Formulario de acceso






¿Recuperar contrasinal?
¿Quere rexistrarse? Rexístrese aquí
Inicio arrow Inicio
Novas de setembro II
09/11/07

PROBAS DE SELECCIÓN DE AXENTES DE INTERVENCIÓN PARA O PARQUE DE BOMBEIROS

11.09.07. UTEC Natutecnia-Eural. A empresa UTEC Natutecnia-Eural concesionaria da xestión do servizo de intervención de emerxencias do Parque de Bomberos de Santa Comba–Xallas realizou as probas de selección de persoal para ocupar 18 prazas de Axente de Intervención no citado parque.

Para poder optar ás prazas era necesario acreditar ter cumpridos os 18 anos, ser español ou da comunidade europea, medir como mínimo 1,60 m., ter coñecementos básicos de albanel, fontaneiro, electricista, carpinteiro ou mecánico, estar en posesión do permiso de condución C1, do título de Graduado Escolar, Formación Profesional de Primeiro grao ou titulación equivalente e acredita-la aptitude física coa presentación dun certificado médico oficial asinado por un médico colexiado en exercicio, no que se fixese constar expresamente que o aspirante reunía as condicións precisas para realiza-las probas físicas.

Previamente ás probas físicas realizouse o día 6 de setembro un test de personalidade de carácter elminatorio despois de examina-lo currículum vitae e a carta de motivación persoal que cada un dos aspirantes tivo que presentar ante o tribunal examinador.

O día 7 celebráronse no IESP Alfredo Brañas de Carballo as probas de aptitude física de resistencia e velocidade con aplicación, a efectos de descualificación, do regulamento da Federación Internacional de Atletismo, onde os aspirantes tiveron que realizar unha carreira de velocidade nun tempo máximo de 7,55 segundos nun só intento; carreira de resistencia de 1.000 metros nun tempo máximo de 3 minutos 18 segundos nun só intento; salto de lonxitude mínimo de 2,21 metros en dous intentos a pés xuntos sen carreira; 11 flexións de brazo, nun só intento, en barra horizontal con saída de brazos e pernas estendidos, palmas das mans cara a diante e separación entre pulsos igual á anchura dos ombros, considerando válido o pasa-lo queixelo por riba da barra, volvendo logo á posición dos brazos totalmente estendidos e sen valerse de impulso coas pernas. Posteriormente, tiveron que pasar colgados por unha escada horizontal de 5 metros de altura, para acabar con 6 flexións correctas, segundo indica o apartado anterior, nun intento, e finalmente subir a pulso unha corda de 5,5 metros de altura sen impulso e partindo de parado nun máximo de dous intentos.

O día 8 tivo lugar a proba de natación, consistente en nadar a estilo libre 50 metros nun máximo de 45 segundos, nun só intento, partindo do contacto no bordo da piscina, ben desde dentro ou desde fóra, sen poder apoiarse en nada ata a conclusión da proba.

Un exame teórico-práctico e unha entrevista persoal completaron as probas que tiveron que superar os aspirantes.

Posteriormente, os 18 seleccionados convivirán durante mes e medio, desde o 17 de setembro ata o 9 de novembro, no curso de formación impartido na Academia Galega de Seguridade que a Xunta de Galicia ten na localidade pontevedresa da Estrada.


AUGAS DE GALICIA FINANCIARÁ O 100% DUNHA NOVA DEPURADORA EN SANTA COMBA CUN CUSTO DE MÁIS DE 3 MILLÓNS DE EUROS

11.09.07 Augas de Galicia. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Unha vez visto o informe de Aquagest sobre a situación real do estado da rede de augas do municipio, o Alcalde de Santa Comba, José Antonio Ucha Velo mantivo o pasado día 10 unha xuntanza en Santiago de Compostela con D. Francisco Alonso Fernández, Subdirector Xeral de Programación e Proxectos de Aguas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para estuda-la posibilidade da construción dun novo colector xeral e unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) no municipio de Santa Comba.

O Alcalde acadou o compromiso en firme de que Augas de Galicia, dentro do Plano de Saneamento de Galicia, vai financia-la totalidade do custo da nova depuradora cun presuposto total de execución por contrata de 3.193,288,93 euros.

