981880075
Seleccionar página

CURIOSIDADES E DATOS SOBRE A NOSA VIDA E OS NOSOS COSTUMES Ó LONGO DA HISTORIA

 

OS MÁIS XENUÍNOS DESCENDENTES DOS CELTAS.
Xa o dicían os historiadores e literatos de séculos pasados, os xalleiros son os máis xenuínos representantes da ascendencia celta. Manuel Murguía na súa Historia de Galicia describía a xurisdición de Xallas como “aquela comarca marcada col poderoso selo daquela póla, a última, pero non por iso menos nobre, das tribos célticas que acamparon sobre ol solo de Europa”. Pero agora, un estudo científico da Universidade de Zaragoza coa colaboración de Ángel Carracedo, director do departamento anatómico forense do Instituto de Medicina Legal de Santiago e fillo predilecto do municipio, sobre as mutacións xenéticas, certifica a orixe celta dos xalleiros. Este conclúe a enorme incidencia do xene denominado APO B3500 en varios puntos de Galicia e son Santa Comba e a ría da Coruña as zonas onde se dá un maior número de casos, o que achega ós veciños de Santa Comba ás colectividades actuais de Centroeuropa, Gran Bretaña e Irlanda, onde se asentaron poboadores celtas e suevos. A investigación considera que os actuais poboadores de Xallas comparten unha mutación xenética inalterada tras 6.000 anos e que hai características endogámicas como que o xene se dá en enfermos de hipercolesterolemia familiar e persiste ó longo do tempo. Esta unidade xenética cos celtas refórzase coas evidencias da arqueoloxía e a toponimia, a existencia de poboados castrexos, restos de ourivaría e nomes como Arciprestado de Céltigos ou Vilar de Céltigos e o palpable legado suevo na toponimia como Guldrís, Castriz, Esternande, Armada ou Guisande, ademais, o grupo de xermanismos é o que deu orixe a máis nomes no actual termo municipal de Santa Comba.

 

LEVANDO CON ORGULLO O ESTAR EN SANTA COMBA E POÑELO NO TESTAMENTO.
D. Afonso de Fonseca III, Arcebispo de Santiago, fundador da Universidade Galega foi párroco de San Pedro de Santa Comba. Non debeu ser pequena a importancia da parroquia de San Pedro de Santa Comba xa na segunda metade do século XV, cando Afonso de Fonseca III, un dos señores máis relevantes da Galicia do século XVI, Arcebispo de Santiago de Compostela e de Toledo, fundador da Universidade de Santiago, contaba entre os seus méritos o ser “nomeado cura de San Pedro de Santa Comba, en tierra de Jallas” como el mesmo lembra no seu testamento outorgado en Salamanca o 17 de febreiro de 1.534. Os documentos da época din: “San Pedro de Jallas. E ten mandamos a la iglesia parrochial de San Pedro de Santa Comba de Jallas, que es en el dicho arçobispado de Santiago, un hornamento de terciopelo verde e que aya capa, casulla, alva, manípulos e estola e frontal con sus cenefas e ragaçiles todo cumplido e bien fecho e asimismo mandamos que se haga para esta dicha iglesia una custodia de plata para el Santísimo Sacramento de peso de quatro marcos, lo cual ansymismo le mandamos por le hacer gracia e limosna e por los frutos que gozamos e tendo cura de ella”

DESDE SEMPRE LABRADORES.
Xa no século XVIII a sociedade Xalleira xiraba en torno á terra e o 90% dos veciños eran clasificados como labradores, ben como produtores ou rendistas, o 27% deses labradores tiñan outro oficio complementario e moi poucos eran só artesáns ou arrieiros, que era a segunda ocupación despois da labranza e os documentos da época din “a terra de Xallas é montaña….e o seu principal produto é o trigo e o millo e os habitantes dedícanse ó transporte  de froitos ó reino”.

