981 880 075 Pza. Concello, 1 - 15840 Santa Comba

Novas de outubro

0
O ALCALDE ACOMPAÑA Á MOCIDADE NO PROGRAMA “UN DIA DE AVENTURA“

02.10.07. Máis dunha ducia de xalleiros particiaron durante esta fin de semana nunha actividade que cada día gaña máis adeptos como é o programa “Un día de aventura”, unha iniciativa posta en marcha polo departamento de deportes do concello, no seu afán de promociona-las actividades de ocio en contacto co contorno natural.

Entre os aventureiros participou o propio alcalde D. José Antonio Ucha, nunha xornada de aventura nas instalacións que a empresa de turismo activo Naturmaz ten en Mazaricos. Alí, ataviados con uniforme de camuflaxe gozaron  de actividades como tiro con arco, descenso en tirolina, rocódromo, piragüismo ou o sempre divertido “paint ball”.

EDUCACIÓN CONFÍRMALLE Ó ALCALDE QUE ASUMIRÁ TÓDOLOS GASTOS DE COMBUSTIBLE DE CALEFACCIÓN NOS COLEXIOS

02.10.07 A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria confirmoulle ó mandatario municipal D. José Antonio Ucha Velo que xa desde este mesmo curso asumirán tódolos gastos derivados do consumo de combustible para calefacción no Colexio Barrié de la Maza e Pepe de Xan Baña de Traba-Castriz. Esta decisión do goberno autonómico aforraralle ás arcas municipais uns 10.000 euros ó ano.

Desde o goberno municipal continuarase coas xestións para que educación asuma outros gastos cos que contan ás instalacións e que lle supoñen un importante desembolso económico ó concello.

O CONCELLO PRETENDE CONTROLA-LA VELOCIDADE CON RADARES EN ZONA URBANA

02.10.07. O novo goberno municipal pretende atende-lo maior número de demandas posibles que chegan de parte dos veciños, e unha delas é a do control de velocidade en zona urbana urbán, que aínda que non provocou ningunha desgrazia salientable ata o momento, en diversas zonas do pobo os veciños amosan certo malestar e sensación de impunidade respecto ó comportamento de certo grupo de automobilistas.

A problemática é coñecida de sobra polo concello, sobre todo nas fins de semana, pero os infractores actúan con total impunidade porque desde a alcaldía no se lle pode dar orde á Policía Local pra que actúe neste tema, xa que non se conta cos medios homologados necesarios que corroboren documentalmente cando, como e onde un condutor non respecta os límites de velocidade establecidos.

Para solucionar este problema e seguindo o exemplo doutros concellos, desde a alcadía xa se estableceron os primeiros contactos coa Dirección Xeral de Tráfico para buscar algún tipo de colaboración que vaia máis alá dos simples controis no acceso á vila en momentos concretos.

Nun principio, desde o concello preténdese que tráfico lle ceda á Policía Local un vehículo radar camuflado ou radares portátiles móbiles sobre trípode para utilizar o antes posible nas zonas escolares e en zona urbana urbana, especialmente na Avda Afonso Molina, Avda de Santiago, Avda de Mourelle e a zona de Santa Catalina.

Polo que respecta á formación dos policías para o manexo destes aparallos non existiría ningún problema, xa que a formación dos axentes é contínua por medio da Academia Galega de Seguridade, así como a colaboración cos axentes de tráfico en campañas de utilización de casco e cinto de seguridade.
 
Tampoco se descarta a adquisición, dependendo do seu alto custoe, e a posibilidade de renovación e mantemento.

O ALCALDE E A SECRETARÍA MUNICIPAL ASISTEN A UNHA XUNTANZA PARA A IMPLANTACIÓN DA SINATURA DIXITAL E A ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA.

04.10.07. O Alcalde do concello e a Secretaria municipal desprazaranse mañá venres á delegación provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a un acto coa Directora Xeral de Administración Local, Dna. Matilde Begoña Rodríguez Rumbo e o Director Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas  D. Juan José Gómez Romao.

O motivo da xuntanza é a implantación da administración electrónica e os novos servizos do portal de internet da Administración local de Galicia “Eido Local”. No mesmo acto e por parte da oficina de emisión de certificados de sinatura dixital tramitaráselle a sinatura dixital como representantes municipais.

O CONCELLO ESTUDARÁ UNHA PROPOSTA DE HOBBYKART PARA A CREACIÓN DUNHA ESCOLA DE KARTING

04.10.07 Hobbykart Indoor. O interese polo motor está nun momento dóce na bisbarra, e a grande afección que existe no mundo do autocross, especialidade da que se levan organizando xa dezaoito edicións, súmase desde hai dous anos ós éxitos dos máis pequenos na especialidade de Karting, esa da que saíron pilotos como Fernando Alonso ou Michael Schumacher, especialidade na que tamén destacan os pilotos da Escudería Xalleria Hobbykart.

Precisamente membros desta escudaría reuníronse co alcalde co obxecto de propoñerlle a creación dunha escola de pilotaxe e diversas actividades extraescolares, aproveitando as instalación das que dispoñen na Avenida de Mourelle, e a posibilidade de establecer unhas axudas para os pilotos federados que participan no campionato galego da especialidade.

O alcalde amosouse receptivo coa idea proposta e comunicoulles ós responsables da escudaría que se está traballando nas axudas a deportistas xalleiros para o vindeiro ano, nas cales se ha ter en conta esa proposta, dentro das limitacións orzamentarias municipais.

COMEZAN AS ACTIVIDADES DE XIMNASIA PARA PERSOAS MAIORES

04.10.07 O pasado 3 de outubro o concelleiro D. Julio P. Ferreiro Pazos inaugurou o comezo das actividades de Ximnasia de mantemento para maiores que, ademais dos obxectivos físicos evidentes que se tentan lograr coa a actividade, pretende potencia-lo benestar psíquico das persoas e as relacións intrapersoais. Os cursos desenvolveranse durante todo o inverno, os luns e mércores, en horario de 19 a 20 horas. O prazo de inscrición está aberto ata finais do mes de outubro. O teléfono de contacto é o 981 88 02 75 ou na Oficina Municipal de Deportes. O curso é un dos máis demandados dentro das actividades estables do concello.

CLAUSURA E ENTREGA DE DIPLOMAS DO CURSO DE GALEGO

05.10.07 O día 5 de outubro o alcalde do concello D. José Antonio Ucha Velo e o concelleiro de cultura e deportes, D. Angel Souto Mata clausuraron o Curso de Perfecionamento de Lingua Galega que tivo unha duración de 75 horas. Posteriormente fixeron entrega dos correspondentes diplomas ós vinte participantes no mesmo.

A POLICÍA LOCAL FÓRMASE NO MANEXO DE RADARES, INTERVENCIÓN POLICIAL, TÉCNICAS DE DEFENSA POLICIAL E CONFECCIÓN DE ATESTADOS.