Co fin de tramita-lo expediente para proceder á contratación e execución das obras, e cumprindo co Decreto 84/1997 sobre colaboración técnica e financeira da Administración Hidraulica de Galicia coas entidades locais en materia de abastecemento e saneamento de augas, o concello de Santa Comba deberá levar ó Pleno a aprobación do anteproxecto, comprometéndose á entrega dos terreos e da auga necesarios para a execución da obras,; a asumi-la explotación,; ó mantemento e conservación das instalacións, e a efectua-los traballos ordenados pola inspección facultativa; á actualización das tarifas pola prestación do servizo na medida axeitada ó custo das obras que se realizan, e á súa explotación e amortización.

Deberase presentar tamén un informe de intervención sobre a situación económico-financeira do concello, no que ha de figurar un estudo sobre a capacidade municipal de dispoñibilidade e endebedamento no que quede clara a situación financeira do concello.

Esta documentación xa lle fora solicitada por Augas de Galicia ó anterior goberno o ano pasado, concretamente o 9 de outubro de 2006, pero o expediente quedou parado, porque o concello nunca chegou a leva-la proposta a Pleno nin a presenta-lo informe de intervención como esixe o Decreto 84/1997, do 10 de abril (Dog. do 24.04.97)

Ler máis...
 
Novas de setembro I
09/11/07

NOVO MOBILIARIO URBANO PARA GOCE DOS VECIÑOS

01.09.2007. A praza do concello, os xardíns situados detrás do Centro de Cultura  e o campo da feira teñen desde o pasado mes de agosto de 2007 novo mobiliario urbano consistente en bancos de madeira para o descanso e relax dos veciños.


O ALCALDE CO FÚTBOL FEMININO

01.09.2007. O Alcalde do concello, José Antonio ucha arropou a festa estival do equipo femenino de fútbol-sala Viaxes Amarelle que participa con diversos equipos nas ligas provinciales e autonómicas en categoría alevín, infantil, cadete e senior. Na festa participaron un centenar de persoas entre as que estaban xogadores, familiares e amigos. "Viaxes Amarelle" conta nas súas actividades coa colaboración do concello a través dunha importante axuda económica concedida polo anterior goberno de D. José Toja Parajó.


O CONCELLO INVISTE 10.000 EUROS NUNHA MÁQUINA DE PINTADO DE APARCADOIROS E RÚAS

02.09.07 Atendendo as peticións do persoal da brigada de vías, obras e servizos municipais, asi como ós custes derivados dos servizos externos para pintado de rúas, o Concello de Santa Comba iniciou un expediente para o contrato menor de subministración dunha máquina de pintado de aparcadoiros e rúas cun importe de contrata de 10.000 euros, coas características indicadas no prego de prescripcións técnicas redactado polo técnico municipal, D. Manuel Sabín Sabín.


O CONCELLO ADECENTA O CONTORNO DA CAPELA DOS MILAGROS PARA A SÚA FESTA ANUAL

03.09.2007. Á marxe da subvención económica correspondente para a celebración da festa, o concello colabora coa comisión no adecentamento do contorno, polo que dispuxo persoal de obras para o adecentamento de beirrúas, colectores e xardineiras, entre outras cousas.


A ESCOLA COOPERATIVA NEXUS REDE TRASLADOUSE A SANTA COMBA PARA ACHEGA-LA FORMACIÓN EN NOVAS TECNOLOXÍAS Á COOPERATIVA XALLAS

03.09.07 Consellería de Traballo. Proxecto Equal Nexos Rede. Esta iniciativa, depedendente da Consellería de Traballo, xorde ó abeiro do proxecto Equal Nexus Rede para a consolidación das empresas e das persoas integrantes das cooperativas e entidades da economía social galega, no que tamén traballan a Consellería de Pesca, a Universidade de Santiago e as organizacións representativas do sector como a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Federación de Empresas Cooperativas (Sinerxia), Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (Ugacota) e a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao.

Esta Escola Cooperativa Móbil Nexus Rede trasladouse ata Santa Comba co obxectivo de achegar ás persoas socias e traballadoras destas empresas as vantaxes da utilización das novas tecnoloxías como instrumento de mellora.