LABRADORES E TAMÉN ARRIEIROS:
A arrieiría principalmente con cabalos era a segunda actividade en Xallas despois da labranza no século XVIII. Os arrieiros transportaban, sobre todo, cereal e facían unha media de “doce camiños” cada ano; transportaban arredor de dezaoito ou dezanove mil ferrados de gran, sobre todo, á cidade de Santiago, xa que alí estaban os conventos, mosteiros e outras institucións rendistas que eran propietarias das terras e doutras rendas da xurisdición; aínda que tamén transportaban á Coruña, Pontevedra e ás vilas de Muros e Noia, como carga de ida dos que ían mercar sardiña, cando esta non viña de Malpica. Os arrieiros tamén transportaban carbón, sal, viño do Ribeiro e area procedente das praias de Laxe, Malpica e Ponteceso, que se utilizaba para a drenaxe das terras demasiado compactas. Crearon un xeito de vida e relación social moi respectado; aínda que dentro deles había un sector menos respectado que era o de pequenos traficantes de vaixelas e sardiñas, entre outros, que nin sequera tiñan animais de carga, eran metade vendedores e metade pobres que pedian esmola.

E TAMÉN OFICIOS ARTESÁNS.
Este sector representaba no século XVIII case o  10% da veciñanza. Basicamente eran carpinteiros (4) , ferreiros (había 11, un para cada 141 veciños), xastres (14), curtidores (3), zapateiros (7), canteiros e cesteiros, dos que se descoñece o número, e teceláns que contaba con máis traballadores xa que a cabana lanar de Xallas puido chegar a 30.000 cabezas entre crías e reprodutoras.

AS LIÑAS DE TRANSPORTE “OS COCHES DE LIÑA” E OS PRIMEIROS TAXIS.
As comunicacións eran realmente complicadas, os camiños veciñais por onde circulan recuas de carros mostraranse, aínda a finais de século XIX, totalmente insuficientes paras as necesidades do tráfico local. No ano 1865, o goberno da provincia saca a poxa a prestación do servizo de bagaxes no camiño da Coruña a Corcubión e Fisterra (Arteixo, Carballo, Santa Comba e Ponte Olveira). A adxudicación do punto de Santa Comba a Ponte Olveira, Zas e Santa Comba, será a D. José María Fernández, a quen tamén se lle adxudica en 1866. De 1867 a 1871 encárgase do punto de Santa Comba D. Ángel Barrera Fernández.
No mes de abril de 1896, un ano despois de rematada a estrada de Santa Comba a Santiago e segundo as actas plenarias do concello do 20 de abril de 1896, os coches de liña que se dedicaban ó transporte de pasaxeiros xa estaban funcionando nesta estrada. Así comezou o século XX, cun servizo diario de carruaxes a Santiago, ás dúas da tarde e cun prezo de catro pesetas no interior e de tres no “cupé”. Esta liña amplíase pouco despois, en 1905, cando se comunica a vila con Vimianzo (por Portomouro) cun servizo diario; neste tempo comeza a explotación deste servizo pola coñecida “Empresa Guillén e Santa Comba”. Posteriormente, en Xuño de 1926, a empresa Santa Combés establece unha liña de viaxeiros e mercadorías con ómnibus de Santiago a Camariñas. Desde 1930 ata 1950 a liña de Vimianzo é substituída pola de Corcubión e a partir de 1960 comeza unha maior variedade de liñas de comunicación entre Santa Comba e as vilas do seu arredor.
Ademais de carruaxes, trolebuses e autocares, o concello tamén contou desde 1930 con servizo de taxis. Vilar e Barreiro foron os pioneiros, seguidos despois por José Negreira, o único servizo existente no concello en 1935. Dez anos máis tarde, en 1945, contamos xa con catro taxis, Durán Castro e Cª, Manuel García, Casimiro López e Ricardo Villar. Pouco despois, hai un retroceso no servizo e en 1950 atopamos só dous servizos, o de Manuel García e Casimiro López; pero dez anos máis tarde, vólvese recuperar o índice e cóntase de novo con catro servizos, Manuel García, Ramón Otero, Arturo Pose e Francisco Romar, un número de licenzas que continuou a medrar desde entón.

CHEGA A LUZ ELÉCTRICA.
En abril de 1929 a luz eléctrica chega a Santa Comba

CASA PARA CORREOS.
En agosto de 1930 créase a Administración de Correos “nunha casa-cuarto e local”.

ESTABLÉCESE O TELÉGRAFO.
En 1934 establécese a oficina de telégrafos en Santa Cataliña, na Avenida Capitán Galán, unha demanda que xa se remonta ós primeiros anos da República. O responsable desta será Salomón Arce Martinez, que contará cun soldo de 1.500 ptas. Posteriormente, a oficina trasládase á Casa de Raso na rúa Miraflores 30.

