximo consumido, a empresa nunha segunda fase procedeu á instalación dunha nova bomba de baixa de caudal e unha tubería de impulsión  “co que se aumenta a capacidade hidráulica da ETAP, pero saltando este caudal unha parte do tratamento, sen obter polo tanto os rendementos de depuración axeitados en canto á súa calidade”.

Aquagest expón no seu informe diversas actuacións necesarias para garanti-lo cumprimento das esixencias contidas na normativa de nova aplicación que incide no servizo de abastecemento, coa finalidade de que sexa o propio concello quen decida as actuacións convenientes para o mesmo.

Rede de abastecemento: O principal problema é a abundancia de fibrocemento como material de construción da mesma que “presenta uns índices de desgaste e dexeneración moi altos, polo que ó longo do tempo presenta serios problemas de roturas, coas fugas que iso supón”. A este problema súmaselle o mal estado dos elementos de manobra existentes que impide o correcto funcionamento da mesma.

A empresa propón pecha-lo circuíto por Mourelle, substituí-la tubería de fibrocemento na rúa Tomé Taboada e pechar con malla ata o concello “por tratarse dunha zona de constantes averías”. Substitu-l a rede na Avda. Afonso Molina desde a rúa Alcalde Pereira ata a rúa Rosalía de Castro, incluída, “por tratarse de tubería de fibrocemento con abundantes averías, e agravado, por atoparse a unha profundidade de 3 metros, o que dificulta os traballos de mantemento, tanto correctivo como preventivo”. Pecha-lo circuito desde a rúa María Pita ata as Fariñas. Substituí-la rede xeral na Avda. de Santiago, por tratarse de rede de PVC “instalada a unha profundidade incorrecta, nalgúns casos a menos de 20 cm, o que provoca numerosas roturas por non resisti-las cargas mecánicas exteriores”. Reforza-lo circuito en Ventosa, por tratarse dun pechamento do anel con PE de 50 mm “diámetro insuficiente para o correcto funcionamento”.

Aquagest tamén indica que no caso de aprobarse o proxecto para a EDAR de Esmorode, habería que revisa-lo trazado e aproveita-la obra civil para a substitución de todo o FC, así como asfaltar camiños depósito e ETAP.

Rede de distribución: O principal problema é o seu limitado alcance á extensión do municipio: “existen gran número de núcleos sen este servizo”.  A empresa propón a ampliación da rede xeral, na medida do posible para dar servizo a estes núcleos. Nos casos nos que non sexa viable  técnica, nin economicamente leva-la rede xeral a estes lugares “proponse a utilización de pequenos sistemas de depuración compactos, que lle darán autonomía ó saneamento de cada un destes núcleos”

ETAP: Debido ás numerosas deficiencias e actuacións que hai que realizar recoméndase a construción dunha nova.

Captación de auga bruta: Protección da zona de captación con peche perimetral, comporta illante e reixa de grosos.

Bombeo de baixa: Novo pozo de bombeo con maior diámetro en tubería de captación, nova tubería de impulsión entre bombeo de baixa e ETAP e nova bomba de maior caudal que substitúa as dúas actuis de baixo caudal.

Depósitos: Impermeabilización do depósito vello, substitución no depósito vello das tuberías e válvulas de entrada e saída. Instalación de válvula motorizada. Instalación de telemando ou remota no depósito e ETAP para poder arrincar e para-la planta en función da demanda de consumo, optimizando a enerxía eléctrica e garantindo o consumo.

Automatización e telecontrol: Telecontrol en estacións de bombeo, ETAP, instrumentación e depósitos con envío de alarmas de nivel, fallo técnico, parada de equipos, falta de cloro, teleconsulta mediante GSM, ademais de comunicación co control central.

As obras necesarias teñen un custo millonario e o concello xa está a traballar para buscar financiamento por parte das administracións autonómica e provincial.

XUNTANZA DO ALCALDE PARA O APROVEITAMENTO DE RECURSOS FORESTAIS

06.09.07. Consellería do Medio Rural. Acages Consulting S.L. O Alcalde reuniuse onte, con representantes da empresa Acages consulting S.L. para o desenvolvemento dun proxecto e posterior xestión dunha axuda ante a Consellería do Medio Rural para a mellora e racionalización do aproveitamento dos recursos forestais a través do aumento do coñecemento e concienciación dos propietarios xestores, mediante accións de formación, divulgación e concienciación en materia de novas tecnoloxías, multifuncionalidades, sostiibilidades, diversificación dos produtos forestais, prevención de incendios forestais e outras cuestións de ámbito forestal.

