|
PERSONAXES Conscientes de que os verdadeiros autores da nosa historia son tódolos fillos e fillas de Santa Comba, vaia esta lembranza a uns poucos, como testemuño do noso e do voso recoñecemento a todos e cada un deles, dos que desde postos relevantes, a empresa, a música, o traballo ou o máis humilde anonimato, contribuíron, desde o noso pasado máis afastado ata hoxe mesmo, a engrandecer o nome e prestixio do noso Concello. Relixión Frei Basilio Río Brenlla "O padre Basilio". Naceu o 5 de outubro de 1913 en San Salvador de Padreiro e finou en Xerusalén, onde foi soterrado segundo a súa vontade o 17 de outubro de 1994. Entre 1927 e 1930 cursou os estudos humanísticos no seminario franciscano de Herbón (Padrón) e vestiu o hábito da orde de San Francisco o 30 de xullo de 1930. Despois de estudar teoloxía en Santiago de Compostela, ordenouse sacerdote o 6 de xuño de 1941. Durante nove anos desempeñou o oficio de organista e dedicouse á ensinanza desta materia. Simultaneou este labor co de administrador dos centros franciscanos de Ponteareas e Herbón, así como o traballo apostólico coa xuventude Antoniana da vila de Ponteareas. O 6 de novembro de 1950 incorpórase á Misión de Terra Santa, a "pérola das misións" no dicir dos seguidores do santo de Asís. Alí, primeiro durante oito meses presta servizo no Santo Sepulcro, e logo é destinado á Procura Xeral de Terra Santa, no convento de San Salvador, onde permanece por espazo de 30 anos, co que acada o grao de procurador xeral (1968-1981) e convértese no derradeiro dos procuradores xerais en Terra Santa. Polos seus longos anos de servizo como procurador xeral, o goberno español, daquela da UCD, concedeulle a "Encomenda de Isabel a Católica". Ó mesmo tempo entre 1951 e 1962 foi corista custodial e sempre traballou en Palestina nas obras de beneficiencia, nomeadamente como membro do comité da parroquia latina de Xerusalén. Rematado o seu período como procurador en Terra Santa foi superior no Santo Sepulcro (1981-1983), en Betania (1983-1990) e en Caná de Galilea (1990-1993). Con 80 anos, en xaneiro 1994, cando xa estaba enfermo veu a Santiago e visitou á súa familia, que lle propuxo quedar aquí, pero el quixo volver -sempre dicía que quería ser enterrado no Monte Sión en Palestina- como así foi, no outono dese mesmo ano 94. O seu biógrafo P. José Rodríguez di del: "recordámolo sempre á porta destes santuarios acollendo con xesto sereno e gozoso a todo o que chegaba como peregrino ou como simple turista. O seu sorriso cativaba a uns e outros. Lembrarémolo camiñando polas rúas de Xerusalén con paso lixeiro para socorrer necesidades. Recordarémolo paseando polos corredores da enfermaría coa vontade de recuperar as forzas que lle permitiesen volver ó seu traballo cos peregrinos. Lembrarémolo como un home manso e humilde, risoño e xovial. Recordarémolo, sobre todo como un frade que amou profundamente a súa vocación de Hermano Menor e que amou con paixón a Tierra Santa. Por ela sufriu, con ela gozou e nela serviu fielmente ó Señor". Frei García de Pardiñas Villar de Francos. Naceu o 12 de xaneiro de 1672 en Cícere de Abaixo, que daquela dicíase "Síser", e morreu en Tarazona (Zaragoza) o 29 de marzo de 1741, onde foi soterrado o seu corpo, na catedral, aínda que posteriormente os seus restos mortais acabaron enterrados na Capela do Cristo do convento de Conxo. Foi un home relevante como escritor e membro da xerarquía eclesiástica católica nos séculos XVII e XVIII; chegou a ser bispo mercenario de Tarazona, provincial da súa orde relixiosa e catedrático de Teoloxía Moral en Salamanca. García Pardiñas, que tiña gran devoción pola Virxe María, estudou no colexio de Fonseca (centro de prestixio para as familias