CURAS, CLERO E RELIXIÓN.
D. Alfonso de Fonseca, Arcebispo e benefactor de Santiago, fillo de Dona María de Ulloa de la Casa de Alba, foi cura de Santa Comba. O Bispo de Tarazona, Fr. García Pardiñas, naceu no pazo de Cícere de Embaixo, fundou a capela de Nosa Señora da Mercé e reconstruíu a igrexa parroquial de San Pedro de Cícere. Temos referencias dos primeiros cregos que fixeron do concello o seu lugar de residencia e mandaron construír a súa casa ó lado das igrexas das que estaban titulados, como Xoán Mazáns, reitor de Santa Comba a finais do século XV; aínda que este comportamento correspondíase máis ben coa súa situación de poderoso local que coas súas funcións pastorais. Outros cregos dos que se ten constancia son: Rodrigo de Sampaio, crego de San Pedro de Santa Comba en 1441. D. Juan Estévez Caamaño, veciño de Alón excura de Ser e Montouto, que fundou unha “misión” popular en Ser alá polo ano 1741. D. José Cabeza Docampo que na década de 1950 era o párroco de San Pedro de Santa Comba, San Pedro de Cícere e San Xoán de Grixoa. Reitor e Clérigo eran persoas distintas, o Clérigo pertencía á igrexa pero tiña escasa relevancia, incluso eran franceses emigrados que atendían as igrexas por un anaco de pan, como o caso de Martín Bonifacio que celebraba misa en Mallón e Alón, ou Guillerme que facía o propio en Santa María de Esternande.

POUCAS MISAS.
En 1548 ningún dos templos do concello tiña o Santísimo Sacramento nos seus altares e nun bo número deles a Eucaristía celebrábase soamente cada dúas semanas, e mesmo cada tres. O motivo disto era os escasos ingresos que tiña a parroquia, o escaso número de veciños e que as igrexas se atopaban en lugares case desertos.

AS PRIMEIRAS ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS.
No século XVI nacen as confrarías parroquiais, primeira expresión do asociacionismo campesiño a medio camiño entre o sentido relixioso e o festivo. En 1543 había tres, a de San Antón, na Pereira; a de Santa Lucía, en Meanos (que por aquel entón pertencía a Xallas) e a de Veracruz, en Santa Comba. Ningunha delas tiña constitución aprobada e déuselle un prazo para evitar que quedasen prohibidas como confrarías relixiosas. Na visitas pastorais do século XVI xa non aparecen citadas estas confrarías pero rexistráronse e controláronse 31 confrarias, 21 delas dedicadas a diversos santos, cinco á Virxe (das cales tres facíano baixo a advocación do Rosario), unha ás Ánimas do purgatorio e catro ó Santísimo. Un século máis tarde, a mediados do XVIII, soben de 31 a 34; pero agora, 18 das 34 estaban dedicadas ó Sacramento e seis era a Virxe a honrada (en dous casos baixo a advocación do Rosario, nun como Nosa Señora do Carme e noutro lembrando a súa Natividade). As 14 restantes dedicadas a diversos santos, aínda que case sempre compartindo dedicación co Sacramento e coa Virxe. Posteriormente moitas delas desapareceron, xa que a autoridade eclesiástica prohibiu en 1740 a celebración das comidas de irmandade entre os confrades os días da festa, polos excesivos gastos, pendencias e argumentos dos bispos en base a “desordes por comer homes e mulleres xuntos”.

DEPORTE E MERCADOTECNIA NOS 60.
Cando aínda non estaba de moda a publicidade nas camisetas nin ningún tipo de xestión e negocio relacionado coa publicidade e as técnicas de mercado, o único club local por aquel entón o Xallas F.C. vestía con indumentaria de cor verde, xa que esta era a cor dos xabóns Lagarto, firma que doou a súa primeira indumentaria. Ademais, este club xa concentraba ós seus xogadores e dáballes unhas beberaxes e preparados de vitaminas para aumentar o seu rendemento e dáballe un toque exótico ó club cun xogador de cor e estranxeiro, concretamente, portorricense, de nome Arana.

XALLEIROS NOS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN.
Despois de loitar nas frontes peninsulares, os republicanos tiveron que cruzar a fronteira francesa en 1939 camiño do exilio. Onde viviron amoreados en campos de refuxiados á espera dunha posible marcha cara a América, pero nesta espera foron feitos prisioneiros no mes de setembro polas tropas alemanas. No famoso campo de concentración alemán de Mauthausen caeron, de 1940 a 1945, corenta e tres persoas da provincia da Coruña, dúas delas eran de Santa Comba, José Becerra Liñares, da parroquia de Arantón, que falece do 22 de setembro de 1.941 e Manuel Peña Martínez, da parroquia de Freixeiro, que morre o 24 de novembro de 1941. Os dous faleceron no Comando Gusen do citado campo.

