981880075
Seleccionar página
O ALCALDE ASISTE Á XUNTANZA DA CONSELLEIRA MARÍA JOSÉ CARIDE COS ALCALDES DA COSTA DA MORTE

07.11.07 O Alcalde do Concello de Santa Comba D. José Antonio Ucha Velo asistiu, na mañá de onte, en Carballo, a unha xuntanza da Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Dna. María José Caride Estévez, cos alcaldes da Costa da Morte para informalos dos diversos proxectos para a zona que está a impulsar a CPTOPT. A conselleira convocara a 15 alcaldes dos que asistiron todos agás excepto os de Corcubión e Coristanco; este último desculpou a súa ausencia por compromisos adquiridos con anteriorirade e enviou como representante do concello á tenente de alcalde.

O obxectivo principal deste acto era informar ós rexedores sobre os investimentos do seu departamento en infraestruturas viarias. Neste senso, a conselleira confirmoulles ós rexedores que a Vía de Alta Capacidade da Costa da Morte será autovía desde o primeiro momento no treito entre Carballo e Baio, xa que tódalas empresas que se presentaron ó concurso inclúen esta característica nas súas ofertas.

A Mesa de Contratación da VAC da Costa da Morte abriu o martes pasado as plicas do concurso para a construción e explotación desta infraestrutura, á que optan un total de nove agrupacións de empresas. Tal como xa prevía a CPTOPT, o volume de tráfico da zona xustifica a necesidade de construción dunha autovía desde o primeiro momento ata a localidade de Baio, e así se reflicte en tódalas ofertas presentadas.

Ademais, mantense o compromiso de que o corredor, no treito entre Baio e Berdoias, se desdobre en autovía no momento en que o volume de tráfico así o requira ou, en calquera caso, no horizonte temporal de 2018, tal como se especifica no prego de condicións.

A reunión, á que tamén asistiron o delegado provincial, Alberto González Fernández e a deputada Marisol Soneira, tivo como escenario o Pazo da Cultura de Carballo, nunha sala privada a porta pechada, de onde transcendeu que varios alcaldes, incluído o de Santa Comba, aproveitaron o encontro para interesarse novamente polas comunicacións con Santiago.

A conselleira avanzou o que xa lle transmitira persoalmente a José Antonio Ucha na entrevista mantida en San Caetano semanas antes. Que á marxe da titularidade da vía, na que o traspaso da estrada a Xunta de Galicia, tanto no treito de Santa Comba a Portomouro, coma no de Carballo a Santiago (ás dúas estradas crúzanse) é unha antiga aspiración da Deputación Provincial, a súa propietaria, e que as Administracions autonómica e provincial están traballando conxuntamente para determinar cales son as características que deben ter as indicadas arterias.

Na xuntanza, Ucha tamén se interesou especialmente polo proxecto da VAC de Alta Capacidade na zona de Coristanco, xa que tanto el coma o seu homólogo coristanqués están traballando conxuntamente para que a estrada propiedade da Deputación Provincial que comunica o concello bergantiñán co xalleiro se arranxe totalmente e enlace con esta VAC.

Tamén se soubo que os alcaldes non desaproveitaron a aportunidade para suxerir outras demandas que se deben afrontar de forma urxente, como os actuais problemas de saturación que arrastran as vías nos accesos A Coruña e Santiago, a peaxe na autoestrada AG-55, a conexión co porto exterior de Punta Langosteira, ou o polémico semáforo no casco urbano de Coristanco.

Na rolda de prensa posterior María José Caride salientou que a Consellería de Política Territorial está a facer “unha aposta pola mellora da accesibilidade da Costa da Morte que engloba un conxunto de actuacións que suman máis de 340 millóns de euros, o investimento máis importante que fai a Xunta de Galicia para a mellora da accesibilidade a unha zona da súa xeografía”. O obxectivo, asegurou, “é mellora-la calidade de vida dos cidadans do occidente galego”.

OS XALLEIROS AFECCIONADOS Ó MOTOR ARROUPARON ÓS CAMPIÓNS DE MOTOCICLISMO E FÓRMULA 1 NO CAMPIONATO DO MUNDO

07.11.07 Os afeccionados xalleiros ó mundo do motor non quixeron deixar sós ós nosos pilotos que desputan os campionatos mundiais de Fórmula 1 e de motoclismo.

A mediados de marzo a Escudería Esa Motor organizou por terceiro ano consecutivo unha viaxe ó circuíto de Montmeló, en Barcelona, para presencia-lo Gran Premio de España de Fórmula 1. Pola súa parte, os amantes das dúas rodas non quixeron ser menos cós de catro e organizaron unha caravana moteira para acudir ó Gran Premio de España de Motociclismo que se desputou a pasada fin de semana en Cheste-Valencia.

Ata alí en baixo, a organización da peña moteira “Terra do Xallas Sempre a máis”, que xa organizaran no verán unha concentracción moto-turística en Santa Comba, desprazáronse coas súas flamantes monturas unhs vinte moteiros que gozaron cos éxitos dos pilotos españois, sobre todo con Jorge Lorenzo, campión do mundo en 250 cc, e Dani Pedrosa, subcampión do mundo en Moto GP.

Este feito non deixou indiferente ó Concello de Santa Comba que a través do seu departamento de deportes organizará o vindeiro ano, en colaboración coa Escudería Esa Motor, senllas viaxes ós dous grandes premios de Fórmula 1 que se desputarán en España. O Gran Premio de España no circuíto de Montmeló en Barcelona o 27 de abril (cuarta proba do mundial), e o Gran Premio de Europa no circuito urbáano de Valencia, o 24 de agosto (duodécima proba do mundial).

As actividades conxuntas coa peña moteira “Terra do Xallas Sempre a maís”, están pendentes das xuntanzas pertinentes entre ambas partes.

A POLICÍA LOCAL XALLEIRA COLABORARÁ COA DIRECCIÓN XERAL DE TRÁFICO NA CAMPAÑA NACIONAL DE CONTROL DO USO DO MÓBIL

07.11.07 O Concello de Santa Comba por medio da súa Policía Local adheriuse á Campaña Especial de Control do uso do teléfono móbil que se porá en marcha, xunto coa Dirección Xeral de Tráfico, en todo o país desde o 12 ó 25 de novembro de 2007.

As distraccións constitúen unha das principais causas xenéricas dos accidentes e entre elas, adquire especial relevancia o uso indebido do teléfono móbil durante a condución.

Co fin de reduci-la accidentalidade por esta causa, a Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña impartiu instrucións á Agrupación de Tráfico da Garda Civil, e ás Policias Locais interesadas en adherirse á campaña, para que procedan ó control de 100.000 vehículos en todo o territorio nacional, tanto en cidades coma en estradas interurbanas, onde é frecuente observar a condutores que fan uso do teléfono aumentando o risco de accidente.

Coa participación da Policía Local Xalleira nesta campaña, a Dirección Xeral de Tráfico ademais de contribuir a diminuí-lo uso do teléfono móbil durante a condución, pretenden ter unha idea máis exacta sobre as estatísticas e porcentaxes da mesma, polo que se emitirá un exhaustivo informe que conterá datos sobre os vehículos controlados, os detidos, as denuncias por uso do móbil ou por outras infraccións que provoquen a distracción na condución e mesmo os condutores que utilizan dispositivos “mans libres”.

Tanto no eido nacional coma local, haberá unha campaña informativa de concienciación paralela ós controis, mediante a cal o concello subministrará ós medios de comunicación locais o material divulgativo necesario e os informes finais dos resultados da mesma.