O proxecto sobre vexetación autóctona incluirá o estudo das características xeográficas, vexetación e flora dos montes, especies arbóreas de ripisilvas, vexetación dos ríos, flora de áreas de monte baixo e condicións edáficas, monte baixo e solo edaficamente deficientes, flora dos prados de sega, cultivos forestais e árbores históricas do concello.

Desenvolverase, así mesmo, un inventario das carballeiras, soutos, castiñeiras e piñeirais para a súa divulgación, así como a catalogación das franxas fluviais dos ríos.

O proxecto tamén inclúe a realización de trípticos da flora máis representativa para a súa divulgación polo colexios, desde o punto de vista paisaxístico, biolóxico e ecolóxico. 

En base a esta xuntanza solicitouse a Consellería do Medio Rural unha axuda por importe de 30.000 euros para o proxecto denominado “Estudo da vexetación autóctona do Concello de Santa Comba para a súa concienciación e divulgación”

AXUDA PARA DOTACIÓN BIBLIOGRAFICA DA BIBLIOTECA

06.09.2007. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Consellería de Cultura e Deporte. A Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, vén de resolve-la convocotaria para o ano 2007 no que se refire á mellora das coleccións bibliográficas das axencias de lectura-bibliotecas públicas municipais, mediante a cal se lle concedeu ó Concello de Santa Comba unha axuda de 437,35 euros.

A axuda estaba condicionada ó cofinanciamento entre a Consellería e o Concello de Santa Comba en base ás achegas municipais de fondos bibliográficos á biblioteca durante o ano pasado, que foron practicamente inexistentes.

TRABALLO CONCEDE 6.000 EUROS PARA UN CURSO DE RISCOS LABORAIS

06.09.07  A Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo concedeulle ó Concello de Santa Comba unha axuda por importe de 6.000 euros para a organización dun curso de prevención de riscos laborais, cunha duración de 50 horas.

O curso inclúese dentro das accións formativas dirixidas a persoas traballadoras ocupadas financiadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio 2007.

O NOVO GOBERNO ATENDE AS DEMANDAS DO PSICÓLOGO E OS PAIS TRASLADANDO O SERVIZO PARA UNHAS AXEITADAS DEPENDENCIAS NO MULTIUSOS

07.09.07 O psicólogo do concello que atende a rapaces con minusvalías psiquicas, físicas e sensoriais trasladouse a comezos de setembro para unhas novas dependencias, no edificio multiusos. Ata o momento, o servizo estábase prestando nos baixos do concello “nunhas instalacións ó lado do almacén e da caldeira da calefacción, cheas de humidades, deficiente calefacción e cheiros a sumidoiro, lamentables e indignas para rapaces con graves problemas” segundo afirmou a concelleira Blanca Ruzo, quen tamén dixo que, agora que quedan libres, e ha aproveitar para acondicionalas adecuadamente para servizos varios da casa do concello. O novo servizo está situado no primeiro andar do edificio multiusos, na sala más luminosa e acristalada da instalación, con baños adaptados e á espera de que se solucionen os problemas da luz para que se poida utilizar tamén o ascensor, especialmente por parte dos que teñen limitacións físicas.

CONTRATACIÓN DE TRES MULLERES/MAIORES DE 45 ANOS DURANTE 6 MESES PARA SERVIZOS DE HABILITACIÓN DO CONTORNO

09.09.07 O Concello de Santa Comba convoca  a contratación laboral a tempo completo de tres  mulleres, maiores de 45 anos, como peóns para realizar servizos de habilitación do contorno.

A selección dos candidatos idóneos farase unha vez presentada a oferta de emprego xenérica ante o Servizo Público de Emprego de Galicia e logo da publicidade da convocatoria mediante un anuncio nun dos xornais de maior difusión de Galicia o xoves 13 de setembro de 2007, así como no taboleiro de anuncios do concello.

As aspirantes deberán estar en posesión do certificado de escolaridade ou equivalente. Posteriormente valorarase o currículo de cada unha delas en base á puntuación establecida para a experiencia laboral,  formación complementaria e antigüidade como demandante de emprego

A contratación englóbase dentro da subvención concedida pola Consellaría de Traballo denominada “PIEG mulleres/maiores 45 anos” para a realización da obra indicada, polo que as retribucións serán fixadas en función de dita subvención. A dotación económica  para esta contratación ascende a 22.106,70 euros.

OS VOCEIROS DOS GRUPOS MUNICIPAIS NON ASISTEN A UNHA XUNTANZA INFORMATIVA SOBRE A GARDARÍA E OS FESTIVOS LOCAIS

10.09.07 Os señores concelleiros D. José Toja Parajó, D. Eugenio Pichel López e D. Miguel Pérez Fernández, voceiros dos grupos políticos municipais do Partido Popular, Independentes por Santa Comba e Terra de Xallas, respectivamente, non acudiron, non xustificaron a súa ausencia, nin enviaron a ningún outro representante do partido a unha xuntanza informativa a que foron convocados polo equipo de goberno na Casa do Concello, prevista para o pasado día 7 de setembro, venres, ás 13:30 horas.

Na orde do día da mesma estaba o informar da xuntanza con representantes da Subdirección Xeral de autorización e inspección de centros da Xunta de Galicia que traballaron conxuntamente co concello para solucionala situación xerada co proceso selectivo e o estado das obras de acondicionamento da gardería, a proposta para a determinación dos festivos locais para o ano 2008 e ás suxerencias e propostas que cada un dos portavoces quixeran plantexar.

Durante a mesma tamén se lle informaría os portavoces sobre as negociacións levadas a cabo para a proposta dun convenio de colaboración entre Desarrollos Eólicos e o Concello de Santa Comba, que no caso de ser factible suporíalle o concello importantes ingresos económicos.

O representante do grupo socialista nas xuntanzas de voceiros é o concelleiro D. Angel Souto Mata, que por atoparse de vacacións no estranxeiro delegou a súa representación no Alcalde D. José Antonio Ucha Velo que “lamenta que os portavoces municipais fagan declaracións públicas, soliciten a convocatoria da xunta de portavoces e incluso soliciten plenos extaordinarios en base a dimes, diretes e rumores sin completa información, e cando se lles convoca polo conducto oficial para informalos convenientemente sobre temas de vital importancia, non acudan ás xuntanzas, que no caso da gardería non se debía convocar sin tratalo tema antes coa inspección de Centros da Xunta de Galicia, cousa que se fixo o día 4, e coa maior urxencia convocouse a xunta de portavoces. Reunión coa inspectora  o día catro, convocatoria da xunta de portavoces o día cinco,  notificación o día seis  e xuntanza o día sete” o alcalde recorda “que ás xuntanzas de voceiros non teñen establecida remuneración económica alguna “a ver sin cando se convoquen xuntanzas que si a teñen, acuden ou non”.

Gardería.
Proceso selectivo de persoal. Xuntanza cos servizos de inspeccion .Obras de acondicionamento

Pretendíase informar sobre a visita que a inspectora da Subdirección Xeral de autorización e inspección de centros da Xunta de Galicia fixo a Santa Comba e a súa posterior xuntanza na Casa do Concello co alcalde, no que se tratou o tema do proceso selectivo de persoal cualificado realizado en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación que a través da Oficina de Emprego Santiago Norte cita os candidatos que se axustan ao perfil obtidos das súas bases de datos, así como das obras de acondicionamento que se están levando a cabo nas instalacións “para solucionar uns problemas heredados do anterior goberno que recepcionou unha obra que desde o primeiro día da súa inauguración dou problemas continuos de filtracións de auga, con desconchado permanente da pintura e goteiras, incluso enriba das cunas dos bebes, e que o goberno anterior non foi quen de chegar a un acordo coa empresa constructora para solucionar o problema de forma definitiva, adicandose a parchear con cartos municipais cando se lle deberia esixir o constructor que cumpra coa garantía que establece a lei, como así se fixo agora sin ningún coste extra para o concello” según indica o alcalde, José Antonio Ucha.

Respecto o peche José Antonio Ucha manifesta “que para a selección de persoal fixose todo o legalmente establecido como así llo fixo saber o alcalde os servizos de inspección da Subdirección Xeral de autorización e inspección de centros da Xunta de Galicia, dándose una situación imprevisible moi excepcional, ademais a gardería teríase que pechar de todas formas xa que para o inicio do curso hai que facer uns acondicionamentos que non se deben facer con nenos dentro. Os pais dos nenos teñen que facerse a idea que a gardería ten que pechar tódolos anos como mínimo 15 días para facer labouras de mantemento, desinfección, desratización e desparasitación como calquer outro recinto que acolle a nenos, e non é de recibo que a gardería no último ano de xestión do Partido Popular non se pechara ningunha tempada, nin fora obxecto destos menesteres e que algúns dos acondicionamentos se fixeran cos nenos dentro entre operarios e ferramentas, co risco que esto implica”.