ADMIRADOS POR EDUARDO PONDAL.
As paisaxes bravas e agrestes, silenciosas e naturais das terras do Xallas, impresionaban e inspiraban ó famoso poeta Eduardo Pondal “Algo das vagas brétemas, algo das uces altas, algo dos libres corzos, e das feras bandadas, dos corvos vagamundos, que se espallan de Xallas polas gándaras”.

CADEA DE XURISDICIÓN PARA SANTA CATALIÑA.
O Xulgado de paz de Santa Comba atópase na actualidade no lugar de Santa Cataliña, nos baixos da Casa do Concello. Durante o pontificado de San Clemente, polo ano 1617, o xuíz de Xallas, Francisco de Peñaranda, pretendeu construír sobre os restos da antiga fortaleza-castelo de Xallas a cadea de xurisdición; pero opúxose o procurador xeral dos veciños, argumentando que resultaba prexudicial para os veciños debido ó seu estado de localización e entón establécese en Santa Cataliña de Armada. Os procuradores xerais do común eran escollidos en Xallas o día primeiro de xaneiro de cada ano polos veciños reunidos “no lugar de Santa Cataliña, segundo uso e costume… para o efecto de nomear procurador xeral”. Non consta documentalmente que o conxunto da veciñanza se reunise despois do século XV, porén o contorno da capela de Santa Cataliña semellaba albergar os recordos daquelas xuntanzas de concello aberto a tódolos veciños que opinaban e, en certo modo, tomaban decisións colectivas. O Arcebispo, polo menos desde a segunda metade do século XVI, tiña fixado o seu “asento e audiencia no lugar de Santa Cataliña de Armada e concede a quen quere e de onde sexa la vara de xuíz e justicia ordinaria da xurisdicción”

SANTA COMBA E SANTA CATALIÑA ALTERNAN COMO CAPITAL MUNICIPAL.
O centro neurálxico, económico e social da vila é Santa Comba e o seu centro urbano, pero a súa capital municipal é o lugar de Santa Cataliña, que na actualidade e debido ó progreso urbanístico forma un só núcleo de poboación con Santa Comba. Desde a creación do concello fálase de Santa Comba como capital municipal, e non de Santa Cataliña porque levaba o nome do municipio e en tódolos cómputos que se viñan facendo Santa Comba duplicaba ou triplicaba en poboación ás outras parroquias, aínda que no arquivo municipal non se conserva documentación sobre as razóns que imperaban na implatanción da capitalidade nun sitio ou noutro. Sen deixar de seguir o concello baixo o nome de Santa Comba, en certos momentos, a sede municipal asentouse en Santa Cataliña de Armada, como na actualidade, sen que por iso se cambiase nunca o nome do concello. Parece que a primeira capital foi Santa Comba.

