Inicio arrow Concello arrow Cultura arrow I FESTA CELTA BELTAINE DE SANTA COMBA
I FESTA CELTA BELTAINE DE SANTA COMBA Imprimir Correo-e
05/05/09

I FESTA CELTA BELTAINE DE SANTA COMBA  

 

 ¿EN QUE CONSISTE ESTA FESTA? 

 

Festa de raíces celtas ambientada na cultura castrexa da Idade de Ferro, na que os asistentes terán a oportunidade de achegarse ás súas orixes celtas e coñecer parte da súa cultura, usos, costumes, mitos e lendas a través dunha celebración participativa onde se conxuga historia, cultura, ocio e gastronomía.

 

Tomamos como eixo principal a Festa de Beltaine por ser unha das grandes festas do calendario celta. Consagrada ó deus da luz (Belenos), celebrábase a primeiros de maio e marcaba o comezo do bo tempo, para celebra-la nacente vexetación, o florear das plantas e a aparición dos primeiros froitos. Así pois, trátase dunha festa característica dos pobos agrícolas e gandeiros (coma o noso) xa que chegan as datas de sementar e de saca-lo gando a pacer.

 

Os rituais tiñan o lume como centro e os druídas prendían lumeiradas e levaban o lume sacro de casa en casa por tódolos poboados.

 

Confiamos en que esta Festa Celta de Beltaine en Santa Comba, a través dunha viaxe no tempo de máis de 2.500 anos, cumpra coas expectativas que o Concello de Santa Comba puxo nesta idea, na procura de convertela nunha festa de referencia en Galicia.

 

  OS XALLEIROS, OS MÁIS XENUÍNOS DESCENDENTES DOS CELTAS. 

 

Xa o dicían os historiadores e literatos de séculos pasados: os xalleiros son os máis xenuínos representantes da ascendencia celta. Manuel Murguía, na súa Historia de Galicia describía a xurisdición do Xallas como “aquella comarca marcada con el poderoso sello de aquella rama, la última, pero no por eso menos noble, de las tribus célticas que acamparon sobre el suelo de Europa”. Pero é que na actualidade, mesmo hai un estudo científico da Universidade de Zaragoza, no que colaborou o doutor Ángel Carracedo Álvarez (Catedrático de Medicina Legal, referencia mundial na investigación sanitaria e xenética forense, director do departamento anatómico forense do Instituto de Medicina Legal de Santiago e fillo predilecto de Santa Comba) sobre as mutacións xenéticas, que certifica a orixe celta dos xalleiros.

 

A investigación considera que os actuais poboadores do Xallas comparten unha mutación xenética inalterada tras 6.000 anos e que hai características endogámicas que persisten ó longo do tempo. Esta unidade xenética cos celtas refórzase coas evidencias da arqueoloxía e a toponimia; a existencia de poboados castrexos, restos de orfabraría e topónimos como Vilar de Céltigos ou o Arziprestado de Céltigos

 

  O NOSO POBOADO CELTA 

 

O centro de referencia xalleiro,  o Campo da feira, transformarase totalmente para recibir ós poboadores celtas. Ocultaranse, na medida do posible, tódolos símbolos de civilización actual, ambientando e decorando toda a zona como un antigo poboado celta (telas, escudos, símbolos…) e tódolos poboadores prestarán os seus servizos e ofrecerán os seus espectáculos ataviados conforme a época que se pretende recrear.

 

     EXPOSICIÓNS, OBRADOIROS, E POSTOS DE VENDA. 

 

Mercaderes de alimentación e artesanía: Selección de artesáns, oficios artesanais e produtos para que o público poida camproba-la variedade e as técnicas de elaboración, materias primas, acabados finais…

 

Obradoiros demostrativos e participativos: Demostración de oficios, con participación do público, especialmente para os máis pequenos, con actividades que posibilitan a exhibición, aprendizaxe e participación (o tear; armeiro e forxador; arte pastoril; cerámica; runas celtas; destilación de esencias; candeas artesanais; plataría; bisutaría en sementes; xoiaría; vidro; monicreques; coiro...)

 

           Actividades e obradoiros infantís: Actividades colectivas e de ocio especialmente dirixidas ós pequenos, pero sen esquecerse da mocidade e da familia enteira. 