05.10.07 Axentes da Policía Local de Santa Comba están recibindo formación por parte da Academia Galega de Seguridade Pública, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña para coñece-las condicións técnicas, funcionamento e uso do radar ou cinemómetro e facer prácticas con este aparello, así como formación e intervención policial específica con dous módulos de contidos, as técnicas básicas de intervención policial e as prácticas operativas sobre as mesmas, e o manexo de Autocad para a confección de atestados e informes.

Os contidos das clases para obte-la formación como operador de radar impártense en Carballo desde o 8 ó 11 de outubro e inclúen o aparello de medida e control da velocidade dos vehículos, a súa regulamentación, requisitos e condicións técnicas, o manexo segundo as súas peculiaridades e os seus tipos.

Nas sesións formativas participan uns quince policias locais pertencentes os municipios de Carballo, A Laracha, Arteixo, Carnota, Muxía, Santa Comba e Sada. A primeria sesión consistiu nunha charla teórica sobre tipos de radares, leis e funcionamento, impartida por David Llorente da DGT da Coruña. Na segunda sesión Antonio Tubío, xefe da Policía Local de Rianxo guiará os axentes nas prácticas nun vehículo da DGT, que manexarán polo casco urbán carballés medindo a velocidade dos coches e sacando fotos, aínda que non daran lugar a expedientes sancionadores.

A formación dos axentes inclúense dentro dos proxectos que os concellos teñen para poñer en marcha nos vindeiros meses medidas para reducir os accidentes e a velocidade. O Concello de Carballo xa conta cun etilómetro, Vimianzo solicitou a DGT un radar ou un etilómetro e Santa Comba está tramitando a cesión dun radar.

No que respecta a actividade formativa de intervención policial e técnicas de defensa policial os obxectivos son a ampliación e a actualización dos coñecementos sobre as últimas técnicas de intervención e actuación ante situacións problemáticas que se poidan dar no desempeño da labor policial e a adquisición de destrezas no manexo e na solución práctica de supostos de intervención.

A través da internet tamén se formarán no manexo do programa informático Autocad para o perfeccionamento nos coñecementos de expresión gráfica, a especialización no manexo de paquetes de deseño para a confección de atestados ou de informes e a adopción de técnicas automatizadas para a representación gráfica nos informes.

A POLICÍA LOCAL DE SANTA COMBA TENTARÁ MELLORA-LO SEU QUINTO POSTO ACADADO O ANO PASADO NO CAMPIONATO GALEGO DE TIRO POLICIAL

05.10.07  A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) convoca o seu III Campionato autonómico de tiro policial. Esta actividade, que durará dúas semanas –unha clasificatoria e unha para as probas finais- ten como obxectivos favorece-la interrelación operativa entre os diversos colectivos de seguridade pública en Galicia na área de tiro policial e defensa e estimular o manexo e capacidade individual de control da arma regulamentaria, tanto para unha mellor efectividade e seguridade propia como de cara ás implicacións que poidan producirse para os cidadáns.
O campionato, que se celebrará na galería de tiro do centro estradense, contará con modalidade masculina e feminina, cos mesmos percorridos de tiro para ambos sexos. Poderán tomar parte os membros das policías locais, Autonómica, Garda Civil e Corpo Nacional de Policía. Os axentes das policías locais contarán cunha fase de clasificación propia –entre os días 16 e 18 de outubro-, e nos outros tres casos as xefaturas correspondentes presentarán a súa selección de membros. A fase de eliminatoria entre tódolos corpos terá lugar os días 22, 23 e 24, e as finais desenvolveranse o 25 (homes) e 29 (mulleres); mentres que a clausura se celebrará o día 30 de outubro.
Tanto na primeira coma na segunda fase a proba consistirá nun percorrido de tiro policial, na que os participantes levarán unha arma e deberán disparar dende diversas posicións –xeonllos con apoio, weaver, tras parapeto, crouch baixo e tiro nocturno e instintivo a unha man- a unha serie de siluetas, de forma que ó finalizar poderá calcularse a puntuación segundo o valor dos impactos e o tempo precisado para realizar a proba.
O pasado ano, Angeles, a única axente feminina do corpo da Policía Local de Santa Comba foi galardoada co recoñecemento a quinta mellor tiradora de Galicia.

SUBSCRICIÓN DUN CONVENIO COA EMPRESA PROTECCIÓN MEDIOAMBIENTAL PARA A RECOLLIDA SELECTIVA DE ACEITES FRITIDOS USADOS
09.10.07 O Alcalde do Concello asinou con D. José Mañas en representación da empresa Protección Medioambiental S.L. un convenio para a recollida de aceites fritidos usados despois de que o concello decidira realiza-la recollida destes aceites para a súa posterior reciclaxe, reduci-lo impacto ambiental e adaptarse á lexislación en materia de medio natural, que explícitamente prohibe a realización de vertidos á rede de saneamento de substancias líquidas que poidan poñer en perigo a saúde humana e atentar contra o medio natural.
Por medio deste acordo Protección Medioambiental S.L. achegará a todos aqueles establecementos que o precisen e comunidades de veciños que estean dispostas a colaborar nesta recollida, envases ou garrafas  para almacena-lo aceite usado. Instalará colectores no punto limpo, achegará os medios técnicos e humanos necesarios para a recollida dos mesmos, así como mantemento, limpeza, reparación ou substitución dos colectores nos casos necesarios.

O servizo,  que non ten custo ningún para as arcas municipais, agás o das campañas publicitarias de concienciación pertinentes, comezará cunha experiencia piloto en, polo menos, 20 comunidades de veciños

A ZONA URBANA TERÁ SINAIS DE LOCALIZACIÓN CON RUEIROS E SERVIZOS EN TÓDOLOS ACCESOS

09.10.07  Persoal da brigada de vías e obras municipais van comezar nos vindeiros días a colocar paneis sinalizadores  en tódolos accesos á zona urbana municipal.

Os paneis, rotulados en violeta e amarelo, cores do escudo municipal, teñen unhas medidas de 3×2 metros para unha óptima visibilidade e contan cun plano da zona urbana e outro do municipio, con rueiro, lugares, parroquias, estradas e relación numerada con localización de  tódolos servizos públicos municipais.

FRUCTÍFERA ENTREVISTA DO ALCALDE CO DIRECTOR XERAL DE ESTRUTURAS E INFRAESTRUTURAS AGRARIAS

10.10.07. O Alcalde do concello, D. José Antonio Ucha Velo, reuniuse no día de onte con D. José Carballido Presas, Director Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias da Consellería de Medio Rural. O alcalde, que considerou moi fructífera a xuntanza, fíxoo partícipe, a través dun completo expediente, das necesidades máis urxentes para o municipio referentes ó departamento que dirixe. Entre as principais demandas do alcalde estiveron as necesidades do rural de mellora e arranxo de camiños e os abastecementos de augas. O Director Xeral demandou do alcalde unha selección e concreción máis escueta das peticións antes de comprometer partidas en concreto, para o cal o alcalde xa deu as instrucións ós servizos técnicos municipais para a realización dos estudos pertinentes de melloras no rural.