É en Santa Cataliña de Armada onde está situada a Casa Consistorial desde polo menos o século XVI, cando se estableceu a cadea pública. Aínda que todo semella indicar que sen un local propio e adecuado para esta función, senón que nalgún compartimento do edificio onde xa estaba establecida a cadea de xurisdición, que facía as funcións de sede consistorial e onde se encerraban e custodiaban os presos. Nos expedientes oficiais de 1614 dise: “no lugar de Santa Cataliña de Armada e casa de Audiencia e cárcere público desta xurisdicción de Xallas”, neste ano había unha lista de residenciados formada por tres xuíces, sete tenentes de xuíz e quince rexedores, o máis coñecido era Gregorio de Antelo, co alcume de Barbadourada. En 1720 advírtese que “o cárcere que hai nesta xurisdicción está no lugar de Santa Cataliña e serve de tal unha casa que nel ten Don Andrés Rodríguez de Leis”, que levaba en arrendo Nicolás Rodríguez Vila, daquela “Alcaide-carcereiro da xurisdicción”. A Casa do Cubelo da que é actual propietaria Dolores Arosa Mejuto, pertenceu ata finais do século pasado á familia Salgado, donos da maioría das propiedades do Cubelo. Foi sede provisional da Casa Consistorial entre os anos 1871 e 1873. Nas actas do pleno municipal do ano 1889, atopamos a información de que nela está situada a escola de nenas, así como a sede do Arquivo do Xulgado municipal. Posteriormente, no ano 1896, cederase para Casa Cuartel. Un dos membros da familia actualmentemente propietaria, D. Juan Arosa Nieto, foi Alcalde de Santa Comba desde 1916 ata 1920. Na madrugada do 8 ó 9 de maio de 1873 na Casa do Secretario (sede do arquivo municipal) houbo un incendio no que resultaron queimados tódolos e documentación existente ata ese momento, entre eles , a contabilidade do concello. Nas actas municipais da sesión ordinaria do 11 de novembro de 1875 tamén figura o arrendamento da casa número 24 do lugar de Santa Comba para o traslado da Casa Consistorial, xa que a anterior estaba situada nunha esquina do distrito, atopábase nun estado de completa ruína e gañábase con este traslado, non só en calidade, senón tamén polos beneficios que supuña o traslado á capital do termo. Porén foi preciso abrir unha subscrición popular para asumir os riscos que supuña, por non dispoñer o concello dos fondos precisos debido a precaria situación económica, que, segundo o Alcalde Pedro Manuel Ayer Rodríguez, era debido a unha débeda co Tesouro Público de 3.605,80 ptas ó tempo que culpaba á anterior corporación presidida por Francisco Taboada da corrupción fiscal que se desenvolvera no concello. Ó mesmo tempo tratábase de amañar a Casa Consistorial, pero nunha época de caciquismo, corrupción e fraude como tónica habitual acusouse ó Secretario do Concello, por aquel tempo, no ano 1877, Juan Aller, de substraer madeiras que se atopan nas dependencias do baixo da Casa Consistorial destinadas ás obras de reparación desta.

A ORIXE DO CONDADO DE TRASTÁMARA.
O condado de Trastámara, que xunto co de Lemos e o de Andrade, foron os máis importantes títulos hereditarios de Galicia, ten a súa orixe nas Terras de Xallas, de aí recibiu o nome de Trastámara, é dicir, máis alá do Tambre (tras o Tambre).

OS MISERABLES XALLEIROS.
Antigamente “os xalleiros ou xalleiráns” que utilizaban como medio de transporte o cabalo, tiñan unha indumentaria de aspecto desleixado e de abandono (propia da pobreza da zona) composta por grosos pantalóns, abrigos de liño e polainas de palla, que quedou plasmado na frase “vistes como un xalleiro”. “Xalleiro ou xalleirán” tamén servía para denominar a determinadas pezas de alfararía. Arredor do ano 1800, a miseria era o que motivaba a emigración, xa que a maioría da xente compartía vivienda cos animais e en 1844 era comparada a súa situación coa dos labregos rusos.