As actuacións están previstas dentro do Plan Estratéxico de Seguridade Vial para o perídodo 2005-2008 informados polo Consello Superior de Seguridade Vial, e as medidas de control de tráfico posta en marcha polo novo goberno municipal en colaboración con tráfico, que incluirá controis periódicos de alcolemia e velocidade por radar en zona urbana.

CHARLA INFORMATIVA SOBRE O NOVO DOCUMENTO DE ENVÍO DE ANIMAIS Ó MATADOIRO

08.11.07 A recente publicación da orde PRE/2893/2007 supuxo a desaparición do requisito establecido no RD 3454/2007 que obrigaba a que os animais das especies vacúa, ovina e cabrúa que se trasladen ós matadoiros para o seu sacrificio, fosen acompañados dunha autorización sanitaria (certificado veterinario). Este requisito foi substituído pola obriga de que os propios gandeiros cumprimenten unha autodeclaración sobre o estado dos seus animais e determinados datos da súa explotación.

Tendo en conta que a cumprimentación desta declaración non está exenta da dificultades para a maioría dos gandeiros e tratantes, o Concello de Santa Comba xunto coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e a empresa Tragsega, organizaron esta charla destinada a facilitarlles ós gandeiros a cumprimentación da citada autodeclaración.

A devandita charla será impartida o vindeiro venres 9 de novembro, ás 12:30 da mañá no salón de actos do Edificio Multiusos.

O CONCELLO E A A.N.P.A DO COLEXIO BARRIÉ DE LA MAZA ORGANIZAN A FESTA DO SAMAÍN

08.11.07 O vindeiro domingo 11 de novembro a partir das 16 horas, os demos, os espíritos e os bruxos farán acto de presenza en Santa Comba na Festa do Samaín, organizada conxuntamente pola Concellaría de Cultura do Concello de Santa Comba e a Asociación de nais e pais de alumnos (ANPA) do Colexio Barrié de la Maza.

Baixo o lema “Ímolo pasar de medo” os rapaces poderán gozar cos bruxos, de xogos, bailes e obradoiros de maquillaxe e globoflexia que rematarán cun pasarrúas pola vila de tódolos participantes caracterizados e as súas cabazas iluminadas con candeas.

O concello pretende con esta iniciativa sumarse á recuperación de tradicións do pobo galego que se foron perdendo nos últimos anos.

¿Qué é o Samaín?
O Samain (Samhain en gaélico) é unha festividade de orixe celta, a máis importante do período precristián que celebra o principio do novo ano, que comeza coa estación escura, e que existe desde hai 3000 anos nos pobos celtas de Europa, Galicia, algunhas zonas de Asturias, en Irlanda e en distintas zonas de Gran Bretaña.

A festividade descríbese como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que nesta data, tiñan autorización para camiñar entre os vivos, dándoselle á xente a oportunidade de reunirse cos seus antepasados mortos. Polo Samaín era costume baleirar nabos (posteriormente cabazas) para poñerlles dentro candeas acesas. Varios séculos despois, esta tradición (que se manten aínda en Galicia) ten continuidade nas festas de Halloween, que poderían ser una exportación dos irlandeses a Estados Unidos no século XIX e principios do XX. Así, o Samaín debemos considerala como unha celebración pagá e ancestral, ó contrario que Halloween, que sería unha celebración importada e modificada en Norteamérica para converterse nunha celebración urbana.

Rafael López Loureiro mestre de escola de Cedeira (A Coruña) foi o responsable de redescubrir esta tradición do Samaín e comprobar que existía por toda Galicia ata hai menos de trinta anos. Ademais tamén comprobou a súa pervivencia no norte de Cáceres, arredor da zona na que están situadas as aldeas de fala galega, e en zonas de Zamora e Madrid. Este estudoso analizou a relación do costume das cabazas co culto á morte e a semellanza coas tradicions irmáns das illas británicas, e chegou a detectar peculiaridades como a de Quiroga (Lugo), onde a cabaza tallada sécase y consérvase para usala como máscara no Entroido.

A relación de López Loureiro coa educación levouno a divulgar a tradición das cabazas e a súa relación co Samaín polos colexios, o que está provocando que cada vez haxa máis lugares nos que se celebra esta festa sen pasar pola influencia de Estados Unidos e o seu Halloween. De feito foi o propio Rafael López o promotor, hai trece anos, do Samaín que aínda hoxe se celebra en Cedeira e que conta con exposicións e premios á calabaza mellor esculpida, unha “procesión de ánimas”, na que os mozos da villa desfilan polas rúas disfrazados e portando luces coma se fosen a Santa Compaña; hai unha merenda, actúan grupos de animación e unha caldeirada cultural. A festa péchase co “De aquí nun ano”, un pregón que se le ó final do evento.
O seu traballo sobre esta tradición está recollido no libro “Caliveras de melón” (caveirass de melón), e outra de posterior aparición, que empezou aínda agora a chama-la atención dos antropólogos.

O CONCELLO RECOMPILARÁ A HISTORIA XALLEIRA A TRAVÉS DE FOTOGRAFÍAS

08.11.07 Hai unhas semanas o Concello de Santa Comba comezou un árduo traballo, que se prolongará varios meses, para a recompilación de fotografías a través das cales se pretende reconstruí-la historia do municipio ó longo dos anos. Unha parte deste proxecto xa está a disposición dos veciños a través da web oficial municipal www.santacomba.es, onde se poden verr un total 78 fotografías que transmiten a vida, cultura e deporte xalleiro na antigüidade e a transformación urbanística do municipio.

O goberno municipal pretende recompila-lo maior número de fotos posibles, colocalas na Internet, organizar unha exposición e posteriormente editar un libro con todas elas.

Para isto é necesaria e imprescindible a colaboración do todo o vecindario, especialmente por parte daquelas familias que máis activamente participaron na vida social, cultural e deportiva do municipio, e que poden estar en posesión de valiosísimas coleccións. Por iso, solicítase a colaboración cidadá de maneira que os veciños que estean en posesión de fotos antigas as cedan, co único obxectivo de dixitalizalas, proceso que co avance das tecnoloxías se pode facer nun intre, polo que o propietario da foto nin sequera terá que deixala no concello e poderá levala para a súa casa, sen temor a que se perda.

Tampouco importa o estado no que se atopen as fotografías, xa que as que estean deterioradas serán sometidas a un proceso de restauración.

Ata o momento apréciase que os veciños cos que se puxo en contacto o concello acolleron con ilusión e entusiasmo a idea, manifestando moitos deles que é algo que xa tiña que estar feito hai moito tempo, xa que hai patrimonio que se perdeu físicamente pero que segue a manterse en fotografías en posesión de particulares (moitos deles citaron a igrexa de Santa Comba desaparecida).

A FOLGA DOS TRABALLADORES DA SEGURIDADE SOCIAL MANTéN PECHADA DESDE HAI TRES SEMANAS A OFICINA DE SANTA COMBA

08.11.07 Os traballadores dos Centros de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) levan tres semanas de folga sen que polo momento acadasen ningún acordo co Ministerio de Traballo.

O problema na bisbarra afecta a unha decena de traballadores dos centros de Carballo e Corcubión e á oficina que abre en Santa Comba tódolos luns. Polo momento, manteñen os servizos mínimos, pero ó levarse a cabo os paros de luns a mércores desde o pasado 15 de outubro, a oficina de Santa Comba está permanentemente pechada.

O persoal está en desacordo coas labores que lles toca desempeñar e coa retribución, tanto económica coma profesional que reciben e asemade polos grandes impedimentos de mobilidade e ascenso laboral, segundo os propios traballadores.