O CONCELLO ASINA UN CONVENIO CO DE CORISTANCO PARA A CESIÓN DE MAQUINARIA E PERSOAL MUNICIPAL

10.10.07. José Antonio Ucha Velo e Antonio Pensado Plágaro, alcaldes de Santa Comba e Coristanco respectivamente, pecharon onte os últimos flocos dun convenio de colaboración entre ambos concellos para o intercambio de maquinaria e persoal municipal, cunha sinatura que selarán mañá sobre o papel.

Coristanco cederá a Santa Comba o uso do vehículo municipal cunha cesta elevadora para a reparación do alumeado público, dous días á semana. Pola súa parte, o consistorio xalleiro cederá a Coristanco un tractor desbrozador durante cinco días ó mes para a limpieza de gabias en camiños públicos, preferentemente en parroquias limítrofes con Santa Comba.

Ucha Velo di que o intercambio é un primeiro paso para futuros usos compartidos de persoal e maquinaria municipal entre ambos concellos, un modelo que o alcalde xalleiro non descarta ampliar a outros municipios como os da bisbarra de Soneira, formada por Vimianzo e Zas; de feito, co alcalde deste último concello xa se entablaron os primeiros contactos.

Este novo modelo víñase desenvolvéndose mediante acordos verbais. De feito, desde este verán, Santa Comba beneficiábase da cesión puntual do vehículo para reparación de alumeados de Coristanco en función das necesidades do servizo.

BANDO PARA AS QUEIMAS CONTROLADAS

10.10.07. O Concello de Santa Comba e a instancias do Distrito Forestal V de Vimianzo dependente da Consellería do Medio Rural publicou un Bando mediante o cal se lle avisa a tódolos veciños que para facer queimas controladas deberán poñerse en contacto previamente co distrito, chamando ó teléfono 981 70 74 70.

A CORPORACIÓN ASISTE ÓS ACTOS DO PILAR, PATROA DA GARDA CIVIL

15.10.07. O alcalde do concello e outros membros do goberno municipal asistiron o pasado día 12 ós actos organizados polo posto de Santa Comba da Garda Civil para homenaxear á Virxe do Pilar, patroa do corpo da Benemérita.

O programa de actividades comezou ás 12 do mediodía con alboradas, a cargo da Banda Municipal da Baña, que deron paso a unha misa na igrexa parroquial de San Pedro. Posteriormente celebrouse un almorzo no restaurante Molesón coa actuación musical da orquestra Los Satelites.

SEMINARIO SOBRE RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL

15.10.07. O vindeiro martes 23 de outubro en horario de 20:30 a 22:30 horas, a Asociación de Empresarios de Santa Comba impartirá no edificio multiusos, para tódolos seus asociados, un seminario sobre responsablidade social empresarial (RSE). A actividade, que está subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia , organízase en colaboración co Concello de Santa Comba.

XUNTANZA DO ALCALDE CO DIRECTOR XERAL DE VIVIENDA PARA A CONSTRUCIÓN DE VIVENDAS SOCIAIS

15.10.07. O Director Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo recibiu no día de hoxe ó Alcalde do Concello de Santa Comba, D. José Antonio Ucha Velo, no seu despacho de Área Central en Santiago de Compostela. Entre outros temas que afectan ó municipio, o alcalde demandoulle o apoio para a construción de vivendas sociais na localidade, petición esta que foi acollida con receptividade por parte do representante autonómico, ata o punto de que nos vindeiros días enviará a Santa Comba a técnicos do seu departamento para estuda-la viabilidade da petición e as características dos terreos ofertados ó Instituto Galego da Vivenda, e situados no Pnc 24 e Pnc 7 do Plan Urbanístico. Son dúas parcelas urbanizables propiedade municipal que fan esquina con tres rúas, situadas á altura da igrexa parroquial e ás que se podería acceder tanto desde a zona da imprenta Xallas, desde a parte traseira do edificio de Expert ou incluso desde enfronte da igrexa, accesos todos eles contemplados no Plan urbanístico.

AUTORIZADA UNHA MODIFICACIÓN DE LINDES NO POLÍGONO INDUSTRIAL

15.10.07 Vista a solicitude dos interesados e dada conta dos respectivos expedientes e informes dos técnicos municipais, o alcalde do concello, mediante decreto da alcaldía nº1144/07, concedeu a Excavaciones y Obras Públicas Galicia S.L. (EXOGA) e a Jesús Castiñeiras Lage a licenza para a modificación do linde común ás parcelas nº 18 e nº 27 do Polígono Industrial de Santa Comba, de acordo co proxecto presentado, redactado polo enxeñeiro agrónomo D. Ernesto Rieiro Oreiro.

Os terreos indicados están clasificados como solo urbano consolidado de uso industrial. A parcela nº 18 presenta unha superficie de 1.266 m2, mentres que a nº 27 ten 1.251 m2. Da parcela 18 segrégase unha porción triangular de 12,52 m2 na esquina noroeste, a cal se agrupa á nº 27. Por outra parte, da mesma parcela nº 27 segrégase unha cacho triangular na esquina sudoeste, que se agrupa á nº 18. Desta forma, unha vez realizadas as operacións descritas, mantéñense inalteradas as superficies e os lindeiros das parcelas orixinais. O proxecto cumpre coas determinacións esixidas polo Plan Xeral no seu artigo 11 de “parcelación e segregación de leiras”, así como nos artigos 204 e seguintes da Lei 9/2002.

A concesión leva consigo a aprobación dunha liquidación de taxa pola expedición de licenzas urbanísticas por importe de 129,04 euros.

O CONCELLO LEVA A 50 NENOS A VE-LO DÉPOR-VALENCIA

16.10.07 O vindeiro sábado día 20 de outubro as 20 horas, 50 nenos poderán presenciar, completamente de balde, o partido correspondente á 1ª división que  o R.C. Deportivo da Coruña desputa fronte ó Valencia no estadio de Riazor. O acto está organizado polo Concello de Santa Comba coa colaboración do RC Deportivo da Coruña. Os interesados deberán poñerse en contacto co persoal da oficina de Deportes no Centro de Cultura ou chamando ó teléfono 981 88 02 75.

ELIXIDA A RAÍÑA DE SANTA COMBA EN BOS AIRES

17.10.07 A Asociación Santa Comba de Xallas en Bos Aires elixiu a María del Carmen Cancela como raíña de Santa Comba da colectividade xalleira residente na capital arxentina, polo que foi a representante da emigración do municipio no festival de elección da Raíña da Colectividade Española en Arxentina, que se celebrou o pasado día 7 de outubre no Teatro Avenida de Bos Aires; o  máximo galardón recaeu na representante da Asociación Hijos de Zas. Os pais de  Marìa del Carmen Cancela, son oriundos de Castriz e de Bazar, ten 19 anos e està en primeiro ano de medicina.