AS MINAS DE VARILONGO. ENCLAVE ESTRATÉXICO NA 2ª GUERRA MUNDIAL
Nun momento de máxima miseria na historia da vila descóbrense as minas de Varilongo. D. Celestino Lema Castro, párroco de Padreiro nos anos 30 e 40, describía os fegreses no “Libro de Contas” da seguinte forma: “A  maior parte dos fegreses estaban debendo diñeiro en Santa Comba, as casas eran todas case como choupanas, a xente vivía miseramente, comían mal, as camas como cortellos, en vez de colchón o xergón, tiñan unha pouca palla e xestas, sen sabas, ó sumo unha por abaixo, de liño áspero, que facían por aquí nos teares de aldeas; vestían pobremente, etc”. Pero en 1914 produciuse un achado que cambiaría a vida dos xalleiros. Un depósito de volframio de oito km de longo e un de ancho é descuberto en Varilongo a oito Km da capital municipal. Unha pedra deste mineral que cabía nun puño podía representar para o seu dono meses de traballo na terra ou coidando o gando. Nun tempo no que quilo de volframio custaba 200 ptas e o xornal dun obreiro era de 19 ptas, o que veu determinar que desde ese intre se coñecese o novo mineral como ouro negro. A xente dedicouse masivamente á mina onde chegaron a traballar preto de 4.000 persoas procedentes de toda España, tanto oficialmente coma de contrabando, coñecido como “a roubeta”. A lenda di que había tantos cartos que os cigarros se acendían con billetes de mil pesetas. Nun principio, o mineral era explotado e vendido libremente pola xente. En 1943, o cura de Cances e os de Abelenda de Carballo denunciaron a situación á Xefatura de Minas. José Parga Moure mercou a explotación pero non foi quen de controlar a situación e asociouse co grupo Fierros de Madrid que pasou a dirixir a mina co 51% do capital. Coa chegada da Segunda Guerra Mundial, Santa Comba converteuse en enclave estratéxico, xa que Alemaña necesitaba o mineral para endurecer o aceiro dos carros de combate, que en momentos de loita armada prefería atopalo en Europa e non ir a lugares como China ou Birmania. Entón Hitler pídelle permiso a Franco para explotar a mina cobrando así parte da axuda prestada durante a Guerra Civil. A partir de entón, das minas de Varilongo saía o volframio necesario para a construción da artillaría pesada do exército nazi e as Panzers, divisións do Terceiro Reich Alemán, material que se lle vendía oficialmente o exército de Hitler, e de forma non oficial ós ingleses, que non o necesitaban pero que o mercaban dentro da estratexia militar de deixar sen existencias ós alemáns. Unha vez rematada a guerra, baixou a demanda e estabilizouse a situación coas vendas de volframio que necesitaban os americanos para a guerra de Corea (1950-1953). Nos anos 50, vaise profesionalizando a situación, diminúen os accidentes e o nivel de vida comeza a mellorar, pero coa fin da guerra en Corea e co regulaamento dos grandes produtores comeza a definitiva decandencia da minaría do volframio. Péchase así unha etapa da historia de Galicia na que o nome de Santa Comba era coñecido nas chancelarías de toda Europa. A maior produción da mina concéntrase entre o ano 48 e ata o 63. Entre o 67 e 81 redúcese o número de traballadores de 1.700 a 115 e a sociedade pasou a chamarse Grupo Minero de Santa Comba. Na transición do ano 73 ó 74 o Grupo Fierros mercou a Parga a súa parte por 18 millóns de ptas e pasou a explotala ata o ano 1980. No 1981 foi vendida ó Banco Nacional de París, e posteriormente Coparex Minera trabállouna ata o seu peche definitivo en 1985, cando contaba con 290 operarios. Despois de estar pechada, en 1988, volve ser mercada, neste caso por Miguel Jiménez Barbero, que pagou por ela 26 millóns de ptas, e comezou a súa explotación como canteira. Pouco tempo despois, en 1991, Eliseo Mourelle mercou a concesión coa intención de explotala tamén como canteira co nome de Canteira da Mina. A comezos do 2000, o Concello de Santa Comba compra a Miguel Jiménez Barbero o edificio principal e os terreos anexos para restaurala e instalar alí servizos municipais. A restauranción aínda se está a desenvolver na actualidade a través de Obradoiros de Emprego subvencionados pola Xunta de Galicia. Outra parte das instalacións están sendo explotadas por empresas privadas do sector de areas, pedras e gravas.

GRAN CENTRO MINEIRO.
Santa Comba está considerado como o centro mineiro da antigüidade de maior importancia e trascendencia no comercio mediterráneo e atlántico. Aínda que a máis coñecida e popular é a mina de Varilongo, nos anos 40 e 50 trabállaronse neste municipio máis de dez minas que ninguén se preocupou de estudar desde unha perspectiva histórica, xa que non existian como tales e só se explotaban con permiso de investigación (calicateo) evitando impostos, deslindes, declaracións oficiais e aumentando o contrabando e os ingresos. Aínda hoxe en día as informacións sobre estas son moi limitadas pero lémbranse, entre outras as de estaño, casiterita, titanio, rutilio e outros minerais, sobre todo, no río Abuín, ó lado do castro de Freixeiro, Portomedal, Vilamaior, A Pereira, Rieiro-Arantón, Bazar e a de Ventosa, a de maior importancia pola súa rendabilidade.

CHEGADA DO TELÉFONO.
En febreiro de 1952, a alcaldía dá conformidade a unha moción para a instalación do teléfono.

SANTUARIO DE RUBÍN.
No Santuario de Rubín (lugar do mesmo nome), capela gótica do século XVI, existe unha fonte onde bañan ós nenos enfermos, polas súas supostas propiedades salutíferas. Despois de bañalos na pía da fonte abandónanse as súas roupas molladas arredor dela.  Moitos nenos son somerxidos nas augas case xeadas e outros levan a auga para as súas casas, pero o caso é que se fala dalgunhas curacións milagreiras. A imaxe de San Miguel, que se conserva no interior da capela, é chamada retranqueiramente “O demo de Rubín”, supostamente referido á chocante figura que pisotea ó arcanxo.