A folga, que afecta a 437 centros de todo o Estado, está sendo secundada practicamente naa metade das localidades do noso país polo que previsiblemente os efectos van ser percibidos polos cidadáns de forma crecente nos vindeiros días, xa que cada vez hai máis problemas para atendelos, a causa do atraso acumulado en xestións de vital importancia para os cidadáns, como pensións, baixas médicas e todo tipo de prestacións que teñen que ver coa cobertura social dos demandantes.

A XUNTA DOA Ó CONCELLO UN VEHÍCULO DE SALVAMENTO E CONTRAINCENDIOS DE PRIMEIRA INTERVENCIÓN

08.11.07. Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A Dirección Xeral de Protección Civil a través Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza entregoulle na mañá de hoxe ó Concello de Santa Comba un novo vehículo de salvamento e contraincendios de primeira intervención para misións de Protección Civil, valorado en 60.000 euros, dos cales o concello farase cargo do 25% do seu custo, así como do posterior mantemento.

O vehículo é da marca Nissan, modelo Navara en versión PickUp turbo diesel 4×4 de 175 cv, especialmente deseñado para intervencións en vías dentro das poboacións e interurbanas de difícil maniobrabilidade ou accesos; está equipado, entre outras cousas, con cabina dobre, 4 portas con capacidade para cinco persoas, 3 equipos autónomos de respiración, cabrestante eléctrico cunha potencia de tracción de 2,7 tm., depósito de auga con capacidade mínima de 400 litros con depósito anticorrosivo dotado de anteparos rompeondas para evita-los movementos de auga, mangueiras e escadas extensibles, ponte carenada de cor ámbar, dous faros estroboscópicos na parte dianteira da cabina e nas partes traseira e lateral do carrozado, un faro orientable móbil dianteiro, parabrisas laminado e colorido, faros alóxenos e lavafaros, luces antinéboa dianteiras e traseiras, barra antiempotramento traseiro e caixa forrada en chapa de aluminio estriado antiesvaradío.

O vehículo está equipado cun terminal de comunicacións móbiles da Rede trunking da Xunta de Galicia, con GPS incorporado para o envío automático de datos pola Rede Trunking a unha base remota, cos conectores e interfaces necesarios para a súa conexión ó transceptor.

AS CANTAREIRAS DE SANTA COMBA ACTUARON NO CENTRO GALEGO DE BOS AIRES

09.11.07 As canteiras de Santa Comba de Xallas, formadas por un grupo de mulleres nadas en Santa Comba e que levan case toda a súa vida na emigración bonaerense, actuaron o pasado 4 de novembro no Centro Galicia de Bos Aires (Arxentina). O motivo da súa actuación foi a participación no festival a beneficio do Fogar Galego para Anciáns de Domselaar, segundo informaron desde a capital Arxentina. Ademais da representación xalleira, o festival tamén contou coa participación doutros 15 grupos representantes da colectividade galega.

O CONCELLO TENTARÁ SUBVENCIONA-LAS PASARELAS DE MADEIRA QUE A ASOCIACIóN DE PESCA INSTALOU EN DIVERSOS TREITOS DO RÍO XALLAS

09.11.07 O longo do ano 2007 a Asoaciación Deportiva de Pesca Xallas de Santa Comba colocou seis pasarelas de madeira integradas no contorno e destinadas a salvar aquelas canles e pequenos regatos que desembocan no couto de Santa Comba e que obrigan a dar grandes rodeos ou saltos perigosos para salvalos, dificultando o paso de gardaría e pescadores pola marxe do río, sobre todo cando os caudais van máis altos.

En concreto, a Asociación de Pescadores instalou seis pasarelas nos seguintes lugares: Canal muíños de Guisande (marxe esquerda da desembocadura do Xallas); no regato de Guisande (marxe esquerda da desembocadura do Xallas), pasarela de entrada na canle muíño Outeiro (marxe esquerda a 100 metros arriba da presa do Outeiro); pasarela saída canle muiño Outeiro (marxe esquerda a 200 metros abaixo da presa do Outeiro); pasarela no regato de Quelabanda (marxe esquerda a 300 metros río arriba da Ponte de Tapia) e, por último, unha pasarela no río García (marxe dereita da desembocadura do Xallas).

Atendendo a unha petición feita pola propia xunta directiva da entidade, o concello estudará a concesión dunha axuda para facer fronte ós gastos dos materiais, que ascenden á cantidade de 1.628,09 euros, xa que os traballos de xestión e colocación foron un traballo voluntario dos asociados da entidade.

A MELLORA DA COBERTURA MÓBIL NON SÓ SERÁ CON MOVISTAR E AMPLIARASE TAMÉN CON ORANGE

09.11.07 Dentro dos plans de mellora de telefonía móbil que está tentando desenvolver o Concello de Santa Comba en diversos puntos do municipio, xa hai dous meses que subcontratas e filiales de Movistar están traballando conxuntamente co concello naquelas zonas de sombra ou deficiente cobertura.

Desde o concello enténdese que a mellora debía comezar por Movistar, xa que é a operadora máis popular e a que máis abonados ten, tanto na zona como na totalidade do territorio nacional, pero non por iso se ía deixar á marxe a outros operadores.

Por isto, en virtude das negociación levadas a cabo coa operadora Orange (antes Amena), esta comezará nas vindeiras semanas coa mellora para cubrir totalmente os núcleos rurais da Cabreira, Rebordelos e Santa Sabiña.

O concello, desta forma, non só mellorará a cobertura en telefonía para o seus veciños, senón se se asegura uns ingresos extras para as arcas municipais, xa que as instalacións para a mellora de cobertura levaranse a cabo en terreos municipais, polo que Orange aboaralle ó Concello de Santa Comba un total de 1.200 euros (máis I.V.E) de pagamento anual en concepto de arrendamento do emprazamento.

Os términos do acordo, que se está negociando persoalmente desde a alcaldía, aínda están sen concretar, aínda que moi probablemente se instalará unha torreta repetidora de 15 metros de altura sobre unha cota de 482 metros sobre o nivel do mar, con acometida de BT a 50 metros, un macro e dous sectores a 50 e 180 graos respectivamente e cunha duración do contrato de 10 anos.

PROTECCIÓN CIVIL REALIZOU 1.149 INTERVENCIÓNS EN XULLO, AGOSTO E SETEMBRO

09.11.07 A Agrupación de Protección Civil do Xallas que traballa conxuntamente co Grupo Municipal de Intervención Rápida (GRUMIR), realizou nos meses de xullo, agosto e setembro un total de 1.149 intervencións, case 13 diarias, de todo tipo: desde accidentes de tráfico, apoio ó helicóptero SOS Galicia, incendios, traslados asistenciais ou tarefas medionaturais, ata limpeza de estradas, prevención de riscos, recollida de animais, servizo de guindastre, control de trafico ou mantemento de instalacións municipais.

Segundo se desprende do informe da alcaldía sobre o traballo diario do servizo, case o 70% das actuacións que máis carga de traballo lle deron a este grupo nos tres meses indicados foron os apoios ó concello (370), os mantementos de instalacións (119), os traslados asistenciais (136), as tarefas medionaturais (92), os accidentes de tráfico, apoio ó helicóptero SOS Galicia e 061 urxencias sanitarias (49). As demais intervencións repártense en apoio a asociacións e veciños, Policía Local, servizos sociais, limpeza de estradas, desatascamentos, prevencións de riscos, servizo de guindastre municipal, control diario de trafico en colexios, enterros e feiras, axuda en estradas, recollida de animais mortos, etc.

Cómpre destacar,  así mesmo, as intervencións que levan días enteiros, incluso más alá das 24 ou 48 horas como son os certames e eventos que necesitan vixiancia previa nocturna e diurna, nos que nestes tres meses se inclúuen o Campionato Galego de Autocross, Expomóbil, día da bicicleta, e as numerosas festas do verán, así como apoio a outros concellos e agrupacións como a Festa da Carballeira de Zas, o 4 de agosto, a que asistiron 10.000 persoas, a Festa da Fervenza en Mazaricos ou o concerto do grupo Mexicano Maná en Santiago de Compostela, cunha asistencia de 30.000 persoas.