A cooperativa agraria Xallas S.C.G. é a decimo oitava cooperativa agraria galega que se beneficia dos servizos desta escola. A aula itinerante permaneceu nas instalacións da Cooperativa Xallas en Santa Catalina desde o 13 ata o 31 de agosto. O horario do curso de coñecementos informáticos foi de 10:30 a 13:00 horas e asistiron, ademais dos socios da cooperativa, persoas socias doutras cooperativas da comarca para aproveita-la presenza da Escola Cooperativa Móbil na localidade. Tamén se celebraron as segundas charlas de motivación cooperativa impartidas por Proxectos e aberta a tódalas persoas interesadas en asistir.

A escola, que ata o momento estivo en Aguiño (Ribeira), Porto do Son, Lorbé (Oleiros), Moaña, Cangas, Portocubelo (Lira), Carnota, así como en Santiago de Compostela, entre outros lugares conta cun orzamento superior ós 220.000 euros, financiado no 75% polo Fondo Social Europeo e no que a Consellería de Traballo investiu máis de 55.000 euros.

O cometido do Nexus Rede é facilita-a integración no mercado competitivo dos 24.000 socios e traballadores destas sociedades empresariais por toda Galicia prestando especial atención ás áreas rurais ou semiurbanas con dificultades de acceso ós recursos formativos e ás novas tecnoloxías, co fin de fomenta-la utilización habitual das ferramentas informáticas nas empresas de economía social e o acceso ás redes para diferentes finalidades xerenciais, hoxe en día, un dos principais retos para favorece-la adaptabilidade das cooperativas.


A XUNTA DE GALICIA APROBA A MODIFICACIÓN CIRCUNSTANCIAL DO PLAN XERAL PARA A CONSTRUCIÓN DO CEMITERIO DE SER

03.09.07 De acordo co punto 5.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, aprobou definitivamente a modificación circunstancial nº 6 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Santa Comba, consistente en altera-la clasificación de solo rústico de protección agropecuaria en solo rústico de protección ordinaria con destino á construción dun cemiterio na parroquia de San Pedro de Ser, (xa previsto na modificación puntual nº 1 do PXOM aprobada polo concello o 30 de xaneiro de 2003, en aplicación da disposición transitoria terceira da Lei 9/2002).

Esta orde do 3 de agosto de 2007, foi publicada pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes no Diario Oficial de Galicia nº 170 do luns 3 de setembro 2007, e pon fin á vía administrativa.

Ler máis...
 
Novas de agosto
08/11/07

SANTA COMBA TERÁ PLAN MUNICIPAL DE PROTECCIÓN CIVIL

01.08.07 O Plan Municipal de Protección Civil que xa teñen en marcha ou aprobados outros concellos de similares características ó de Santa Comba, é un documento que esixe a Xunta de Galicia en determinadas situacións de emerxencia, así como para diversos trámites e axudas convocadas pola Dirección Xeral de Protección Civil, e do que o Concello de Santa Comba non dispón ata o momento.

O Plan conterá a relación dos medios humanos e materiais que están a disposición do Concello de Santa Comba no caso de que o municipio e os seus habitantes estivesen expostos a un risco que supuxese danos para as persoas ou o patrimonio urbano. Así mesmo, recollerá tódalas pautas de actuación que se deben levar a cabo para facer fronte a estas emerxencias. Este texto reflectirá un medido exercicio de planificación e de coñecemento dos sinistros que poidan afectar á capital xalleira, así como as accións preventivas, as de control dos perigos que se deben poñer en marcha e as de autoprotección que ten que aplicar cada cidadán.

O Plan Municipal de Protección Civil estará adaptado á normativa vixente na Comunidade Autónoma e terá un exhaustivo catálogo de medios e recursos dispoñibles (públicos e privados), que estarán en constante actualización. Contará tamén con detallados mapas de risco que recollen as  situacións de perigo que poden ter máis probabilidade de ocurrer en Santa Comba, como son incendios forestais, incendios ou explosións urbanas, incendios ou explosións industriais, inundacións por chuvias e desbordamento de ríos, vento, chuvias, accidentes de tráfico, transporte de mercadorías perigosas por estradas, concentracións humanas en espazos pechados e abertos e incluso nevaradas e accidentes aéreos. O fin último do plan é o de acadar un despregamento rápido e eficaz dos operativos municipais ante calquera situación de risco.