EXISTIAMOS 4000 ANOS ANTES DE CRISTO.
O mapa de túmulos megalíticos catalogados son indicadores da presenza de asentamentos humanos, máis ou menos estables, desde aproximadamente o ano 4000 antes de Cristo

O PARTIDO XUDICIAL.
Santa Comba foi incluída no partido xudicial de Negreira o 20 de Xuño de 1836, segundo o Boletín Oficial da Provincia (BOP). Aínda a día de hoxe o partido xudicial nº 11 está localizado no municipio de Negreira integrado por Santa Comba, Ames, Brión, A Baña e Negreira, e dáse a circunstancia que máis do 80% dos casos que se ven no devandito xulgado pertencen ás xentes da nosa vila.

FEIRAS CON HISTORIA.
As súas orixes datan de principios do século XIX e os feirantes de Xallas, en realidade, son os grandes protagonistas do comercio de subsistencia de Galicia. Chegou a haber feiras en varios lugares do municipio. En 1868 creouse unha feira mensual nas Travesas, parroquia de San Xiao de Santa Sabiña. Tamén temos documentada a existencia, no ano 1869, de dúas feiras anuais, cada 21 de setembro e 18 de outubro de derivados da madeira e pezas para carros, no lugar de Vilaboa, en Santo Andrés da Pereira “no campo de Vilaboa, onde se celebran anualmente as feiras tituladas de San Lucas e San Cosme”. Na actualidade as feiras periódicas e de grande importancia celébranse no centro urbano municipal con todo tipo de produtos. As súas datas actuais (sábado anterior ó primeiro domigo de cada mes e luns seguinte ó segundo e terceiro domingo de cada mes) teñen a súa orixe nas presións que as autoridades locais fixeron en 1813 en base ós seguintes argumentos “por estar Santa Comba no centro dunhas 18 parroquias que distan dela máis de legua e media e que non teñen a igual inmediación senón unha, chamada da carballeira, que se celebra nun dos extremos”. Este razoamento levounos a ampliar a dúas as ferias que demandaban suxerindo unha para Santa Comba en base ó seguinte: “lunes siguientes a la tercera dominica de cada mes, al poder acudir a ella los traficantes de Santiago, de regreso de la celebrada en Bayo” e outra para Ser en base ao seguinte: “los lunes siguientes a los primeros domingos, aprovechando el regreso de la de Baiñas”. A estrutura actual da feira ten a súa base no ano 1936, nun tempo no que as feiras de Santa Comba estaban máis evolucionadas que ás doutros concellos, xa que nos arredores eran, sobre todo, gandeiras, cando en Santa Comba, á parte das    transaccións gandeiras, xa se comerciaba con produtos da horta, queixo, manteiga, ovos, produtos curados e elaborados na casa como chourizo, mel e touciño e produtos artesáns coma os zocos, cestos, coitelos, artigos de coiro, ferro e cobre e, mesmo, roupa. O pleno do concello do 17 de maio de 1939 aproba a ordenanza sobre matadoiros, mercados e policía sanitaria, destinada a previr enfermidades animais, e con ela instaurase unha feira de gando e froitos do país reordenada e rexida xa por un regulamento. Nos anos 70 e 80 celebrouse unha recoñecida feira de carros, xa desaparecida, coa implantación masiva de tractores e maquinaria no medio agrario.

FONTE DE VILAMAIOR.
Á fonte da Virxe de Vilamaior, no lugar e parroquia do mesmo nome, acoden miles de romeiros a lavar as verrugas ou a curarse dos males da pel. Existe a hipótese de que se trata dunha devoción propagada polos monxes de San Martiño Pinario, cristianizando o culto ás aguas. Hai que cumprir o ritual de mollar o pano na fonte e despois lavar a verruga con el e deixalo logo na fonte. É costume dar unha volta á igrexa, por parte do propio interesado e non ser substituído por outra persoa. O templo foi ampliado hai 40 anos desmontando a fachada de estilo barroco e montándoa de novo diante da nave xa ampliada.

CRUCES E CRUCEIROS.
Santa Comba é terra de cruces e cruceiros, hainos en todas as parroquias a excepción da de Santa María de Esternande, que aínda que contaba con el desapareceu recentemente cando se fixo o cemiterio. Este municipio ten ventiseis cruceiros, dous deles feitos de formigón, seis de granito máis formigón, un de granito e ferro e o resto de granito. Trinta cruces, todas feitas en granito (para as que están deterioradas e reparándose utilízase a pedra) a excepción dunha en Combarro que é de ferro. Só hai un peto de ánimas na parroquia de Castriz.