fidalgas) e entrou no convento mercenario de Conxo en 1689 con 17 anos, despois de estudar Artes e dous anos de Teoloxía. Despois de superar a "probanza de sangue como era costume e probar que estaba limpio de sangue xudía ou de calquera outra mala raza" continuou coa súa formación en Tormes, Valladolid e Ávila. Desde 1700 foi catedrático na Universidade de Salamanca e do 1703 ó 1706 sería reitor do colexio da Vera Cruz. Logo, foi nomeado Visitador Provincial "dos conventos do reino de Galicia e principado de Asturias". Regresou ó seu convento de Salamanca, onde permaneceu ata ser o bispo de Tarazona e no ano 1718 gañou a cátedra de Teoloxía Moral. En 1719 foi elixido mercenario Superior provincial de Castela; un ano despois o rei Felipe V presentouno para bispo de Tarazona, en Aragón. Na súa parroquia natal de Cícere, ademais de refacer a igrexa e levantar a capela de Nosa Señora da Mercede, puxo no altar maior as imaxes de San Pedro Nolasco e San Ramón Nonato, achegou lámpadas de prata, alfaias para o templo e creou unha fundación e capelanía da Mercede, que pasaron por diversas reviravoltas despois da súa morte. No exterior da súa casa colocou o escudo da súa orde mercenaria. En informes elaborados polo párroco da parroquia en 1946, D. José Cabeza Docampo, figuran doazóns do Bispo Pardiñas consistentes nunha cruz parroquial de prata (gardada daquela na casa reitoral da capital xalleira) e un unha cadea de ouro que lle penduraba á imaxe da virxe María nas procesións. Padre Eliseo Seoane Bardanca. Naceu en Vilamaior o 1 de abril de 1915 e faleceu en Santiago de Compostela o 5 de maio de 1986. En 1931 fixo en Santiago o ano do Noviciado e en 1938 a profesión de votos solemnes. Concluídos os estudos de Filosofía, Teoloxía e demais ciencias relacionadas como ministerio pastoral e sacerdotal, ordenouse presbítero no ano 1939. Durante a Guerra Civil, en 1937, foi desprazado a Lugo onde prestou servizos na milicia, sen perder o ritmo dos seus estudos, sempre cargados de sobresaíntes na súa traxectoria académica. En 1949 e despois de iniciar os estudos de Ciencias na Universidade de Santiago licenciouse en Madrid en 1945 e en 1949 doutorouse coa tese "Sulfamidas Arsenicais". En Santiago de Compostela foi profesor axudante de Química Orgánica (1945-1949), adxunto (1946-1954), profesor agregado de Química Orgánica na Universidade de Barcelona (1967-1974) e catedrático da mesma materia na Universidade de Valencia (1974-1985), ata a hora da súa xublicación lectiva. As súas investigacións e publicacións, coroadas por varias patentes científicas, acredítano como relevante investigador e, de feito, traballou principalmente nas Universidades Británicas de Londres (Birkbeck Collage, Chemistry Deparment Imperial Collage University) e Glasgow (Chemsitry Deparment), xunto ó premio Nobel de Química do ano 1969, D.H.R. Barton. En Londres elaborou estudos sobre os constituíntes de resinas vexetais Mastic, separando nelas por primeira vez dúas substancias, tirucalol e ácido oleanónico, e outras dúas descoñecidas ás que denominou ácido masticadienónico e ácido isomasticadienónico. Foi director dos departamentos de Química Orgánica de Barcelona e Valencia e do Consello Superior de Investigacións Científicas de España (CSIC). Presentou estudos no Internacional Symposium on Microchemical Techniques, en Pensilvania (EEUU), entre eles o seu traballo "Demostration of Funcional Groups in Indole Compouns by Micro Scale Reactions". Era membro da Real Sociedade Española de Física e Química, Boletín da Universidade Santiago, Journal of the Chemical Society, Revista de Ciencia Aplicada, Ión, Tetrahedron e Información de Química Analítica, etc. Entre outros méritos ten 105 traballos