Formulario de acceso






¿Recuperar contrasinal?
¿Quere rexistrarse? Rexístrese aquí
Inicio
NOVO OBRADOIRO DO BANCO DO TEMPO
08/05/09

APRENDE ALEMÁN BÁSICO CO BANCO DO TEMPO

O Concello de Santa Comba, a través do Banco do Tempo, levará a cabo un obradoiro no que se impartirán nocións básicas de alemán, durante o meses de maio e xuño. Será impartido, de balde, por unha usuaria do Banco, experta na materia, e desenvolverase no edificio da Casa da Cultura.

Inscrición e prazo: o prazo de inscrición está aberto ata o 18 de maio na oficina do Banco do Tempo da Casa da Cultura. As prazas serán limitadas.

Para máis información: Axencia Municipal do Banco do Tempo Casa da Cultura. Avda. Alfonso Molina s/n 15840. Santa Comba.Teléfonos: 981 818679/981 880275 - Fax: 981 880401 - Correo: Esta dirección de correo electrónico está protexida contra os robots de spam, necesita ter Javascript activado para poder vela

 
I FESTIVAL DA CANCIÓN DO XALLAS´09
07/05/09

I FESTIVAL DA CANCIÓN DO XALLAS´09



A tradicional traxectoria musical da comarca do Xallas vén de lonxe, afianzada polas numerosas e importantes bandas de música, igual cás importantes orquestras que, ó longo do tempo adquiriron relevancia dentro e fóra da nosa comarca, incluso a nivel internacional.
Tamén é de importante relevancia o feito de que recentemente algúns veciños da nosa comarca adquirisen gran popularidade en concursos e programas televisivos, o que nos fai pensar desde o concello que esa raigame artística musical segue en pé hoxe en día.
Nace así a idea de relanzar culturalmente unha parte importante da arte musical por medio dun concurso-festival, que sitúe a nosa comarca na vangarda artística que xa outros concellos e comarcas adquiriron para eles, dándolles prestixio e satisfaccións a nivel social e cultural.
É por todo iso que animamos a todos a participar neste certame, independentemente de saber cantar moi ben ou non, de ter experiencia ou ser a primeira vez que se sobe a un escenario, de saber música ou non saber ler unha nota, non importa ser bo ou menos bo, só importa tentalo.
Ler máis...
 
Curso Atención Sociosanitaria no Domicilio_Programa REDE Xiana
05/05/09

PROGRAMA REDE XIANA

 

O CONCELLO DE SANTA COMBA PARTICIPA NUN PROXECTO DA REDE EUROPEA DE FORMACIÓN E ACCESO  Ó MERCADO LABORAL IMPULSADA DESDE A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA

  • NOME DO CURSO: ATENCIÓN SOCIOSANITARIA NO DOMICILIO
  • DESTINATARIOS: demandantes de emprego coa tarxeta actualizada
  • REQUIRIMENTOS:
  1. · Maiores de 18 anos
  2. · Empadroados/as nalgún dos Concellos asociados á Rede XIANA
  3. · Non ter impedimento físico para o desenvolvemento da profesión do curso

* No caso de persoas emigrantes retornadas e inmigrantes deberán acreditar (cos documentos correspondentes da oficina consular na que figuren inscritos/as) que se atopan residindo en España dentro da legalidade vixente.

INSCRICIÓN E PRAZOS: a data para inscribirse nestes cursos remata o 22 de maio

INFORMACIÓN: Para máis información poden acudir á Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Santa Comba (tlfn. 981 818 679_e-mail: Esta dirección de correo electrónico está protexida contra os robots de spam, necesita ter Javascript activado para poder vela ) ou tamén por medio da páxina web www.redexiana.org

 
I FESTA CELTA BELTAINE DE SANTA COMBA
05/05/09

I FESTA CELTA BELTAINE DE SANTA COMBA  

 

 ¿EN QUE CONSISTE ESTA FESTA? 

 

Festa de raíces celtas ambientada na cultura castrexa da Idade de Ferro, na que os asistentes terán a oportunidade de achegarse ás súas orixes celtas e coñecer parte da súa cultura, usos, costumes, mitos e lendas a través dunha celebración participativa onde se conxuga historia, cultura, ocio e gastronomía.