PATRIMONIO DESAPARECIDO.
Como resultado das transformacións de vellos camiños, ampliacións de estradas, espolios, etc hai unha gran cantidade de patrimonio desaparecido, hoxe irrecuperable. A excepción dun cruceiro que existía no camiño real de Estévez-Castriz, cuxa cruz permanece gardada grazas ao coidado dun veciño que pretende rehabilitar e restituír.

CÉLTIGOS, XALLAS E SAN PEDRO.
No século XII cando Xallas non é unha realidade e Céltigos é a única referencia posible, crese que San Cristovo de Mallón podía ser recoñecida como San Cristovo de Céltigos, xa que é a única igrexa consagrada a este patrón. Tras a morte do rei Alfonso IX en 1230 estas terras pasaron a denominarse couto do Xallas, como alfoz dunha vila reconvertida á xurisdición señorial rural. Cara a 1373, Céltigos xa perdera terreo e desaparece cando a denominación de Santa Comba de Céltigos se converte en “San Pedro de Santa Comba do couto de Jallas”. Ata o ano 1920 a aldea máis poblada do municipio era Vilar de Céltigos que aínda existe na actualidade coa mesma denominación. Céltigos tamén lle dá nome ao arciprestado. Foi capital de arciprestado e unha das aldeas máis grandes da provincia da Coruña.

MÁIS FAME CUN MESTRE DE ESCOLA E AS ESCOLAS DE “FERRADO”.
No ano 1845 en Santa Comba non existía ningunha escola pública e só había cinco escolas privadas (Santa Comba, Cícere, Alón, Arantón e outra máis sen poder concretar o lugar) e indotadas. Onde os pais tiñan que pagarlles aos mestres polo seu labor. Estas escolas privadas coñecíanse como de “ferrado”, xa que o estipendio do mestre pagábase cun ferrado ou máis de trigo, millo ou centeo, entre outros cereais e soamente funcionaban nos meses de inverno, cando había menos traballo e os nenos dispuñan de tempo para aprender uns básicos, moi básicos, coñecementos de lectura, escritura e cálculo. O grao de escolarización era practicamente nulo, só 94 alumnos asistían ás clases, case todos nenos. No ano 1847 créase en Santa Comba unha escola pública de primeiras letras obrigando o concello a facilitar “casa o habitación suficiente para el maestro e su familia, local para la escola, menaje e los útiles necesarios para la enseñanza, papel, plumas e libros para los niños absolutamente pobres” pero catro anos despois, en 1851, segue sen estar provista en propiedade e requírese aos aspirantes “un atestado del alcalde e cura párroco de su domicilio que garantice su buena conducta moral”. A praza estaba dotada con 1.852 reais anuais nunha primeira convocatoria e posteriormente en 1.851 con 2000 reais anuais. No ano 1857 coa gran reforma do ensino a cargo do ministro Moyano a escola pasará a ser obrigatoria desde os 6 aos 9 anos. Santa Comba contará cunha escola completa de nenos, dotada de 2.500 reais anuais, e unha incompleta de nenas, con 1.100 reais anuais. As ensinanzas eran de catecismo, escritura e rudimentos matemáticos nas incompletas, nas completas as mesmas, máis nocións de xeografía, debuxo, historia ou xeometría. Pero, con todo, a relixión era a materia máis importante. Os mestres non estaban dignificados e os concellos non cumprían as condicións esixidas pola lei, nin sequera no pagamento, de feito, o mestre de Santa Comba, Andrés Casal Carril, denunciou ao concello ante o Goberno da Provincia por impagamentos de 1.250 reais que se lle debían desde o terceiro trimestre de 1868-1869 ata o segundo de 1870-1971. O Goberno da Provincia, en outubro de 1873, mostraba a realidade da situación: “desastroso e lamentable estado en que se encuentra esta provincia con el censurable abandono de los maestros por parte de los Alcaldes e Ayuntamientos, sin pagarles sus asignaciones e material de escolas que tenían e debian tener un capítulo seguro, cierto e determinado en el presupuesto municipal”. Pero o sistema estaba corrompido, non só polo propio sistema senón tamén a partir das actitudes de moitos dos