981880075
Seleccionar página

Patrimonio Relixioso

Patrimonio relixioso

O patrimonio relixioso de Santa Comba está formado por un total de dezasete igrexas parroquiais, cinco capelas e catro ermidas, atopándose en termos xerais en bo estado de conservación. A maior parte das igrexas xalleiras son de estilo barroco, entre as que sobresaen dous templos de estilo románico: a igrexa de San Cristovo de Mallón e a de San Fiz de Freixeiro, esta última a máis antiga da contorna, datada no século XII.

O concello de Santa Comba, antropoloxicamente falando, conserva tradicións e ritos ancestrais vinculados aos santuarios e ermidas da zona. As romerías máis concorridas son a de

Rubín, na parroquia de Cícere, xa que a Virxe alí gardada é a avogada de todos os males, en particular os que se refiren aos nenos, aos que cura das súas doenzas; e a de  Nosa Señora de Vilamaior, onde acoden os enfermos con problemas dermatolóxicos para lavarse na fonte da Virxe.

 

Dentro da arquitectura relixiosa, en Santa Comba o modelo máis frecuente está protagonizado por unha capela maior de planta rectangular, usualmente máis estreita que a nave central. O acceso realízase por un arco triunfal volteado sobre semicolumnas apegadas e a cubrición de estas capelas maiores efectúase con bóvedas de canón construídas con perpiaños de granito. As sancristías sitúanse apegadas a un dos muros laterais da capela maior, preferentemente no lado norte debido a razóns litúrxicas. Malia a tratarse dun padrón predominante, esta composición non sempre se respecta, xa que ocasionalmente a sancristía desprázase detrás do presbiterio.

En canto á ornamentación, esta concéntrase case por completo na fachada principal e a súa composición está baseada na simetría do pentágono, cun remate na parte superior formado por unha cornixa a dúas augas.

Nalgúns templos a torre campanario aparece desprazada do eixo de simetría da fachada principal, aínda que a maioría das construcións, campanarios ou espadanas se sitúan no vértice da mesma. A tipoloxía habitual de estas torres repítese en case todas as igrexas, de xeito que o corpo de arranque adoita ser prismático, e ás veces atópase decorado con placas.

O acceso ao campanario realízase mediante escaleiras interiores, excepto en capelas como A Virxe do Portal xa que carece de elas. Neste corpo a ornamentación básica está composta por pilastras e molduras. O remate en case todas elas está formado por unha cúpula.

 

O concello de Santa Comba conta con catro ermidas: a ermida da Virxe da Mercé (en Vilar de Céltigos), a ermida de San Blas (Grixoa), a ermida de Santo Outel (Bazar) e a ermida de San Bartolomeu (Santa Sabiña).

Entre elas a que acada unha maior importancia, tanto pola súa natureza como polo conxunto e emprazamento no que se sitúa, é a ermida de San Bartolomeu na parroquia de Santa Sabiña. Trátase dunha ermida da época baixomedieval (séculos XIII-XIV) que se atopa no alto dun monte que se ergue case 100 m sobre a súa contorna. Foi construída sobre os restos dun castro, ou doutro tipo de asentamento similar. No seu entorno hai un gran penedo que dá a un muro de pedra natural de dez metros de caída.

Presenta dous volumes: un máis antigo, do século XIII ou XIV que se correspondía co presbiterio, e outro moito máis recente feito en bloques de cantería que se correspondería coa nave principal. Ten un retablo pétreo de estilo barroco con columnas salomónicas.

Santa María de Alón

San Vicente de Arantón

San Mamede de Bazar

Santo Outelo de Sabaceda (Bazar)

San Pedro de Castriz

Capela da Virxe da Saúde (O Demo de Rubín) - Cícere

Santa María de Esternande

San Martiño de Fontecada

San Fiz de Freixeiro

San Xoán de Grixoa

Capela da Virxe da Merced de Vilar Grixoa

San Cristovo de Mallón

Santa María de Montouto

Divino Salvador de Padreiro (San Salvador)

San Andrés de A Pereira

San Pedro de Santa Comba

Capela Nosa Sra. dos Milagres de Santa Cataliña (Santa Comba)

San Xulián de Santa Sabiña

Capela de San Bartolomeu de O Busto (Santa Sabiña)

San Pedro de Ser