LICENZA PARA ACONDICIONAMENTO DE LOCAL PARA TRATAMENTO E ALUGAMENTO DE ROUPA NA RÚA LUGO

09.11.07 A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº20/07 o 24 de outubro, acordou outorgar licenza provisional para a actividade de tratamento e alugamento de roupa a Dona Inés Currais Recarey, veciña de Avda Afonso Molina nº 24 4º, en local sito na Rúa Lugo nº 38, baixo, desta localidade, de acordo co proxecto e anexos ó mesmo presentados, redactados polo enxeñeiro técnico industrial, D. Jesús Manuel Mallo Puga.

Nas condicións particulares, entre outros, a Xunta de Goberno outórgalle un prazo de seis meses para a súa iniciación, e de tres anos para a finalización das obras, con suxeición ás condicións particulares e xerais establecidas na correspondente ordenanza.

Así mesmo, aprobase unha liquidación de taxa pola expedición de licenzas urbanísticas por importe de 64,52 euros, unha liquidación provisional correspondente ó ICIO por importe de 347,41 euros e unha liquidación de taxa de licenza pola apertura de establecmento por importe de 483,92 euros.

O ALCALDE DÁ CONTA Á XUNTA DE GOBERNO DE GASTOS AUTORIZADOS POR IMPORTE DE 15.586,13 €UROS

09.11.07 En base ás atribucións que o alcalde delegou na Xunta de Goberno Local sobre a aprobación dos gastos que superen os 3.000 euros, e non teñan carácter de periódicos e obrigatorios, o alcalde deu conta á Xunta de Goberno Local número 20/07 do 24 de outubro de 2007, da autorización dos gastos autorizados, previa proposta dos servizos municipais correspondentes, sendo fiscalizados previamente pola intervención municipal, para adquisición de subministracións destinadas ás obras e servizos municipais e que necesariamente deberán ser aprobados pola Xunta de Goberno Local por te-la competencia delegada pola alcaldía.

En base a isto, a Xunta de Goberno acordou tomar coñecemento dos gastos autorizados con data de retención de intervención de 17 de outubro de 2007, por importe de 5.092,24 € en concepto de rotulación e soportes informativos exteriores e interiores por parte da empresa Imprenta Xallas, subvencionados pola Deputación Provincial da Coruña.

Así como a aprobación do gasto, que será aboado por conta das partidas sinaladas pola intervención municipal, para facer fronte ás facturas presentadas pola empresa Los Ángeles Gas S.L. por importe de 4.484,30 euros en concepto de 2.600 litros de gasoil para o parque móbil municipal, e a presentada por Carmen Mata Esmorís (Xallas Publicidade) por importe de 6.009,59 euros en concepto de realización dun boletín informativo da Omic, proxecto subvencionado nun 80% polo Instituto Galego de Consumo dependente da Consellería de Innovación e Industria.

A XUNTA DE GOBERNO ACORDA SOLICITARLLE Á DEPUTACION A SUBSTITUCIÓN DO TERREO DE XOGO DO CAMPO DE CASTRIZ POR UN DE HERBA ARTIFICIAL

09.11.07 A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº20/07 o 24 de outubro, acordou solicita-la participación deste concello na seguunda fase do Plan de herba artificial de campos de fútbol municipais para a substitución do terreo de xogo actual do campo de fútbol de Castriz por un de herba artificial.

A Xunta de Goberno comprometeuse á incluir nos presupostos municipais a achega municipal necesaria para o desenvolvemento da obra (15% do custo da mesma, que ascende a 400.000 euros). Así mesmo, aprobouse o correspondente proxecto técnico da obra e a solicitude á Deputación da delegación da contratación e execución da obra incluída no plan.

A XUNTA DE GOBERNO ACORDOU INCLUÍR ASCENSORES E ASEOS ADAPTADOS NO PLAN ESPECIAL DE ELIMINACIÓN DE BARREIRAS ARQUITECTÓNICAS

09.11.07 A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº20/07 o 24 de outubro, acordou a inclusión do concello na seguinte fase do Plan especial de eliminación de barreiras arquitectónicas que se financiará con achegas de fondos FEDER, INSERSO, Fundación Once e a Administración Local, para a cooperación e integración social de persoas con discapacidade desenvolvendo un programa de accesibilidade universal.

En concreto, o concello incluirá neste programa a instalación de ascensores e realización de aseos adaptados na Casa do Concello, Centro Municipal de Cultura e pavillóns de deportes de Fontenla e Traba-Castriz, para o que se compromete á realización dos correspondentes proxectos técnicos das obras.

O CONCELLO DESAFECTARá OS EDIFICIOS DAS ESCOLAS E CASAS DOS DOCENTES PARA CONVERTELAS EN USOS PÚBLICOS

09.11.07 A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº20/07 o 24 de outubro, acordou inicia-lo expediente de desafectación dos edificios que estiveron destinados a escolas, algúns deles con vivenda para os docentes e que quedaron desde hai anos libres desta actividade, polo que na actualidade non cumpren a súa función educativa.

O concello pretende con esta medida supli-la carencia de locais nas parroquias, que permita a realización de actividades para a dinamización da veciñanza. Os servizos técnicos municipais informarán sobre ditos edificios e o seu estado actual e a secretaría informará sobre o procedemento e legalidade aplicable.

O ALCALDE, POR ACORDO DA XUNTA DE GOBERNO, MEDIARÁ PARA QUE 11 VECIÑOS DE SER CONTEN CON ACOMETIDA DE AUGA

09.11.07 A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº20/07 o 24 de outubro, acordou que o Sr. Alcalde intensifique as xestións para que once veciños de Ser poidan contar co servizo de abastacemento de auga domiciliario á maior brevidade posible.

Na actualidade, e por xestións do anterior goberno, estase levando a cabo a obra “Pavimentacions e vías públicas de Marlán e abastacemento de auga en Ser-Abuín e Ser-Pombal” dentro do Plan Provincial de cooperación provincial (PC-2007), se ben dito proxecto non contempla o cruzamento da estrada provincial Santiago-Santa Comba, polo que algúns veciños daqueles lugares non poderían acceder á auga solicitada, o que provocou a petición de once deles para que o alcalde actual lles solucione o problema.

A dirección de obra, aínda que verbalmente, informou que, efectivamente, no devandito proxecto non se contemplou o cruzamento da estrada provincial por mor dos orzamentos consignados. Pola súa parte, a empresa Aquagest, adxudicataria das obras, informa sobre a necesidade de, nalgúns tramos, cruza-la estrada provincial e municipal.

O CONCELLO REALIZARá UNHA MODIFICACIÓN CIRCUNSTANCIAL DO PLAN PARCIAL PARA FACILITA-LA INSTALACIÓN DA EMPRESA BIOMASA FORESTAL NO POLÍGONO INDUSTRIAL

09.11.07 A empresa Biomasa Forestal promovida polo empresario xalleiro José Javier Arosa Barbeira, é unha empresa que se vai dedicar á transformación de Biomasa forestal para a fabricación de pellets con destino a caldeiras de produción de vapor, auga quente sanitaria e calefaccións, co que se creará, segundo as previsións iniciais, unha vintena de postos de traballo. Para o desenvolvemento de tal actividade pioneira en todo o país, conta co apoio económico da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, e preténdese instalar no polígono Industrial de Santa Comba, para o cal xa dispón das parcelas 10,11 e 12.