XUNTANZA DO ALCALDE CO DIRECTOR XERAL DE INDUSTRIA PARA A CONSTRUCIÓN DUN PARQUE EÓLICO SINGULAR E UNHA ESTACIÓN DA ITV

17.10.07 O Alcalde do Concello, D. José Antonio Ucha Velo, reuniuse no día de hoxe con D. Anxo Calvo, Director Xeral de Industria, para tratar temas relacionados co denegado Parque éolico singular e a instalación  dunha estación de ITV no municipio.

A solicitude do Parque éolico singular de 3000 mw presentada polo anterior goberno ó abeiro da orde do 17 de decembro de 2004 foi denegada, segundo a Xunta de Galicia, por problemas nos requisitos esixidos nas liñas eléctricas. O Alcalde quería coñecer de boca do propio director xeral cal é a situación do expediente despois da alegación presentada o pasado día 12 de setembro. O director xeral indicoulle ó alcalde que proximamente sairá unha nova convocatoria mediante a cal o concello poderá incluí-lo seu parque éolico singular subsanando as deficiencias e poder obtar novamente a ter esta instalación.

No que respecta á instalación dunha estación de ITV no municipio, desde industria fixéronlle saber ó alcalde que existene outras dúas propostas presentadas por Zas e Vimianzo, polo que se estudará cal das tres é a mellor localización para esta instalación. De tódolos xeitos, desde o concello enviaráselle nos vindeiros días unha proposta formal poñendo a disposición de Industria varias parcelas dentro do Polígono Industrial para o posterior estudo de localización.

MEDIO RURAL CONCEDE A SANTA COMBA 110.000 € DENTRO DO PROGRAMA PEIM 2008
Programa estratéxico de infraestruturas do medio rural PEIM 2008

17.10.07 Consellería do Medio Rural. A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia destinará ó Concello de Santa Comba un total de 110.000 €uros dentro dos investimentos asinados no Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM 2008), co obxecto de realizar investimentos en obras de infraestrutura e proxectos destinados a dinamiza-la base produtiva e a fixar poboación no ámbito rural, co fin de dignificar e de mellora-la súa calidade de vida.

Dentro de dito plan, o concello deberá incluír proxectos de obras de infraestruturas de servizos básicos elementais, como abastecementos de auga domiciliaria, saneamentos, camiños agrícolas e pistas rurais, así como aqueles proxectos singulares que, pola súa natureza, entran nas competencias da Consellaría do Medio Rural. Os principais esforzos do plan van dirixidos á creación e mellora da rede viaria, dos servizos básicos (abastecementos de auga, saneamentos e alumeados, entre outros) e á creación, mellora, consolidación e modernización dos regadíos.

A Delegada Provincial da Consellería de Medio Rural confirmoulle ó Alcalde do Concello, D. José Antonio Ucha Velo, que o vindeiro luns 22 de outubro técnicos do servizo de infraestruturas e estruturas agrarias se han trasladar ó Concello de Santa Comba para recoñece-los terreos e efectua-las medicións necesarias para a elaboración dos proxectos técnicos correspondentes. Ó mesmo tempo, demanda dos técnicos municipais planos de 1/25.000 dos lugares onde se van realiza-los investimentos, cualificación urbanística de ditos lugares e memoria valorada detallada das inversións previstas.

Nos vindeiros catro anos, Medio Rural tentará que Santa Comba teña un investimento fixo de 150.000 euros e mais outro variable en atención a criterios que recollen as contribucións achegadas pola FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias), tales como número de habitantes do rural, envellecemento, despoboamento, núcleos, entidades de poboación e superficie do concello, coas ponderacións correspondentes, coa introdución dunha variable para prima-lo carácter agrario ou potencialmente agrario do concello.

Para este último caso analízaranse aspectos como a porcentaxe de superficie total das explotacións fronte á superficie total, porcentaxe de superficie total con superficie agraria útil fronte a poboación rural, porcentaxe de explotacións de bovino fronte a poboación rural, traballadores afiliados ó réxime especial agrario fronte á poboación rural e maquinaria en propiedade fronte á poboación rural.

A BRIGADA DE VÍAS, OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS RECIBE OS SEUS UNIFORMES

17.10.07. A brigada municipal de vías, obras, e servicios municipais, integrada por albaneis, carpinteiros, fontaneiros e peóns, así como os membros do servizo de limpeza, recibiron por parte do Alcalde, D. José Antonio Ucha Velo, e do concelleiro delegado de servizos, D. Julio Pedro Ferreiro Pazos, a equipaxe con vestiario acorde ó seu posto de traballo e homologado coas medidas de seguridade e visibilidade de acordo coa normativa vixente.

Os uniformes de verán, que por primeria vez teñen os traballadores de obras, servizos e limpeza constan de gorra tipo béisbol, camiseta piqué e normal, e pantalón. Para o inverno estas prendas complementanse cun xersei de la, cazadora impermeable acolchada con carapucha escamoteable, e traxe de augas de alta visibilidade. As cores para o servizo de limpeza son de combinación verde e amarelo flúor, e para o resto, vermello con azul marino en tronco e marrón caqui en pantalóns. O material leva  reforzos en ombreiras, cóbados, xeonllos e cueiras, multipetos e sistemas reflectores de seguridade homologados. Proximamente dotaranse de forros polares, mudas de reposto e moi probablemente calzado de seguridade.

O Concello atende así unha demanda que viñan reivindicando os operarios, que non contaban con ningún apoio municipal no que a vestiario se refire, e do que só dispoñían o persoal da Policía Local, Protección Civil e Gardaría.

SUBVENCIÓN DA DEPUTACIÓN DE 11.000 € PARA A POXA DE XOVENCAS E 7.000 € PARA SERVIZOS VARIOS

18.10.07 A Deputación Provincial da Coruña,  a través da sección de promoción económica, notificoulle ó Concello de Santa Comba a concesión de senllas subvencións por importe de 10.990,88 euros para facer fronte a parte dos gastos da Poxa de xovencas e 6.982,41 euros para diversos equipamentos de servizos municipais.

CORREOS COLABORARA CO CONCELLO NA NOMENCLATURA E NUMERACIÓN URBANA

18.10.07 O goberno municipal ten entre as súas prioridades a operación de nomenclatura e numeración urbana, como así llelo fixo saber o Alcalde ós funcionarios de correos na visita que realizou á oficina ó pouco de chegar á alcaldía; non obstante, esta era unha reivindicación dos carteiros desde había tempo.

Pero non só é unha petición de correos, xa que nas oficinas municipais tamén se reciben frecuentemente peticións relativas á necesidade de facilita-la identificación e localización de direccións, pois está constatado que existen serias dificultades cos servizos urbanos e veciñais e, sobre todo, na entrega de correspondencia, bens e servizos, que se agrava nos caso de notificacións e servizos de emerxencia.

Salvando as rúas máis antigas do centro urbano, as vivendas non teñen numeración e as que as teñen, mesmo a posúen por duplicado.