científicos editados coa súa sinatura, 22 teses de doutoramento dirixidas durante o seu maxisterio, dous grandes proxectos científicios que dirixiu nas Universidades de Santiago e Valencia, e traballou no equipo do premio Nobel Barton que realizou importantes traballos de pescuda sobre triternoideos. Todo isto compaxinouno coa súa laboura de crego e franciscano concretado en diversos labores pastorais como catequese rural, predicación, ensino a futuros frades e publicación de escritos seus en revistas como "Liceo Franciscano" e "Verdad e Vida". Cando finou, no Hospital Xeral de Galicia en Santiago de Compostela, contaba con 71 anos, e foi soterrado en Vilamaior, a súa parroquia natal. Docencia José Baña Pose "Pepe Xan Baña". Naceu o 4 de xaneiro de 1872 no lugar de Varilongo (lugar dunha única vivenda), parroquia de Santa Sabiña, onde a terra é mina e sabe a volframio, e morreu na Habana (Cuba) o 16 de outubro de 1945 cando contaba con 73 anos. Foi o poeta máis popular da Terra de Xallas. Asistiu á escola intermitentemente durante tres anos ata que con 17 anos, concretamente o 17 de agosto de 1889, emigrou para A Habana. Comezou traballando nunha adega, só 18 días, e ós tres anos da súa chegada xa estaba estudando para cura, aínda que abandonou os estudos cando lle faltaba moi pouco para rematar, motivado "polos abusos, a hipocrisía e a dobre moral da Igrexa no seu tempo" como demostra a "Carta ós curas de Santa Comba" escrita en idioma galego. Aínda que o coñecemento e denuncia dos males da igrexa non lle impedirían ser un bo católico practicante, iso si, un católico crítico, que defendía o celibato opcional dos curas. Acadou o título de mestre de instrución pública e con el impartiu docencia en diversos lugares da illa caribeña, onde tivo o seu derradeiro destino, na escola do barrio de Cayajabos, preto dun lugar chamado Artemisa, na provincia de Pinar del Río. Colaborou literariamente no célebre "Diario de la Marina" e participou no ambiente cultural do Centro Galego da capital cubana. Mantivo admiración e amizade con Manuel Curros Enriquez, gran poeta civil da Galicia do século XIX. Como outros tantos paisanos, os seus últimos tempos pasounos na sociedade dos galegos "La Benéfica", da que era socio de honra e na que recibiu tódalas atencións e coidados médicos necesarios. Os seus restos descansan no Panteón do Centro Galego do Cemiterio de Colón da cidade da Habana. Case sempre escribiu na súa lingua orixinaria e a única ocasión na que volveu á terra natal foi no ano 1921, cando contaba con 49 anos. En Santa Comba hai un colexio de primaria en Traba, na parroquia de Castriz, unha asociación veciñal en Santa Sabiña e máis unha rúa na capital xalleira que levan o seu nome. Mª Luz Vidal Sanjuán e José Gomez Rubio. Mª Luz naceu en Fene o 23 de abril de 1914 e casou con José. Os dous chegaron a Santa Comba, o seu destino profesional como mestres en 1944. Aquí vivirían desde aquela ata as datas dos seus respectivos pasamentos. Mª Luz foi destinada primeiramente a Arantón, pasou a formar parte do cadro de profesores do novo colexio comarcal Barrié de la Maza no ano 1973. Xubilouse unha década máis tarde, en 1983, despois de botar 39 anos en Santa Comba. José foi destinado inicialmente a San Cristovo de Mallón, logo pasou á Agrupación Mixta de Santa Comba, onde foi director e secretario da Xunta Municipal ata que no ano 1973, tamén se integrou no novo Colexio Público Barrié de la Maza. Polo seu labor docence de tantos anos, a Mª Luz foille concedida o 29 de xaneiro de 1996, polo rei Xoán Carlos, a Cruz de Afonso X o Sabio. A José polos 35 anos dedicados enteiramente ó ensino, a Coporación Municipal de Santa Comba deulle o seu nome a unha rúa da localidade. |