O problema que existe na actualidade é que a altura máxima de edificación permitida no polígono é de 9 metros (tres andares) e, debido ó proceso de produción da empresa, a altura das edificacións duplica eses metros, en concreto, a torre que hai que  instalar ten unha altura aproximada de 20 metros.

A ordenanza reguladora do PP S1 do parque empresarial de Santa Comba no seu artigo 11 punto 4 di que “Nos casos de especiais necesidade do proceso de produción e previo acordo do concello, poderanse permitir edificacións de maior altura sempre que estean separadas de tódolos lindeiros, polo menos unha distancia igual á altura”. Este punto, lonxe de ser unha vantaxe para a empresa, convértese noutro inconveniente, dado que as dimensións das parcelas non permiten cumprir con ese requisito a Biomasa Forestal, polo que os seus xestores solicitáronlle á Xunta de Goberno Local unha modificación circunstancial deste punto da ordenanza reguladora para poder instalar dita actividade no municipio,  eliminando o de “sempre que esten separadas de tódolos lindeiros polo menos unha distancia igual á altura”.

A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº20/07 o 24 de outubro, acordou acceder ó solicitado por Biomasa Forestal pero cos matices indicados polo arquitecto técnico adscrito ós servizos técnicos municipais que sinala o seguinte: “Debido ó proceso de produción necesitan construír unha torre dunha altura aproximada de 20 m. Dita torre, de acordo co establecido no artigo 11 do plan parcial debería recuar 20 m de tódolos lindeiros, o cal fai inviable a actividade, xa que non é posible, en cumprimento desta condición implanta-la industria sobre a parcela. Por este motivo, e tendo en conta que esta circunstancia pode afectar a outros empresarios, sería conveniente proceder á modificación da normativa do plan parcial. Para isto, deberá realizarse unha modificación circunstancial do plan parcial, a cal debe axustarse ó establecido no artigo 86 da Lei 9/2002”.

Por estes motivos,  aínda que a xunta de goberno local accede á petición de Biomasa Forestal, requírelle a documentación esixida no artigo 84 da Lei/2002 para seguir co proceso e soluciona-lo problema.

Na mesma Xunta de Goberno Local, acordouse dar traslado ós servizos técnicos municipais da petición de Biomasa Forestal, para que cando se proceda á revisión e modificación do PXOM, se teña en conta unha parcela que a empresa adquiriu á marxe do poligono para que sexa cualificada como solo urbanizable e a súa inclusión dentro dun sector que con esta mesma cualificación poida posteriormente desenvolverse como solo industrial mediante os procedementos que a Lei do solo de Galicia establece.

Dita parcela é a nº 122 do polígono 59 cualificada no PXOM como solo rústico común apto para urbanizar e que Biomasa Forestal adquiriu na estremeira norte prevendo que no futuro poida acometerse sucesivas fases de ampliación das instalacións.

O CONCELLO COMPROMÉTESE Á CESIÓN DE TERREOS A INNOVACION E INDUSTRIA PARA A CONSTRUCIÓN DUNHA ITV

09.11.07 A Corporación Municipal por unanimidade, en sesión celebrada o 26 de setembro, e atendendo a unha moción presentada polo grupo popular, acordou a solicitude á Consellería de Innovación e Industria, para que ampare, apoie e execute a localización dunha estación de ITV no noso concello.

Despois de varias entrevistas levadas a cabo por José Antonio Ucha con responsables de Industria, a Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria nº20/07 o 24 de outubro, acordou comprometerse á cesión á Consellería de Innovación e Industria dos terreos necesarios para a localización da estación indicada neste concello.

Nestes momentos Santa Comba, respecto a Vimanzo, conta coa desvantaxe de que este concello xa presentara a proposta anteriormente, e con respecto a Baio-Zas, que foi onde realmente se xestou a idea, xa hai varios meses os empresarios da automoción formularon persoalmente o tema ó delegado da citada consellaría nunha visita que fixo á localidade con motivo da feira do mercado do automóbil de ocasión, onde comprobou os datos que confirman que a localidade de Baio está áa cabeza do pais na venda de vehículos de segunda man, de aí a vantaxe para a localización da ITV.

Pero Santa Comba, que conta cun parque automobilístico máis amplo cás dúas localidades e o índice de mecanización máis amplo da provincia, é o único dos tres concellos que conta cos terreos necesarios para localización da ITV e que ademais xa os puxo a disposición da consellaría.

A XUNTA DE GOBERNO ACORDA SOLICITARLLE Á DEPUTACION A INCLUSIÓN E EXECUCIÓN DE PROXECTOS NAS DISTINTAS FASES DO PLAN DE TRAVESÍAS PROVINCIAIS

09.11.07 A Xunta de Goberno local reunida en sesión ordinaria nº20/07 o 24 de outubro, acordou solicitarlle á Deputación Provincial da Coruña a inclusión e execución de proxectos nas distintas fases do Plan de Travesías Provinciais, coa finalidade de mellora-las infraestruturas da provincia neste municipio e contribuír a unha mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

No acordo de solicitude tamén se inclúen a redacción polo organismo provincial dos correspondentes proxectos, cos informes e estudos técnicos formulados polos servizos de vías e obras provinciais en colaboración cos servizos municipais, que recollan as necesidades básicas de beirarrúas, beiravías, abastecemento de auga, sumidoiros e iluminación pública.

Así mesmo, a Xunta de Goberno solicita o compromiso para a realización das xestións necesarias para a posta a disposición dos terreos así como tódalas autorizacions e permisos necesarios para a súa execución, e a aceptación da entrega das obras unha vez recibidas pola Deputación, asumindo os gastos de conservación, reposición, mellora e mantemento dos servizos e instalacións das travesías.

A Xunta de Goberno Local fai especial mención ás estradas C-545 Santiago – Santa Comba, CP 2904 Coristanco-Santa Comba, CP 5604 Outes – Pereiriña, CP 7702 Santa Catalina – Esmorode, e CP 7701 Antes – Grixoa por Vilar.

As últimas bases de colaboración cos concellos da provincia para a execución dos proxectos nas distintas fases do Plan de Travesías Provinciais corresponde ó trienio 2004/2007.

MEMBROS DA CORPORACIÓN XALLEIRA ESTABLECEN DIVERSOS CONTACTOS CON MEMBROS DO GOBERNO AUTONÓMICO NOS ACTOS DO QUINTO ANIVERSARIO DO PRESTIGE

12.11.07

O sábado no actos dos voluntarios en Carnota co Vicepresidente da Xunta

O sábado pasado o Alcalde do Concello de Santa Comba, D. José Antonio Ucha Velo, e o concelleiro D. Julio Pedro Ferreiro Pazos, asistiron en Carnota, xunto con alcaldes dos municipios da Costa da Morte, e as conselleiras de Vivenda, Teresa Táboas e Cultura, Ánxela Bugallo, os actos de homenaxe que vicepresidencia da Xunta de Galicia lles rendeu ós voluntarios que traballaron na limpieza das praias con motivo do afundimento do petroleiro Prestige, hai agora cinco anos.

O acto foi presidido polo vicepresidente da Xunta de Galicia, D. Anxo Quintana, que agradeceu ós voluntarios «bos e xenerosos que acudiron á chamada de Galicia» e destacou, a «unanimidade das forzas políticas galegas» que deu lugar a «históricos acordos parlamentarios» en referencia á reclamación por parte de tódolos grupos parlamentarios de varias competencias para Galicia.

Tralos discursos, 650 personas que enchían o polideportivo de Carnota, onde durmiron no 2002 os voluntarios, gozaron dunha comida con empanada, polbo e carne ó caldeiro.