Froito das conversas mantidas nos últimos meses entre o concello e correos, dona Sofía Fernández Varela, Xefa de Loxística da división de correos, confirmoulle ó alcalde do concello que colaborarán en tódalas operacións de nomenclatura e numeración urbana, así como no asesoramento que se precise para a posta en marcha e desenvolvemento da mesma.

O principal obxectivo é facilita-la identificación e localización de direccións por medio dun sistema sinxelo, de baixo custo e fácil de usar.

O CONTROL DE VELOCIDADE POR RADAR POÑERASE EN MARCHA DE FORMA INMINENTE

18.10.07 O control de velocidade por radar en zona urbana que o goberno municipal anunciou hai quince días, só está pendente da colocación das sinais de advertencia nos accesos do municipio e dos certificados electrónicos de identidade xurídica e sinatura dixital que a Dirección Xeral de Tráfico lles entregará ós axentes da policía local xalleira para ter acceso de forma telemática ás bases de datos da DGT.

Durante todo este tempo, os axentes estiveron formándose a través da Academia Galega de Seguridade no manexo de radares e traballando conxuntamente coa Xefatura Provincial de Tráfico de A Coruña para a posta en marcha do servizo.

De feito xa se fixeron unha serie de probas con distintos radares, comprobando as velocidades medias ás que adoitan roda-los vehiculos en zona urbana e tratando de clasifica-l as zonas máis perigosas e conflitivas en base ós datos obtidos.

Desta forma, o Concello de Santa Comba incorporarase ó sistema de información do permiso de conducir por puntos da Dirección Xeral de Tráfico e poderá acceder ós rexistros de vehículos e persoas da Xefatura Central de Tráfico en Madrid, que a través da provincial da Coruña cederá de forma rotativa vehículos camuflados e radares sobre trípode.

Nun principio os radares actuarán en forma de cesión temporal por semanas, datas concretas, campañas especiais ou similares, en colaboración con outras policías con radares cedidos, e sen necesidade de asinar ningún tipo de convenio á espera dos novos radares que recibirá tráfico para asinar un convenio para cesións máis prolongadas.

Case con toda seguridade os controis serán tanto de velocidade coma de alcolemia, polo que tamén se contará con etilómetros.

CHARLA SOBRE O NOVO ESTATUTO DO TRABALLADOR AUTÓNOMO

19.10.2007 O concello organiza para o vindeiro 19 de outubro ás 20 horas, no salón de actos do edificio Multiusos, unha charla seminario sobre o novo estatuto do traballador autónomo (integración do réxime especial agrario) dirixido a profesionais e traballadores por conta propia.

Entre os contidos da mesma está a entrada en vigor da nova Lei do Estatuto do traballador autónomo e a Lei de integración dos traballadores por conta propia do Réxime Especial Agrario no Réxime Especial dos Traballadores Autónomos.

A charla será impartida por  D. Eduardo Abad, Secretario Xeral da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia (UPTA Galicia) e D. Ángel Alvariño, responsable do Sindicato Unións Agrarias.

CHARLA INFORMATIVA SOBRE A ENTRADA EN VIGOR DA NOVA LEI DA SUBCONTRATACIÓN NA CONSTRUCIÓN

19.10.2007 O concello organiza para o vindeiro 15 de novembro ás 20:30 horas, no salón de actos do edificio Multiusos, unha charla informativa  sobre a entrada en vigor da nova lei da subcontratación no sector da construción, dirixida a empresarios e traballadores autónomos do sector da construción.

Entre os contidos da mesma está a entrada en vigor da nova Lei con especial énfasis nas obrigas esixidas ás empresas contratistas e subcontratistas, momento da esixibilidade das obrigas, e os incumprimentos e sancións.

A charla será impartida por D. Francisco Quiroga, Responsable do departamento de seguridade e saúde da Fundación Laboral da Construcción de Galicia.

A DEPUTACIÓN SOLUCIONARÁ OS PROBLEMAS PEONÍS EN GUISANDE CUN PROXECTO MÁIS AMBICIOSO

19.10.07 En relación á petición feita polo goberno municipal á Deputación Provincial da Coruña, debido ás queixas veciñais dos veciños do lugar de Guisande polas condicións da estrada CP 7702 de Santa Cataliña a Esmorode, o Xefe de servizo de Infraestruturas e Conservación do organismo provincial, D. Vicente Berrocal Bertol, solicitoulle ó alcalde do concello o pasado día 8 de outubro a redacción dun novo proxecto con características máis ambiciosas e adecuadas ás necesidades do momento, que melloren ás incluídas no proxecto presentado no ano 1997 polo anterior goberno, para a mellora da estrada e que non foi tomado en consideración para a execución das obras nel previstas.

Dito proxecto contemplaba o ensanche da estrada para obter arcéns dun metro a cada lado e non contemplaba a execución da travesía no núcleo do lugar de Guisande, obras que na actualidade desde a Deputación “entendemos serían insuficientes e por tanto mellorables”.

A Deputación indica que “a estrada interesada ten actualmente unha calzada de 6,50 metros e mantén, de forma periódica, un estado aceptable de conservación; outra cousa é que a plataforma da estrada resulte insuficiente para recibi-lo tráfico peoníl que habitualmente ten, especialmente entre o núcleo de Guisande e Santa Catalina”.

Para cumpri-las peticións do concello e dos veciños e poder executa-las obras de seguridade reclamadas, o xefe de servizo de Infraestruturas e Conservación da Deputación proponlle ó concello “a redacción dun novo proxecto de características máis ambiciosas e adecuadas ás necesidades do momento, consistentes en amplia-la estrada para obter unha calzada de 7 metros con arcéns por ambas marxes de 2 metros cada un, é dicir, unha plataforma de 11 metros, ademais de urbanizar en forma de travesia, no lugar de Guisande, coa amplitude que permitan as edificacións existentes, acomodando a rasante da estrada ós accesos das vivendas na medida que resulte posible”.

O goberno municipal xa encargou ós servizos técnicos a redacción dun novo proxecto para sacar adiante as obras o antes posible.

62.000 EUROS PARA MELLORA E EQUIPAMENTO DOS SERVIZOS ADMINISTRATIVOS MUNICIPAIS

23.10.2007. Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A Subdireción Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza concedeu o Concello de Santa Comba unha subvención de 50.000 euros (80% do investimento a realizar) para obras de acondicionamento, equipamento e reforma dos edificios administrativos municipais.

A subvención divídese en tres anualidades da seguinte forma: 10.000 euros na anualidade do 2007, 20.000 euros para a do 2008 e outros 20.000 euros para a do 2009. A aportación municipal en iguales anualidades será de 2.500 euros, 5.000 euros e outros 5.000 euros. As axudas non eximen ó concello de que poida pedir outras subvencións similares, tanto á Xunta de Galicia coma a outros organismos.