 

Táboa celta                             Ferradura do labirinto

Bolos celtas                             Alquereque ou muíño

Terni Lapilli                             A corda dos reos

O solitario                               O brandub

Tiro con arco (cun arqueiro profesional)

 

  Animación de rúa e espectáculos 

 

Cuarteto de música: música irlandesa, escocesa e bretona interpretada con instrumentos da época celta (gaita en sol, dulzaina, frauta, laúd e tarota).

 

Grupo musical: Danzas e cancións nas que interveñen músicos, fadas e guerreiros, con ritmos para danzar.

 

Malabares: Cinco malabaristas unen as artes escénicas coas circenses, combinando con artes teatrais e representacións de clowns, teatro de rúa, comedia, sátira e acrobacias malabares.

 

Espectáculo de cetraría e exposición de aves: Exposicións, exhibicións e espectáculos  permanentes de aves rapaces (águias, bufos, curuxas, cernícalos, gaviláns, falcóns…)

 

Personaxes e seres máxicos: o poboado contará co Rei, coa súa vestimenta de cor branca, que non combatía, pero a súa presenza era indispensable para a vitoria.

 

Os druídas, que eran os cargos máis relevantes da cultura celta; personaxes colmados de sabedoría, que ademais de sacerdotes podían actuar como xuíces e eran coñecedores de tódolos segredos das árbores sagradas.

 

A meiga, muller adoradora do demo.

 

Os guerreiros, vestidos de cor vermella.

 

As fadas, seres pequenos e sobrenaturais con poderes máxicos.

 

 

  PROGRAMA 

 

SÁBADO 9 DE MAIO  

 

11:00 H.  APERTURA DO MERCADO

 

 

13:00 H.  INAUGURACIÓN OFICIAL A CARGO DO DOUTOR ÁNGEL

 CARRACEDO ÁLVAREZ (Fillo Predilecto de Santa Comba).

 

 

De 13:00  A .20:00 H.  ANIMACIÓN DE RÚA E ESPECTÁCULOS.

 

Ó longo de toda a xornada haberá sempre con que entreterse (actividades diversas, xogos, obradoiros, música e animación de rúa e espectáculos).

 

 

            21:00 H.  PREPARACIÓN DOS PORCOS CELTAS 

 

Preparación de exquisitos manxares a base de porco celta, que poderá saborearse a prezos absolutamente populares.

 

            21:30 H.  CEA CASTREXA A BASE DE PORCO CELTA 

 

           O público poderá saborear en distintas variedades o delicioso porco celta, preparado para a ocasión, pola  Asociación de Amigos do Porco Celta da Costa da Morte; por suposto, regado con viño ou cervexa de barril.

 

Para darlle vistosidade á festa, agradeceríase que os comensais acudisen ataviados con roupa da época celta.

 

Ademais, para os que non desexen porco celta, haberá outros moitos exquisitos produtos da nosa gastronomía (polbo, empanadas, filloas, etc., e todo tipo de bebidas).

 

 

            23:30 H.  DESFILE DE FACHOS A CABALO 

 

Comandado polo destacamento guerreiro de cabalaría, desfile de fachos.

 

Os mercaderes e poboadores do campamento celta, así como todo o mundo que desexe caracterizarse para a ocasión, poderán participar no desfile dos fachos, acompañados polos grupos de música, malabaristas, cetreiros, druídas, meigas, etc…

 

            00:00 H.  GRAN LUMEIRADA, QUEIMADA E CONXURO 

 

Ó cae-la noite prenderase unha gran lumeirada arredor da cal danzarán os distintos personaxes, músicos e público en xeral para darlle a benvida ó comezo do Beltaine celta (o verán celta).

 

Unha meiga e un druída farán a súa aparición e realizarán unha queimada (para ser degustada, de balde, por todo aquel que o desexe) co seu correspondente conxuro como símbolo das nosas tradicións, e ó son da música e da danza, faranse chega-las lapas purificadoras ós catro puntos cardinais de Santa Comba.

 

 

   DOMINGO 10 DE MAIO 

 

             11:00 H.  APERTURA DO MERCADO 

 

Mercaderes, artesáns, obradoiros, xogos, actividades e degustación de distintos produtos de alimentación  coa presenza permanente de grupos de animación musicais e de rúa ó longo de toda a xornada.

 

 

            21:00 H. CLAUSURA E PECHE    
 
< Anterior   Seguinte >