Parque Eólico Fonte Silva
Poderíalle supoñer uns ingresos anuais fixos o concello de 11.385 euros que serían 101.085 no primeiro ano

Desde o actual goberno municipal tamén se lle pretendía informar os portavoces dos termos das negociacións de colaboración coa empresa Desarrollos Eólicos para a instalación do parque eólico denominado “Fonte Silva” no veciño Concello de Coristanco e que, en parte afecta a terreos do Concello de Santa Comba.

Según se desprende dos termos do borrador, o Concello de Santa Comba tería que apoiar e respaldar a posta en marcha do parque, así como facilitar a máis pronta realización das correspondentes infraestructuras de evacuación e tramitar coa maior dilixencia posible todas aquelas licencias, permisos, autorizacións, etc de competencia municipal que foran necesarias  para a posta en marcha, explotación do parque e xestión da enerxía con tres aeroxeneradores e unha potencia total de 6,90 mw.

Pola súa parte Desarrollos Eólicos abonaría o Concello de Santa Comba un canon inicial fixo 89.700 euros (13.000 euros por mw instalado) o inicio das obras e un canon anual mínimo asegurado de 11.385 euros (1% da producción de cada ano ou 1.650 euros por mw instalado), aínda que esta cantidade podería chegar a case os 17.000 euros se temos en conta  a media do ano 2007 no precio da enerxía.

O Alcalde xa dou traslado do mesmo os servicios de xuridicos e de intervención municipal para que estudien a viabilidade do mesmo.

Na mesma xuntanza pretendíase establecelos festivos locais para a posterior ratificación no pleno.

SUBVENCION DE 5.000 EUROS PARA A CREACION DO SERVIZO MUNICIPAL DE NORMALIZACION LINGUISTICA

07.09.07.Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. O Concello de Santa Comba foi uns dos elexidos pola  Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a creación dun Servicio Municipal de Normalización Linguística que contará cunha subvención da Xunta de Galicia por importe de 5.000 euros durante o primeiro ano, como así se recolle na edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia (DOG).

O servizo municipal de normalización lingüística deberá contar, cando menos, cun especialista titulado en lingua galega, licenciado en filoloxía galego-portuguesa, en filoloxía galega ou en filoloxía hispánica (sección galego-portugués). Ademais, desenvolverá o seu labor tanto no aspecto lingüístico coma no sociolingüístico.

En canto ao aspecto lingüístico, realizaranse tarefas de traducción de textos e de documentos, de corrección documental, de deseño da documentación formal, de elaboración dun modelo de regulamento do uso do galego nas entidades locais, de resolución de consultas lingüísticas, de organización da capacitación lingüística do cadro de persoal e de participación activa na execución do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

No tocante ao aspecto sociolingüístico, levaranse a cabo traballos de elaboración das propostas de dinamización, regulación dos usos e perfís lingüísticos, tarefas de información sobre o status legal da lingua e sobre os criterios de regulación do seu uso, farase unha elaboración e seguimento do Plan Municipal de Normalización Lingüística, levarase a cabo unha coordinación con outros servizos lingüísticos e propoñeranse actuacións de dinamización lingüística.

Na provincia da Coruña ademais de Santa Comba tamén se destinan iguales cantidades para a creación do mesmo servizo en  Aranga, Arzúa, Camariñas e a Coruña, aínda que neste caso cunha subvención de 10.000 euros.

CLAUSURA DA LIGA DE TENIS E DO TORNEO DOS MILAGROS

10.09.2007. Case o mesmo tempo que se clausuraba a III Liga de Tenis que gañou Diego Toja, seguido de José Antonio Gesto e Pablo Pérez, comenzaba o tracional torneo dos Milagros coincidindo coa celebración das festas do mesmo nome na capella de Santa Catalina, a carón da Casa do Concello.

Esta IX edición contou coa participación de dezaseis tenistas resultando gañador Avelino Pazos, que derrotou na final a José Manuel Turnes, polo terceiro e cuarto posto loitaron Manuel Rieiro “carteiro” e Pablo Pérez, salindo vencedor o primeiro deles.  Os participantes foron obsequiados con trofeos e diverso material deportivo.