Na anualidade do 2007 xa se remataron as obras de acondicionamento e adquisición de equipamento no Centro Municipal de Cultura e a Casa do Concello. No Centro de Cultura arranxouse a cúpula piramidal de iluminación natural para evita-las filtracións pluviais que se suceden nos últimos anos e arranxáronse os mastros das bandeiras de aceiro inoxidable. Na Casa do Concello remodelouse o servizo de tesouraría e intervención con tratamentos antihumidade e illamento térmico; adecentáronse varias dependencias con pintura; substituíronse dúas ventás aínda de madeira por unhas de PVC; renovaronse as luminarias en varias dependencias e adquiríronse novos mastros e bandeiras e un equipo informático para a alcaldía.

A MELLORA DA TDT COMEZARÁ EN BREVE COA INSTALACIÓN DUNHA TORRE DE 41 METROS EN PICO DE MEDA

23.10.07. Secretaría Xeral de Comunicación. Por Resolución do 11 de outubro de 2007, a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, anunciou a través do Diario Oficial de Galicia nº 204 do 22 de outubro, a contratación por concurso público e sistema aberto, da subministración e instalación dunha torre soporte de antenas autosportada de 41 metros de altura para o centro de telecomunicacións da Xunta de Galicia no monte Pico Meda, que dará cobertura a todo o seu contorno, no que se atopan as Terras de Xallas.

A torre estará orientada a mellora-los servizos de telecomunicacións e redes de emerxencia, polo que poderá soportar tanto servizos de radiodifusión coma enlaces de telecomunicacións, que permitan o achegamento de tódolos cidadáns en igualdade de condicións ós Servizos de Emerxencia e á Sociedade da Información, especialmente á Televisión Dixital Terrestre (TDT).

Para facilita-la futura instalación de antenas na torre, a empresa adxudicataria deberá prestar especial atención ó alzado da mesma, na que polo menos un 60% da súa altura corresponderá a prismas rectos que soporten na cúspide 1.550 Kg. correspondentes a 16 paneis de UHF, a 35 metros de altura 1.750 Kg. correspondente a 9 antenas GSM, e entre os 25 e 35 metros unha carga de 500 Kg. correspondente a un sistema radiante de catro dipolos de F.M., dimensionados todos eles para unha velocidade de vento de polo menos  200 Kms/h. coa totalidade dos sistemas radiantes instalados.

Entre outros equipamentos, a torre contará cun sistema de protección contra descargas atmosféricas, con pararraios tipo Franklin de cinco puntas coa cabeza central de bronce-platino; plataformas e aneis para soporte de parábolas; un sistema de seguridade anti caídas homologado e un mínimo de dúas balizas omnidireccionais de sinalización, de acordo coa normativa de Aviación Civil.

A mellora da recepción da televisión e a adaptación dos sistemas á nova Televisión Dixital era unha demanda dos veciños e dos alcaldes de Santa Comba e Zas desde a súa chegada ás respectivas alcaldías;  de feito, ó pouco tempo de tomar posesión nos seus cargos, tiveron unha xuntanza para o establemento de medidas conxuntas encamiñadas a atende-las demandas veciñais neste senso.

A instalación da torre como paso previo á instalación dos sistemas de comunicacións na mesma, esperase que permita a recepción da TDT na zona, en óptimas condicións, a mediados do vindeiro ano.

O prazo máximo de execución do proxecto será o 15 de decembro de 2007 e terá un presuposto máximo de licitación de 110.000 € (I.V.E. incluído).

O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN RECIBE Ó ALCALDE DE SANTA COMBA

24.10.2007. Deputación Provincial. Na mañá do día onte o presidente da Deputación Provincial da Coruña, D. Salvador Fernández Moreda, recibiu ó alcalde do concello, D. José Antonio Ucha Velo, na sede da institución provincial na Coruña.

Fernández Moreda comentoulle ó alcalde as previsións do Consorcio Provincial de Bombeiros que pasan pola apertura das instalacións do parque de bombeiros de Santa Comba antes de que finalice o ano. Na actualidade, as obras están moi avanzadas, e para o próximo xoves está prevista unha reunión entre os técnicos do Consorcio, do concello e da empresa construtora para ultimar algúns detalles do proxecto.

O Consorcio Provincial de Bombeiros xa dispón do equipamento que levará o parque e o persoal adscrito a este. En total, serán 18 persoas as que conformen a guía do parque de Santa Comba, que dispoñerá tamén dun vehículo de extinción e rescate de altura, dunha autobomba nodriza de saída, e dunha autobomba de primeira intervención.

O custo total da instalación, que prestará servizo nunha área xeográfica integrada polos concellos de Santa Comba, A Baña, Mazaricos e Negreira, cunha superficie total de 604 quilómetros cadrados, e unha poboación estimada en máis de 30.000 habitantes, ascendeu a 1,5 millóns de euros, entre o gasto de construción do edificio, o equipamento e o parque móbil. Do total do orzamento, a Deputación da Coruña subministrou o 60 %, mentres que o 40 % restante correspóndelle á Xunta de Galicia.

En xaneiro do 2006, os técnicos do Consorcio Provincial de Bombeiros inspeccionaron unha parcela municipal de 17.000 metros cadrados localizada en A Pereira, proposta polo concello e que debería cederse con urxencia para construí-lo parque. O obxectivo era sacar a concurso ó mesmo tempo o proxecto e as obras nos meses seguintes por 1.747.000 euros. Pero o parque comarcal volveu sufrir un novo atraso ó ser descartada esta segunda localización proposta polo Concello de Santa Comba, trala inicial, a carón da base de helicópteros antiincendios de Fontecada, mentres que a terceira, no antigo mercado do gando, en plena zona urbana xalleira, foi a vencedora.

A creación dun campo de fútbol de herba artificial foi outra das demandas expresadas polo alcalde xalleiro ó presidente da Deputación da Coruña, quen lle comentou que no Pleno do venres se han aproba-las bases dunha nova fase do programa de creación de terreos de xogo de céspede sintético, e que o Concello de Santa Comba poderá incluirse neste programa.

O presidente da Deputación da Coruña confirmoulle ó alcalde que destinará en 2008 un total de 427.000 euros, a través do POS (Plano de Obras e Servizos) para a execución de distintos proxectos.

A creación de novas infraestruturas e a mellora da rede viaria nas estradas a Santiago, Coristanco e Sta. Catalina-Esmorode centraron tamén boa parte da reunión de traballo entre Fernández Moreda e José Antonio Ucha. Neste sentido, o presidente da comisión de infraestruturas da Deputación Bernardino Rama, sinalaba hai uns días que están negociando a cesión á Xunta de Galicia da estrada de Santiago, para a súa inclusión na rede autonómica, o cal faría máis viable un proxecto de mellora para un novo trazado entre Portomouro e Santa Comba. Nun principio as negociacións están encamiñadas a que a Xunta de Galicia se faga coa propiedade da estrada de Santiago e afronte a súa total remodelación ata Portomuro e a Deputación asuma a remodelación da de Coristanco.

En relación á CP 7702 de Santa Cataliña a Esmorode, e en especial ás zonas peonís e urbanización de Guisande, o Xefe de servizo de Infraestruturas e Conservación do organismo provincial, D. Vicente Berrocal Bertol, xa lle solicitara ó alcalde do concello o pasado día 8 de outubro a redacción dun novo proxecto con características máis ambiciosas e adecuadas ás necesidades do momento, que melloren ás incluidas no proxecto presentado no ano 1997 polo anterior goberno, para a mellora da estrada e que non foi tomado en consideración para a execución das obras nel previstas.

CONTRATACION LABORAL TEMPORAL DUN PEÓN DE OBRAS

25.10.07 Vista a necesidade de contratar un peón de obras para a brigada municipal co obxecto da realización da obra municipal “saneamento en Grixoa de Esternande, Grixoa de Vilar e Castiñeiras de Bazar”, a alcaldía a través do Decreto 1178/2007 acordou aproba-las bases que rexerán a provisión de dita praza.

Para a selección do persoal valorarase o currículo de cada un dos aspirantes, en base á experiencia laboral e formación complementaria relacionada co posto ofertado, e á antigüidade como demandante de emprego conforme ás puntuacións indicadas nas bases aprobadas por medio do citado Decreto da Alcaldía. Así mesmo, deberán realizar un caso práctico no que han de demostra-la capacidade e destreza do manexo das tarefas de desbroce coa máquina tractor-desbrozador que estimará prudente o tribunal en función dos candidatos presentados.

Para unha maior publicidade co obxecto de que a oferta de emprego chegue a un maior número de persoas,  a convocatoria fíxose pública mediante un anuncio no taboleiro de anuncios do concello, dun bando da alcaldía que se colocou nos lugares de costume e a través dun anuncio publicado no  diario La Voz de Galicia, o de maior tirada de Galicia, do xoves 25 de outubro de 2007.

A DEPUTACIÓN SUBTITUIRÁ O SERVIDOR INFORMÁTICO MUNICIPAL

25.10.2007. Deputación Provincial. Antes de finaliza-lo ano o Concello de Santa Comba recibirá da Deputación Provincial da Coruña diverso equipamento informático adquirido para substituí-lo actual servidor Dixital Alpha que lle dá acceso ó persoal municipal ós servizos dixitais e telemáticos ofrecidos polo organismo provincial.

O material procede da multinacional alemá Dell que instalará un servidor da súa propia marca en formato torre con S.O. Suse Linux, cinta DAT e SAI, ademais dun switch de 48 portos.

O equipamento subminístrase ó concello de forma totalmente gratuita, aínda que deberá poñer a disposición da empresa instaladora un armario rack dun mínimo de 80 cm de fondo e dispoñer de 5u libres.

 
O CONCELLO LEVA A 50 NENOS A VE-LO DÉPOR-VALENCIA

26.10.07 O vindeiro mércores día 31 de outubro as 20 horas, 50 nenos poderán presenciar completamnte de balde o partido correspondente a 1ª división que o R.C. Deportivo da Coruña desputa fronte ó Mallorca no estadio de Riazor. O acto está organizado polo Concello de Santa Comba coa colaboración do RC Deportivo da Coruña. Os interesados deberán poñerse en contacto co persoal da oficina de Deportes no Centro de Cultura o chamando ó teléfono 981 88 02 75 ata ás 14 horas do día 29 de outubro.

PAGAMENTOS DOS TRIBUTOS RECADADOS POLA DEPUTACIÓN PODERANSE FACER NO CENTRO DE CULTURA OS DIAS 20 E 21 DE NOVEMBRO

26.10.07 Funcionarios da DeputaciónProvincial da Coruña adscritos ó servizo provincial de recadación da zona 04 Corcubión-Negreira, na que está incluída Santa Comba, atenderán os días 20 e 21 de novembro, en horario de 9 a 14, na aula de informática sita no Centro de Cultura, ós contribuíntes que non recibiron os instrumentos necesarios para facer efectivo a través de entidades bancarias os tributos e taxas postos ó cobro neste segundo semestre do ano.

O CONCELLO ESTÁ OBRIGANDO ÓS PROPIETARIOS DE TERREOS A MANTELOS EN PERFECTO ESTADO DE CONSERVACIÓN

26.10.07 O Concello de Santa Comba de acordo co disposto nos artigos 9.1 e 199.1 da lei 2/2002, de 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia está obrigando a tódolos propietarios de terreos a mantelos en perfecto estado de conservación evitando as malas herbas e o estado de abandono no que se atopan moitos deles.

Dita lei sinala que os propietarios de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións deberán mantelos nas condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade, ornato público e habitabilidade segundo o seu destino, e de acordo coas normas de protección do medio natural, do patrimonio histórico e da rehabilitación.

No caso das parcelas situadas no rural ou zonas de monte estase esixindo o cumprimento do disposto no artigo 21, apartado b) do Decreto 105/2006 do 22 de xuño, polo que se regulan as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais que sinala: “co obxecto de protexer especialmente o espazo rural e os núcleos de poboación dos incendios, establécense faixas de especial protección naqueles terreos dedicados a monte e as áreas colindantes consonte o artigo 44.3ª da lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, que abranguen a totalidade de terreos forestais, rasos ou arbolados, que se sitúen, dentro do monte, a unha distancia inferior a 10 metros do seu perímetro”.

O alcalde do concello, D. José Antonio Ucha Velo, previo informe da Policía local, xa asinou preto dunha vintena de decretos con ordes de execución para facer cumprir esta lei en San Cristovol de Mallón, Tapia, Randufe, Ser, As Travesas, O Mato-Cícere, Pereira de Vilamaior, Codesedo-Fontecada, Freixeiro e Montouto no rural, e Avenida Afonso Molina e Avenida de Santiago na zona urbana. Nun principio esta medida estase aplicando a aqueles casos extremos, que incluso contan con denuncias ou protestas veciñais polo completo estado de abandono dos terreos e o risco que supoñen para as vivendas lindeiras en caso de incendio.

O Concello está dando ós propietarios dos terreos un prazo de 20 días contados a partir da notificación da resolución da alcaldía para que fagan as limpezas oportunas. Aínda que lles concede ós interesados un trámite de audiencia polo prazo de 10 días para que aleguen e presenten os documentos que estimen pertinentes advírtelles, que o incumprimento da orde de execución constitúe unha infracción urbanística, tal e como dispón a lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia e o Regulamento de disciplina urbanística, polo que no caso de incumprimento do requerimento municipal, o concello procederá á execución subsidaria ou á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas de 1.000 a 10.000 euros, reiterables ata logra-la execución do ordenado.

A CORPORACIÓN NO ANIVERSARIO DUNHA NOVA CENTENARIA XALLEIRA

29.10.07 O membros da corporación municipal, D. José Antonio Ucha, D. Julio Ferreiro e dona Blanca Ruzo, acompañaron o pasado sabado día 27 a dona Gumersinda Martinez Maneiro con motivo do seu centenario. No transcurso do acto, que se celebrou as 12 do mediodía, a corporación entregoulle un ramo de flores e unha torta que compartiron coa súa familia.