Ó acto, que pertence ós organizados baixo o lema «Galiza no corazón», acudiron voluntarios chegados de toda España, como os bomberos de Ávila ou Zamora, das universidades da Coruña e Vigo, membros das centrais sindicais, membros das confrarías de pescadores da zona, das asociacións ecoloxistas e da cultura galega. A música veu da man do conxunto Espido e dos grupos de música tradicional.

Ó día seguinte, o domingo, o Alcalde do concello, D. José Antonio Ucha Velo, e o concelleiro D. Ángel Souto Mata, asistiron en Muxía, xunto co Presidente da Xunta de Galicia, D. Emilio Pérez Touriño, a Ministra do goberno Dna. Elena Espinosa, a plana maior do goberno galego e alcaldes dos municipios da Costa da Morte, os actos de conmemoración do quinto aniversario do afundimento do petroleiro Prestige.

O acto, organizado pola Fundación Iniciativas 21, e celebrado en Muxía ante medio centenar de persoas chegadas de distintos rincóns do país, comezou con música galega e acabou coa actuación do artista Jorge Drexler cantando “Flores al mar”.

O Presidente do goberno autonómico agradeceu no seu discurso a homenaxe «a toda esa sociedade que se alzou contra a marea negra». Manuela Barral, da Fundación Iniciativas 21, definiu o acto como «nun bo día para celebrar», e o alcalde anfitrión, o socialista Félix Porto, contrapuxo «a soidade máis absoluta» de hai cinco anos co «compromiso» do executivo actual.

Proveitosos contactos para o desenvolvementol

Os membros do goberno municipal xalleiro aproveitaron ambos actos para establecer diversos contactos con responsables do goberno autonómico sobre proxectos de interese para o desenvolvemento do futuro de Santa Comba. Tamén tiveron senllas conversas co Presidente da Xunta de Galicia, D. Emilio Pérez Touriño e co vicepresidente D. Anxo Quintana, que se comprometeron a visitar Santa Comba en canto a súas axendas llelo permitan, e comprobar in situ as necesidades do municipio. Quintana interesouse por temas da súa competencia no municipio e Touriño, xunto coa Conselleira de Política Territorial, informou ó Alcalde Ucha e ó concelleiro Souto sobre os avances actuais nos estudos para a mellora da estrada de Santiago a Santa Comba

A DELEGADA DE CULTURA E DEPORTES, MILAGROS LANTES, VISITA SANTA COMBA SÓ UN DÍA DESPOIS DE SER CONVIDADA PERSOALMENTE POLO ALCALDE

13.11.07 No día de onte, e só un día despois de que o Alcalde do concello D. José Antonio Ucha, nos actos do quinto aniversario do Prestige, a convidase a visitar Santa Comba, Dna. Milagros Lantes Seara, Delegada Provincial da Consellería de Cultura de Deporte acudiu á chamada do mandatario xalleiroe desprazouse persoalmente a Santa Comba.

A delegada amosouse encantada coa invitación de José Antonio Ucha e con poder voltar a Santa Comba para interesarse novamente polo sector da cultura e o deporte, xa que Milagros Lantes foi unha gran defensora deste sector mentres desenvolveu o seu traballo como docente no Colexio Pepe Xan Baña de Traba-Castriz, onde deixou un grato recordo entre pais, alumnos e compañeiros.

José Antonio Ucha pediulle á delegada, entre outras cousas, financiamento para a construción dun novo pavillón municipal de deportes, dentro do programa de instalacións deportivas da Xunta de Galicia-Deputación Provincial, e o arranxo dous outros existentes, especialmente os dos centros docentes; o amaño do Pazo de Santiso para actividades culturais; a construción dun campo de fútbol de herba artificial, á marxe da adaptación do de Castriz, e sinalización da arquitectura civil e relixiosa do Concello.

Despois da xuntanza comprobaron o estado de diversas instalacións e servizos municipais.

O CONCELLO ENGALANARÁ AS RÚAS EN NADAL MODERNIZANDO E AUMENTANDO O NÚMERO DE ARCADAS DE ALUMEADO, A MAIORÍA DE MODERNO FÍO LUMINOSO

15.11.07 O novo goberno municipal de Santa Comba pretende darlle un novo pulo ó municipio no que a decoración ambiental se refire para recibi-las vindeiras festas do Nadal, fin de ano e reis. Atenderase así ás peticións dos veciños e comerciantes que nos últimos anos se viñan queixando do obsoleto e desfasado do alumeado ornamental que tradicionalmente se instala por estas datas.

O 50% do material do que dispón o concello vaise retirar e só se manterá o que se viña colocando desde Santa Catalina ata a saída cara a Santiago, con arcadas de bombillas, que agora se instalará nas rúas interiores de Suárez Vence, Pontevedra, Coruña e o seu contorno.

As demáis rúas terán un novo e moderno fío luminoso de menor consumo, que en réxime de alugueiro se vai encargar de instalar e manter unha empresa especializada coa que se asinará un acordo nos vindeiros días.

O novo material instalaráse nas principais rúas da zona urbana e nos seus accesos, é dicir Avda. Tomé Taboada, Avda. Afonso Molina, Avda de Santiago, Avda de Mourelle, Avda do Brasil, rúa Miraflores, rúa Rosalía de Castro e rúa María Pita (accesos desde Coristanco). En todas elas instalaranse arcadas, a excepción das rúas Rosalía de Castro, María Pita e Miraflores, que por problemas técnicos cos soportes das mesmas optouse por pezas ornamentais no alto dos báculos dos farois, igualmente de fío luminoso.

Con estes cambios instalaranse 51 módulos luminosos, case o triplo ca en anos anteriores, co que se vai dotar de servizo o 90% das rúas da zona urbana. Ó mesmo tempo tamén se reforzará a iluminación na árbore do xardín do Centro de Cultura, na fachada da Casa do Concello e nas árbores da praza do campo da feira, que este Nadal tamén se instalará na marxe da rúa Miraflores, e non só no da Afonso Molina como ata o de agora.

Outra novidade é que se adiantará uns días a posta en marcha do servizo de encendido da iluminación, que o concelleiro de cultura e o de servizos, xunto co alcalde, esperan poder poñer en marcha ás 18 horas do venres 14 de decembro.

A configuración final aínda non está pechada e pode dar lugar a modificacións de última hora dependendo da dispoñibilidade dalgúns veciños para poñer novos soportes de iluminación nas fachadas das súas viviendas.

A POLICÍA LOCAL FÓRMASE EN ACTUALIZACIÓN OPERATIVA DE INTERVENCIÓN POLICIAL

15.11.07 Membros da Policía Local de Santa Comba xunto con outros compañeiros dos corpos de Carballo, Cerceda, Cabana, Muxía, Ares, Culleredo ou Arteixo están actualizando os seus coñecementos nas novas técnicas operativas de intervención policial.

A formación está sendo impartida por un especialista en formación da recentemente reformada Academia Galega da Seguridade Pública, Miguel Ferrer Abilleira, que tamén é oficial da Policía Local de Pontevedra.

Entre os temas a impartir, con clases teóricas e prácticas, están as debilidades policiais ante as trampas dos delincuentes, dúbidas e situacións de indeterminación para busca-la mellor maneira de responder con tranquilidade, sen nervios e nin precipitacións á hora de actuar, que poden custarlle a vida a un policía, e que non se produciría en caso de actuar coa calma precisa.

Así mesmo han realizar adestramentos para a parada de vehículos e a extracción do condutor e dos seus ocupantes, rexistros e cacheos, e técnicas de respostas ante os altercados ou as pelexas causados a raíz do botellón.

No que se refire ós alcaldes e autoridades tamén recibirán formación para exercita-las súas reaccións nos plenos conflitivos e descubri-la mellor forma de protexer ás autoridades.

O CONCELLO PRETENDÍA CONSTRUÍR UN NOVO CAMPO DE FÚTBOL, PERO A AXUDA DA DEPUTACIÓN É PARA SUBSTITUCIÓN DO TERREO DE XOGO DOS CAMPOS ACTUAIS

15.11.07 A práctica totalidade dos concellos que consideraron necesario converte-los terreos de xogo dos seus campos de fútbol noutros de herba artificial xa foron beneficiados pola Deputación Provincial o pasado ano 2006, dentro do programa creado ó efecto.

Para o ano 2008, e atendendo ás peticións de concellos como o de Santa Comba, que por diversas circunstancias non se incluíron no programa do ano pasado, a Deputación Provincial fixo un esforzo, que se traduce na creación dunha partida de dous millóns cincuenta mil euros para atende-la petición de cinco concellos, cifra que poderá ser incrementada á vista doutras solicitudes que se poidan presentar, e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias da Deputación.

Os proxectos técnicos das obras terán un orzamento máximo de 400.000,00 euros cofinanciados, dos cales a achega da Deputación hase concretar no 85% do orzamento do proxecto ata un máximo de 340.000 euros, e a colaboración municipal completará o 15% restante.

Segundo a orde aprobada polo organismo provincial, “o obxecto concreto do plan é transforma-los actuais campos de fútbol municipais cuxo terro de xogo sexa de terra, herba natural ou herba artificial de primeira xeración, en campos de fútbol de herba artificial, que é a máis demandada polos concellos pola calidade, as súas posibilidades de uso intensivo e pola economía do seu mantemento”.

Os campos de fútbol municipais para os que se solicite financiamento, deben reuni-los seguintes requisitos: Ser campos de fútbol de titularidade municipal; posuí-las dimensións regulamentarias, como mínimo entre liñas 90 x 45 metros; estar consolidados, no sentido de que actualmente se realicen encontros deportivos, escolas municipais de fútbol, adestramentos etc.; deben ser campos de fútbol nos que nos últimos cinco anos a Deputación non financiase obras de dotación de calquera tipo de terreo de xogo, coa finalidade de amortizar axeitadamente no tempo o investimento provincial realizado; contar cos servizos de acceso rodado, enerxía eléctrica, abastecemento de auga, e recollida de augas residuais; ter no peche exterior un valado de altura axeitada, para evitar o deterioro das instalacións, sen prexuízo de que a varanda perimetral regulamentaria arredor do terreo de xogo se inclúa no proxecto que se solicite para executar dentro deste plan.

En canto ó proxecto, as actuacións concretas presentadas polo concello deberanse incluír nun único proxecto técnico as seguintes infraestruturas: a substitución do terreo de xogo actual polo de herba artificial, a varanda perimetral regulamentaria arredor do terreo de xogo, o sistema de rego e recollida de augas pluviais e as portarías regulamentarias coas súas ancoraxes. Con estas condicions o concello deberá buscar outro tipo de financiamento para o alumeado, xa que non se pode incluií neste proxecto. Aínda que as bases da convocatoria deixan unha porta aberta para realizar outras actuacións, como pode se-lo alumeado, é moi probable que ese custo non o poida afrontar o concello en solitario sen axuda doutro organismo.

Respecto a este tema as bases indican que “no caso de que o concello desexe realizar outras actuacións no mesmo campo de fútbol, ademais das sinaladas, estas deberán ser obxecto dun proxecto técnico independente que aprobará o concello pola súa conta e que serán financiadas ó seu cargo exclusivamente, sen prexuízo de que a contratación de ambos proxectos sexa realizada de forma acumulada coa finalidade de que os execute o mesmo contratista. En todo caso, o presuposto de adxudicación de cada un dos proxectos deberá quedar especificado e perfectamente identificado no expediente de contratación”.

O orzamento máximo do proxectos que pode solicitar o concello para a súa inclusión no plan é de 400.000 euros, dos que a Deputación achegará un 85% e o concello o 15% restante. Non obstante, poderá presentarse un proxecto cun presuposto superior, sempre que o importe que exceda de 400.000,00 € o financie integramente o concello.

O Concello ten xa practicamente ultimado o proxecto para a substitución do terreo de xogo do campo de fútbol de Estévez-Castriz, que ha presentar antes do día 31 de xaneiro de 2008, xunto coa certificación do acordo plenario municipal de participación no presente plan, no que se acepten expresamente as bases e se concrete a denominación e presuposto da actuación que se solicita, e no que se preste aprobación ó proxecto técnico da obra.

Así mesmo, deberase facer constar no acordo, o plan de financiamento relativo á actuación solicitada, de xeito que se detalle o importe que se financia con cargo á achega provincial e o que se realiza con cargo á achega municipal. No mesmo acordo deberá adoptarse o compromiso de incluír no orzamento municipal crédito dabondo para o financiamento da achega municipal á obra.

A MELLORA DA TELEFONÍA MÓBIL XA ESTÁ EN MARCHA EN VARIAS PARROQUIAS

15.11.07. Telered comunicaciones, empresa que se encarga de parte das infraestruturas de Telefónica mobiles, confirmoulle ó alcalde de Santa Comba, D. José Antonio Ucha Velo, que respecto á xuntanza que mantiveron o pasado mes de setembro para a mellora da telefonía móbil, xa se está traballando, en base ós estudos previos realizados, na mellora da cobertura nos lugares de Alón de abaixo, Alón de Arriba, Armán, Barbeira, Boaña de Arriba, Bustelo, O Busto, Cícere, Cotoleira, O Couto, Estevez, Freixeiro, Grixoa, Guldriz, O Loureiro, Mallón, Montouto, Mourelle, Rebordelos, Sabaceda, Salgueiroas, San Martiño, San Salvador, Ser, As Travesas, Truebe, Ventosa, Vilar de Céltigos, Frieiro, O Combarro, O Outeiro, Padreiro, O Castro, A Illa, San Cristobo, Tapia, A Pereira, As Fariñas, A Ponte de Arriba, Randufe, Os Fornos, Santa Sabiña, O Carballal, A Pereira e Vilamaior. As actuacións poderán ampliarse a outros lugares unha vez que se coñezan os estudos que aínda están sen rematar.

CONCURSO DE DEBUXO E PINTURA DE NADAL

15.11.07 Dentro das actividades programadas para o Nadal o departamento de Cultura do Concelllo de Santa Comba organiza unha nova edición do Concurso de Debuxo e Pintura entre os alumnos dos centros educativos do municipio.

Os autores dos mellores debuxos, que deberán ter como temática obrigatoria as festas do Nadal, serán agasallados con diverso material electrónico e audiovisual, como videoconsolas, dvds, equipos de son ou MP3, os máis apreciados polos rapaces.

O Xurado estará composto por un representante docente de cada un dos colexios participantes e outro do concello e o alcalde do Concello, D. José Antonio Ucha Velo utilizará o mellor debuxo para felicita-lo Nadal a autoridades e veciños.

OS NENOS XALLEIROS PARTICIPARÁN NA CAMPAÑA DE ESQUÍ 2008 NA ESTACIÓN INVERNAL DE SERRA NEVADA (GRANADA)

15.11.07 O Concello de Santa Comba, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña,  levará a un grupo de nenos xalleiros á estación invernal de Serra Nevada, en Granada, unha das estacións de esquí de Europa con maior capacidade de innovación artificial. Serra Nevada conta con 86 km esquiables, 86 pistas balizadas, 10 delas moi fáciles, 35 fáciles, 36 difíciles e 5 moi difíciles. A estación invernal que conta con centro médico, servizo de socorro nas pistas, farmacia e ambulancia ten unha capacidade de 45.805 esquiadores por hora.

O programa pretende ser unha combinación de actividades invernais mesturados coa cultura, por iso se inclúen numerosas actividades á marxe da neve, como obradoiros de natureza, culturais e deportivos e actividades varias, e por suposto as visitas guiadas e culturais á cidade de Granada, nas que non faltarán a visita a Alhambra, patrimonio cultural da humanidade.

Os que desexen participar no programa de sete días de duración deben ter entre 10 e 13 anos, ambos inclusive e poden apuntarse ata o 20 de febreiro de 2008 na oficina de deportes de concello. Para isto, deberán achega-la ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titor, unha foto carné, fotocopia do documento de asistencia sanitaria, fotocopia do libro de familia, xustificante de empadroamento e xustificante médico do facultativo pertinente no caso de doenza ou tratamento específico a ter en conta.

As prazas son limitadas, e no caso de que haxa máis rapaces ca prazas a asignación das mesmas farase por sorteo público ante os pais na Casa do Concello. Os elixidos deberán aboar unha cota de inscrición de 95 euros nunha conta bancaria que se indicará no seu momento.

Ós rapaces do Concello de Santa Comba correspóndelles a 7ª quenda, do 8 ó 15 de marzo de 2008, xunto cos dos Concellos de Noia, Brión, Outes, Muros, Carnota, Mazaricos, Dumbría, Cee, Fisterra e Corcubión. A estancia será en réxime de pensión completa, en hotel de tres estrelas, situado na zona urbana de Granada, e o programa de actividades diario é o seguinte: 7.30 h. Erguerse, 8.00 h. Almorzo, 8.30 h. Saída á estación de esquí, 10.00 h. Clases de esquí, 12.00 h. Esquí libre dirixido e xogos de neve, 14.00 h. Xantar, 15.00 h. Práctica de esquí e obradoiros de naturaza, 17.00 h. Saída a Granada, 18.00 h. Obradoiros culturais-deportivos e visitas guiadas, 21.00 h. Cea, 22.00 h. Xuntanzas e coordinación de grupos, 23.00 h. A durmir.

O CONCELLO RECIBE 34.958,94 € DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA PARA CULTURA E DEPORTES

15.011.07 A sección de Educación, Cultura e Deportes da Deputación Provincial da Coruña vén de confirmarlle ó Concello de Santa Comba a concesión dunha axuda por importe de 34.958,94 euros para facer fronte a diversos gastos producidos na organización de actividades deportivas e culturais, e para poder paliar parte das carencias que o concello ten en equipamento deportivo e cultural. A subvención divídese en catro partes:

No que se refire a actividades, a Deputación Provincial concede 7.493,48 euros para gastos de trofeos, imprenta, mantemento de instalacións, monitores e transportes de participantes, entre outras, das actividades deportivas organizadas ó longo do ano. Para gastos producidos en actividades culturais anuais como a Cabalgata de Reis, cine, concursos, certames, etc, o organismo provincial concede 9.994,40 euros.

No que se refire a infraestruturas e equipamentos a axuda é de 7.493,97 euros para deporte e 9.994,40 euros para cultura. En deporte a maior parte da subvención destinarase á compra de canastras de baloncesto para o pavillón de deportes. Mentres que en cultura destinarase a multixogos recreativos para parques infantís, pavimento de baldosa protectora en instalacións infantis e persianas para o edificio multiusos, entre outros

O ALCALDE ENTREVÍSTASE CON DELEGADO PROVINCIAL DE EDUCACIÓN

16.11.07 Na mañá de onte o Alcalde do Concello, D. José Antonio Ucha Velo, mantivo una entrevista con D. José Manuel Mouriz Cabalo, Delegado Provincial da Consellería de Educación, na que o mandatario xalleiro lle espuxo as necesidades máis urxentes do sector educativo local.

A entrevista fora solicitada polo propio alcalde días atrás despois de manter unha xuntanza coa asociación de pais do Colexio Barrié de la Maza e de que a Xunta de Goberno local, reunida en sesión ordinaria nº18/07 o 26 de setembro, lle trasladase a educación diversas melloras solicitadas polas direccións dos centros, Anpas, claustros e consellos escolares do CEIP Barrié de la Maza e Pepe Xan Baña, de Traba-Castriz.

O alcalde trasladoulle ó delegado provincial unha serie de melloras que se consideran necesarias e urxentes para a boa marcha do curso e que repercutirán positivamente no rendemento escolar, principalmente no referente ó arranxo de cubertas, tellados e baños, pintado de edificios e ampliación de comedores con melloras nas cociñas.

Outras peticións que lle foron trasladadas ó delegado foi a instalación dunha pasarela do patio ó pavillón, espazo para actividades de educación física, substitución das alfombras nas aulas de educación infantil, un parque infantil, novo peche con tea, espazo para actividades lúdicas, reorganización das aulas de Educación Especial e aula de informática no colexio Barrié de la Maza, así como novos azulexos e acondicionamento da pista polideportiva exterior no colexio Pepe Xan Baña de Traba-Castriz.

UN MES DE ACTIVIDADES PARA CONMEMORA-LO DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO

19.11.07 O día 25 de novembro é o sinalidado polos organismos internacionais para conmemora-lo día internacional para a eliminación da violencia de xénero. Para iso, o Concello de Santa Comba a través do Centro de Información a Muller (CIM) organiza durante todo o mes de novembro unha variada serie de actividades para tódalas idades. O programa é o seguinte:

Martes e xoves do mes de Novembro de 15:30 a 18:30 horas
Programa Tempos de Mulleres
Dirixido a dinamizar ás asociacións de mulleres coa intención de potencia-lo proceso de empoderamento das mulleres do medio rural. Os módulos a traballar son xénero e muller, violencia de xénero, xestión produtiva no rural e muller e autoemprego no medio rural.

Venres 16 de novembro ás 20:00 horas
Obradoiro de literatura coa escritora Concha Blanco
O Servizo Galego de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega achéganos a escritora Concha Blanco para poder compartir un tempo dedicado á literatura.

Semana do 19 ao 23 de novembro
Destinado a alumnos de 4º do Instituto E.S. Terra de Xallas
Coa intención de informar e sensibilizar concienciando á xuventude sobre o tema da violencia, conduta aprendida que pode modificarse, organízase este acto dentro dun centro educativo para contribuír á construción cotiá dun espazo común sen violencia.

Venres 23 de novembro ás 10:30 horas
Contacontos da igualdade
Dirixido a rapaces e rapazas de infantil, e 1ª e 2ª de primaria poranse en escena diferentes representacións en materia de igualdade da que poderán ser partícipes tódolos nenos e nenas.

Venres 23 de novembero ás 20:00 horas
Proxección do filme “Unha muller invisible”
A película trata unha realidade do noso tempo; a sensación de invisibilidade ante os homes que teñen moitas mulleres a partir do seu ingreso na corentena, así como as curiosas estratexias da protagonista para superar esa situación, que rematarán por provocar consecuencias inesperadas.

O mesmo día 23 de novembro ás 21:30 horas haberá un acto de clausura das actividades por parte de membros do goberno municipal.

O PLENO DO CONCELLO APROBA DE URXENCIA UN SUPLEMENTO DE CRÉDITO

15.11.07 A corporación municipal xalleira, en sesión plenaria celebrada o día 16, por unanimidade dos seus membros, aprobou nun pleno extraordinario urxente como único punto da orde do día un suplemento de crédito por valor de 149.000 euros para dotar de fondos a partida de gastos destinada a sufraga-las operacions de crédito do Concello, polas constantes subas dos tipos de interese no que levamos de ano.

A solución adoptada consiste en dotala de fondos procedentes dunha partida existente para sufragar obras circunstanciais de carácter municipal.