 

Tomamos como eixo principal a Festa de Beltaine por ser unha das grandes festas do calendario celta. Consagrada ó deus da luz (Belenos), celebrábase a primeiros de maio e marcaba o comezo do bo tempo, para celebra-la nacente vexetación, o florear das plantas e a aparición dos primeiros froitos. Así pois, trátase dunha festa característica dos pobos agrícolas e gandeiros (coma o noso) xa que chegan as datas de sementar e de saca-lo gando a pacer.

 

Os rituais tiñan o lume como centro e os druídas prendían lumeiradas e levaban o lume sacro de casa en casa por tódolos poboados.

 

Confiamos en que esta Festa Celta de Beltaine en Santa Comba, a través dunha viaxe no tempo de máis de 2.500 anos, cumpra coas expectativas que o Concello de Santa Comba puxo nesta idea, na procura de convertela nunha festa de referencia en Galicia.

 

  OS XALLEIROS, OS MÁIS XENUÍNOS DESCENDENTES DOS CELTAS. 

 

Xa o dicían os historiadores e literatos de séculos pasados: os xalleiros son os máis xenuínos representantes da ascendencia celta. Manuel Murguía, na súa Historia de Galicia describía a xurisdición do Xallas como “aquella comarca marcada con el poderoso sello de aquella rama, la última, pero no por eso menos noble, de las tribus célticas que acamparon sobre el suelo de Europa”. Pero é que na actualidade, mesmo hai un estudo científico da Universidade de Zaragoza, no que colaborou o doutor Ángel Carracedo Álvarez (Catedrático de Medicina Legal, referencia mundial na investigación sanitaria e xenética forense, director do departamento anatómico forense do Instituto de Medicina Legal de Santiago e fillo predilecto de Santa Comba) sobre as mutacións xenéticas, que certifica a orixe celta dos xalleiros.

 

A investigación considera que os actuais poboadores do Xallas comparten unha mutación xenética inalterada tras 6.000 anos e que hai características endogámicas que persisten ó longo do tempo. Esta unidade xenética cos celtas refórzase coas evidencias da arqueoloxía e a toponimia; a existencia de poboados castrexos, restos de orfabraría e topónimos como Vilar de Céltigos ou o Arziprestado de Céltigos

 

  O NOSO POBOADO CELTA 

 

O centro de referencia xalleiro,  o Campo da feira, transformarase totalmente para recibir ós poboadores celtas. Ocultaranse, na medida do posible, tódolos símbolos de civilización actual, ambientando e decorando toda a zona como un antigo poboado celta (telas, escudos, símbolos…) e tódolos poboadores prestarán os seus servizos e ofrecerán os seus espectáculos ataviados conforme a época que se pretende recrear.

 

     EXPOSICIÓNS, OBRADOIROS, E POSTOS DE VENDA. 

 

Mercaderes de alimentación e artesanía: Selección de artesáns, oficios artesanais e produtos para que o público poida camproba-la variedade e as técnicas de elaboración, materias primas, acabados finais…

 

Obradoiros demostrativos e participativos: Demostración de oficios, con participación do público, especialmente para os máis pequenos, con actividades que posibilitan a exhibición, aprendizaxe e participación (o tear; armeiro e forxador; arte pastoril; cerámica; runas celtas; destilación de esencias; candeas artesanais; plataría; bisutaría en sementes; xoiaría; vidro; monicreques; coiro...)

 

           Actividades e obradoiros infantís: Actividades colectivas e de ocio especialmente dirixidas ós pequenos, pero sen esquecerse da mocidade e da familia enteira. 

 

Táboa celta                             Ferradura do labirinto

Bolos celtas                             Alquereque ou muíño

Terni Lapilli                             A corda dos reos

O solitario                               O brandub

Tiro con arco (cun arqueiro profesional)

 

  Animación de rúa e espectáculos 

 

Cuarteto de música: música irlandesa, escocesa e bretona interpretada con instrumentos da época celta (gaita en sol, dulzaina, frauta, laúd e tarota).

 

Grupo musical: Danzas e cancións nas que interveñen músicos, fadas e guerreiros, con ritmos para danzar.

 

Malabares: Cinco malabaristas unen as artes escénicas coas circenses, combinando con artes teatrais e representacións de clowns, teatro de rúa, comedia, sátira e acrobacias malabares.

 

Espectáculo de cetraría e exposición de aves: Exposicións, exhibicións e espectáculos  permanentes de aves rapaces (águias, bufos, curuxas, cernícalos, gaviláns, falcóns…)

 

Personaxes e seres máxicos: o poboado contará co Rei, coa súa vestimenta de cor branca, que non combatía, pero a súa presenza era indispensable para a vitoria.

 

Os druídas, que eran os cargos máis relevantes da cultura celta; personaxes colmados de sabedoría, que ademais de sacerdotes podían actuar como xuíces e eran coñecedores de tódolos segredos das árbores sagradas.

 

A meiga, muller adoradora do demo.

 

Os guerreiros, vestidos de cor vermella.

 

As fadas, seres pequenos e sobrenaturais con poderes máxicos.

 

 

  PROGRAMA 

 

SÁBADO 9 DE MAIO  

 

11:00 H.  APERTURA DO MERCADO

 

 

13:00 H.  INAUGURACIÓN OFICIAL A CARGO DO DOUTOR ÁNGEL

 CARRACEDO ÁLVAREZ (Fillo Predilecto de Santa Comba).

 

 

De 13:00  A .20:00 H.  ANIMACIÓN DE RÚA E ESPECTÁCULOS.

 

Ó longo de toda a xornada haberá sempre con que entreterse (actividades diversas, xogos, obradoiros, música e animación de rúa e espectáculos).

 

 

            21:00 H.  PREPARACIÓN DOS PORCOS CELTAS 

 

Preparación de exquisitos manxares a base de porco celta, que poderá saborearse a prezos absolutamente populares.

 

            21:30 H.  CEA CASTREXA A BASE DE PORCO CELTA 

 

           O público poderá saborear en distintas variedades o delicioso porco celta, preparado para a ocasión, pola  Asociación de Amigos do Porco Celta da Costa da Morte; por suposto, regado con viño ou cervexa de barril.

 

Para darlle vistosidade á festa, agradeceríase que os comensais acudisen ataviados con roupa da época celta.

 

Ademais, para os que non desexen porco celta, haberá outros moitos exquisitos produtos da nosa gastronomía (polbo, empanadas, filloas, etc., e todo tipo de bebidas).

 

 

            23:30 H.  DESFILE DE FACHOS A CABALO 

 

Comandado polo destacamento guerreiro de cabalaría, desfile de fachos.

 

Os mercaderes e poboadores do campamento celta, así como todo o mundo que desexe caracterizarse para a ocasión, poderán participar no desfile dos fachos, acompañados polos grupos de música, malabaristas, cetreiros, druídas, meigas, etc…

 

            00:00 H.  GRAN LUMEIRADA, QUEIMADA E CONXURO 

 

Ó cae-la noite prenderase unha gran lumeirada arredor da cal danzarán os distintos personaxes, músicos e público en xeral para darlle a benvida ó comezo do Beltaine celta (o verán celta).

 

Unha meiga e un druída farán a súa aparición e realizarán unha queimada (para ser degustada, de balde, por todo aquel que o desexe) co seu correspondente conxuro como símbolo das nosas tradicións, e ó son da música e da danza, faranse chega-las lapas purificadoras ós catro puntos cardinais de Santa Comba.

 

 

   DOMINGO 10 DE MAIO 

 

             11:00 H.  APERTURA DO MERCADO 

 

Mercaderes, artesáns, obradoiros, xogos, actividades e degustación de distintos produtos de alimentación  coa presenza permanente de grupos de animación musicais e de rúa ó longo de toda a xornada.

 

 

            21:00 H. CLAUSURA E PECHE    
 
EXPOSICIÓN DIDÁCTICA ITINERANTE " GALICIA BIODIVERSIDADE "
14/04/09

A Casa da Cultura do Concello de Santa Comba acolle a exposición itinerante “ Galicia Biodiversidade ”.

Poderá visitarse os días 15, 16 e 17 de abril.

Con esta exposición didáctica, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, xunto co concello de Santa Comba, pretenden dar a coñecer a diversidade de ecosistemas, de especies e de variedades xenéticas que se conservan en Galicia. Que se estimule a toma de conciencia sobre a importancia da conservación da biodiversidade máis próxima que atesouramos en Galicia e, ó mesmo tempo, a mundial. Ademais quérense desenvolver comportamentos positivos cara á conservación das especies e dos seus hábits e fomentar actitudes responsables que favorezan a conservación da natureza.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Resultados 51 - 60 de 148
Benvida

Miguel Pérez Fernández

Miguel Pérez Fernández, alcalde presidente do Concello de Santa Comba, davos a benvida ó portal do concello.

 

Axenda

« < Setembro 2010 > »
Lu Ma Me Xo Ve Sa Do
30 31 1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30 1 2 3