Sesión plenaria ordinaria

 

Día: Mércores 28 de novembro do 2007
Hora: 20:30 horas
Lugar: Auditorio do Edificio Multiusos

Orde do día:

  1. Aprobación acta da sesión anterior nº 9/07 do 26/09/2007.
  2. Toma coñecemento resolucións de alcaldía.
  3. Aprobación inicial da modificación puntual nº 17 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (Campo de Fútbol de Estevez-Castriz).
  4. Modificación da ordenanza reguladora de venda ambulante.
  5. Proposta de alcaldía de aprobación do Plan de Cooperación de Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS2008).
  6. Mocións.
  7. Rogos e preguntas

 

Lugar de celebración do Pleno:

Ata o de agora, a pesar do espazo reducido, do insuficiente dos baños, de que a xente tivese que estar, xa non de pé nas escaleiras, senón na rúa, case sen decatarse do que se dicía, podíase admitir -grazas á benevolencia do bo tempo- que os plenos se celebrasen no salón de plenos municipal.

Pero en pleno inverno, sen calefación, con chuvia e nunhas dependencias masificadas, considérase correcto e adecuado, por comodidade, seguridade e servizos ós veciños, traslada-las sesións ó auditorio do edificio multiusos mentres duren as obras e os plenos sigan espertando o interese que teñen ata o de agora.

No que respecta ó sistema de calefacción, estanse realizando obras de acondicionamento do mesmo e de legalización da caldeira, que estaba situada dentro do almacén de papelaría, o que provocou máis dun conato de incendio. Desde hai varios días a Casa do Concello e as dependencias do Xulgado non contan con este servizo. Así mesmo hai varios días renováronse as luminarias do salón de plenos e procederase ó pintado do teito, unha vez se verifique o bo funcionamento das mesmas.

Mocións:

Presentáronse dúas por parte do Grupo Popular. Unha refírese o desastre ecolóxico no Río Xallas na que se insta ó equipo de goberno para que realice as xestións necesarias co fin de que “se diriman responsabilidades polos feitos acaecidos, se proceda a rexenera-lo ecosistema do río Xallas ó seu paso por Santa Comba e se proceda á realización dun paseo fluvial no noso concello”.

A segunda é referida á situación actual da oficina da Seguridade Social localizada na Casa da Cultura que segundo a moción “vimos con desagrado como ultimamente o devandito servizo non se está prestando…descoñecendo o motivo da situación de irregularidade descrita” polo que propón “instar ó Instituto Nacional da Seguridade Social, ou ó organismo que corresponda, a que, no exercicio das súas funcións e das súas competencias restableza o servizo que viña prestando na nosa Casa da Cultura coa maior rapidez posible. Así mesmo, solicita ó grupo de goberno que realice tódalas xestións necesarias para ampliar dito servizo”.

Respecto ás mocións presentadas envíase copia literal das notas “penduradas” na páxina web oficial do Concello de Santa Comba www.santacomba.es con datas 19.07.07 e 08.11.07.

 

A REDE NATURA AMPLIARASE Ó CAUCE DO RÍO XALLAS

19.07.07. Consellería de Medio Ambiente. A Rede Natura de protección de lugares de interese paisaxístico, situados na súa maioría no bordo do litoral, afectará de maneira notable ó noso municipio.

Segundo datos da Consellería de Medio Ambiente, que é o departamento encargado do impulso desta ampliación, que incluirá os LIC (Lugares de Interese Comunitario) e as zonas de especial protección de Aves, ademais de parques naturais, levarase a cabo durante finais do ano 2007 e 2008.

Nesta ampliación de Medio Ambiente créase un novo LIC na zona da Lagoa de Alcaián, ou Braña Rubia , situada na súa maior parte no municipio de Coristanco e no lugar do nacemento do río Xallas, hoxe en día con moita menos auga ca noutros tempos, pero que será un novo lugar de interese comunitario cunha superficie de 224 hectáreas. No cauce do río Xallas, haberá outro máis, nas brañas do Xallas, entre Mazaricos e Santa Comba, con 1.562 hectáreas de extensión.

Aínda que a Consellería escoitará as propostas do concello, a mera inclusión no listado xa lles outorga a eses lugares unha protección efectiva, no sentido de que a administración autonómica velará para que non se leven a cabo determinadas actuacións que puidesen afectarlle.

Unha vez que se aprobe definitivamente por parte de Ministerio de Medio Ambiente, e a Comisión Europea emita o ditame a través da Axencia Europea do Medio Ambiente, haberá un prazo de seis anos para crear elementos precisos de xestión e protección.

 

A FOLGA DOS TRABALLADORES DA SEGURIDADE SOCIAL MANTÉN PECHADA DESDE HAI TRES SEMANAS A OFICINA DE SANTA COMBA

08.11.07 Os traballadores dos Centros de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) levan tres semanas de folga sen que polo momento acadasen ningún acordo co Ministerio de Traballo.

O problema na bisbarra afecta a unha decena de traballadores dos centros de Carballo e Corcubión e á oficina que abre en Santa Comba tódolos luns. Polo momento, manteñen os servizos mínimos, pero ó levarse a cabo os paros de luns a mércores desde o pasado 15 de outubro, a oficina de Santa Comba está permanentemente pechada.

O persoal está en desacordo cos labores que lles toca desempeñar e coa retribución, tanto económica coma profesional que reciben por iso, tendo grandes impedimentos de mobilidade e ascenso laboral, segundo os propios traballadores.

A folga, que afecta a 437 centros de todo o Estado, está sendo secundada practicamente na metade das localidades do noso país, polo que previsiblemente os efectos van ser percibidos polos cidadáns de forma crecente nos vindeiros días, xa que cada vez hai máis problemas para atendelos a causa do atraso acumulado en xestións de vital importancia como pensións, baixas médicas e todo tipo de prestacións que teñen que ver coa cobertura social dos demandantes.

 

 

DENOMINACIÓN OBRA

ORZAMENTO

1

Pavimentacións en Cubelo-Combarro, Busto e As Travesas

59.861,53 €

2

Pavimentación en Vilar

59.215.71 €

3

Pavimentacións en Freixeiro, Illa, Bustelo, Montouto, San Cristovo e Frieiro

58.215,57 €

4

Apertura de camiños en Outeiro (Castriz) – Vilartide (San Salvador)

59.785,12 €

5

Apertura e pavimentacións vías públicas en Padreiro-Vilardante

59.824,47 €

6

Pavimentacións en Outeiro (Castriz)

59.859,39 €

7

Pavimentacións en Vilartide (San Salvador)

59.600,43 €

8

Pavimentacións rúas Cooperativa, Concepción Arenal e beirarrúas en Ventosa

34.000,43 €

 

Total…………

450.362,55 €

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *