|
RÍO XALLAS : RÍO ÚNICO EN EUROPA EMBLEMA DUNHA BISBARRA O emblema desta bisbarra é o río Xallas, que lle dá nome a esta, a numerosas empresas e a pequenos comercios, incluso a un equipo de fútbol. Pero a comezos do século X o Río Xallas, denominábase Río Esar e estas terras que agora chamamos do Xallas, formaban parte dunha ampla unidade coñecida como Célticos. Ao longo da historia, o río Xallas tamén foi coñecido como Lézaro ou Ézaro, nome que na actualidade identifica o lugar onde desemboca.
Río característico da penechaira noroccidental de Galicia que drena e articula internamente a paisaxe de Santa Comba. Nace e transcorre en gran parte por este concello, dálle nome á bisbarra e aos veciños destas terras e parte o municipio nunha zona norte e noutra sur. É un río curto, de 64,50 km desde a súa cabeceira de nacemento, en Monte Castelo, parroquia de Bazar en Santa Comba, a 440 m de altitude, froito da confluencia de varios regos (Castiñeria, Vilamaior e Bazar), vaise afirmando a cada paso con regatos, birtas, tributos, acuíferos diversos, como se entre todos quisexen facer un gran río ata a súa desembocadura no Monte Pindo, no lugar do mesmo nome na ría do Ézaro, municipios de Carnota e Dumbría. Ten unha conca de 504,20 km2 de extensión e un caudal de 14 m3/s, posúe ademais un grande índice de sinuosidade, 1,62 e unha pendente media de 0,68%, seguindo unha inclinación noreste-suroeste, que lle permite bañar os concellos de Santa Comba e Mazaricos, recibindo achegas de augas desde os concellos de Zas, A Baña, Coristanco, Dumbría e Carnota e, principalmente, dos ríos Mira, Guisande, Vilar, García e Abuín en Santa Comba. Maroñas, Barbeira, Mazaricos e Arcos en Mazaricos e do Hospital e San Clemente de Dumbría, antes de botar as súas augas ao mar na ría do Ézaro. A característica que lle confire un dos perfís máis orixinais de Galicia é a súa inversión do comportamento, xa que discorre nos seus tramos altos e medio de forma paseniña, sen encaixarse debido a horizontalidade da charia que cruza o substrato rochoso que atravesa, para adquirir no seu derradeiro tramo un gran pulo que lle permite atravesar o Monte do Pindo e precipitarse nunha caída de máis de 200 metros ao mar nunha fervenza de impresionante beleza no mesmo monte, no lugar do Ézaro, convertendo o Xallas no único río de Europa que desemboca en fervenza. Aínda que na actualidade é difícil gozar desta marabilla da natureza porque, a pesar da declaración formal de paraxe natural protexida, está canalizado por unha hidroeléctrica. Este fenómeno só sucede, daquela, en épocas de grandes e contínuas choivas que superan a capacidade da factoría ou nos domingos do verán con fins turísticos. A documentación existente asegura que un terremoto alterou a faz destes terreos aló polo ano 1217. A existencia dun solo granítico no seu segundo treito favorece o seu encaixamento que foi aproveitado para a creación do Encoro da Fervenza, represa de Castelo no municipio de Mazaricos e encoro da Ponte Olveira, no municipio de Dumbría. A acusada horizontalidade da chaira, a súa escasa pendente e a senilidade da paisaxe provocan un encaixamento case nulo do río no seu discorrer polo concello e se, ao anterior, lle unimos unhas abundantes precipitacións, teremos un río que acostuma a desbordarse nas épocas máis chuviosas, asolagando, especialmente, as terras próximas ás marxes o que dá lugar á formación de prados naturais empregados para pastos ou ben para cultivos. Desde o punto de vista deportivo, este é o río tradicional de pesca á culler das terras xallenses. Desde a presa da fervenza, no límite superior do couto, augas abaixo, ofrece un tramo ben completo en lonxitude e prestacions, cunha mínima foresta nas beiras, pouca profundidade, fondo pedregoso e areoso con vexetación conxuntural e facilmente vadeable. Son estas as características dun tramo de ensoño, aínda que o couto mide 8 Km. Na presa, co propio chorro, utilizase "peixe artificial" con magníficos resultados, troitas de ata 3 Kg, sendo este tipo de capturas bastantes habitual, aínda que algún desaprensivo utiliza cinprícos como cebo, o que está totalmente prohibido. Cando soltan a presa, o cauce sobe ostensiblemente, dificultanto o exercio pescantil, ademais de atoldar as aguas. As súas troitas son fermosas, escuras e tentarémolas preferentemente nos pequenos remansos das beiras, onde se refuxian. A escasa vexetación é unha dificultade á hora de pretender pasar inadvertidos, polo que se deben extremar as precaucións para non ser vistos. Hai anos un periódico publicaba unha foto de impresión cunha troita de 6 kg que adornaba a satisfación do rostro do seu pescador. Ten dous coutos, o do Xallas no lugar de Beba, no municipio de Mazaricos, e o de Santa Comba no afluente Abuín que vai desde a presa de Arufe no lugar de Rieiro ata a ponte que está ao lado do matadoiro da Pereira, e desde a Ponte Nova da Pereira ata que se une co río Xallas. Como puntos referenciais podemos citar a praia fluvial de Esmorode (Santa Comba), encoro da Fervenza (Zas e Mazaricos), Encoro de Castrelo (Mazaricos), Ponte Romana de Brandomil (Zas) e cáscada do Ézaro (Carnota-Dumbria). Afluentes máis importantes: Río Abuín: Afluente da esquerda. Nace en Pedra do Penedo (Freixeiro-Sta. Comba) a 460 metros de altitude. Tras rodeala parroquia de Freixeiro discorre polas parroquias de Ser e Alón, para unirse ó Xallas no lugar de Truebe, na parroquia de Mallón, tras percorrer 19,50 Km. No seu percorrido pola parroquia de Ser serve de divisoria natural co concello da Baña. Recibe no seu nacemento o nome de rego da IIla, así como o de río Ermida mentres cruza a parroquia do mesmo nome no concello da Baña. Río García: Afluente da dereita. Nace en San Bartolomé (As Travesas-Sta.Sabiña-Sta. Comba) e rega coas súas augas os campos da parroquia de Grixoa. No seu discorrer recibe os derrames do rego de Cícere e o rego do vao de Vilar. Unese ó Xallas un pouco máis abaixo da ponte de Tapia, tras un percorrido de 9 Km desde o seu nacemento. Río Mira: Afluente da dereita. Nace xunto a aldea de Abelenda (Erbecedo-Coristanco) e recolle os derrames da lagoa Braña Nova ou lagoa Alcaián, no concello de Coristanco e baña en Santa Comba ás augas da parroquia de Esternande e Castriz para botarse o Xallas en Outeiro (Castriz) despois dun percorrido de 8 Km. |