No organigrama do mesmo, o alcalde do concello será a máxima autoridade en materia de Protección Civil, polo tanto é o presidente do Plan Municipal de Protección Civil, nun organigrama no que terán cabida outros membros da corporación municipal que traballarán en estreita relación co Xefe do parque de Bombeiros, de Protección Civil e da Policía Local. Todos eles, xunto co secretario do concello, formarán a Comisión Local de Protección Civil, que terá fins de asesoramento e de coordinación dos distintos efectivos que se deban poñer en servizo para solventar a emerxencia. O Alcalde poderá, ademais, integrar neste órgano outras persoas representativas ou entidades vinculadas a Protección Civil, á Garda Civil, á Delegación do Goberno, ó Gobierno Galego, 112 ou 061 como membros permanentes ou como consultores para actuacións en temas concretos, e poderá convocar a este órgano ante una emerxencia prevista ou producida e poderá nomear  un director técnico do plan, que coordinará os equipos de traballo despregados na rúa, e nomear un gabinete de información que se encargará de transmitirlle á poboación as medidas e comportamentos que se deben desenvolverr para acadar o bo funcionamento do operativo.

O Plan Municipal de Protección Civil activarase en función do grao de risco. Así, unha primeira fase é a de alerta, séguelle a alarma e posteriormente a emerxencia.


O ALCALDE COMPROMÉTESE COA ESCUDARÍA ESA MOTOR A SACAR ADIANTE O CIRCUÍTO DE VELOCIDADE E DARLLE UN APOIO CONCRETO Ó AUTOCROSS

01.08.07 Nunha xuntanza levada a cabo o pasado 30 de xullo no Centro Municipal de Cultura entre o alcalde e os membros da xunta directiva da Escudaría Esa Motor, organizadores da actividade deportiva que máis xente congrega en Santa Comba (5.000 persoas nas dúas probas puntuables para o Campionato Galego) como é o Autocross, o primeiro mandatario municipal comprometeuse a sacar adiante o Circuíto de Velocidade sobre Terra de Fontecada, que leva parado desde hai tres anos.

A Consellaría de Agricultura ten cedidos gratuitamente 56.720 m2, repartidos en dúas masas comúns de 18.010 m2 e 38.710 m2 cada unha na zona de Barbeira para o establemento de instalacións e equipamentos municipais a para práctica deste deporte;  de feito, o anterior goberno investiu  algo máis de 12.000 euros  en rozados e limpeza superficial  dos terreos para posteriormente acometer unha serie de obras encamiñadas a poñer en marcha un circuito que, por diversos motivos ,quedou parado.

Na actualidade, e ante as dificultades e alto custo que a Escudería Esa Motor está atopando para seguir mantendo o circuito actual na zona de Marlán, en terreos privados, que ademais son urbanizables, pretenden sacar adiante cando antes o proxecto do novo circuíto para seguir organizando probas do Campionato Galego e estudiar a posibilidades de optar ó Campionato de España.

Así mesmo, o alcalde tamén lle confirmou á directiva da escudaría que nos orzamentos municipais non existe ninguna partida presupostaria en concreto para o apoio o Autocross,  o que leva a que a priori non se saiba o apoio municipal económico a esta actividade. José Antonio Ucha comprometeuse  a solucionar este inconveniente e apoiar o Autocross cunha partida orzamentaria en concreto nos novos presupostos.

Ler máis...
 
Máis...
<< Inicio < Anterior 31 32 33 34 35 36 Seguinte > Final >>

Resultados 211 - 214 de 214
Benvida
Antonio Landeira Gallardo

O alcalde de Santa Comba, Antonio Landeira Gallardo, davos a benvida e deséxavos unha boa navegación pola web do noso concello.
 

Axenda

« < Maio 2012 > »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
30 1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31 1 2 3