Dona Gumersinda é veciña de Mallón de Cícere, onde residiu toda a súa vida traballando de modista. Como curiosidade, cómpre indicar que afirmou unha e outra vez que non era posible que cumprise 100 anos, que podían ser 96 ou 97, pero non 100,  como afirman os documentos oficiais.

A CORPORACIÓN ASINARÁ ACORDOS CON VARIAS EMPRESAS LOCAIS PARA FINANCIAR DE FORMA CONXUNTA O ARRANXO DE VARIOS VIAIS

20.10.07 O Alcalde do Concello de Santa Comba, D. José Antonio Ucha mantivo unha xuntanza con representantes de varias empresas locais para estuda-la colaboración conxunta no arranxo de viais que poidan interesar tanto ás empresas, para a mellora da súa produtividade, coma ó concello, e por suposto que sirvan ó memso tempo para unha mellora da calidade de vida dos veciños.

Nun principio as empresas coas que se está negociando son Hormigones Santa Comba e Canteira da Mina, que achegarían o material. Pola súa parte, o concello colaboraría co persoal e coa maquinaria.

De igual forma que se fixo co Concello de Coristanco os acordos definitivos plasmaranse nun convenio.

A DELEGADA DA CONSELLERÍA DE VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR REUNIUSE EN  SANTA COMBA CO ALCALDE

20.10.07 Dona María Tereixa dos Anxos Novo Arrojo, delegada provincial de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, trasladouse a Santa Comba para manter unha xuntanza co alcalde do Concello, D. José Antonio Ucha Velo, para falar sobre asuntos relacionados co seu departamento.

Entre os temas a tratar estivo a pretensión da corporación de incluír dentro do Concsorcio de Servizos o Centro de Día e a Gardaría; deste forma, o concello só tería que financia-lo 20% dos gastos da mesma, e o 80% restante correría a cargo do Consorcio. Así mesmo, tamén se falou da posibilidade da creación dunha ludoteca no municipio.

Posteriormente á xuntanza, que se celebrou no despacho do alcalde na casa do concello, realizaron una visita de inspección a diversos servizos que o concello ten en marcha e que dependen do seu departamento.

O ALCALDE ASISTE Á GALA DE ENTREGA DOS PREMIOS ÓS GALEGOS DO ANO E DO MES

29.10.2007. O pasado 26 de outubro o Alcalde do Concello D. José Antonio Ucha Velo, asistiu á gala organizada polo Grupo Correo Galego, onde se entregaron os premios os 12 galegos do mes e o galego do ano.

Os actos celebraronse no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela ante máis de mil persoas, entre as que non faltou o máis granado da sociedade, xa non só compostelá senón dos municipios lindeiros. Empresarios e alcaldes mesturáronse con artistas e rostros televisivos, cos gobernantes de Galicia e representantes do sector financeiro ou do mundo da cultura; todos tiveron un oco nunha cita que presidiu o propio Presidente da Xunta de Galicia, D. Emilio Pérez Touriño, con Anxo Quintana e seis conselleiros e o delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras. O Alcalde de Santa Comba compartiu asento con alcaldes como Regos (Ordes), Fernández (Ames), Cobas (Vedra), Noriega (Teo), Forján (Padrón), Abeijón (Lousame) ou Piñeiro (Rianxo).

Despois dos discursos, a entrega de galaradóns e a actuación de María Nadal, o alcalde aproveitou o cóctel posterior ó acto para a establecer diversos contactos con autoridades e empresarios co obxecto de sacar adiante diversos proxectos de interese para o municipio. Un deles foi co director-xerente da empresa Gallega de Sistemas de Telecomunicaciones (GST) para o desenvolvemento da Televisión Dixital Terrestre

Galardoados.
O premio do galego do ano foi para D. Manuel Gómez-Franqueira Álvarez, director xeral do grupo Coren. Entre os premiados como galegos dos mes atoparonse o atleta Javier Gómez Noya; as escritoras Susana Fortes e Marta Rivera de la Cruz; José Ramón García González, director xeral da marca de aparatos electrónicos Blusens, que o ano pasado en España superou en vendas á multinacional Sony ou Mª Teresa Miras Portugal, presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia.

O CONCELLO COS PROXECTOS LITERARIOS

29.10.07 A libraría Ler de Santa Comba albergou a presentación da primeira novela do nicrariense Xosé Barreiro, titulada Memorias y sueños en las riberas del Bajo Ulla, que foi editada pola editorial 3C3. O acto, que contou cun recital de saxo do músico local José Amigo, serviu para que os presentes aplaudisen a calidade literaria do autodidacta Barreiro.

O autor, pola súa parte, recordou que naceu no bienio negro da posguerra, e que a súa formación de época faille difícil escribir en galego. Precisamente, o crítico literario Armando Requeixo subliñou que a obra, pese a emprega-lo idioma castelán, pódese catalogar como literatura galega. Pola súa parte, a escritora Carmen Blanco sinalou as influencias de Galdós e Valle Inclán.

O crítico Armando Requeixo non puido evitar transmiti-la súa admiración pola libraría Ler, marco da presentación, asegurando que en moitas localidades "matarían por ter algo así". Ademais, José Amigo volveu toca-lo saxo tras 25 anos cun notable virtuosismo.

Dentro do apoio que a este tipo de actos lle está prestando o Concello de Santa Comba, a representación municipal estivo na figura do concelleiro de cultura e depore D. Anxo Souto. O Alcalde D. José Antonio Ucha desculpou a súa ausencia pola presenza nos actos da Gala de entrega dos galegos do ano.

O CONCELLO RECIBIRÁ 12.000 € DA DEPUTACIÓN DENTRO DUN CONVENIO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

30.10.07 Deputación Provincial. Os responsables de Normalización Lingüística da Deputación Provincial da Coruña comunicaronlle ó alcalde do concello que co fin de proceder a propoñe-la inclusión do Concello de Santa Comba no programa de convenios de normalización lingüística, púxose a trámite unha modificación de crédito para este fin, que foi aprobada no pleno do día 26 último e que está en exposición ó público. Unha vez aprobado definitivamente o mesmo, procederase pola Presidencia Provincial á aprobación e firma do convenio corresponde.

As contías a percibir polo Concello de Santa Comba serán destinadas única e exclusivamente para a contratación de persoal, cun importe de 12.000 euros/ano no caso de que se opte pola xornada completa, ou 6.000 euros/ano no caso de media xornada. O convenio en cuestión poder ter carácter retroactivo e permitiralle ó concello recibi-las mesas cantidades no caso de que xa teña persoal contratado traballando nos indicados servizos.

O acordo inclúese dentro dos programas de políticas de igualdade de xénero e normalización lingüística da Comisión de Benestar Social.

Esta axúda súmase a outra por importe de 5.000 euros concedida pola Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia para a creación e posta en marcha do servizo.

Compartir

Publicar

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y realizar estadisticas ACEPTAR